Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2023 Páx. 9504

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427D).

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha Proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe no cal se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e no que se incluísen un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais.

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para acadar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe da Ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero, culminando a súa ratificación en decembro de 2017.

As medidas relativas ao compromiso económico vinculado ao desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero establecían que o financiamento debía alcanzar o horizonte temporal necesario para materializar o conxunto de medidas acordadas nel e desde a súa aprobación incluían un primeiro escenario, que abarcaba o primeiros cinco exercicios orzamentarios desde a aprobación do Pacto, isto é, desde 2018 a 2022. Con todo, prevíase que este horizonte temporal puidese actualizarse e redefinirse dentro da propia Comisión de Seguimento do Pacto constituída no Congreso.

O día 25 de novembro de 2021, catro anos despois da aprobación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero de 2017, a maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, conscientes de que o Pacto de Estado non pode ter como horizonte temporal o mes de setembro de 2022, senón que debe continuar vertebrando a nosa resposta como país fronte á violencia machista, asinaron un acordo de renovación do ditame, onde novamente se plasmou a vontade de todos os actores institucionais de seguir traballando polo cumprimento das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o establecemento dun marco ampliado e permanente para o desenvolvemento de políticas públicas que o fortalezan.

Con base en todo o anterior, o 22 de xullo de 2022 a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que se derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia.

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

O Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade establece que corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica, entre outras funcións, «as de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia».

Os centros de información ás mulleres (en diante, CIM) son un conxunto de recursos das entidades locais, desde os que se articula unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, revelándose como instrumentos dunha importancia decisiva no ámbito local e na promoción da igualdade, así como na atención prestada ás mulleres vítimas de violencia de xénero, converténdose en ferramentas decisivas na prevención, detección, tratamento e loita en xeral contra a violencia de xénero desde unha relación de proximidade e atención directa.

Para consolidar estes recursos e para contribuír a que oferten uns servizos de calidade nunha contorna adecuada, considérase necesario incidir na súa mellora e na do seu equipamento, o que permitirá, non só desenvolver dun xeito normal as súas actividades cotiás, senón tamén favorecer o traballo en rede e a utilización de ferramentas TIC.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no orzamento crédito adecuado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Consecuentemente con todo o anterior e unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2023 as subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM).

O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI427D.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

3. As subvencións recollidas na presente resolución teñen por obxecto o financiamento de actuacións de rehabilitación e mellora do equipamento dos CIM realizadas con posterioridade á publicación das presentes bases reguladoras.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase crédito por un importe de 734.628 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 2023 11.20.313D.760.0 (código de proxecto 2018 00112).

Esta partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.

4. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as entidades locais de Galicia titulares de centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

2. Para poder acceder ás subvencións, as entidades beneficiarias deberán cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para poder acceder ás subvencións, as entidades beneficiarias deberán ter presentado a memoria anual do CIM correspondente ao ano 2021 ante a Secretaría Xeral da Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

5. Para poder ser beneficiaria destas axudas, a entidade local deberá ter cumprido o requisito de ter remitido as contas do exercicio orzamentario 2021 ao Consello de Contas de Galicia.

6. No suposto previsto no artigo 2.6 do Decreto 130/2016, cando se trate da prestación conxunta do servizo de CIM por varias entidades locais, todas elas teñen que cumprir os requisitos indicados nos puntos anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Neste caso, as entidades locais que presten conxuntamente o servizo de CIM nomearán unha persoa como representante única, que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Secretaría Xeral da Igualdade e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome do CIM de xestión compartida.

7. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes ou ben na data en que remate o prazo para a constestación do requirimento para a documentación sinalada nos puntos 4 e 5 deste artigo.

Artigo 4. Tipoloxía das axudas

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as seguintes actuacións:

a) As actuacións de rehabilitación, entendendo por tales as obras encamiñadas á mellora da conservación, á mellora da eficiencia enerxética, á mellora da accesibilidade e á mellora da habitabilidade dos edificios dos CIM.

b) A adquisición de equipamento informático (ordenadores, monitores, impresoras e similares), de equipamento de oficina (fotocopiadoras e similares) e mobiliario (mesas, cadeiras e similares).

2. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables os gastos que reúnan algunha das seguintes características:

a) Os gastos de demolición, cimentación ou estrutura, a construción de novos edificios, a ampliación das construcións xa existentes, o gasto de persoal propio e os impostos, taxas ou tributos.

b) Os gastos de material para o normal funcionamento dos equipamentos informáticos, ofimáticos, de transmisión e outros, a adquisición de soportes e memorias externas e de gravación en xeral, os paquetes estándar de software e similares.

c) Os bens funxibles, non susceptibles de inclusión en inventario, e os gastos previsiblemente reiterativos.

Artigo 5. Contía da subvención

1. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade, ao abeiro desta convocatoria de axudas, é de 16.640 euros.

2. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública ou incentivo para a mesma actuación ou actividade.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme o anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

3. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: orzamento desagregado do proxecto de rehabilitación ou para o equipamento do CIM, asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante.

b) Documentación acreditativa da remisión das contas xerais do exercicio 2021 ao Consello de Contas.

c) Memoria descritiva das actuacións que se van realizar. No caso dos CIM con xestión compartida, deberán indicar con que concellos comparten os servizos.

d) Calquera outra documentación pertinente para unha mellor valoración da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite a correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 13. Publicación na BDNS

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 14. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

3. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 15. Resolución

1. A resolución dos expedientes das subvencións reguladas na presente resolución correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, que logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo de resolución e notificación será de 3 meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación, comprometéndose a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada.

4. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos.

5. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 2 desta resolución.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 19. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboaráselles ás entidades beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda, logo de presentaren a documentación xustificativa e unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida.

3. As entidades beneficiarias das subvencións deberán presentar a solicitude de pagamento coa data límite do 30 de novembro de 2023. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data do 30 de novembro de 2023.

4. Para proceder ao pagamento, deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo III: solicitude de pagamento da axuda, debidamente cuberta e asinada pola persoa que teña a representación legal da entidade, na cal deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o importe total do investimento realizado, segundo o sinalado no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Anexo IV: certificación dos gastos realizados, polo órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

c) Relación ordenada das facturas ou documentos con valor probatorio equivalente segundo o concepto a que se atribúe, xunto cos xustificantes bancarios ou documentos acreditativos que acrediten o seu pagamento. No xustificante bancario deberá constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.

d) Deberase cumprir o disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modificado pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas), cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso da obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

e) Anexo V: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións, e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Memoria explicativa do proxecto de investimento efectivamente realizado en relación coa axuda concedida, xunto coas fotografías da actuación de rehabilitación realizada ou do equipamento adquirido, nas cales se deixe constancia do cumprimento das obrigas de información e publicidade derivadas do seu financiamento público.

5. Transcorridos os prazos indicados sen que as entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requirirállela para que a presente nun prazo improrrogable de dez (10) días.

6. A falta de presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención.

Así mesmo, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

Artigo 20. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, e a actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) A entidade beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto dos bens, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo perante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta resolución e na de concesión.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Comunicarlle á Secretaria Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

f) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta resolución e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade.

i) No caso de obras de rehabilitación, conservar toda a documentación técnica exixida polas normas legais na materia, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Designar unha persoa, que actuará como profesional de referencia, para as funcións de coordinación coa Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. O incumprimento da obriga de destino sinalada no artigo 21.1.a) desta resolución será causa do reintegro das cantidades percibidas.

3. Procederá o reintegro total da subvención percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.

4. Procederá o reintegro do 10 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

6. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 24. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades das subvencións.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 25. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI427D, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 26. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta Resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional única. Esgotamento de crédito

Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023

Susana López Abella
Secretaria Xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file