Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2023 Páx. 9817

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR924C).

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propios.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 4 da lei recolle a distinta tipoloxía de entidades galegas que poderán ser recoñecidas ao seu abeiro.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo a que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás comunidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior executaren obras de ampliación, reforma, rehabilitación, conservación das súas instalacións e restauración do seu patrimonio, ou a mellora de dotacións e equipamentos.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, dado que, debido ao obxecto, a finalidade e a natureza das entidades beneficiarias, é interese da propia convocatoria atender todas as solicitudes que reúnan os requisitos exixidos. A contía individual da subvención fixarase a través dun rateo proporcional determinado pola aplicación dos criterios que para cada programa se establecen, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación a que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas (código de procedemento PR924C):

– Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural.

– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2023.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade. No caso de federacións de comunidades e/ou entidades, deben contar con local social diferenciado do das entidades asociadas.

2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para accederen á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro de cada programa os gastos e proxectos que se indican no capítulo II, disposicións específicas, desta convocatoria.

Só poderán ser subvencionados proxectos que se vaian executar no prazo comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 30 de setembro de 2023.

O importe da subvención solicitada será, como máximo, o 80 % do investimento total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado supere esa cifra, non se terá en conta o exceso.

Para fixar o importe do investimento total previsto deberán terse en conta os límites establecidos no artigo 4.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución, destinarase un crédito total de 575.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.781.0 –axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións–, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023. Excepcionalmente, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nas circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das anteriores circunstancias e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. O crédito distribuirase do xeito que segue:

– Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural, 425.000 €.

Só se concederán axudas por este programa ás entidades que sexan propietarias dos bens onde se vaian executar as obras ou que os teñan en réxime de aluguer ou de cesión de uso.

O importe máximo dos investimentos do proxecto para o que se solicite subvención non poderá superar a contía de 60.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non se terá en conta para os efectos de determinar o importe da subvención.

O importe máximo que se concederá será inferior a 30.000 € para obras que se realicen en inmobles propiedade da entidade solicitante ou que teña cedidos en uso exclusivo por administracións ou entes públicos, para os que acredite un período de vixencia de 15 anos ou superior, contado desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que o período de cesión vixente remate entre os próximos 10 e 15 anos, o importe máximo da axuda diminuirase a razón de 4.000 €/ano.

Non se concederán axudas superiores a 6.000 € para obras en inmobles alugados, nin tampouco en inmobles cedidos por un período que remate antes dos 10 anos seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

– Programa B. Axudas para mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable, 150.000 €.

O importe máximo dos investimentos do proxecto para o cal se solicite subvención non poderá superar a contía de 30.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para os efectos de determinar o importe da subvención.

O importe máximo que se concederá neste programa será de 15.000 €.

3. De existir remanente nalgún dos dous programas, poderá ser redistribuído pasando a incrementar a consignación do outro programa.

4. Este expediente tramítase como anticipado de gasto ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, onde existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2023. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 5. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que leve a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Bos Aires (Arxentina) e de Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes.

2. As entidades só poderán presentar a solicitude para un dos dous programas previstos no artigo 1 desta resolución, agás nos casos das resultantes de procesos de unión ou fusión que estivesen finalizados na data de remate de prazo de presentación de solicitude, ou cando pedisen a través do programa B para a adquisición das aplicacións informáticas a que se refire o artigo 29.b) desta convocatoria; nestes casos, o importe máximo da suma das axudas que se poden conceder nos dous programas será inferior a 30.000 €, sen que superen os límites establecidos para cada un no artigo 4.

3. Os importes dos orzamentos e da distribución do seu financiamento que se fagan constar nas solicitudes (anexo I) deberán figurar en euros. Cando se presenten orzamentos en moeda distinta ao euro, aplicaráselles o cambio de compra vixente no día da publicación da convocatoria.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación común aos dous programas:

1º. Certificado de residencia fiscal para as entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, emitido en 2023 polas autoridades competentes do seu país de residencia.

2º. Declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I desta resolución.

b) Documentación específica para o programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural:

1º. Memoria descritiva das obras que se vaian realizar. Detallaranse polo miúdo as obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, aluguer, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización.

2º. Orzamento ou orzamentos realizados por empresas en que se detalle o custo das obras referidas na memoria para as que se solicita a subvención. O importe máximo dos investimentos non poderá superar a contía prevista na convocatoria. No caso de que o proxecto presentado supere ese importe, non se terá en conta o exceso.

3º. Cando o importe dun proxecto de investimento subvencionable sexa igual ou superior a 40.000 euros, nalgunha das obras deberanse achegar tres orzamentos de diferentes empresas, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado número abondo de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

4º. No caso de adquisición da sede social, de instalacións ou de créditos, memoria xustificativa, copia da escritura pública da adquisición e/ou copia do contrato do crédito concertado xunto co cadro de amortización.

5º. No caso de restauracións, memoria xustificativa, informe asinado por persoal técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental e orzamento detallado do custo da restauración.

6º. No caso de non seren propietarias das instalacións da sede social, documento de cesión de uso ou copia do contrato oficial vixente de aluguer do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, a non ser que xa conste copia na Secretaría Xeral da Emigración, e se faga constar así expresamente. Na documentación achegada debe constar a data do seu vencemento e que o local alugado ou cedido é a sede social da entidade.

c) Documentación específica para o programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable:

1º. Memoria descritiva dos equipamentos que se pretenden adquirir, en que consten os motivos e/ou necesidade da adquisición e a súa finalidade que deberá constar entre as regulamentarias da sociedade.

2º. Orzamento ou orzamentos realizados por empresas provedoras en que se detalle o custo dos equipamentos para os que se solicita a subvención.

3º. Cando o importe dun proxecto de investimento subvencionable sexa igual ou superior a 15.000 euros nalgún dos equipamentos, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que superen o dito importe, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número abondo de entidades que subministren os equipamentos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución a calquera destes idiomas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito electrónico.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Consecuentemente co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo/a presidente/a ou polo/a representante legal da entidade solicitante.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

a) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

b) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e resolución

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia non competitiva polo sistema de rateo previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 9.1 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá un informe no cal se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión.

Estará formado por tres persoas vogais e unha persoa secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún/dalgunha dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

6. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados para cada programa nos artigos 28 e 30 desta resolución.

7. O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa, tendo en conta a distribución do crédito, o investimento total previsto en cada solicitude e a puntuación acadada de acordo co disposto na convocatoria.

En función do número de puntos que acade cada solicitude aplicarase a porcentaxe que corresponda segundo o contido do anexo A. A contía que se concederá a cada entidade resultará de aplicar a dita porcentaxe ao importe do custo dos proxectos para os que se pide a subvención, sen que supere o límite previsto no artigo 4, nin o 80 % do orzamento do proxecto –minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable–, nin a contía solicitada.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a adquisición de aplicacións informáticas para a xestión das entidades prevista na letra b) do artigo 29 subvencionarase nun 80 % do importe do investimento.

Atendendo ás características dos programas convocados, non se concederán axudas por contía inferior a 250 €. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía distribuiranse, de xeito porcentual, entre o resto de axudas propostas tendo en conta os límites previstos nos parágrafos anteriores.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

9. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración resolverá esta convocatoria dentro das dispoñibilidades orzamentarias e ditará as resolucións que procedan, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada programa proposto na resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar a entidade beneficiaria para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. A comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes efectuarase a través do taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e da páxina web http://emigracion.xunta.gal. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación en que dea conta da realización desta publicación. Non obstante, o prazo de dez días computarase desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

3. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días para remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes segundo o modelo que figura como anexo II. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

4. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

5. No suposto de que non se opte pola reformulación, co obxecto de garantir os dereitos ou beneficios que lles poida reportar ás entidades beneficiarias o feito de axustaren os seus compromisos á contía da subvención proposta, a Secretaría Xeral recollerá na resolución de concesión a contía do gasto mínimo que deben xustificar para ter dereito a cobrar a totalidade da axuda concedida, logo de excluír os gastos non subvencionables de conformidade co establecido nesta resolución.

O importe do gasto mínimo enmarcarase dentro do establecido nesta resolución sen modificar a correlación das fontes de financiamento consignadas pola entidade beneficiaria na súa solicitude inicial, polo que será o maior dos seguintes:

a) O resultante da aplicación da porcentaxe que representa a subvención concedida respecto da solicitada pola entidade beneficiaria na solicitude sobre o importe total do investimento (minorado nos gastos non subvencionables, de ser o caso).

b) Aquel que, ao aplicarlle o límite máximo do 80 % permitido, coincida coa subvención concedida.

Artigo 12. Notificacións

1. As resolucións serán notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Excepcionalmente, no caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, de acordo co previsto no artigo 6.1 desta convocatoria, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos; non obstante, aquelas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de solicitude. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo á Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, e a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorreren circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención, que se resolverá a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 17. Xustificación

1. As obras ou os equipamentos subvencionados a través desta convocatoria deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2023.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que non prexudique dereitos de terceiras persoas, sen que a dita ampliación poida aplicarse ao prazo de execución das obras ou da adquisición dos equipamentos subvencionados establecido no artigo 3 desta resolución.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe das subvencións para cada programa e entidade beneficiaria inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 18, as entidades beneficiarias deberán achegar á Secretaría Xeral da Emigración, no prazo establecido, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das obras efectivamente realizadas ou dos equipamentos adquiridos e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada das facturas ou documentos equivalentes dos investimentos realizados, con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, conforme o modelo normalizado que figura como anexo III.

No suposto de entidades residentes en países con moeda distinta ao euro, o importe das facturas que se relacionen non anexo III deberá figurar co que conste en cada unha na moeda nacional correspondente. O importe total do anexo III será a suma do total das facturas relacionadas na moeda nacional que corresponda, facendo constar ademais o seu equivalente en euros. A equivalencia deste total a euros calcularase aplicándolle a cada factura o primeiro cambio de compra que se publique para o mes que corresponda á data de expedición da factura.

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a acción subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia, segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV.

d) As entidades con sede social en España deberán acreditar que están ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, así como que non teñen débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, salvo no caso das subvencións que non superen os 3.000 € individualmente, en que presentarán declaración responsable de estaren ao día nesas obrigas. As restantes entidades beneficiarias deberán presentar esta declaración, xa incluída no anexo IV.

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas, de acordo co disposto no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

6. En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €, ben en documento independente, no cal consten o importe recibido, a referencia da factura á que corresponde, a data en que se efectúa o pagamento e a sinatura do provedor, ben mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que conste «recibín en efectivo» ou expresión equivalente.

7. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir ás entidades beneficiarias a remisión dos xustificantes de gasto e de pagamento seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética asignándolles un número correlativo. Escóllese un número ao azar do 1 ao 20, que determinará a primeira entidade que será obxecto da mostraxe, e os seguintes que se elixan serán múltiplos del.

Artigo 18. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, logo de solicitude xustificada pola entidade, poderanse efectuar pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida, de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estes pagamentos estarán suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. O resto do importe ou a parte que corresponda librarase logo de as entidades beneficiarias completaren a xustificación do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e as demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido nos artigos 65.4.h) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto destas. Poden subcontratar con terceiras persoas ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 20. Requirimentos

De acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.gal

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación dos requirimentos na páxina web indicada e non desde a súa comunicación.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a:

1. Executar as obras, adquirir os equipamentos ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida polo órgano concedente, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as accións subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, ou o resultante da aplicación do artigo 11, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude ou poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, logo de resolución da secretaría xeral, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculada en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 11.

6. Difundir o cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación, publicacións por calquera medio, carteleira ou placas de inauguración que se realicen con motivo da actuación subvencionada, inserindo en lugar visible o logo da Xunta de Galicia coa lenda: «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia». Nas obras ou en equipamentos específicos de carácter singular cunha subvención igual ou superior a 7.500 € será obrigatoria a colocación dunha placa de carácter permanente.

7. Os bens inmobles rehabilitados destinaranse á sede habitual e permanente da entidade galega beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos. O resto dos bens de equipamento subvencionados deberán destinarse para o fin para o que se concedeu a subvención durante un período mínimo de tres anos.

O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro da subvención nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os bens quedarán afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa quen os posúa, salvo que resulte ser unha terceira persoa protexida pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título.

Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame do ben, ou a disolución da entidade, sexa autorizada pola Secretaría Xeral da Emigración, e a entidade beneficiaria deberá comunicar con antelación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto a persoa adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se debe minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando proceda o reintegro da subvención a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Control e comprobación

1. A Secretaria Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na demais normativa que a desenvolva.

CAPÍTULO II

Disposicións específicas para cada programa

Sección Primeira

Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións
e conservación do patrimonio cultural

Artigo 27. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións ás entidades galegas no exterior para contribuír ao financiamento dos gastos derivados dos investimentos que realicen en obras de ampliación, reforma, rehabilitación, conservación e restauración, destinadas á mellora das súas instalacións e/ou patrimonio cultural. Considérase igualmente incluído no obxecto deste programa o financiamento dos gastos derivados da adquisición da sede social ou de instalacións para o desenvolvemento de actividades propias do seu obxecto, e os de amortización de créditos concertados para esta finalidade ou para a realización de obras, de ser o caso.

Non se concederán subvencións para as obras que se pretendan realizar nos establecementos hostaleiros ou calquera tipo de explotación comercial que funcione dentro das instalacións obxecto da solicitude cando non estean xestionados directamente pola entidade e lles corresponda facelas ao xestor conforme o contrato subscrito coa entidade.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

1. Investimentos en obras que realicen as entidades galegas en instalacións da súa propiedade para ampliación, reforma, rehabilitación ou conservación, investimentos para a adquisición da sede social ou de instalacións, así como, de ser o caso, os de amortización do crédito concertado para estas finalidades.

2. Investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación, conservación ou adaptación das instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente.

3. Realización do proxecto de obras asinado por persoal técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras. O importe destes gastos non poderá superar o 10 % da totalidade do investimento proxectado.

4. Investimentos na restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levadas a cabo por persoal técnico competente en cada unha das materias.

Artigo 28. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia do proxecto: ata un máximo de 40 puntos.

Á vista da memoria descritiva das accións que se vaian acometer, valorarase o grao de urxencia ou necesidade das obras que se van realizar, así como a repercusión e a influencia que poidan ter nas persoas asociadas, no seu ámbito e no seu contorno.

– Obras de rehabilitación que haxa que acometer con urxencia pola afectación nas instalacións de desastres naturais ou outras catástrofes de carácter imprevisto: ata 40 puntos.

– Obras de rehabilitación ou reforma en que quede acreditada a súa urxente necesidade e investimentos na adquisición da sede social ou de instalacións: ata 35 puntos.

– Obras de ampliación, reforma ou rehabilitación destinadas ou non a ampliar ou mellorar a oferta de uso das persoas asociadas: ata 20 puntos.

– Obras de conservación, reparación ou restauración, destinadas ou non a ampliar ou mellorar a oferta de uso das persoas asociadas, sexa ou non o inmoble propiedade da entidade solicitante: ata 15 puntos.

– Accións de restauración do patrimonio cultural inventariable da entidade: ata 15 puntos.

Para aquelas entidades en que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega non acade o 40 % do total, as puntuacións que se sinalan neste punto reduciranse á metade.

1.2. Estado de conservación das instalacións, locais ou edificios en que se vai realizar o investimento: ata 12 puntos.

Outorgarase maior puntuación a aquelas instalacións, locais ou edificios cuxo estado de conservación estea máis deteriorado. Tamén se puntuará máis cando os inmobles sexan propiedade da entidade solicitante.

1.3. Grao de novidade dos investimentos para os que se solicita a subvención, en relación cos que foron presentados pola entidade en anos anteriores: ata 8 puntos.

– Cando os investimentos para os que se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos solicitados nos tres últimos anos: de 6 a 8 puntos.

– Cando os investimentos para os que se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos solicitados nos tres últimos anos: de 4 a 6 puntos.

– Cando os investimentos para os que se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os que se solicitou a axuda durante os tres últimos anos: ata 3 puntos.

1.4. Entidades que conten con sección, departamento ou vogalía específica para a mocidade da que exista constancia no Rexistro da Galeguidade: ata 5 puntos.

1.5. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, incluído, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas: ata 15 puntos.

1.6. Nivel de financiamento das accións a través doutras fontes distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien con outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento con outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección Segunda

Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos
de carácter inventariable

Artigo 29. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións para financiar a adquisición de dotacións e equipamentos que melloren as condicións en que se desenvolvan as actividades asociativas.

Non se concederán subvencións para a adquisición de equipamentos destinados aos establecementos hostaleiros ou doutro tipo cando teñan un carácter de explotación comercial e non estean xestionados directamente pola entidade e lles corresponda adquirilos ao xestor conforme o contrato subscrito coa entidade.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os seguintes investimentos:

a) Mobiliario e equipamentos materiais que melloren as condicións asistenciais, culturais, educativas, etc., en beneficio das persoas asociadas.

b) Adquisición de aplicacións informáticas de xestión das entidades compatibles coa presentación de solicitudes e documentación xustificativa para programas da Xunta de Galicia e co Rexistro da Galeguidade.

c) Equipamentos de materiais tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións.

d) Instrumentos musicais e vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade.

e) Equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades.

f) Outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades para a realización do seu obxecto social.

Artigo 30. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia do proxecto: ata 45 puntos.

– Valorarase a importancia dos equipamentos para o desenvolvemento das finalidades e actuacións da entidade en relación coas actividades de promoción, conservación ou difusión da lingua, vida social, cultural ou progreso de Galicia entre as persoas asociadas: ata 25 puntos.

– Valorarase o grao de carencia ou necesidade que teña a entidade dos equipamentos solicitados: ata 20 puntos.

Para aquelas entidades en que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega non acade o 40 % do total, as puntuacións que se sinalan neste punto reduciranse á metade.

1.2. Grao de novidade dos investimentos para os que se solicita a subvención, con relación aos que foron presentados pola entidade en anos anteriores: ata 15 puntos.

– Cando os investimentos para os que se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: 15 puntos.

– Cando os investimentos para os que se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: de 6 a 14 puntos.

– Cando os investimentos para os que se solicita a subvención sexan coincidentes cos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: ata 5 puntos.

1.3. Entidades que conten con sección, departamento ou vogalía específica para a mocidade da que exista constancia no Rexistro da Galeguidade: ata 5 puntos.

1.4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, incluído, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas: ata 15 puntos.

1.5. Nivel de financiamento con outras fontes distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO A

Porcentaxes que se aplicarán para determinar a contía das subvencións

Programa A. Axudas para obras.

Importe do proxecto
de gasto

Puntuación obtida

% que se aplicará sobre o custo do proxecto de gasto

< 20.000 €

< = 25 puntos

> 25 < 40

>= 40 < 60

>= 60 < 80

>= 80

20 %

20 % + 0,50 % por cada punto superior a 25

20 % + 1 % por cada punto superior a 25

20 % + 1,10 % por cada punto superior a 25

80 %

>= 20.000 < 40.000 €

<= 30 puntos

> 30 < 60

>= 60 < 80

>= 80

10 %

10 % + 1 % por cada punto superior a 30

10 % + 1,40 % por cada punto superior a 30

80 %

>= 40.000 €

<= 40 puntos

> 40 < 55

>= 55 < 70

>= 70 < 80

>= 80

10 %

10 % + 0,75 % por cada punto superior a 40

10 % + 1,25 % por cada punto superior a 40

10 % + 1,75 % por cada punto superior a 40

80 %

Programa B. Axudas para equipamentos.

< 10.000 €

<= 25

> 25 < 40

>= 40 < 60

>= 60 < 80

>= 80

20 %

20 % + 0,5 % por cada punto superior a 25

20 % + 1 % por cada punto superior a 25

20 % + 1,10 % por cada punto superior a 25

80 %

>= 10.000 < 20.000 €

<= 30 puntos

> 30 < 60

>= 60 < 80

>= 80

10 %

10 % + 1 % por cada punto superior a 30

10 % + 1,4 % por cada punto superior a 30

80 %

>= 20.000 €

<= 40

> 40 < 55

>= 55 < 70

>= 70 < 80

>= 80

10 %

10 % + 0,5 % por cada punto superior a 40

10 % +1,25 % por cada punto superior a 40

10 % + 1,75 % por cada punto superior a 40

80 %

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file