Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2023 Páx. 8410

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2023 pola que se convoca o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz do complexo de Montealegre en Ourense (código de procedemento BS213A).

De conformidade co disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, no seu ámbito territorial, a execución das medidas impostas polos xulgados de menores nas súas sentenzas firmes para o que levará a cabo a creación, dirección, organización e xestión dos servizos, institucións e programas axeitados para garantir a correcta execución das medidas previstas nesa lei.

Neste sentido, o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, encomenda ao dito órgano superior, a través da súa Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro.

A citada lei prevé, no seu artigo 45.3, a posibilidade de que a Comunidade Autónoma estableza os convenios ou acordos de colaboración con entidades privadas sen ánimo de lucro para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, sen que iso supoña, en ningún caso, a cesión da titularidade e responsabilidade derivadas da dita execución.

Así mesmo, o artigo 88 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, sinala que a Xunta de Galicia poderá subscribir convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como con outras entidades, públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que iso supoña cesión da titularidade ou responsabilidade.

En virtude deste título habilitante e tendo en conta o superior interese da persoa menor que preside as actuacións no ámbito da xurisdición de menores, a colaboración con entidades privadas de iniciativa social con experiencia acreditada permite asegurar unha intervención educativa de calidade orientada á efectiva reinserción dos/das menores.

Existe unha pluralidade de entidades entre cuxos fins se atopa a intervención socioeducativa coas persoas menores e mozos/as, capacitadas para desenvolver programas de intervención con menores.

Por iso, faise necesaria a articulación dun procedemento de selección que garanta os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e non discriminación, á vez que permita elixir os proxectos daquela entidade que garanta unha mellor calidade técnica na intervención levar a cabo na execución das medidas privativas de liberdade, co fin de que se realice unha actuación axeitada e en beneficio da persoa menor, tendo en conta os seus intereses.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar e convocar o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz, do complexo de Montealegre en Ourense, de conformidade coas bases establecidas no anexo I, a través da formalización dun convenio de colaboración de conformidade co anexo IV (código de procedemento BS213A).

A entidade con que se asine un convenio de colaboración percibirá da Consellería de Política Social e Xuventude con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.228 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia unha compensación máxima polos gastos en que incorra no desenvolvemento da actividade conveniada de 10.111.663,52 €, que en ningún caso suporá un beneficio económico para a entidade conveniante. O dito importe será distribuído como segue:

Convenio de colaboración para a execución das medidas xudiciais privativas de liberdade no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz (Ourense)

2023

3.791.873,82 €

2024

5.055.831,76 €

2025

1.263.957,94 €

O expediente de gasto tramítase polo procedemento de tramitación anticipada, ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gastos, e a súa eficacia está condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para a súa consecución.

Segundo. Ordenar a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da interposición previa, con carácter potestativo, do recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO I

Procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz, do complexo de Montealegre en Ourense
(código de procedemento BS213A)

Primeiro. Obxecto da convocatoria

1. A presente convocatoria ten por obxecto establecer o proceso para a selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz, do complexo de Montealegre en Ourense. Así mesmo, incluirá a atención dos fillos e fillas menores de tres anos que convivan coas súas nais internadas, de acordo co disposto na letra n) do número 2 do artigo 56 da citada lei, e no artigo 34 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

No marco do disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, así como na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, o termo «persoa menor» entenderase extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da dita Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, independentemente de que alcanzaran ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo co uso que do dito termo se dá na antedita lei.

2. O procedemento terá o código BS213A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) e o acceso ao formulario de inicio específico, de uso obrigatorio para as entidades interesadas.

Segundo. Finalidade e obxectivos da convocatoria

1. Seleccionarase unha entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz, do complexo de Montealegre en Ourense, de xeito que quede garantida a execución das seguintes medidas:

a) Internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado, tanto preventivas como firmes.

b) Internamento terapéutico en réxime aberto, semiaberto e pechado (tanto preventivas como firmes).

c) Permanencia fin de semana no centro.

2. As necesidades que se tratan de satisfacer a través do convenio son as seguintes:

a) Dar cumprimento ás medidas xudiciais privativas de liberdade impostas polos xulgados de menores, incluídas as obrigas que, de xeito accesorio, a/o xuíza/xuíz asocie ao período de efectivo internamento.

b) Proporcionar unha atención residencial integral e continuada ás persoas menores internadas, que dea cobertura ás necesidades de alimentación, lavandaría, limpeza e mantemento das instalacións, de xeito que se asegure unha atención residencial de calidade.

c) Levar a cabo unha intervención educativa integral e terapéutica dirixida á súa inserción social.

d) Garantir a vixilancia no centro.

e) Garantir a saúde das persoas menores e facilitar a atención sanitaria nos supostos previstos na normativa aplicable.

f) Garantir os dereitos dos menores internados recoñecidos no artigo 56 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro.

3. Os equipamentos do Complexo Montealegre en Ourense a que se refire a presente convocatoria son:

a) Centro de reeducación de Monteledo, con trinta e sete prazas autorizadas.

Vinte e cinco destas prazas destinaranse á execución das medidas de internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado, tanto preventivas como firmes, así como de permanencia fin de semana en centro.

As doce prazas restantes conformarán unha unidade de atención específica para o cumprimento das medidas de internamento terapéutico en réxime aberto, semiaberto e pechado.

Excepcionalmente, en ausencia de medidas de internamento terapéutico en réxime aberto, semiaberto ou pechado, a dita unidade de atención específica destinarase ao cumprimento das medidas de internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado, tanto preventivas como firmes, e permanencia fin de semana.

b) Centro de atención específica de Montefiz con vinte e tres prazas autorizadas.

Neste centro levarase a cabo a execución das medidas de internamento terapéutico en réxime aberto, semiaberto ou pechado, tanto preventivas como firmes.

4. Para levar a cabo a execución das medidas xudiciais, a Xunta de Galicia cederá o uso á entidade seleccionada con que se formalice o instrumento convencional dos inmobles sitos no complexo Montealegre en Ourense correspondentes ao centro de reeducación Monteledo e ao centro de atención específica Montefiz por un período de tempo igual á duración do convenio e das súas posibles prórrogas.

A cesión de uso dos bens inmobles así como dos bens mobles de que dispoñen os centros axustarase ao establecido na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase outorgada, en todo caso, coa excepción do dereito de propiedade e sen prexuízo de dereitos de terceiras persoas. A utilización dos centros pola entidade colaboradora terá un mero carácter instrumental para a execución da actividade conveniada e queda circunscrita á súa vixencia, sen que se poida alegar dereito ningún, nin usarse para outro fin distinto do previsto.

O equipamento e os bens mobles necesarios de que dispoñen os centros estarán identificados e relacionados con carácter de inventario nun anexo á disposición das entidades interesadas no procedemento, que se anexará ao convenio que se asine no seu día.

5. No desenvolvemento da actividade conveniada, a entidade debe cumprir de forma estrita a normativa aplicable, así como as circulares que resulten de aplicación e, en particular, a título meramente enunciativo:

a) Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

b) Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

c) Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

d) Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia.

f) Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

g) Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

h) Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

i) Orde do 1 de agosto de 1996 pola que se regulan os contidos mínimos do regulamento de réxime interior e o proxecto educativo dos centros de atención a menores.

j) Circular nº 1 do 29 de xaneiro de 2021, en que se establece o procedemento das actuacións para a execución das medidas xudiciais de internamento acordadas polos xulgados de menores.

Así mesmo, serán de aplicación cantas outras disposicións lexislativas e regulamentarias relacionadas coa actividade obxecto de execución sexan de aplicación, así como aquelas que entren en vigor durante o período de execución do convenio e sexan de aplicación.

Terceiro. Entidades participantes

Poderán participar no procedemento de selección as entidades privadas sen ánimo de lucro cuxos fins, obxecto ou ámbito de actividades teñan relación directa co obxecto do convenio segundo os seus estatutos ou regras fundacionais e figuren inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración convocante.

En calquera caso, deberán dispoñer dunha organización con elementos persoais e materiais suficientes para a debida execución das medidas privativas de liberdade nos termos establecidos no convenio e na normativa de aplicación.

Cuarto. Iniciación do procedemento. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, que corresponde co anexo III, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave 365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

3. Na solicitude, anexo III, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta resolución e demais normativa aplicable:

a) Identificación da persoa solicitante, da persoa que a represente, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.

b) Declaracións sobre:

1º. Subscrición para o centro, das seguintes pólizas de seguros:

1º.1. Póliza de seguros que cubra os danos e sinistros que se produzan nos locais, instalacións ou bens, aparellos e materiais afectos ao servizo.

1º.2. De responsabilidade civil que cubra:

1º.2.1. Os danos que puidese sufrir calquera persoa, en si mesma ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento do centro ou instalacións en que se leva a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral.

1º.2.2. Os danos que puidesen ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polos/as profesionais e, en xeral, por calquera persoa dependente do centro ou entidade, incluídos os actos derivados de actividades relacionadas coa actividade conveniada, realizadas por calquera das persoas anteriormente citadas, tanto dentro como fóra das instalacións.

1º.2.3. Os danos que puidesen ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polas persoas menores atendidas, tanto dentro como fóra das instalacións.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 300.000,00 € por sinistro e por anualidade e equipamento.

1º.3. De accidentes de menores residentes no centro, causados tanto no interior do centro e instalacións anexas, como nos desprazamentos e actividades realizadas no exterior do centro.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 20.000,00 € por persoa por falecemento e 50.000,00 € por invalidez permanente, incluír a asistencia médica ilimitada e cubrir os gastos sanitarios e de enterramento.

2º. Adscrición á execución das medidas dos medios persoais e materiais precisos para a súa boa execución, e, en todo caso, os indicados na memoria que se adxunta como documentación complementaria.

3º. Condicións do cadro de persoal que vai desempeñar as súas funcións nos centros: inexistencia de sentenza firme pola comisión de delito contra a liberdade e indemnidade sexual que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil.

c) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no punto sexto.

Quinto. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento de constitución, estatutos en que conste a finalidade e as normas polas que se regula a entidade na súa actividade, así como as súas modificacións, se as houbese, inscritos no correspondente rexistro oficial cando isto fose exixible conforme a normativa que lle sexa aplicable.

b) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á que figura no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude.

c) Certificación/s expedida/s pola entidade pública acreditativa/s da experiencia da entidade en programas con menores que se atopen baixo unha medida de protección por parte da administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais ao abeiro da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, no caso de que se trate doutra administración pública distinta da Administración autonómica galega.

d) Proxecto de intervención educativa para cada centro coa estrutura e contidos mínimos determinados no punto 1.8 do anexo II. No dito proxecto incluiranse, se é o caso, os programas que, a maiores, presente a entidade para a súa valoración.

O proxecto de intervención educativa do centro Monteledo debe recoller, a existencia dunha unidade de atención específica para o cumprimento das medidas de internamento terapéutico, atendendo ás súas características singulares.

e) Memoria en que se indiquen os recursos humanos e materiais con que contará a entidade en cada centro para a execución das medidas de acordo co previsto no punto 2 do anexo II.

Na dita memoria figurarán, así mesmo, se é o caso, os medios materiais e persoais que, a maiores, presente a entidade en cada centro para a súa valoración, con indicación nestes últimos do número de horas anuais que prestará cada profesional.

f) Plan de formación continua do persoal co contido indicado no punto 3 do anexo II.

g) Memoria descritiva dos proxectos de investigación en que participe a entidade, relacionados coa intervención educativa e/ou terapéutica que se leva a cabo nos centros para o cumprimento de medidas privativas de liberdade, avalados por universidades e outros organismos públicos de investigación, se é o caso.

h) Proposta desagregada dos gastos totais derivados da execución da actividade obxecto de convenio, asinada polo responsable da entidade, cuxo importe en ningún caso poderá superar o previsto na presente convocatoria.

A dita proposta diferenciará para cada un dos centros entre gastos de persoal, gastos da seguridade, gastos de funcionamento do centro e gastos das persoas menores internadas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requeriráselle para que a enmende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerárase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificación acreditativa da implantación dun plan de igualdade.

g) Resolución de recoñecemento da Marca Galega de Excelencia en Igualdade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio ao achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitavo. Órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento

A dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica é o órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento.

Noveno. Emenda da solicitude

Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

De conformidade co previsto no artigo 45 da dita lei, os requirimentos de emenda notificaranse por publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décimo. Comisión de Valoración

1. Mediante resolución da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude designarase unha comisión de valoración para a avaliación das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios preferenciais. A dita comisión emitirá o informe resultado da baremación, informe que lle remitirá ao órgano instrutor para a emisión da proposta de resolución.

A dita comisión estará formada por:

a) Presidente/a: a persoa titular da subdirección xeral competente en materia de política familiar, infancia e adolescencia.

b) Tres vogais:

1º. A persoa titular do servizo con competencia en xustiza penal xuvenil.

2º. Dúas persoas ao servizo da Administración autonómica, adscritas ao órgano competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.

2. O/a secretario/a da Comisión será un/unha funcionario/a público/a da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica que actuará con voz pero sen voto.

3. Por cada membro da Comisión a persoa titular da consellería designará unha persoa suplente que substituirá a persoa titular nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que se declare a súa abstención ou recusación.

4. Resulta de aplicación a este órgano, ademais do establecido na resolución, o réxime xurídico e de funcionamento previsto para os órganos colexiados na sección 3ª do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico e do sector público, e no capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Décimo primeiro. Criterios de valoración e baremo

Teranse en conta os criterios obxectivos de valoración e a ponderación deles que a continuación se relacionan:

1. Calidade da asistencia e intervención proposta, ata 55 puntos, segundo a seguinte desagregación:

a) Calidade do proxecto de intervención educativa do centro ata 30 puntos, desagregado nas seguintes epígrafes:

1º. Coherencia entre a problemática e necesidades das persoas menores atendidas e os obxectivos, contidos, metodoloxía e actividades propostos. Ata 10 puntos, máximo 5 puntos por proxecto.

2º. Calidade dos distintos sistemas de avaliación da intervención propostos no proxecto educativo coa avaliación das actividades, dos programas, das fases da intervención e do propio proxecto educativo. Ata 10 puntos, máximo 5 puntos por proxecto.

3º. Detalle dos protocolos de actuación exixidos. Ata 10 puntos, máximo 5 puntos por proxecto.

b) Adecuación do plan de formación do persoal do centro ás características da intervención, ata 10 puntos, máximo 5 puntos por centro. Só se valorarán as actividades formativas que teñan carácter obrigatorio.

c) Oferta de programas para desenvolver no centro non previstos no punto 1.3 do anexo II, ata 5 puntos. Valoraranse cada un dos programas adicionais ofertados para o centro cun máximo de 1,25 puntos, en atención aos seguintes criterios:

1º. Coherencia cos programas e actuacións exixidas e relevancia da intervención, ata 0,65 puntos.

2º. Innovación, ata 0,30 puntos.

3º. Extensión da súa aplicabilidade á integración social e laboral dos menores, a través da creación de redes de apoio alleas ao centro: ata 0,30 puntos.

d) Oferta de proxectos de investigación en que participe a entidade relacionados coa intervención educativa e/ou terapéutica que se leva a cabo nos centros para o cumprimento de medidas privativas de liberdade, participados ou promovidos pola entidade e avalados polas universidades e outros organismos ou entidades públicas de investigación, que se están a desenvolver na actualidade ou se levaron a cabo nos últimos cinco anos, ata 5 puntos. Cada proxecto valorarase cun máximo de 1,25 puntos, en atención aos seguintes criterios:

1º. Relevancia do proxecto de investigación, ata 0,55 puntos.

2º. Innovación, ata 0,35 puntos.

3º. Impacto do proxecto, ata 0,35 puntos.

Para cada proxecto de investigación a valorar debe presentarse una memoria en que se indique o nome do proxecto, data da súa realización, tema obxecto de investigación, dirección técnica e equipo investigador, universidades e organismos ou entidades públicas investigadoras que o avalan, orzamento, metodoloxía, innovación e impacto pola contribución ao logro dun fin.

e) Oferta de equipamentos non previstos no punto 2.1 do anexo II ou en número superior ao exixido, ata 5 puntos, desagregado nos seguintes apartados:

1º. Equipamentos informáticos postos á disposición dos menores, ata 2 puntos, ata 0,25 puntos por equipamento e un máximo de 1 punto por centro. Valoraranse tendo en conta as súas características técnicas e antigüidade.

2º. Vehículos (só se valorará un vehículo a maiores para cada centro), ata 2 puntos, máximo 1 punto por vehículo. Valoraranse tendo en conta o modelo e o ano de matriculación do vehículo, outorgando unha valoración maior canto menor sexa a antigüidade.

3º. Equipamentos de ocio e tempo libre non estritamente necesarios para a intervención educativa que se valorarán polo seu contido educativo, polo fomento da socialización e da promoción da actividade física, ata 1 punto, máximo 0,5 punto por centro.

2. Medios persoais dispoñibles co incremento do persoal mínimo respecto ao exixido no punto 2.2 do anexo II, ata 20 puntos, desagregado nas seguintes epígrafes:

a) Incremento do persoal educador social do centro. Ata 8 puntos.

Valoraranse as horas do persoal educativo ofertada por riba do sinalado como mínimo no punto 2.2.3 do anexo II, relativo ao persoal mínimo necesario para a execución do convenio, ata 8 puntos, máximo 4 puntos por centro, mediante a seguinte fórmula, aplicable a cada un dos centros:

Pp = (4 × Np/Nm)

Pp: puntuación da proposta a valorar.

Np: número de horas anuais ofertadas a maiores na proposta a valorar.

Nm: número máis alto de horas anuais ofertadas a maiores polas entidades concorrentes. Non se valorarán contratacións de educadores con un número de horas anuais de traballo inferior a 861 horas anuais.

A puntuación desta epígrafe será a resultante da suma das puntuacións correspondentes a cada un dos centros.

b) Incremento do persoal de vixilancia, ata 5 puntos, máximo 2,5 puntos por centro.

Valorarase, para cada centro, o incremento de horas de vixilancia diaria por riba do sinalado como mínimo no punto 2.2.3 do anexo II, relativo ao persoal mínimo para a execución do convenio, mediante a seguinte fórmula:

Pp = (2,5 × Np/Nm).

Pp: puntuación da proposta a valorar.

Np: número de horas diarias de incremento previstas na proposta a valorar.

Nm: número de horas máis alto de horas diarias de incremento proposto polas entidades interesadas en conveniar.

Non se valorarán contratacións de vixiantes por menos de 1 hora diaria de traballo.

A puntuación desta epígrafe será a resultante da suma das puntuacións correspondentes a cada un dos centros.

c) Incremento do persoal sanitario, médico/a, psiquiatra, ata 5 puntos.

Médico/a: valorarase a oferta total de horas semanais de permanencia no centro para a prestación de atención médica que non sexa de obrigado cumprimento conforme o previsto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, e no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo.

No caso de que se incrementen as horas de atención médica deben indicar o número de horas semanais de incremento da dita atención así como as horas e días concretos da semana en que esta atención se levará a cabo. En ningún caso o tempo ofertado como incremento poderá dedicarse a realizar a atención de obrigado cumprimento derivada da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, e do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo. Para a comprobación desta circunstancia utilizarase a documentación relativa ás actuacións médicas a que se fai referencia na epígrafe 4.3.k) da Circular nº 1, do 29 de xaneiro de 2021, na cal se establece o procedemento das actuacións para a execución das medidas xudiciais de internamento acordadas polos xulgados de menores.

Psiquiatra: valorarase a oferta de horas semanais por riba do sinalado como mínimo para cada centro no punto 2.2 do anexo II desta resolución:

Aplicarase a seguinte fórmula:

Pp = (5 × Np/Nm).

Pp: puntuación da proposta a valorar.

Np: número de horas semanais a maiores (médico/a/psiquiatra) previstas na proposta presentada para a súa valoración.

Nm: número de horas semanais a maiores (médico/a/psiquiatra) máis alto proposto polas entidades interesadas en conveniar.

d) Incremento de persoal coordinador dos centros, ata 2 puntos.

Valorarase como máximo a contratación dun/dunha coordinador/a por centro, a maiores dos establecidos no punto 2.2.3 do anexo II.

Para cada coordinador/a que se oferte a maiores deberá indicarse o número de horas anuais polas que se contratará. Entenderase un coordinador a xornada completa cando o número de horas anuais polas que se contrate sexa 1.722. As contratacións que se fagan por un número de horas anuais inferior a ese valoraranse proporcionalmente. Non se valorarán contratacións de coordinadores cun número de horas anuais de traballo inferior a 861 horas anuais.

3. Experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores que se atopen baixo unha medida de protección por parte da Administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais, ata 5 puntos.

Valorarase a traxectoria e experiencia en atención aos seguintes criterios:

a) Por cada ano de experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores infractores, 1 punto.

b) Por cada ano de experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores que se atopen baixo unha medida de protección, 0,5 puntos.

4. Importe da cantidade xustificada en concepto de compensación económica. Ata 20 puntos.

En caso de que concorran 2 ou máis solicitantes, aplicarase a seguinte fórmula matemática:

Pp = 20 × [(Cm - Cp) / (Cm - Cb)]

Pp: puntuación da proposta que se valora.

Cm: compensación máxima establecida.

Cp: proposta de gastos que se valora.

Cb: proposta de gastos máis baixa das presentadas.

Décimo segundo. Criterios aplicables en caso de empate

En caso de igualdade na puntuación acadada por dúas ou máis propostas, terá preferencia a entidade que se atope nalgún dos seguintes supostos e pola orde que se indica:

a) Que conte no seu cadro de persoal cun número de persoas traballadoras fixas discapacitadas superior ao 2 %, tendo preferencia no caso de que varias entidades estean nas mesmas circunstancias a que dispoña de maior porcentaxe de persoas traballadoras con discapacidade.

b) Que conte co recoñecemento da Marca Galega de Excelencia en Igualdade ou cun plan de igualdade, de acordo co establecido nos artigos 65 e 72 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e no Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego.

Décimo terceiro. Resolución do procedemento

Unha vez revisadas e avaliadas pola Comisión de Valoración as solicitudes presentadas e emitido o informe, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude unha proposta de resolución en que se especificará a entidade seleccionada para levar a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz, integrantes do complexo de Montealegre en Ourense.

A resolución que poña fin ao procedemento de selección de entidade colaboradora ditaraa a persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude no prazo máximo de tres meses desde a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se trata dun procedemento de concorrencia competitiva iniciado en virtude de convocatoria pública, polo que se transcorre o dito prazo sen que recaia resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio, ao abeiro do establecido no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Décimo cuarto. Publicación e notificacións

A resolución do procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude (http://politicasocial.xunta.gal).

Décimo quinto. Réxime de recursos

A resolución ditada neste procedemento esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada. Os prazos concluirán o mesmo día en que se produciu a publicación ou silencio administrativo no mes ou ano de vencemento. Se no mes de vencemento non hai un día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Décimo sexto. Subscrición de convenios

Unha vez publicada a resolución do procedemento no Diario Oficial de Galicia, procederase á formalización do convenio coa entidade seleccionada, de acordo co modelo previsto no anexo IV. A data límite da sinatura do convenio será o 31 de marzo de 2023.

Décimo sétimo. Vixencia do convenio

O convenio que se subscriba ao abeiro do presente procedemento producirá efectos desde o 1 de abril de 2023 ata o 31 de marzo de 2025, e poderá prorrogarse por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de 2 anos, de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, todo iso condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos exercicios correspondentes.

ANEXO II

Características da intervención educativa

1. Proxecto de intervención educativa integral.

1.1. A intervención educativa. Obxectivos e principios xerais da intervención.

1.1.1. A intervención educativa que se realice coa persoa menor en execución da medida xudicial que lle fose imposta seguirá, en todo caso, o establecido na parte dispositiva/resolución da sentenza. Así mesmo, será integral e incorporará a perspectiva de xénero, debendo abarcar tanto a dimensión persoal como a familiar e social.

1.1.2. A intervención educativa terá como obxectivo principal a reinserción social da persoa menor, para o cal se perseguirá que esta:

a) Asuma as consecuencias da comisión do ilícito penal e se responsabilice do cumprimento da medida.

b) Tome conciencia cívica dos seus dereitos e deberes e saiba respectar os dereitos e liberdades das outras persoas.

c) Potencie as actitudes e adquira as competencias e habilidades que beneficien o seu desenvolvemento integral e lle permitan exercer unha cidadanía plena.

– A intervención educativa responderá na súa formulación e desenvolvemento aos seguintes principios xerais:

a) O superior interese da persoa menor sobre calquera outro interese concorrente.

b ) O respecto ao libre desenvolvemento da súa personalidade.

c) A información dos dereitos que lle corresponden e a asistencia necesaria para o seu exercicio.

d) A aplicación de programas fundamentalmente educativos que fomenten o sentido da responsabilidade e o respecto polos dereitos e liberdades das outras persoas.

e) A adecuación das actuacións á súa idade, personalidade, xénero e circunstancias persoais e sociais.

f) Utilización preferente dos recursos normalizados do ámbito comunitario, naqueles casos en que o réxime de internamento o permita e sempre que non sexa prexudicial para o interese da persoa menor.

g) O fomento da colaboración das nais e pais ou persoas que teñan a representación legal durante a execución das medidas.

h) O carácter preferentemente interdisciplinar na toma de decisións que afecten ou poidan afectar a persoa menor.

i) A confidencialidade, a reserva oportuna e a ausencia de inxerencias innecesarias na vida privada das persoas menores e das súas familias.

j) A coordinación de actuacións e a colaboración cos equipos de profesionais de medio aberto das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude e con outros organismos, especialmente con aqueles que teñan competencias en materia de educación, sanidade e protección de menores.

k) O carácter socializador e a prevalencia da función social e psicopedagóxica na execución e contido das medidas.

1.2. Dereitos e deberes da persoa menor garantidos na intervención.

A persoa menor que execute unha medida xudicial nun centro de internamento ten dereito a que se lle respecte a súa propia personalidade, a súa liberdade ideolóxica e relixiosa e os dereitos e intereses lexítimos recoñecidos pola lexislación vixente que non estean afectados polo contido da medida, especialmente os inherentes á minoría de idade civil, cando sexa o caso.

Especificamente, recoñécenselle os dereitos recollidos no artigo 56 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

De igual xeito, a persoa menor interna terá os deberes que se recollen no artigo 57 da dita lei.

A persoa menor recibirá no momento do seu ingreso información escrita nun idioma que entenda sobre estes aspectos así como sobre o réxime de internamento en que se atopa, as cuestións de organización xeral, as normas de funcionamento do centro, as normas disciplinarias e os medios para formular peticións, queixas e recursos. Tamén se lle informará da existencia do procedemento habeas corpus e dos supostos en que pode instalo. Se ten dificultades para entender o contido desta información, se lle explicará por outro medio axeitado.

1.3. Fases de intervención, metodoloxía e programas para desenvolver.

1.3.1. A intervención organizarase, cando menos, nas seguintes fases:

a) Fase de acollida, valoración diagnóstica e elaboración do programa individualizado de execución da medida.

b) Fase de desenvolvemento e seguimento da intervención.

c) Fase de preparación do segundo período de liberdade vixiada e avaliación da intervención.

1.3.2. A metodoloxía fundamentarase, con carácter xeral, nos seguintes principios:

a) Contextualización e normalización: a intervención realizarase, sempre que sexa compatible coa medida xudicial imposta, na contorna social da persoa menor e usando as redes sociais normalizadas e especializadas.

b) Individualización: a intervención terá en conta as circunstancias e características individuais, familiares e sociais da persoa menor.

c) Perspectiva de xénero: realizarase unha intervención que teña en conta o xénero no proceso de conformación da identidade, permita recoñecer os factores de risco e protección asociados a esta variable e a considere como factor de desenvolvemento e integración social.

d) Potenciación: a intervención terá en conta as necesidades e carencias da persoa menor co obxecto de fomentar a súa autonomía e madurez persoal e superar os seus déficits formativos, culturais, de habilidades sociais e persoais.

e) Integración: considerarase a persoa menor dunha forma integrada para lograr o arraigo e inclusión na súa realidade social.

f) Orientación: a intervención proporcionará axuda técnica e humana á persoa menor, dotándoa de ferramentas para manexar e superar as súas dificultades e conflitos.

1.3.3. En todo caso, a metodoloxía dos distintos programas e actividades que se desenvolvan para a intervención educativa integral será:

a) Comprensiva e guiada, de tal xeito que a persoa menor entenda tanto os contidos como o procedemento que se vai traballar.

b) Integradora, relacionando as diversas aprendizaxes de contidos de diferentes áreas que formen parte dunha mesma realidade.

c) Participativa, baseándose na motivación da persoa menor, no fomento da súa iniciativa e da súa implicación no desenvolvemento das actividades.

d) Grupal e cooperativa, perseguindo o desenvolvemento, a cohesión e a vivencia do sentimento de colaboración e equipo naquelas actividades que se realicen en grupo.

e) Dinámica, incorporando novos recursos materiais, especialmente os relacionados cos medios audiovisuais e as tecnoloxías.

f) Progresiva, partindo da situación inicial da persoa menor iranse propoñendo actividades que supoñan unha maior dificultade, implicación e responsabilidade.

g) Reflexiva e de análise, facilitando que a persoa menor poida aplicar os coñecementos, actitudes e competencias técnicas e instrumentais que melloren a súa posición persoal e participación social.

1.3.4. A intervención educativa nos centros de internamento supón o desenvolvemento, cando menos e sen prexuízo de calquera outro que incida no desenvolvemento persoal e social do/da menor, dos seguintes programas socioeducativos:

a) De competencia social.

b) De educación en valores.

c) De promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención da violencia de xénero.

d) De aprendizaxe e apoio escolar.

e) De tecnoloxías da información e comunicación (TIC) e do seu uso seguro e responsable.

f) De educación para a saúde.

g) De educación e seguridade viaria.

h) De educación afectivo-sexual.

i) De motivación, formación e orientación para a inserción laboral.

j) De educación ambiental.

k) De ocio e tempo libre.

l) De intervención familiar.

m) De axuda psicolóxica e autoapoio: desenvolvemento da intelixencia emocional.

n) De detección e avaliación do risco de reincidencia.

ñ) De maternidade-paternidade responsable.

o) De atención específica e de loita contra os abusos sexuais das persoas menores e a pornografía infantil.

p) De prevención e tratamento do consumo de drogas e outras adiccións.

q) De atención a persoas menores maltratadoras e ás súas familias.

r) De control da agresividade e violencia.

s) De tratamento de agresores sexuais.

Os programas incluídos nas epígrafes que van do a) ao o) serán de aplicación a todas as persoas menores internas nos centros. Cando a temática sobre a que inciden sexa susceptible de agruparse nun só, poderá facerse sempre que previamente así se recolla e xustifique no proxecto educativo do centro.

O programa de prevención e tratamento do consumo de drogas e outras adiccións, na parte que aborda a prevención, será de aplicación a todas as persoas internas. A parte relativa ao tratamento será de aplicación a aqueles que xa teñan a problemática.

Os tres últimos programas recollidos nas epígrafes q), r) e s) aplicaranse ás persoas menores que teñan a problemática neles abordada.

1.4. A intervención educativa na execución das medidas de permanencia fin de semana.

A intervención educativa que se realice coa persoa menor en execución da medida xudicial de permanencia fin que semana que lle fose imposta seguirá, en todo caso, o establecido na sentenza. O programa individualizado de execución proporá a realización de tarefas de carácter formativo, cultural ou educativo.

1.5. A acción titorial.

Unha das funcións máis relevantes do persoal educador social en canto á atención do proceso evolutivo individual da persoa menor é exercer a súa titoría. O/a titor/a será a persoa referente principal de cada persoa menor desde o seu ingreso ata a saída do centro e axudaraa a situarse nese novo espazo, descoñecido para ela, constituíndo o punto de apoio fundamental no seu proceso de adaptación e durante todo o período de internamento. Tamén será a persoa responsable da elaboración e seguimento do seu PIEM e da elaboración dos correspondentes informes.

1.6. A intervención terapéutica.

A intervención terapéutica que se realice coa persoa menor responderá ao tratamento específico dunha anomalía ou alteración psíquica, dependencia de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas ou alteracións na percepción que determinen unha alteración grave da conciencia da realidade. A dita intervención levarase a cabo en execución dunha medida xudicial de internamento terapéutico, seguirá, en todo caso, o establecido na sentenza e formará parte do programa individualizado de execución de medida, organizándose nas mesmas fases que para a intervención educativa. Comprenderá, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Coidado físico ou psíquico requiridos pola especial problemática do/a menor e establecemento das medidas de contención e seguridade que, de ser o caso, se requiran.

b) Atención e valoración médico psiquiátrica e psicolóxica.

c) Elaboración, a través do persoal facultativo e especialista correspondente, dun programa de tratamento da problemática obxecto de internamento, coas pautas sociosanitarias recomendadas, e de ser o caso, os controis que garantan o seguimento, o cal formará parte do programa individualizado de execución da medida.

d) Realización das terapias necesarias para o desenvolvemento do programa citado no punto anterior, conforme os obxectivos concretos que para cada persoa menor se fixen progresivamente en función do seu programa individualizado.

e) Mantemento, na medida do posible, de contacto coa familia máis próxima da persoa menor ou figuras substitutivas.

1.7. Atención residencial.

A atención residencial garantirá, nun marco vivencial axeitado á idade e condición das persoas menores internas, a adecuada cobertura das súas necesidades básicas: aloxamento, alimentación, vestiario, aseo e traslados.

Tamén proporcionará a vixilancia e seguridade interior necesaria para asegurar o adecuado cumprimento da medida de privación de liberdade de acordo co previsto a este respecto no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

1.8. Estrutura e contidos mínimos do proxecto de intervención educativa de centro:

a) Marco legal.

b) Descrición do centro:

1º. Datos identificativos.

2º. Situación xeográfica.

3º. Tipoloxía de centro.

4º. Recursos do centro que comprende as infraestruturas, humanos, materiais, financeiros.

5º. Recursos da contorna.

c) Características da poboación atendida.

d) Áreas de intervención:

1ª. Psicolóxica.

2ª. Saúde.

3ª. Escolar.

4ª. Formación, orientación e inserción laboral.

5ª. Lecer e tempo libre.

6ª. Convivencia e relacións coa contorna social.

7ª. Familiar.

e) Obxectivos por áreas de intervención.

f) Contidos e programas socioeducativos por áreas de intervención tanto os programas recollidos no número 1.3 do anexo como aqueles que desenvolva a entidade a maiores. Estes últimos deben identificarse de forma clara.

Para cada programa describirase a súa fundamentación, obxectivos xerais e específicos, contidos, actividades, temporalización, metodoloxía e avaliación cuantitativa e cualitativa tanto do programa como de cada unha das actividades que o compoñen.

g) Metodoloxía da intervención que comprende a organización da vida diaria, grupos de separación, fases educativas de progresión e regresión, sistema de bonificacións, entre outras.

h) Organización e funcionamento do centro:

1º. Descrición e funcións do persoal, dos órganos de goberno e xestión, así como doutros equipos de traballo que se poidan constituír no centro.

2º. Organización do persoal e normas de funcionamento dos órganos de goberno e xestión e do resto de equipos de traballo.

3º. Descrición do sistema de relacións e coordinación coas familias, recursos comunitarios, xulgados, fiscalías e entidade pública.

4º. Protocolos:

4º.1. Protocolos de actuación para cada fase da intervención.

4º.2. Protocolo de actuación para asegurar a integridade física e psíquica da persoa menor en situacións que sexa necesario usar medios de contención.

4º.3. Protocolo para a intervención en situación de crise. Entenderase por situacións de crise as seguintes:

4º.3.1. Agresións, ameazas ou coaccións graves.

4º.3.2. Motíns, plantes ou desordes colectivos.

4º.3.3. Evasións ou intentos de evasión dos centros.

4º.3.4. Resistencia activa e grave ao cumprimento das ordes.

4º.3.5. Introdución ou posesión de armas ou instrumentos materiais que poidan ser utilizados para causar danos ás persoas.

4º.3.6. Deterioración deliberada e grave das instalacións.

4º.4. Protocolo para prevención de suicidios, incorporando a perspectiva de xénero e a diversidade sexual.

4º.5. Protocolo para a indagación da violencia e o abuso sexual sufrido, co obxecto de poder dar unha resposta terapéutica e de protección.

4º.6. Protocolo detección e prevención do acoso, abuso ou calquera outro tipo de violencia, que incorpore a perspectiva de xénero.

i) Sistema de seguimento e avaliación da intervención educativa nas distintas fases.

j) Sistema de avaliación do proxecto educativo que comprende obxectivos, temporalización, instrumentos, criterios e indicadores.

2. Recursos materiais e humanos para a execución das medidas privativas de liberdade.

2.1. Recursos materiais.

Todos os recursos materiais ofertados, tanto os mínimos exixidos como os ofertados a maiores, deben estar sempre en perfecto estado de uso, debendo ser substituídos por outros cando sexa preciso, logo da comunicación á Consellería de Política Social e Xuventude a través da dirección xeral competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica. En ningún caso poderán ser substituídos por outros de características técnicas e valor inferiores. A entidade deberá contar cos seguintes recursos materiais para os centros de reeducación do complexo de Montealegre:

a) Centro de reeducación Monteledo de Ourense:

– Os materiais necesarios para levar a cabo a actividade, tanto os funxibles como os inventariables que non estivesen incluídos no inventario ou estivesen en cantidade insuficiente.

– Un vehículo, cun mínimo de nove prazas, para os traslados das persoas menores internas ás distintas actividades que se realicen fóra do centro. O dito vehículo poderá ser substituído por dous de cinco prazas cada un.

– Conexión á internet.

– Doce equipos informáticos e dúas impresoras para uso exclusivo das persoas menores internas.

b) Centro de atención específica Montefiz:

– Os materiais necesarios para levar a cabo a actividade, tanto os funxibles como os inventariables que non estivesen incluídos no inventario ou estivesen en cantidade insuficiente.

– Un vehículo, cun mínimo de nove prazas, para os traslados das persoas menores internas ás distintas actividades que se realicen fóra do centro. O dito vehículo poderá ser substituído por dous de cinco prazas cada un.

– Conexión á internet

– Oito equipos informáticos e dúas impresoras para uso exclusivo das persoas menores internas.

2.2. Recursos humanos.

2.2.1. Perfís profesionais. O centro, para os efectos de garantir a calidade da atención residencial e a intervención educativa integral, contará cos seguintes perfís profesionais:

a) O persoal educador social é o encargado directo da execución das medidas xudiciais. Realiza o seguimento da persoa menor co obxectivo de facilitarlle o seu proceso socializador e madurativo, atendendo especialmente ao seu proceso evolutivo individual, mediante o apoio necesario na superación das dificultades que deron lugar ao comportamento problemático que supuxo a infracción penal e na mellora das súas condicións persoais, familiares e sociais. Todo o persoal educador social adscrito á execución destas medidas deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en educación social ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función. Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

1º. Coñecer as características da persoa menor, da súa familia e da súa contorna social.

2º. Informar de xeito comprensivo a persoa menor e a súa familia sobre a súa situación xudicial e os dereitos e obrigas que marca a lei.

3º. Valorar as necesidades educativas de cada persoa menor de acordo cos seus factores de risco e protección.

4º. Analizar a situación da persoa menor na súa totalidade e adaptar a ela a intervención educativa.

5º. Participar na elaboración así como na execución e seguimento dos programas individualizados de execución (PIEM) e dos modelos individualizados de intervención (MII).

6º. Participar na elaboración dos informes pertinentes sobre a evolución dos/das menores ou mozos/as ao seu cargo.

7º. Explicar á persoa menor e, se procede, á súa familia o PIEM na súa vertente educativa e xudicial.

8º. Acompañar, orientar e educar as persoas menores no seu proceso de maduración e de desenvolvemento de hábitos e habilidades persoais e sociais: hábitos de hixiene, orde das dependencias, hábitos de alimentación e habilidades de diálogo, discusión e comportamento social.

9º. Proporcionar mediación e axuda para resolver as situacións conflitivas que teñan as persoas menores a nivel persoal, familiar e social.

10º. Reforzar o proceso de formación regulada, cando así se precise.

11º. Apoiar o proceso de orientación e formación laboral das persoas menores fomentando as súas capacidades para inserirse na sociedade.

12º. Asegurar o cumprimento da normativa do centro por parte das persoas menores.

13º. Programar e desenvolver actividades de ocio dentro do centro e proporcionar alternativas de ocupación do tempo libre a través da participación en actividades de lecer organizadas fóra do centro.

14º. Acompañar as persoas menores nas saídas ao exterior non só para realizar actividades de lecer senón tamén educativas, formativas, laborais, sanitarias así como para a realización de trámites administrativos ou xudiciais.

15º. Exercer a titoría das persoas menores que lle sexan encomendadas.

16º. Formar parte dos órganos colexiados que lle corresponda.

b) O persoal psicólogo. Encárgase do diagnóstico e tratamento de problemas psicolóxicos e da maduración persoal das persoas menores en canto ao autocoñecemento e á análise persoal. Este persoal deberá estar en posesión dunha licenciatura ou titulación universitaria de grao en Psicoloxía. Os profesionais asinados a un centro ou unidade de atención específica terapéutica deberán estar en posesión do título oficial de psicólogo/a especialista en psicoloxía clínica, ou de psicólogo/a xeral sanitario, ou ben dispoñer da certificación para o exercicio da psicoloxía sanitaria. Entre as súas funcións estarán:

1º. Estudar a información psicolóxica que figure no expediente remitido polo xulgado e completala, se for preciso.

2º. Detectar posibles patoloxías clínicas ou o consumo de substancias tóxicas e derivar, de ser o caso, ao recurso especializado que corresponda, complementando desde o centro os tratamentos levados a cabo neses recursos.

3º. Colaborar co resto do persoal na elaboración do PIEM e dos informes, tanto os estipulados na lexislación aplicable como os que lle fosen requiridos expresamente.

4º. Asesorar e dar apoio técnico ao persoal educador social durante todo o proceso de intervención educativa.

5º. Colaborar no traballo de avaliación e seguimento da persoa menor.

6º. Elaborar e desenvolver programas de intervención psicolóxica tanto a nivel individual como familiar e de grupo.

7º. Realizar, nos casos en que sexa necesario, tratamentos psicolóxicos e terapias de apoio, tanto a nivel individual como familiar e de grupo.

8º. Formar parte dos órganos colexiados que lle corresponda.

c) O persoal traballador social. Este persoal deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en traballo social. Este persoal avaliará as relacións da persoa menor co seu medio social e familiar e orientará o traballo do persoal educador social nesta área, para o cal deberá coñecer en profundidade o mapa de recursos e a súa dimensión comunitaria, en especial aqueles que fixan a súa atención nas persoas menores e as súas familias como os servizos sociais, oficinas de emprego, asociacións, recursos de lecer e tempo libre, entidades deportivas e sociais, e similares. Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

1º. Informar a persoa menor e a súa familia dos recursos e axudas sociais existentes, nos casos en que sexa necesario.

2º. Tramitar a documentación e permisos administrativos que, de ser o caso, poida precisar a persoa menor.

3º. Deseñar e desenvolver en colaboración co resto dos profesionais de orientación e inserción laboral que interveñan no centro programas para a mellora da capacidade de emprego das persoas menores.

4º. Colaborar co resto dos profesionais da intervención educativa e de orientación e inserción laboral, no deseño do itinerario personalizado de formación e/ou de inserción sociolaboral e, de ser o caso, asumir a súa elaboración.

5º. Colaborar co resto do persoal de intervención educativa na elaboración do PIEM e dos informes estipulados na lexislación aplicable.

6º. Dar apoio técnico ao persoal educador social durante todo o proceso de intervención educativa.

7º. Colaborar co resto do persoal de intervención educativa no traballo de avaliación e seguimento da persoa menor achegando a información oportuna para a elaboración dos informes estipulados na lexislación aplicable.

8º. Coordinarse coas entidades públicas ou servizos sociais durante o desenvolvemento da intervención.

9º. Formar parte dos órganos colexiados que lle corresponda.

d) O persoal médico. Correspóndelle velar pola saúde das persoas menores internas. Entre as súas funcións estarán a de colaborar no traballo de avaliación e seguimento do/a menor achegando a información oportuna para a elaboración dos informes estipulados. Este persoal deberá estar en posesión da licenciatura ou titulación universitaria de grao en medicina.

e) Persoal enfermaría. Correspóndelle ao persoal de enfermaría a prestación e avaliación dos coidados orientado á promoción, mantemento e recuperación da saúde, así como a prevención de enfermidades e discapacidades. Este persoal deberá estar en posesión da diplomatura ou titulación universitaria de grao en enfermaría. Entre as súas funcións están:

1º. Facer a revisión inicial de enfermaría e a apertura da historia clínica, tras o ingreso.

2º. Observar e recoller os datos clínicos necesarios para o control dos e das menores.

3º. Recoller mostras para a realización de probas diagnósticas.

4º. Atención sanitaria dentro da súa capacitación.

5º. Preparar a medicación prescrita e encargarse da administración de fármacos por vía parental.

6º. Prestar atención diaria ás enfermidades leves das persoas menores internas.

7º. Colaborar no deseño e desenvolvemento de programas e accións educativas relacionadas coa área de saúde no centro.

8º. Xestionar a petición de consultas médicas externas.

9º. Colaborar no traballo de avaliación e seguimento do/da menor achegando a información oportuna para a elaboración dos informes estipulados.

Ademais dos anteriores perfís profesionais, as entidades conveniadas tamén poderán contar con persoal auxiliar técnico educativo. Correspóndelle a este persoal a colaboración na execución do proxecto educativo do centro e dos PIEM, baixo a supervisión do persoal educador e en coordinación co resto do equipo educativo, realizando tarefas complementarias e de apoio ao labor destes. Este persoal deberá estar en posesión do título de bacharelato ou dun ciclo formativo de grao superior da familia de servizos socioculturais e á comunidade ou ter cualificación e experiencia contrastadas para o desempeño das súas funcións. Entre as súas funcións atópanse as seguintes:

1º. Colaboración na atención dos e das menores e nos seus coidados básicos.

2º. Apoio no desenvolvemento de proxectos específicos en función das necesidades das persoas menores e das actividades do centro.

3º. Elaboración e cobertura de todos os documentos que se lle encomenden, de acordo coas súas funcións de apoio.

Este persoal deberá estar en posesión do título de bacharelato ou dun ciclo formativo de grao superior da familia de servizos socioculturais e á comunidade ou ter cualificación e experiencia contrastadas para o desempeño das súas funcións.

2.2.2. Órganos de goberno, xestión e representación.

Co fin de garantir o correcto funcionamento e a calidade na actividade desenvolvida, os centros en que se levará a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral obxecto deste convenio contarán, cando menos, cos seguintes órganos de goberno, xestión e representación:

a) A dirección do centro.

A dirección será exercida en cada centro por un/unha profesional licenciado/a, diplomado/a ou con titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das ciencias xurídicas e sociais como a psicoloxía, a pedagoxía, a socioloxía, a educación social ou o traballo social.

A dirección terá, entre outras, as seguintes funcións:

1º. Exercer a garda dos e das menores durante o cumprimento da medida de internamento que lles for imposta.

2º. Cumprir e facer que o persoal de intervención educativa adscrito á execución das medidas cumpra os mandatos xudiciais que proveñan do xulgado de menores correspondente.

3º. Asegurar o cumprimento da normativa vixente, das directrices e instrucións da xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude e da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e das normas de funcionamento interno do centro.

4º. Planificar e organizar os recursos necesarios para o correcto funcionamento do centro.

5º. Planificar, de acordo co proxecto educativo do centro, a intervención socioeducativa.

6º. Dirixir e coordinar o desenvolvemento dos programas así como as actuacións do persoal de intervención educativa de xeito que se garanta a interdisciplinariedade e a calidade da intervención.

7º. Velar polo cumprimento dos dereitos das persoas usuarias dos centros e dos seus programas individualizados de execución das medidas.

8º. Establecer canles de colaboración con outras entidades e organismos, perseguindo a optimización dos recursos da contorna e a calidade da atención.

9º. Establecer a necesaria coordinación co equipo de medio aberto da xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude correspondente, de cara á preparación dos períodos de liberdade vixiada correspondentes ao segundo período das medidas de internamento.

10º. Garantir a elaboración de toda a documentación que a normativa exixe para a execución das medidas e a súa remisión en prazo aos distintos órganos competentes na área de menores.

11º. Elaborar avaliacións periódicas da actividade e intervencións efectuadas e sobre as actuacións levadas a cabo coas persoas menores.

12º. Dirixir e moderar os actos colectivos.

13º. Convocar e presidir as reunións dos órganos colexiados, así como cumprir e facer cumprir os acordos adoptados por estes.

b) A subdirección do centro.

Ao igual que a dirección, a subdirección será exercida en cada centro por unha persoa licenciada, diplomada ou con titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das ciencias xurídicas e sociais como a psicoloxía, a pedagoxía, a socioloxía, a educación social ou o traballo social. O persoal de subdirección terá, entre outras, as seguintes funcións:

1º. Colaborar coa dirección no exercicio das súas funcións.

2º. Asumir as funcións que a dirección lle delegue.

3º. Substituír o/a director/a nos casos de ausencia, asumindo nestes casos todas as súas funcións.

c) Persoal coordinador.

É o persoal responsable en cada quenda da coordinación socioeducativa e pedagóxica do centro e do seu correcto funcionamento en todas as súas vertentes, constituíndose, por tanto, en persoa de referencia para calquera problema que se presente nas instalacións, no grupo de menores, no equipo educativo ou no resto do persoal. Este persoal deberá contar cunha licenciatura, diplomatura ou titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das ciencias xurídicas e sociais como a psicoloxía, a pedagoxía, a socioloxía, a educación social ou o traballo social. Este persoal terá, polo menos, as seguintes funcións:

1º. Asumir a responsabilidade do centro en ausencia dos titulares da dirección e subdirección.

2º. Coordinar e dirixir as entradas e saídas de quenda, xestionando a información que se xenere durante a actividade dos menores no centro, asegurando a súa transmisión aos diferentes profesionais.

3º. Coordinar e realizar o seguimento das actividades programadas e da vida diaria do centro.

4º. Adoptar as medidas necesarias para manter a boa orde do centro, informando inmediatamente a dirección nos supostos de incidentes que revistan gravidade.

5º. Organizar, impulsar e supervisar a actuación do persoal de atención educativa directa, de acordo cos criterios do proxecto educativo de centro.

6º. Controlar que as instalacións e materiais precisos para o desenvolvemento da actividade estean en bo estado.

7º. Garantir que os libros de rexistro e demais partes que deban ser cubertos polo persoal do centro estean permanentemente actualizados.

8º. Atender, en primeira instancia, as incidencias que se produzan coas persoas menores.

8º. Asistir aos rexistros das persoas menores e das súas pertenzas ou das instalacións, velando por que se fagan nas condicións previstas na normativa aplicable.

10º. Dirixir e moderar os actos colectivos cando non estea presente o persoal directivo.

11º. Informar diariamente a dirección do funcionamento do centro e recibir as oportunas instrucións.

12º. Formar parte dos órganos colexiados que lle correspondan.

Este persoal deberá contar cunha licenciatura, diplomatura ou titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das ciencias xurídicas e sociais como a psicoloxía, pedagoxía, socioloxía, educación social ou traballo social.

d) O Consello de Centro.

É o órgano colexiado que asumirá a coordinación xeral do centro, marcando as directrices e adoptando os acordos procedentes. O consello reunirase en sesión ordinaria dúas veces ao ano. Reunirase en sesión extraordinaria cando as circunstancias o aconsellen, incluíndo na orde do día só o tema ou temas que determinen a convocatoria.

Estará composto polos seguintes membros:

1º. O/a director/a.

2º. O/a subdirector/a.

3º. Un representante do persoal coordinador.

4º. Dous representantes do persoal educador social.

5º. Un/unha representante do restante persoal técnico de intervención.

6º. Un/unha representante dos/as menores.

7º. Un/ unha representante do persoal de servizos.

8º. Un/unha representante da xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude.

Entre as súas funcións estarán:

1º. Aprobar as modificacións do proxecto educativo e elevar a dita modificación á consellería para a súa aprobación.

2º. Elaborar os proxectos de regulamento de réxime interno e as súas modificacións e elevalos á consellería para a súa aprobación.

3º. Aprobar a programación anual de actividades.

4º. Elaborar e avaliar a memoria anual de actividades.

5º. Supervisar que as directrices e programacións se axusten aos principios, criterios e obxectivos establecidos pola Consellería de Política Social e Xuventude.

6º. Propoñer á Consellería de Política Social e Xuventude as medidas que consideren convenientes para mellorar o funcionamento do centro.

e) A Comisión Educativa.

É o órgano colexiado de carácter técnico e multiprofesional, que con independencia das funcións que, de acordo co seu perfil profesional, correspondan a cada membro, realizará funcións de estudo, asesoramento, proposta, seguimento, valoración e intervención especializada. A Comisión Educativa reunirase as veces necesarias para o cumprimento das súas funcións e, para non alterar o correcto funcionamento do centro, poderá organizarse en subcomisións. A/o médica/o do centro deberá acudir ás reunións desta comisión cando sexa expresamente convocada/o por figurar na orde do día o tratamento de asuntos relacionados coas súas funcións.

A Comisión Educativa estará composta polos seguintes membros:

1º. O/a director/a

2º. O/a subdirector/a.

3º. Persoal coordinador.

4º. Persoal educador social.

5º. Persoal psicólogo.

6º. Persoal de traballo social.

Entre as súas funcións estarán:

1º. Presentar ao Consello do Centro propostas de regulamento de réxime interno e as súas modificacións.

2º. Elaborar a programación anual de actividades.

3º. Facer o seguimento da programación do centro e da intervención educativa, tanto a nivel individual como de grupo.

4º. Achegar os datos necesarios para a elaboración da memoria anual de actividades.

5º. Elevar á dirección, para a súa tramitación, propostas sobre modificacións de medidas.

2.2.3. Persoal mínimo para a execución do convenio. Co fin de garantir a atención residencial e a intervención educativa e terapéutica das persoas menores que deben cumprir medidas privativas de liberdade de acordo co Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, as entidades concorrentes deberán achegar, como mínimo, os recursos humanos que se relacionan nos centros do complexo de Montealegre:

a) Para o centro de reeducación Monteledo deberá achegarse os seguintes recursos humanos:

– Director/a.

– Subdirector/a.

– 3,5 coordinadores.

– O número de educadores/as suficiente para desenvolver en cómputo anual un mínimo de 64.750 horas, con independencia das substitucións que, en cumprimento do parágrafo seguinte, teñan que levarse a cabo. Un máximo de 1.680 destas horas poderán ser desenvoltas por un auxiliar técnico educativo, que reforzará o persoal educativo, e levará a cabo a súa xornada en quendas de noite.

En todo caso, a entidade seleccionada debe garantir en todo momento o cumprimento da ratio establecida no Decreto 329/2005, do 28 de xullo.

Para o cómputo da ratio de educadores non se terá en conta o persoal coordinador.

– 2 psicólogos/as. O profesional asinado á unidade de atención específica terapéutica deberá estar en posesión do título oficial de psicólogo/a especialista en psicoloxía clínica, ou de psicólogo/a xeral sanitario, ou ben dispoñer da certificación para o exercicio da psicoloxía sanitaria.

– 1,5 traballadores/as sociais.

– 1 auxiliar administrativo/a.

– 3 traballadores para o servizo de cociña.

– 1 traballador/a auxiliar de tarefas.

– 1,5 traballador/a do servizo de limpeza e lavandaría.

– 1 traballador de mantemento.

– Persoal de vixilancia do centro que permita garantir a cobertura do servizo cun mínimo de tres persoas en cada quenda de día e dúas na de noite, equivalentes a 64 horas diarias de vixilancia.

b) Para o Centro de Atención Específica Montefiz deberán achegarse os seguintes recursos humanos:

– 1 director/a.

– 1 subdirector/a.

– 3,5 coordinadores/as.

– O número de educadores/as suficiente para desenvolver en cómputo anual un mínimo de 49.560 horas, con independencia das substitucións que, en cumprimento do parágrafo seguinte, teñan que levarse a cabo.

En todo caso, a entidade seleccionada debe garantir en todo momento o cumprimento da ratio establecida no Decreto 329/2005, do 28 de xullo.

– 2 psicólogos/as, que deberán estar en posesión do título oficial de psicólogo/a especialista en psicoloxía clínica, ou de psicólogo/a xeral sanitario, ou ben dispoñer da certificación para o exercicio da psicoloxía sanitaria.

– 1 traballador/a social.

– 1 auxiliar administrativo/a.

– 3 traballadores do servizo de cociña.

– 1,5 traballador do servizo de limpeza e lavandaría.

– 1 traballador de mantemento.

– Persoal de vixilancia do centro que permita garantir a cobertura do servizo cun mínimo de dúas persoas en cada quenda de día, unha na de noite, e outras oito horas de vixilancia para reforzar o servizo, das que a entidade disporá naqueles momento en que, atendendo ás circunstancias do centro, considere máis necesario este reforzo. O total de horas de vixilancia diaria será de 48 horas.

c) Para os ditos centros do complexo, naqueles casos en que non se fagan especificacións ao respecto da xornada, enténdense referidos a xornada completa.

Na memoria é necesario indicar, en relación con este persoal, a modalidade de contratación, titulación, convenio laboral polo que se rexe, xornada, horarios e número de horas anuais de dedicación.

Así mesmo, deben contar cun equipo de profesionais das ciencias da saúde que leven a cabo o seu desempeño profesional nos dous centros. Este persoal está constituído por:

– 1 médico/a con permanencia nos centros o tempo necesario para dar cumprimento aos requirimentos de atención previstos no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo.

– Atención de enfermaría para a atención dos menores que cumpran medidas de réxime terapéutico, con dispoñibilidade de 24 horas ao día para o desenvolvemento das funcións encomendadas á atención de urxencias.

– 1 psiquiatra para a atención das persoas menores que cumpran medidas de internamento terapéutico, a razón dun total de 10 horas semanais de atención presencial. Estas horas distribuiranse entre os centros de Montefiz e Monteledo, ambos do complexo de Montealegre, en función das necesidades das persoas menores. Ademais, debe contar con dispoñibilidade as 24 horas do día para a atención de urxencias, vía teleasistencia.

3. Plan de formación continua do persoal.

O plan de formación, para cada actividade formativa, deberá indicar:

a) Carácter obrigatorio ou voluntario.

b) Obxectivos e contidos.

c) Nº de profesionais e categoría a que pertencen que vai a participar en cada actividade formativa.

d) A duración en horas.

d) O perfil profesional ou formativo das persoas encargadas da docencia. Deberase indicar a titulación, experiencia profesional e como docente, así como a entidade á que pertence.

f) Calendarización das actividades formativas que se van levar a cabo no período de vixencia do contrato correspondente aos anos 2023, 2024 e 2025.

Será obrigatoria a formación do equipo educativo e técnico en materia de xénero, transexualidade e diversidade sexual.

missing image file
missing image file

ANEXO IV

Modelo de convenio

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a entidade XXXXXXX para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores no centros para o cumprimento de medidas xudiciais privativas de liberdade dos menores no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz, do complexo de Montealegre en Ourense.

No lugar e na data da sinatura dixital.

Reunidos:

Dunha parte, Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social e Xuventude, nomeada polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia, en nome e representación desta, no uso das facultades que lle veñen atribuídas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, e de conformidade co disposto no Decreto 58/2022, do 15 do maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o Decreto 124/2022, do 23 de xuño polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude.

Doutra parte,..., (cargo), en nome e representación da entidade... (NIF...), de conformidade co disposto no (acordo de nomeamento de conformidade cos estatutos ou a escritura pública de apoderamento) como así consta no Rexistro de asociacións.

Ambas as dúas partes comparecentes recoñécense reciprocamente capacidade suficiente para o outorgamento do presente convenio de colaboración e, en consecuencia,

Expoñen:

Primeiro. Que a Consellería de Política Social e Xuventude, a través da dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica, ten asumidas entre as súas competencias, segundo o artigo 14 do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, a protección e tutela dos/das menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

Segundo. Que XXXXX, constituída en virtude de escritura pública outorgada en XXXXX, é unha entidade sen ánimo de lucro que figura inscrita no Rexistro de Asociacións co número XXXXX e no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Xuventude co número XXXX.

Dentro do seus obxectivos prevé XXXXX, accións estas que teñen relación directa co obxecto do convenio.

Terceiro. Que ambas as dúas partes na súa actuación teñen en conta, por unha parte, os principios recollidos na Convención dos Dereitos do Neno aprobada polas Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, así como o cumprimento da normativa estatal e autonómica sobre reforma de menores, e por outra, as regras mínimas uniformes das Nacións Unidas para a Administración de Xustiza de Menores (reglas de Beijing), adoptadas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 1985, a Recomendación (87) 20 do Comité de Ministros do Consello de Europa, do 17 de setembro de 1987, sobre reaccións sociais ante a delincuencia xuvenil e o Ditame do Comité Económico e Social Europeo sobre a prevención da delincuencia xuvenil, modos de tratamento da delincuencia xuvenil e o papel da xustiza do menor na Unión Europea do 15 de marzo de 2006.

Cuarto. Que o artigo 45.3 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, faculta as comunidades autónomas para establecer os convenios ou acordos de colaboración necesarios con entidades privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, sen que iso supoña en ningún caso a cesión da titularidade e responsabilidade derivada da dita execución.

O artigo 88 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, atribúelle á Xunta de Galicia a potestade de celebrar convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como con outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que isto supoña cesión de titularidade ou responsabilidade.

Quinto. Que co fin de promover a concorrencia pública e garantir os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e non discriminación a Consellería de Política Social e Xuventude convocou un procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, nos centros para o cumprimento de medidas xudiciais privativas de liberdade do complexo Montealegre (Ourense).

Sexto. Que unha vez resolto o procedemento a entidade XXXXXX resultou seleccionada para a colaboración coa entidade pública na execución das medidas xudiciais privativas de liberdade no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz, do complexo de Montealegre en Ourense.

Por todo o exposto, a Consellería de Política Social e Xuventude e a entidade XXXXX acordan formalizar o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación do convenio

1. Este convenio ten por obxecto establecer o réxime de colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a entidade XXXXXX para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con menores, que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores nos centros para o cumprimento de medidas xudiciais privativas de liberdade dos menores no centro de reeducación de Monteledo e no centro de atención específica de Montefiz, do complexo de Montealegre en Ourense.

Así mesmo, incluirá a atención dos fillos e fillas menores de tres anos que convivan coas súas nais internadas, de acordo co previsto na letra n) do número 2 do artigo 56 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, e no artigo 34 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

2. O convenio ten por obxecto satisfacer a realización e execución das seguintes actuacións:

a) Dar cumprimento ás seguintes medidas privativas de liberdade impostas polos xulgados de menores ás persoas menores infractoras de ilícitos penais nos seguintes centros do complexo Montealgre en Ourense:

1º. No Centro de reeducación de Monteledo:

1º.1. Internamento en réxime aberto, tanto preventivo como firme. As persoas sometidas a esta medida levarán a cabo todas as actividades do proxecto educativo nos servizos normalizados da contorna, residindo no centro como domicilio habitual, con suxeición ao seu programa e ao seu réxime interno.

1º.2. Internamento en réxime semiaberto, tanto preventivo como firme. As persoas sometidas a esta medida residirán no centro, pero poderán realizar fóra del algunha o algunhas das actividades formativas, educativas, laborais e de lecer establecidas no programa individualizado de execución da medida.

1º.3. Internamento en réxime pechado, tanto preventivo como firme. As persoas sometidas a esta medida residirán no centro e desenvolverán nel as actividades formativas, educativas, laborais e de lecer.

1º.4. Internamento terapéutico en réxime pechado, semiaberto ou aberto. Nos centros desta natureza prestarase atención educativa especializada ou tratamento específico ás persoas que padezan anomalías ou alteracións psíquicas, un estado de dependencia de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas ou psicotrópicas, ou alteracións da percepción que determinen unha alteración grave da conciencia da realidade.

1º.5. Permanencia fin de semana en centro. As persoas sometidas a esta medida permanecerán no centro ata un máximo de 36 horas entre a tarde ou noite do venres e a noite do domingo e levarán a cabo nel as tarefas socioeducativas que deba realizar a persoa menor de carácter formativo, cultural ou educativo.

2º. Centro de atención específica Montefiz:

Internamento terapéutico en réxime pechado, semiaberto ou aberto. Nos centros desta natureza prestarase atención educativa especializada ou tratamento específico ás persoas que padezan anomalías ou alteracións psíquicas, un estado de dependencia de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas ou psicotrópicas, ou alteracións da percepción que determinen unha alteración grave da conciencia da realidade.

Entenderanse incluídas nas medidas privativas de liberdade as obrigas que, de xeito accesorio, a/o xuíza/xuíz asocie ao período de efectivo internamento.

b) Proporcionar unha atención residencial integral e continuada ás persoas menores internadas, que dea cobertura ás necesidades de alimentación, lavandaría, limpeza e mantemento das instalacións, de xeito que se asegure unha atención residencial de calidade.

c) Levar a cabo unha intervención educativa integral dirixida a súa reinserción social.

d) Garantir a vixilancia no centro e a saúde das persoas menores e facilitar a atención sanitaria nos supostos previstos na normativa aplicable.

e) Garantir os dereitos dos menores internados recoñecidos no artigo 56 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro.

Segunda. Persoas destinatarias da atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica

Serán destinatarias da atención residencia e a intervención educativa integral e terapéutica as persoas menores que teñen que cumprir unha medida xudicial privativa de liberdade prevista na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, e recollida na cláusula primeira do convenio, así como, de ser o caso, menores de tres anos que convivan coas súas nais internadas, de acordo co disposto na letra n) do número 2 do artigo 56 da citada lei e no artigo 34 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo.

No marco do disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, así como na Lei orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código penal, o termo «persoa menor» entenderase extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da dita Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, independentemente de que alcanzaran ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo ao uso que do dito termo se dá na antedita lei.

Terceira. Directrices e normativa

Na colaboración para a atención ás persoas menores a entidade XXXXX terá en conta os principios inspiradores da execución das medidas xudiciais recollidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, e no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, así como as directrices e instrucións ditadas desde a Consellería de Política Social e Xuventude a través da dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica que desenvolvan estes principios, primando fundamentalmente o carácter educativo dos programas cunha intervención integral que abrangue aspectos educativos, formativos, familiares e sociais terapéuticos que favorezan o desenvolvemento harmónico da súa personalidade e a súa toma de conciencia polos feitos cometidos. Esta intervención desenvolverase nas fases e de acordo cos obxectivos, áreas, programas e metodoloxías recollidas no Proxecto de intervención educativa integral presentado, que se incorporará como anexo ao convenio de conformidade co disposto no anexo III da Resolución do 11 de xaneiro de 2023.

Cuarta. Órganos de dirección, xestión e participación do centro

O centro contará cos seguintes órganos de goberno, xestión e participación:

a) Director/a.

b) Subdirector/a.

c) Consello do Centro.

d) Comisión educativa.

Os órganos de goberno, xestión e participación adaptarán a súa composición e funcións ao establecido no Proxecto de intervención educativa integral presentado pola entidade e de conformidade co disposto no anexo III da Resolución do 11 de xaneiro de 2023.

Quinta. Cesión de bens inmobles e mobles

A Consellería de Política Social e Xuventude, cederá en uso á XXXX por un período de tempo igual á duración do convenio e, no seu caso, das súas posibles prórrogas, dos inmobles correspondentes aos centros Monteledo e Montefiz do complexo Montealegre que forman parte do inventario da Comunidade Autónoma.

Tamén serán cedidos en uso os equipamentos e bens mobles necesarios, os cales figuran identificados e relacionados con carácter de inventario no anexo a este convenio.

Sexta. Obrigas

1. Para o cumprimento da atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica, a Consellería de Política Social e Xuventude asumirá os seguintes compromisos:

a) Remitir á entidade XXXX toda a información relativa ás medidas para a súa execución.

b) Realizar todas as actuacións administrativas que, de acordo coa súa competencia, lle correspondan na execución das medidas.

c) Elaborar circulares e instrucións que establezan un protocolo para a execución e seguimento das medidas privativas de liberdade así como de soportes documentais que permitan un tratamento informático da información que garanta a unidade de expediente e a súa reserva.

d) Contribuír ao financiamento das actividades obxecto deste convenio nos termos sinalados na cláusula sexta.

e) Levar a cabo o seguimento e supervisión do centro así como das actividades levadas a cabo pola entidade na execución das medidas.

f) Asumir no caso de que sexan necesarias, a realización de obras que afecten a estrutura resistente dos edificios e do resto das instalacións.

2. Para o cumprimento da atención residencial e a intervención educativa integral, a entidade colaboradora asumirá os seguintes compromisos:

a) En relación coa persoa menor ou mozo/a suxeita ao cumprimento das medidas xudiciais deberá:

1º. Exercer a súa garda e custodia.

2º. Proporcionarlle, no momento do seu ingreso, información sobre os dereitos e deberes, de acordo co establecido na normativa vixente.

3º. Respectar os seus dereitos, tanto os que lle recoñecen as leis nacionais como as internacionais, así como os dereitos que se deriven da execución da medida xudicial.

4º. Prover á persoa menor dun ambiente coas condicións socioeducativas axeitadas, para abordar as dificultades que deron lugar ao comportamento conflitivo e que supuxeron a infracción penal, e para facilitar o seu normal desenvolvemento evolutivo.

5º. Xestionar con axilidade a documentación administrativa que as persoas menores precisen.

6º. Realizar o acompañamento e asesoramento, garantindo que a intervención educativa que se realice responde a parámetros de calidade.

7º. Contar, como mínimo, cos protocolos de actuación seguintes:

– Protocolo de actuación para cada fase da intervención.

– Protocolo de actuación para asegurar a integridade física e psíquica da persoa menor en situacións que sexa preciso usar medios de contención.

– Protocolo de actuación para a intervención en situacións de crise.

– Protocolo de actuación para a prevención de suicidios que incorpore a perspectiva de xénero e a diversidade sexual.

– Protocolo para a indagación da violencia e o abuso sexual sufrido, co obxecto de dar unha resposta terapéutica e de protección.

– Protocolo de detección e prevención do acoso, abuso ou calquera outro tipo de violencia, que incorpore a perspectiva de xénero.

b) En relación coa execución das medidas a entidade deberá:

1º. Admitir todos os ingresos que, contando co correspondente mandato xudicial, sexan ordenados pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, logo de confirmar a existencia de praza.

2º. Prestar ás persoas menores internas a atención médica prevista na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, e no seu regulamento, sen prexuízo da asistencia sanitaria universal que ofrece a sanidade pública.

3º. Realizar, no caso das medidas de permanencia de fin de semana, a correspondente entrevista coa persoa menor con carácter previo á elaboración do programa individualizado de execución de medida.

4º. Elaborar e presentar nos prazos, recollidos legalmente un programa individualizado de execución de medida para cada menor ou un modelo individualizado de intervención nos supostos de medidas de carácter preventivo, segundo o establecido na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, e nas circulares e instrucións que, ao respecto elabore a dirección xeral con competencias na execución das medidas xudiciais impostas aos menores infractores. O dito programa ou modelo deberá incluír tamén as actuacións necesarias para o cumprimento das obrigas que, de forma accesoria, a/o xuíza/xuíz impoña ao menor asociadas ao período de efectivo internamento.

5º. Realizar as actuacións que correspondan de acordo co programa de execución aprobado polo xulgado competente, para o seguimento e a execución definitiva da medida.

6º. Elaborar e remitir os correspondentes informes de seguimento, así como de incidencias, se as houber, co obxecto de manter informadas a autoridade xudicial e administrativa, segundo o establecido na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, e nas circulares e instrucións que ao respecto, elabore a dirección xeral con competencias na execución das medidas xudiciais impostas aos menores infractores.

7º. Elaborar e remitir calquera outro informe que lle sexa solicitado polo xulgado ou fiscalía competente ou pola entidade pública responsable da execución.

8º. Propoñer o internamento da persoa menor nun centro sociosanitario se, en atención ao diagnóstico realizado ou á evolución na medida, se considera o máis axeitado.

9º. Presentar ao xulgado e fiscalía de que depende a execución da medida ou medidas a proposta de revisión xudicial, logo de autorización da Dirección Xeral con competencias na execución das medidas derivadas da aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, cando se considere procedente.

10º. Asistir ás entrevistas, reunións e actos e dilixencias procesuais aos cales sexa convocada por xulgados, fiscalías ou a dirección xeral con competencias na execución das medidas derivadas da aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro.

11º. Actuar de xeito coordinado co persoal técnico, entidades ou servizos que participen na execución da medida.

12º. Preparar o segundo período da medida de internamento, a liberdade vixiada, en colaboración co persoal do equipo de medio aberto das xefaturas territorias, da Consellería de Política Social e Xuventude, ao cal lle vai corresponder esa execución.

13º. Elaborar e remitir os informes finais de execución de medidas aos xulgados de menores e fiscalías que teñan a competencia da execución da correspondente medida.

14º. Informar, en calquera momento e por petición do departamento da Consellería de Política Social e Xuventude competente na área de menores, sobre a evolución da situación das persoas menores ao seu cargo.

15º. Seguir as instrucións establecidas pola dirección xeral con competencias na materia de familia, infancia e dinamización demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, así como das súas xefaturas territoriais, en relación coa execución das medidas xudiciais, e subministrar toda a información que lle sexa solicitada.

16º. Comunicar de xeito inmediato á dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude así como ás súas xefaturas territoriais calquera incidencia relevante na execución da medida ou o seu incumprimento, así como todas aquelas circunstancias sobrevidas que puidesen orixinar irregularidades no desenvolvemento da actividade conveniada.

17º. Executar inmediatamente o mandamento de posta en liberdade unha vez comprobado que a persoa menor non está suxeita a outras medidas de internamento pendentes de execución. Nos casos de desinternamento dunha persoa menor de dezaoito anos, a dirección do centro porase en comunicación cos seus proxenitores, representantes legais ou xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude no caso de menores tutelados/as, para que se fagan cargo dela no momento do desinternamento.

c) En relación coas actuacións unha vez rematada a medida xudicial e feita a comprobación de que a persoa menor non vai ter que executar novas medidas impostas, a entidade colaboradora:

1º. Entregará á persoa menor toda a documentación de carácter persoal que lle pertenza.

2º. Comprobará que toda a documentación que posúa o centro da persoa menor, suxeita ao cumprimento de medidas xudiciais, estea incorporada a aplicación informática «Menor», a través da que se xestiona a execución das medidas xudiciais impostas polos xulgados de menores e na que se incorpora o expediente persoal de cada menor do que se teña encomendada a execución dunha medida, que será único no ámbito da comunidade autónoma, debendo incorporar aquela que aínda non o estea. Logo desta incorporación, todas as copias da documentación que, en calquera formato, consten en poder do centro serán destruídas conforme o disposto na normativa aplicable.

Debido á natureza confidencial da información contida e xestionada na aplicación informática «Menor», a concesión de acceso ao sistema segue un fluxo moi controlado, destinado a garantir o uso apropiado e acceso á información polas persoas apropiadas.

Unha vez que se asine o presente convenio, efectuaranse as correspondentes autorizacións de acceso ao persoal da entidade colaboradora encargado da execución das medidas xudiciais.

d) En relación co persoal adscrito á execución da actividade obxecto de convenio.

1º. Contar cun cadro de profesionais con alta cualificación técnica e humana, coa composición e número determinados na memoria que se anexa ao presente convenio.

En relación co persoal educador social, a entidade garantirá en todo momento o cumprimento da ratio establecida no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

En relación co resto do persoal para o que non exista ratio establecida en virtude de disposición legal, a entidade debe efectuar ao seu cargo no prazo máis breve posible as substitucións necesarias de forma que a atención residencial e a intervención educativa integral quede sempre asegurada.

Enviarase á dirección xeral con competencias en materia de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude nos cinco primeiros días de cada mes, por un lado, cuadrante mensual previsto das quendas de mañá, tarde e noite do persoal educador social, indicando o número de horas de servizo efectivas por cada educador/a e o convenio laboral polo que se rexe e, por outro, un cuadrante mensual do servizo que realmente foi efectivo do mes anterior, das quendas de mañá, tarde e noite do persoal educador social, indicando o número de horas de servizo efectivas por cada educador/a e o convenio laboral polo que se rexe.

As variacións que se produzan no cadro de persoal serán inmediatamente comunicadas á dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica acompañando a documentación acreditativa da titulación e currículum profesional.

Deberán tamén comunicarse á dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, de xeito inmediato, todas as situacións de incapacidade laboral de calquera tipo, que se produzan e a data delas. Igualmente, en cada un dos casos, indicarase se é substituído/a ou non o traballador/a, por quen, e en que data.

As características do persoal, modalidades de contratación, titulacións, experiencia laboral, horario, etc., deben adaptarse ao establecido na memoria presentada.

Este persoal dependerá exclusivamente da entidade conveniada, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregadora respecto daquel, correspondéndolle á entidade a súa dirección técnico-educativa e organización. A consellería será de todo allea ás relacións entre o persoal e a entidade colaboradora. Por conseguinte, en ningún caso o referido persoal poderá alegar dereito ningún en relación coa Administración nin exixirlle a esta responsabilidade de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade conveniada e o seu persoal.

En ningún caso a sinatura do convenio suporá a existencia dunha relación funcionarial ou laboral entre a Administración e o persoal que a entidade achegue para levar a cabo a atención residencial, a intervención educativa integral e terapéutica, coas persoas menores.

A extinción do convenio non poderá producir en ningún caso a consolidación das persoas que realizasen os traballos obxecto do convenio como persoal da Xunta de Galicia.

2º. Garantir a retribución axeitada do seu persoal, asumindo de forma directa e non trasladable á Administración o custo de calquera mellora nas condicións de traballo e/ou nas súas retribucións, xa sexa como consecuencia de convenios colectivos, pactos ou acordos de calquera índole, de xeito que en ningún caso poderá repercutir as referidas modificacións sobre o importe que se facturará.

3º. Garantir a calidade técnica en relación coa titulación, formación e aptitude profesional, do persoal que leva a cabo a intervención, sendo ao seu cargo a formación e promoción precisa para asegurar a calidade desta.

4º. O cumprimento respecto do persoal da entidade da normativa laboral, de Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se encontre vixente en cada momento.

5º. No suposto de que sexa obrigatoria a subrogación do persoal por estar así establecido nos convenios colectivos vixentes, observarase o disposto nestes.

6º. O cumprimento do disposto nas normas vixentes en caso de accidente ou prexuízo de calquera índole ocorrido ao persoal con ocasión do exercicio da súa función, baixo a súa responsabilidade, sen que esta alcance de modo ningún á Administración conveniante.

7º. Informar e formar o seu persoal nas obrigas que dimanan da lexislación aplicable e materia de protección de datos de carácter persoal.

8º. Manter a porcentaxe de traballadores fixos con discapacidade e os parámetros de igualdade durante o período de duración do convenio, no caso de que resultase seleccionada para conveniar pola aplicación destes criterios, de acordo co establecido no punto 12 do anexo I.

9º. Desenvolver, con carácter anual, un plan de formación permanente do persoal do centro. Este plan enviarase á Consellería con tres meses de antelación á súa posta en marcha, para os efectos do seu visto e prace e, para cada actividade formativa, deberá indicar: carácter obrigatorio ou voluntario, obxectivos e contidos, número de profesionais e categoría a que pertencen que vai participar, duración en horas, perfil profesional ou formativo das persoas encargadas da docencia coa titulación, experiencia profesional e como docente, así como a entidade a que pertence, calendarización das actividades formativas.

Será obrigatoria a formación do equipo educativo e técnico en materia de xénero, transexualidade e diversidade sexual.

e) En relación coa intervención educativa.

1º. Levar a cabo a intervención educativa de acordo co proxecto de intervención educativa integral para a execución das medidas de internamento presentado pola entidade, desenvolvendo os programas que figuran nel.

2º. Incorporar na súa metodoloxía de traballo a perspectiva de xénero.

3º. Poñer á disposición da persoa menor os recursos precisos para cubrir as necesidades derivadas da súa formación escolar e ocupacional.

4º. Presentar á dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, unha programación anual que recolla as previsións de actuación ao longo do ano, co fin de ter sistematizado o traballo do centro e poder avalialo ao finalizar cada período. Deberá ser presentada no mes de decembro do ano anterior o que fai referencia e conter, cando menos, a descrición das actividades que se van desenvolver en cada unha das áreas de intervención, a programación das reunións educativas, o sistema de avaliación periódica da execución da programación anual e o modo de actualización ou corrección da programación en función das avaliacións periódicas.

5º. Proporcionar e xestionar os medios e recursos necesarios para o óptimo desenvolvemento das actividades e programas.

f) En relación coa atención residencial.

1º. Garantir que as habitacións, zonas de convivencia e as zonas dedicadas á realización de actividades formativas, deportivas ou de ocio sexan acolledoras e confortables e estean adecuadamente equipadas.

2º. Subministrar o vestiario necesario ás e aos menores se non optan por utilizar a súa propia vestimenta. As pezas de roupa deben ser correctas, adaptadas ás condicións climatolóxicas e desprovistas de calquera elemento que poida afectar a súa integridade, seguridade ou saúde, ou que as identifique como persoas internas.

3º. Manter en condicións de uso axeitadas a roupa de cama, mesa e aseo como sabas, mantas, colchas, edredóns, albornoces, manteis e toallas e repoñela nos supostos de perda ou deterioración.

4º. Cambiar e lavar a roupa interior das/dos menores con carácter diario ou, se for preciso, con maior frecuencia. Respecto das restantes pezas de uso persoal, observarase unha periodicidade mínima de dúas veces por semana.

5º. Cambiar a roupa da cama sempre que o requiran as circunstancias e, en todo caso, semanalmente, así como cando se produza un novo ingreso.

6º. Dotar as e os menores dos servizos de peiteado e do material de limpeza e aseo persoal que precisen.

7º. Dispoñer dun réxime dietético de alimentación equilibrado e variado, acorde coas necesidades enerxéticas que as idades das persoas menores precisan, o cal deberá contar, cando menos, con catro inxestas co almorzo, a comida, a merenda e a cea, e estar visado polo/a profesional correspondente.

8º. Dispoñer de dietas especiais para os/as menores que o requiran, tanto por prescrición facultativa como por motivos relixiosos.

9º. Gardar mostras testemuño das comidas servidas diariamente durante o tempo marcado pola normativa sanitaria, de cara a posibilitar o seu estudo epidemiolóxico no suposto de producírense brotes de toxiinfección alimentaria.

g) En relación cos inmobles.

1º. Utilizar o inmoble titularidade da Consellería. Este uso circunscríbese á vixencia do convenio, sen que poida alegar dereito ningún, nin usalo para outro fin distinto do aquí previsto.

2º. Achegar os recursos materiais necesarios para levar a cabo as actividades que se detallan na memoria presentada que figura como anexo ao presente convenio.

3º. Manter en bo estado o inmoble, os bens mobles e a totalidade do equipamento achegados pola Administración, os cales deben ser devoltos á finalización do convenio nas mesmas condicións en que foron entregados, asumindo a dita entidade todos os gastos derivados do seu funcionamento, reposición e mantemento. No momento de formalizar o convenio describiranse claramente tanto o inmoble como a súa dotación, para determinar, unha vez rematada a vixencia do convenio, os gastos que procedan.

4º. Levar a cabo o mantemento das zonas comprendidas dentro do perímetro valado do centro, estean axardinadas ou non.

5º. Manter o centro en todo momento en perfecto estado de hixiene e limpeza.

h) Outras obrigas.

1º. Cumprir coas obrigas de subministración da información, nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2º. Facilitar o exercicio das facultades de comprobación, dirección e inspección da Administración acerca da actividade conveniada. En consecuencia, en canto teña relación co obxecto do convenio, a Administración poderá obter da entidade conveniada a documentación e información que considere oportuna, establecer os sistemas de control de calidade que se deberán empregar e levar a cabo as inspeccións que considere pertinentes, reservándose para estes efectos, a facultade de realizar as visitas que considere necesarias para comprobar as condicións técnicas de execución da intervención, o cumprimento dos requisitos para desenvolver a actividade, o trato e asistencia que reciben as persoas beneficiarias, así como o bo funcionamento e cumprimento das obrigas contraídas. Poderá solicitar a comparecencia de persoal directivo da entidade e/ou das persoas menores usuarias do centro. Así mesmo, a Administración está facultada para ditar as instrucións oportunas para o estrito cumprimento do convenio.

A entidade acatará exacta e inmediatamente as ordes e instrucións que lle dite a Administración para a execución da actividade.

A entidade conveniada poderá requirir a identificación documental de quen deba exercer esta facultade de inspección e a entrega das instrucións por escrito por parte da dirección xeral con competencias en familia, infancia e dinamización demográfica, de conformidade co establecido na Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos de persoal empregado público da Consellería de Política Social e Xuventude para o uso do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

3º. Presentar no prazo de dous meses desde a sinatura do convenio un regulamento de réxime interno, o cal estará exposto no centro nun lugar visible ao público, e contará, como mínimo, coas normas de funcionamento, dereitos e deberes das persoas usuarias e órganos de representación e participación.

4º. Presentar no prazo de dous meses desde a sinatura do convenio o plan de autoprotección do centro.

A entidade comprométese a actualizar e/ou elaborar aqueles plans necesarios así como aquelas xestións para a súa implantación e cumprimento. Para evaluar os plans de autoprotección e asegurar a eficacia dos plans de actuacións en emerxencias realizará simulacros de emerxencia coa periodicidade mínima que fixe o plan, e en todo caso, unha vez ao ano, avaliando os seus resultados.

A entidade debe implantar o Plan de emerxencia e evacuación do centro, conforme o disposto no Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo que se aproba o a Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados ás actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia.

5º. Asumir os gastos xerados polos desprazamentos das persoas menores e do persoal educador social acompañante, así como os derivados das pagas de cartos de peto as cales terán carácter educativo e estarán orientadas ao mellor cumprimento das medidas que se establezan, dentro dos requisitos que se definan no regulamento de réxime interno do centro.

6º. Cumprir a normativa vixente e cantas disposicións sobre protección e reeducación de menores dite a Xunta de Galicia e os seus órganos competentes no exercicio das súas atribucións.

7º. Desenvolver e executar todas aquelas instrucións, circulares, protocolos, etc., emitidos en relación coa actividade obxecto de convenio, pola dirección xeral con competencias na materia de familia, infancia e dinamización demográfica para unha mellor organización e seguimento dela.

8º. Cumprir a normativa vixente en materia hixiénico-sanitaria.

9º. Xustificar as pólizas de seguros e o pagamento da prima con ocasión da sinatura do convenio e cada vez que corresponda renovar a dita póliza.

10º. Indemnizar os danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requira a actividade, excepto cando o dano fose producido por causas imputables á Administración.

11º. Expor, nun lugar visible ao público o organigrama do persoal adscrito á execución das medidas.

12º. Contar cos libros de rexistro e demais libros establecidos nas disposicións legais vixentes así como os que figuren na circular que sexa de aplicación aos centros de execución de medidas privativas de liberdade impostas a menores.

13º. Contar cun expediente individual e único para cada persoa menor onde conste toda a información prevista na normativa aplicable. O dito expediente conformarase na aplicación informática «Menor» a través da incorporación dos distintos documentos referentes ás persoas menores que cumpren medidas xudiciais.

14º. Contar coa autorización da consellería para dar publicidade en calquera soporte das intervencións realizadas ao abeiro do convenio como nas publicacións, estatísticas, memorias ou similar.

15º. Contar coa autorización da Consellería para a organización de eventos como os seminarios, congresos, xornadas ou similar, así como para a presentación de relatorios, comunicacións e outros en que se traten temas directamente relacionados coa actividade conveniada.

16º. Elaborar a memoria anual de acordo coas instrucións establecidas na circular vixente en materia de internamento.

17º. Colaborar coa Administración na investigación, estudo e desenvolvemento de programas relacionados coa delincuencia xuvenil en Galicia.

18º. Incorporar en todo o material e documentación xerada polo programa o logotipo da identificación corporativa da Xunta de Galicia.

19º. Colaborar na realización de practicums coas universidades que teñan convenio coa Xunta de Galicia.

Sétima. Compromisos económicos e forma de pagamento e xustificación

A entidade percibirá da Consellería de Política Social e Xuventude, con cargo aos orzamentos aprobados para estes fins, unha compensación polos gastos en que incorra no desenvolvemento do convenio de XXX, que en ningún caso supón un beneficio económico para a entidade conveniada, tendo en conta o disposto na Resolución do 11 de xaneiro de 2023 da convocatoria do procedemento de selección.

A dita compensación será satisfeita por meses vencidos, logo da xustificación dos gastos mediante a factura correspondente.

Para o aboamento da compensación a entidade colaboradora presentará á dirección xeral con competencias na materia de familia, infancia e dinamización demográfica, dentro dos cinco días seguintes ao mes en que se levou a cabo a actividade conveniada, os seguintes documentos:

a) A factura correspondente conforme o establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

As facturas presentaranse a través do punto xeral de entrada do Sistema electrónico de facturación da Comunidade Autónoma de Galicia. O acceso ao devandito punto xeral de entrada será a través do seguinte enlace: URL: http://conselleriadefacenda.es/factura

b) Certificado da entidade onde conste o persoal que leva a cabo a actividade no centro no mes correspondente ordenado por grupo profesional e posto de traballo, especificando o nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, tipo de contrato e dedicación horaria. Na dita relación deben constar as datas de alta e baixa do persoal producidas no dito mes. No caso do persoal que causa baixa, debe indicarse a persoa que o substitúe, e a data en que inicia a súa actividade, achegando a documentación acreditativa da titulación así como o currículo profesional.

c) Copia dos recibos de liquidacións de cotizacións e recibos nominais de traballadores da Seguridade Social do dito persoal.

d) No suposto da subcontratación de actividades, a entidade deberá de comunicar á Administración a dita subcontratación, así como achegar copia das facturas das actividades subcontratadas.

Salvo autorización do responsable do tratamento, non está permitida a subcontratación do tratamento de datos persoais.

e) Relación detallada de todas as persoas menores que estiveron executando unha medida no período facturado, asinada pola persoa responsable do centro, especificando: nome e apelidos, data de nacemento, expediente xudicial, data de ingreso, data de fin de medida e movemento de permanencia, alta ou baixa.

Oitava. Información básica en materia de protección de datos de carácter persoal

A entidade seleccionada para a execución do convenio declarará documentalmente que se responsabiliza de que o tratamento de datos de carácter persoal que se poida realizar se fará con absoluto respecto das normas de seguridade, de acordo co establecido no Regulamento 2016/679 (UE) xeral de protección de datos persoais, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e será, así mesmo, de aplicación a disposición adicional vixésimo quinta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e demais normativa nacional e da Unión Europea de aplicación. En caso de incumprimento do estipulado, a entidade seleccionada e o persoal asignado ao proxecto serán responsables das infraccións que deriven del.

2. A entidade colaboradora deberá respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos e informacións que lle sexan confiados para a formalización da súa oferta ou que sexan elaborados con ocasión da execución do convenio. Así mesmo, queda expresamente obrigada:

a) A utilizar a dita información exclusivamente no ámbito da relación derivada da execución do convenio para as finalidades previstas nel.

b) A non comunicala, nin total nin parcialmente, a ningún terceiro sen autorización expresa do emisor salvo nos casos expresamente previstos na lei, exixindo idéntico compromiso ao persoal que empregue ou que con el colabore na execución do convenio.

c) A facilitar o acceso á información unicamente ao persoal que a necesite para o desenvolvemento da dita relación, a quen se comunicará a obrigación de tratar a información a que se lles dá acceso con carácter estritamente confidencial.

d) A aplicar medidas de cautela e protección e destruír en calquera momento a documentación escrita recibida, se así o solicita a parte que a forneceu.

Considerarase información confidencial aquela a que a entidade seleccionada acceda en virtude do presente convenio, especialmente a correspondente ás persoas menores sometidas a medidas xudiciais, así como as decisións e actuacións por parte dos xuíces de menores e da fiscalía.

A entidade colaboradora, respecto ao tratamento de datos persoais que puidese levar a cabo en virtude da prestación de servizos conveniada, terá a consideración de encargado do tratamento para os efectos do disposto no artigo 28 e concordantes do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 polo que deberá dar cumprimento ás obrigacións incluídas a continuación, exixindo idéntico compromiso do persoal ao seu servizo:

Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, ou os que recolla para a súa inclusión, só para a finalidade obxecto deste encargo. En ningún caso poderá utilizar os datos para fins propios.

Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento, a Consellería de Política Social e Xuventude. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos informará inmediatamente o responsable.

Non comunicar os datos a terceiras persoas, salvo que conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, nos supostos legalmente admisibles. O encargado pode comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste último.

Garantir que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das que serán informadas convenientemente. A entidade colaboradora manterá á disposición da Consellería de Política Social e Xuventude a documentación acreditativa do cumprimento desta obrigación.

Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

Asistir á Consellería de Política Social e Xuventude na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que este poida cumprir coa súa obrigación de responder ás devanditas solicitudes dos interesados nos prazos previstos pola normativa vixente. Para iso, a entidade colaboradora facilitará á Consellería a requirimento desta, e á maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que os afectados solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante a entidade colaboradora, esta informaraos a través de calquera medio fidedigno de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/informacionxeral-proteccion-datos

No caso de que o obxecto do convenio prevexa a recollida de datos directamente pola entidade seleccionada para a execución do convenio, esta facilitará a información relativa aos tratamentos de datos que se van realizar no momento de solicitar os datos.

Notificar á Consellería do tratamento, de forma inmediata e implementando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación, e comunicación da incidencia, de ser o caso, á Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016.

Dar apoio á Consellería do tratamento na realización das avaliacións de impacto relativas á protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control, cando cumpra. Implantar as previsións recollidas no Real decreto 3/2010, de 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:

a) Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanentes dos sistemas e servizos de tratamento.

b) Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais de forma rápida, en caso de incidencia física ou técnica.

c) Verificar, avaliar e valorar, de forma regular, a eficacia das medidas técnicas e organizativas implantadas para garantir a seguridade do tratamento.

d) Seudonimizar e cifrar os datos persoais, se for necesario. Poñer á disposición da consellería toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigacións, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos por entidades acreditadas ou, en caso de non existir, facilitando a realización das auditorías ou as inspeccións que realicen o responsable ou outro auditor autorizado.

e) Devolver á consellería, unha vez cumpridas as prestacións obxecto do presente convenio, os datos de carácter persoal e, de ser o caso, os soportes onde consten. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este último poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres se poidan derivar responsabilidades da execución do convenio.

Novena. Comisión mixta de seguimento

De acordo coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico en Galicia, constituirase unha Comisión Mixta para o seguimento do presente convenio á cal serán sometidas todas as cuestións derivadas do seu desenvolvemento ademais de, con carácter previo, aquelas que impliquen desconformidade por algunha das partes asinantes.

Esta comisión, presidida pola representante da Administración, estará integrada por:

a) A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica ou persoa que a supla de acordo co establecido no Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude.

b) O/a represente legal da entidade XXXXXX ou persoa que o supla.

Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.

A propia comisión acordará o seu calendario de reunións.

Décima. Vixencia e posibles prórrogas

O convenio que se subscriba ao abeiro do presente procedemento producirá efectos desde a data da súa sinatura ata o 31 de marzo de 2025, e poderá prorrogarse por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de 2 anos, de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, todo iso condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos exercicios correspondentes.

No caso de que non se prorrogue o convenio por causas imputables á entidade conveniada, esta debe continuar coa actividade que viña desenvolvendo en canto a Administración non formalice un novo convenio con outra entidade.

Décimo primeira. Modificación do convenio

Cando xurdan circunstancias concretas, debidamente xustificadas, que alteren as condicións establecidas no convenio de colaboración, poderá formalizarse unha modificación ao convenio de colaboración que requirirá acordo unánime das partes, logo dos trámites legais exixidos. O dito acordo que inclúa tal modificación, deberá incluírse como addenda ao convenio.

Décimo segunda. Causas de extinción

Serán causas de resolución do presente convenio as seguintes:

a) Expiración do prazo de vixencia.

b) Mutuo acordo das partes outorgantes.

c) O incumprimento dos compromisos e cláusulas do convenio.

d) Imposibilidade sobrevida do obxecto do convenio.

Décimo terceira. Consecuencias do incumprimento

O incumprimento de calquera das cláusulas do presente convenio será causa de resolución del.

A parte incumpridora non terá que indemnizar economicamente a outra parte por incumprimento das obrigas do convenio e pola súa resolución, sen prexuízo da súa responsabilidade fronte a terceiros.

Décimo cuarta. Natureza xurídica e cuestións litixiosas

O presente convenio terá carácter administrativo e rexerase polo establecido nas súas cláusulas e, na súa falta, polo establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para resolver as lagoas e dúbidas que se puidesen presentar.

A Administración gozará de todas as prerrogativas inherentes á natureza administrativa do convenio á hora de interpretar, modificar ou resolver as lagoas ou dúbidas que puideren presentarse.

Correspóndelle á Consellería de Política Social e Xuventude a resolución de cantas cuestións litixiosas xurdan sobre a interpretación, modificación ou efectos do convenio, poñendo os seus acordos fin á vía administrativa, e cabe contra eles recurso contencioso-administrativo segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para tales efectos, o tribunal competente será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Porén, contra os actos da Administración poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ao abeiro do establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo quinta. Publicidade do convenio

Este convenio será obxecto de publicidade de acordo co previsto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Así mesmo, incluirase no Rexistro Público de Convenios, de conformidade co Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

As partes asinantes do convenio manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan neste convenio, así como o resto das especificacións contidas nel, poidan ser publicados no Portal de transparencia e goberno aberto.

En proba de conformidade con canto antecede, ambas partes asinan, no lugar e data expresados na súa sinatura dixital.