Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2023 Páx. 10730

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 8 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT207E).

A Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022, inclúe a aplicación orzamentaria 37.01.941O.45405, denominada Promoción da cinematografía en linguas cooficiais, por importe de 10.500.000 euros, cuxa finalidade é a transferencia aos organismos competentes das comunidades autónomas para atender ao fomento e protección do uso das linguas cooficiais distintas do castelán na cinematografía e no audiovisual.

Para dar cumprimento ao establecido na devandita lei, o 6 de decembro de 2022 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 28 de novembro de 2022, do Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), pola que se publica o convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) polo que se canaliza a concesión directa de axudas para fomentar a produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual en lingua cooficial distinta do castelán no ano 2022.

A cláusula cuarta deste convenio determina que os compromisos da entidade beneficiaria serán:

«– Convocar e conceder axudas en concorrencia competitiva ou directas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción do audiovisual en galego durante o exercicio 2022.

– Realizar actuacións de promoción, cando proceda, desde a entidade beneficiaria conforme as súas competencias.

– Recoñecer as obrigas e ter efectuado o pagamento antes do 1 de decembro de 2023».

A Axencia Galega das Industrias Culturais publicou, e concedeu, unha liña de axudas á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego para o ano 2022 (código de procedemento CT207E), que se adapta aos criterios e finalidades que persegue o convenio asinado co ICAA.

Porén, no momento da publicación desta liña de axudas, malia que estaba comprometido nos orzamentos xerais do Estado, non estaba asinado nin publicado o instrumento xurídico que permite canalizar a colaboración entre o ICAA e Agadic e, polo tanto, xerar o crédito asignado á Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo importe ascende a 1.212.805,03 euros.

Polo exposto, proponse a modificación da fonte de financiamento da liña de axudas e a inclusión de novas obrigas aos adxudicatarios no que atinxe á publicidade e difusión das actuacións efectuadas con cargo á axuda concedida.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar o artigo 5 no punto 1, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Financiamento, réxime de concesión, contías e límites

1. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 194.000 euros, con cargo ás seguintes aplicacións do orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa distribución e fonte de financiamento que se sinalan:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Ano 2022

Ano 2023

Fonte de Financiación

10.A1.432B.480.0

2015 00003

66.000 €

--

FCA

10.A1.432B.770.0

2022 00005

15.000 €

113.000 €

Fondos finalistas do Estado

Artigo 2.

Modificar o artigo 18, letras f) e g), que quedan redactadas como segue:

«Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

f) Dar axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuación de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, tanto nos actos públicos como no material de difusión que se elabore, y comprometerse a facer mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais no desenvolvemento das actividades subvencionadas. Igualmente, a persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa do Xacobeo 2021-2022, da Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, segundo as normas respectivas en materia de identidade corporativa de cada organismo.

g) Nas modalidades B (B1, B2), C e D, nos títulos de créditos iniciais da produción deberá figurar centrado en cartón único: «coa subvención da Xunta de Galicia e do ICAA» utilizando a imaxe gráfica corporativa que se descargará das páxinas oficiais de ambos os dous organismos».

Disposición adicional única

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais