Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2023 Páx. 9698

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR605A).

BDNS (Identif.): 671815.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, non admitíndose a cesión por parte do arrendatario do terreo a un terceiro.

2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1. Para as actuacións incluídas no artigo 5.1.a).3º (axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras), tamén poderán ser beneficiarias as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

5. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán ter a inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda. As fundacións deben ter a inscrición definitiva no Rexistro de Fundacións de Interese Galego adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes tamén, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude de axuda.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR605A), e se convocan para o ano 2023, a través de dúas liñas de axuda.

2. As dúas liñas de axuda obxecto de subvención son as seguintes:

a) Liña I (medida Feader 8.3 axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes): axudas para realizar tratamentos silvícolas (prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible (como son rozas, desmestas, rareos e podas), coa finalidade de prevención de incendios e as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, e especificamente en piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra).

b) Liña II (medida Feader 8.5): axudas para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.

3. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.c), 21.1.d), 24 e 25 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015 e modificado, por última vez, mediante a Decisión de execución da Comisión, C(2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR605A).

Cuarto. Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2023 e 2024, con cargo aos seguintes códigos de proxecto:

a) 14.03.713B.770.0.2016 00209 por un importe de 7.469.246,03 € distribuídos do seguinte xeito:

– 746.924,60 € ano 2023.

– 6.722.321,43 € ano 2024.

Dentro de cada tipo de beneficiario, excepto entidades locais, segundo o tipo de traballo, distribúese o crédito do seguinte xeito:

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).1º (rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 15 cm): 316.198,08 € para o ano 2023, 2.845.782,74 € para o ano 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.a). 2º (rozas e podas en masas de coníferas): 373.462,30 € para o ano 2023, 3.361.160,71 € para o ano 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).3º (axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras): 40.665,90 € para o ano 2023, 365.993,06 € para o ano 2024. A dotación orzamentaria correspondente ao ano 2023, resérvase exclusivamente no caso no que a Resolución da Dirección Xeral de Sanidade da Produción Agraria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación autorice o adianto do período de aplicación correspondente á campaña do 2024 a finais do ano 2023.

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).4º (rozas en masas de coníferas (piñeiros): 16.598,32 € para o ano 2023, 149.384,92 € para o ano 2024.

b) 14.03.713B.770.0.2016 00210 por un importe de 1.935.770,75 € distribuídos do seguinte xeito:

– 193.577,08 € ano 2023.

– 1.742.193,67 € ano 2024.

Dentro de cada tipo de beneficiario, excepto entidades locais, segundo o tipo de traballo, distribúese o crédito do seguinte xeito:

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.b).1º (tratamentos silvícolas de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio inferior a 30 cm): 96.788,54 € para o ano 2023, 871.096,84 € para o ano 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.b).2º (rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros): 96.788,54 € para o ano 2023, 871.096,83 € para o ano 2024.

c) 14.03.713B.760.0.2016 00209 só para entidades locais por un importe de 59.752,97 € distribuídos do seguinte xeito:

– 5.974,40 € ano 2023.

– 53.778,57 € ano 2024.

Segundo o tipo de traballo, distribúese o crédito do seguinte xeito:

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).1º (rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 15 cm): 1.658,83 € para o ano 2023, 14.938,49 € para o ano 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).2º (rozas e podas en masas de coníferas): 2.655,73 € para o ano 2023, 23.901,59 € para o ano 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).3º (axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras): 829,92 € para o ano 2023, 7.469,25 € para o ano 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.a).4º (rozas en masas de coníferas (piñeiros): 829,92 € para o ano 2023, 7.469,24 € para o ano 2024.

d) 14.03.713B.760.0.2016 00210 só para entidades locais por un importe de 23.229,25 € distribuídos do seguinte xeito:

– 2.322,92 € ano 2023.

– 20.906,33 € ano 2024.

Segundo o tipo de traballo, distribúese o crédito do seguinte xeito:

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.b).1º (tratamentos silvícolas de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio inferior a 30 cm): 1.161,46 € para o ano 2023, 10.453,17 € para o ano 2024.

– Actuacións incluídas no artigo 5.1.b).2º (rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros): 1.161,46 € para o ano 2023, 10.453,16 € para o ano 2024.

2. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme ao establecido no apartado a) do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

3. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A consellería competente no medio rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

5. A distribución de fondos e aplicacións orzamentarias sinaladas son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se deberá axustar, trala valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola persoa titular da subdirección xeral de recursos forestais contemplada no artigo 15.6 da orde. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa á que se refire o artigo 17 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural