Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2023 Páx. 11576

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vilanova de Arousa

ANUNCIO do convenio de planeamento urbanístico asinado coas empresas Proyección Comercial Atlántica, S.L. e Nugape Pet Food, S.L. e acordo plenario de aprobación.

En virtude do ordenado polo artigo 403.1 do Regulamento 143/2016, do 22 de setembro, da Lei do solo de Galicia, publícase o Acordo do Pleno do Concello de Vilanova de Arousa, do 28.11.2022, de ratificación e aprobación do convenio urbanístico de planeamento asinado o 16.12.2022, así como o texto íntegro deste:

Acordo plenario: o Pleno do 28.11.2022 do Concello de Vilanova de Arousa no marco da aprobación definitiva da modificación puntual nº 2 do Plan parcial do polígono de Tremoedo adoptou o seguinte acordo: «Ratificación e aprobación do texto definitivo do convenio de planeamento urbanístico para asinar entre o Concello e as empresas «Proyección Comercial Atlántica, S.L.» e «Nugape Pet Food, S.L.». Primeiro. Ratificar e aprobar o texto definitivo do convenio de planeamento urbanístico para asinar entre o Concello e as empresas «Proyección Comercial Atlántica, S.L.» e «Nugape Pet Food, S.L.». Segundo. Facultar o alcalde para realizar cantos actos sexan necesarios para a sinatura e execución do convenio aprobado. Terceiro. Ordenar aos servizos municipais que continúen coa tramitación do expediente seguindo o disposto no artigo 165, seguintes e concordantes da Lei 2/2016, do 16 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 399, seguintes e concordantes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia (RLSG)».

Texto íntegro do convenio urbanístico de planeamento asinado o 16.12.2022 entre o Concello de Vilanova de Arousa e as entidades «Nugape Pet Food, S.L.» e «Proyección Comercial Atlántica, S.L.». Reunidos:

Dunha parte: Gonzalo Durán Hermida, alcalde presidente do Concello de Vilanova de Arousa, asistido por Javier Bouzada Romero, secretario xeral do Concello.

Doutra parte: Juan Carlos Pérez Diz, con NIF 35434305E, en nome e representación legal de: 1) Proyección Comercial Atlántica, S.L., con CIF B94071156, e domicilio para os efectos de notificación en Tarrío, 1, Caleiro, Vilanova de Arousa (Pontevedra) (en diante, PCA). Inscrita no Rexistro Mercantil de Pontevedra ao tomo 3.834, folio 71, folla PO-53.984, inscrición 2ª. Constituída segundo escritura outorgada ante o notario da Coruña, Enrique Santiago Rey Feijoo, o 31.10.2012, número 2.249 do seu protocolo, e acreditada a súa representación en virtude de escritura pública outorgada ante a notaria María Elena Loira Pastoriza, o 13.3.2017, número 218 do seu protocolo, de elevación a público do acordo social do 28.2.2017, de nomeamento de administrador único da sociedade PCA. 2) Nugape Pet Food, S.L., con CIF B36481570, e enderezo social no polígono industrial de Tremoedo, rueiro 6, 36628 Vilanova de Arousa, do concello de Vilanova de Arousa (en diante, Nugape). Inscrita no Rexistro Mercantil de Pontevedra ao tomo 3.053, libro 3.053, folio 140, folla PO-36.866, inscrición 2ª. Constituída segundo escritura outorgada ante o notario de Vilagarcía de Arousa Luís Gómez Varela, o 23.12.2004, número 2.800 do seu protocolo, baixo a denominación de Farmatres parafarmacial, S.L.; e acreditada a súa representación en virtude de escritura pública outorgada ante a notaria de Vilagarcía de Arousa Marina González Martínez, o 13.1.2017, número 55 do seu protocolo, de aumento de capital social e nomeamento de administrador.

Interveñen:

O primeiro como alcalde presidente, en representación do Concello de Vilanova de Arousa (en diante, o Concello).

O segundo, na súa calidade de representante legal das compañías mercantís:

1. PCA, propietaria dos terreos onde se empraza a parcela industrial, que se identifica no plano do anexo nº 1.

2. Nugape, empresa arrendataria de PCA, co obxecto de prestar conformidade dado que é a empresa que desenvolve a actividade empresarial.

Reunidos os comparecentes, segundo interveñen, recoñécense reciprocamente coa capacidade legal suficiente e necesaria para o outorgamento do presente documento e para o seu efecto expoñen:

Primeiro: a lei urbanística galega no artigo 165 establece que os órganos pertencentes ás administracións públicas poderán subscribir convenios urbanísticos con persoas privadas co obxecto de colaborar e desenvolver de xeito máis eficaz a actividade urbanística.

Conforme o anterior, o Concello, de acordo coas estratexias de planificación deseñadas para a mellora do uso dotacional no concello, e por mor de procesos de concertación acomodados á legalidade vixente para o mellor cumprimento dos fins e obxectivos do planeamento urbanístico, pode celebrar convenios urbanísticos con particulares coa finalidade de establecer os termos da colaboración para a mellora da eficacia do desenvolvemento da actividade urbanística.

Segundo: PCA é a compañía propietaria dos terreos, como se dixo anteriormente. Nugape é unha empresa orixinaria de Vilanova de Arousa, líder en Galicia do sector alimentario para animais e mascotas. Nugape é a única empresa produtora de alimento seco para animais de compañía da comunidade autónoma e distribúe a súa produción aos principais centros de comercio de Galicia e España, exportando por importe de ventas máis do 57 % da súa produción. Nos últimos dous anos, para atender a crecente demanda, Nugape realizou novas contratacións de persoal ata lograr un persoal de 30 traballadores distribuídos en distintos departamentos: administración (5), departamento de vendas (7), mantemento (4) e persoal de fábrica diverso (14). Actualmente, a lista de países receptores de produtos Nugape é moi diversa e entre eles podemos mencionar: Francia, Portugal, Italia, Grecia, Romanía, Bulgaria, Albania, Chipre, Lituania, República Checa, Xeorxia, Israel, Líbano, Exipto, Turquía, Malta, Bahréin, Xapón, Filipinas, Kuwait, Irán, Malaisia ou Marrocos. No ano 2017, Nugape estableceu un plan de desenvolvemento en que senta as bases e obxectivos para o seu crecemento nos mercados internos e de exportación, para os seguintes 4 anos. A tendencia positiva no cumprimento dos obxectivos fai imprescindible un aumento da superficie das instalacións, co fin de dar resposta ás necesidades de almacenamento para un correcto servizo ao cliente. A importante porcentaxe do mercado exterior na carteira de Nugape determina que na operativa do servizo sexa necesario máis carga de almacenaxe da mercadoría, tanto no que se refire ao tempo en fábrica como en canto á superficie necesaria para iso, antes de poder levar a cabo a carga do contedor (analíticas, certificados, etc.). De forma adicional, a entrada de Nugape no sector da gran distribución supón un novo reto. As estritas cláusulas requiridas para o almacenaxe e expedición implican a necesidade de contar con espazo reservado exclusivamente para estes clientes. Por outra banda, Nugape dispón de autorización da Consellería do Medio Rural para fabricación de alimentos para animais de compañía conforme o Regulamento CE nº 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de xaneiro de 2005, polo que se fixan os requisitos en materia de hixiene dos pensos para actividades de fabricación para pensos para animais de compañía, acreditada por medio de certificación ESP 36061 002, emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Tamén dispón de certificación de xestión ISO-9001-2015 emitida en marzo de 2019 que acredita un sistema de produción industrial moderno, hixienizado e respectuoso cos animais, co contorno territorial e co ambiente, circunstancia que vén acreditada, así mesmo, polo seguimento dun procedemento de boas prácticas na fabricación e manipulación como fábrica de alimentos de compañía. Nugape foi adaptando progresivamente as tecnoloxías produtivas, ata conseguir erradicar integralmente as afeccións ambientais do proceso industrial. Dispón dun equipo de profesionais e traballadores vinculados a Vilanova de Arousa e á parroquia de Tremoedo, polo que se pode afirmar que Nugape é unha empresa perfectamente asentada na súa base territorial e na súa parroquia. O contexto territorial da empresa Nugape acredita, de forma satisfactoria, a suficiencia de acceso rodado á zona industrial desde o exterior da comarca e desde o medio territorial que o circunda. Nugape está emprazada nun importante eixe de comunicación autonómico, ten proximidade aos nós de acceso á vía de alta capacidade do Salnés e desde ela, á autoestrada do atlántico, e dispón de servizos e infraestrutura urbana suficiente para poder desenvolver a súa actividade. Ademais, a área onde se empraza está recoñecida polos planes estratéxicos da planificación territorial industrial da Xunta de Galicia e pola ordenación urbanística do Concello como un polo de desenvolvemento empresarial de primeira orde no interior da capital municipal. Por mor do crecemento continuo da actividade económica de Nugape, que está avalado polo aumento progresivo da facturación anual nestes últimos anos, a empresa precisa que os terreos anexos á súa nave produtiva no polígono de Tremoedo poidan acadar a cualificación de solo industrial para aumentar a superficie empresarial, fundamentalmente de almacenamento e loxística, para garantir o seu mantemento e o redimensionado. Ante a inexistencia de solo clasificado para uso empresarial na contorna do complexo empresarial de Nugape, examínanse varias alternativas, incluso a de ampliación do ámbito do plan parcial, modificando o planeamento para transformar solo rústico en solo urbanizable industrial, para posibilitar o aumento da actividade. Unha vez ponderada a superficie que necesita a empresa para a ampliación nesta fase, compróbase que sería suficiente con dispor dunha parcela próxima e estremeira á de PCA/Nugape, no seu vento leste, que na actualidade está clasificada como solo urbano consolidado de uso dotacional público, que pertence ao Concello.

Terceiro: o Concello de Vilanova de Arousa é dono en pleno dominio dunha parcela situada no ámbito territorial do polígono industrial de Tremoedo (Vilanova de Aorusa) (parcela A), clasificada pormenorizadamente no plan parcial como uso dotacional público, cunha superficie de 1.951 m2, identificada como parcela 6.5. no documento urbanístico do plan parcial, con referencia catastral 7903705NH1170S0001HX. Esta parcela é estremeira co complexo industrial de PCA-Nugape.

Cuarto: a empresa PCA é propietaria titular de pleno dominio de todas as parcelas que na actualidade integran o complexo empresarial que a empresa Nugape, S.L. dispón no polígono de Tremoedo. Ademais, tamén é titular doutras dúas parcelas que integran a nomeada parcela B, emprazada no mesmo polígono de Tremoedo, cunha superficie aproximada de 1.510,00 m2 e 1.500,00 m2, que suman 3.010,00 m2. Na actualidade están destinadas a uso industrial, atópanse parcialmente edificadas e localízanse preto da primeira, aínda que desligadas física e funcionalmente da empresa matriz. Noméanse no documento do plan parcial como parcela 4.2. e parcela 4.4. As referencias catastrais son: 8004802NH1180S0001FE e 8004804NH1180S0001OE, respectivamente. Incorpóranse como anexo 5 a seguinte documentación sobre a titularidade e situación rexistral: – título de propiedade, escritura compravenda con pagamento aprazado, outorgada o 25.6.2019 ante a notaria de Cambados María Elena Loira Pastoriza, número 642/202 do seu protocolo, entre a entidade Socimopro, S.L., e Proyección Comercial Atlántica, S.L., pola que esta última adquire as seguintes parcelas: – certificacións do Rexistro da Propiedade das parcelas 10.158 e 10.160. – certificación catastral da parcela 8004802NH1180S0001FE.

Quinto: o Concello está regulado desde a perspectiva urbanística, polas normas subsidiarias de planeamento municipal do concello de Vilanova de Arousa, que foron aprobadas definitivamente no ano 1997. As parcelas anteriormente nomeadas no expoñendo terceiro e cuarto están integradas no ámbito do denominado Plan parcial de solo industrial de Tremoedo, instrumento de planeamento que regula urbanisticamente a zona industrial que foi aprobado no ano 1988, con anterioridade á aprobación das normas subsidiarias de planeamento municipal. Nas normas subsidiarias recóllese o Plan parcial de Tremoedo, como un ámbito de planeamento incorporado, que ten condición de solo urbano consolidado xa executado e coa urbanización completa. Regúlase polo miúdo por medio da normativa contida no propio plan parcial. A ordenación urbanística vixente garante a pervivencia da empresa Nugape neste territorio urbano industrial, de forma coherente e satisfactoria, desde a perspectiva da legalidade urbanística vixente.

Sexto: a aparición de novas circunstancias urbanísticas sobrevidas despois da aprobación definitiva do planeamento municipal precisan dunha reorientación na estratexia do planeamento detallado nesta zona do termo municipal, para que o Concello poida conseguir unha parcela dotacional pública nun emprazamento máis próximo ao campo da festa da parroquia e cunhas condicións de forma e centralidade urbana máis axeitadas para a utilidade desexada.

Sétimo: por outra banda, a empresa Nugape precisa de máis superficie de terreo clasificado para garantir a ampliación da actividade industrial, que sexa estremeiro coa parcela da empresa e que se poida ensamblar física e funcionalmente coa actividade empresarial existente.

Oitavo: ambas as estratexias combinadas poden resolverse conxuntamente por medio dun acordo de vontades entre o Concello e PCA-Nugape, o que requirirá a reforma urbanística do plan parcial e un acordo administrativo municipal para o cambio de titularidade das propiedades, realizado de conformidade coa lexislación urbanística e coa regulamentación do patrimonio da Administración, sen afectar desfavorablemente os intereses municipais nin os das empresas mercantís que concorren. A aprobación definitiva da modificación puntual do plan parcial garantirá en todo momento que as reservas de terreos para as dotacións urbanísticas de equipamento comunitario a que fai referencia o artigo 38 da lexislación urbanística galega, sistema local de equipamento, se integrarán na parcela B nunha soa parcela e terán como cualificación pormenorizada a que sexa acorde ao servizo pretendido polo Concello. Ademais, debe garantirse, en todo caso, que o ámbito urbano do plan parcial mantén a reserva dotacional de orixe, e que aquela sexa de dominio público municipal. Coa proposta acredítase, así mesmo, que, pola súa estratéxica localización, se mellorará a operativa funcional da actividade dotacional nesta zona do Concello, xa que, ao estar moi próxima ao campo da festa de Tremoedo, poderase dar mellor servizo ás actividades festivas e socioculturais da parroquia, ademais de servir para calquera outra necesidade municipal que poida xurdir. Por outra banda, garantise tamén o mantemento da actividade industrial de Nugape nos termos que se vén desenvolvendo e, ademais, facilitarase o seu crecemento e ampliación funcional, así como o solapamento e íntima relación do aglomerado empresarial existente, coa parcela A de ampliación, polo que se require que sexa viable o acaroamento entre a instalación existente da empresa e a zona onde se proxecta a ampliación. De acordo co anterior, considérase que o procedemento para realizar a reforma da ordenación urbanística que permita a recolocación da zona dotacional na parcela que se propón, a cualificación da zona dotacional como industrial, e a posterior permuta de ambas, pódese realizar de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira: a ordenación urbanística. Compromiso da reforma do plan parcial e da permuta da parcela A pola parcela B. O Concello comprométese a tramitar a modificación puntual do plan parcial e a súa aprobación definitiva nas condicións sinaladas no presente documento, sen prexuízo das reformas ou axustes resultantes dos informes vinculantes e preceptivos, co seguinte obxecto de modificar a cualificación pormenorizada dunha parcela de uso dotacional público (parcela A), que na actualidade está sen uso específico e que se atopa vacante de edificacións, transformando o seu uso en industrial. Simultaneamente e no mesmo acto urbanístico e administrativo, modificaranse a cualificación urbanística dunha parcela lucrativa de uso industrial (parcela B), preto da anterior, en parcela destinada a uso dotacional público. Para dar inicio aos traballos urbanísticos, entrementres se perfecciona este convenio urbanístico, que se deberá tramitar conxuntamente coa modificación puntual do plan parcial, e unha vez pactados os preliminares da ordenación urbanística, poderase dar inicio ao traballo de formulación da avaliación ambiental estratéxica, mediante o procedemento simplificado. Posteriormente, una vez emitido o informe ambiental estratéxico, deberase formular o documento urbanístico da modificación puntual do plan parcial con toda a documentación requirida no artigo 69 da Lei do solo de Galicia e nos artigos 170 a 176 do Regulamento da dita lei, que sexan concordantes co alcance e natureza desta modificación puntual do plan parcial. Coa exposición ao público da aprobación inicial da modificación do plan parcial, deberá integrarse a exposición ao público dos contidos preparatorios do convenio urbanístico de planeamento. O Concello comprométese, nun prazo non superior a 3 meses desde a entrada en vigor da modificación puntual do plan parcial, a dar inicio ao trámite administrativo para realizar a permuta da parcela A, pola parte asignada da parcela B, e a concluílo, nun prazo non superior a 6 meses desde o seu inicio, para que sexa viable solicitar licenza para ampliación da nave de Nugape na dita parcela.

Segunda: compromiso de PCA: formulación da reforma do planeamento e da permuta da parcela B pola A. PCA, propietaria en exclusiva da parcela denominada B, no anexo 1 «plano de localización», comprométese á elaboración do documento urbanístico da modificación puntual do Plan parcial industrial de Tremoedo, baixo a tutela e coordinación do servizo de urbanismo municipal, e asumirá os custos dos proxectos técnicos necesarios para a formulación da planificación da actuación urbanística prevista. PCA, comprométese, unha vez aprobada definitivamente a modificación puntual do plan parcial, a realizar a permuta da parcela B pola parcela A municipal, e a entregala libre de cargas e coas instalacións e construcións existentes nela no momento actual.

Terceira: validez e prazos. A validez do presente convenio supedítase á aprobación definitiva e entrada en vigor da modificación puntual do plan parcial, incluíndo a ordenación detallada nos termos expresados no anexo nº 2. Os prazos para a tramitación ambiental e urbanística son os que se deriven da tramitación administrativa, dos informes sectoriais, e da máxima celeridade administrativa municipal, pola necesidade urxente que ten a empresa Nugape en realizar a ampliación do proxecto empresarial.

Cuarta: protección ante ausencia de actividade despois da aprobación definitiva. No caso de que non se poida levar a cabo a permuta nos termos aquí pactados (incluído o cambio de uso) no prazo de 9 meses desde a entrada en vigor da modificación puntual por causas imputables ao Concello, Nugape e PCA poderán solicitar ao Concello que se deixe sen efecto a modificación puntual, revertendo a clasificación das parcelas afectadas á súa situación inicial; nese caso deberase indemnizar a Nugape e PCA no importe correspondente aos custos xustificados da modificación puntual do plan parcial obxecto do presente convenio.

Quinta: documentación que integra o convenio urbanístico: Convenio. Anexo nº 1: plano de identificación das parcelas obxecto de permuta. Anexo nº 2: anteproxecto da modificación puntual do plan parcial. Anexo nº 3: copia dos títulos de propiedade das parcelas. O alcalde: Gonzalo Durán Hermida. O representante de PCA-Nugape: Juan Carlos Pérez Diz. O secretario xeral: Javier Bouzada Romero.

Vilanova de Arousa, 26 de decembro de 2022

Gonzalo Durán Hermida
Alcalde