Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2023 Páx. 12220

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria, ao abeiro dos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (código de procedemento IN230B).

A Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro), modifica, no seu artigo 47, a regulación das iniciativas empresariais prioritarias contida no título IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Na nova redacción, o artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, reestrutúrase e introdúcese unha nova tipoloxía de proxectos susceptibles de seren declarados como iniciativa empresarial prioritaria dos proxectos de produción de electricidade obtida a partir da enerxía eólica que non estean asociados ao autoconsumo industrial, e sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente.

Así mesmo, coa redacción dada ao artigo 43, o órgano da Xunta de Galicia competente para a súa tramitación será a consellería competente en materia de industria, que recibirá as solicitudes das persoas interesadas, acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos dispostos no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de febreiro. Esta consellería remitirá o expediente ao Instituto Galego de Promoción Económica para a emisión dun informe vinculante sobre o cumprimento dos requisitos, e poderá solicitar ás demais consellerías afectadas todos os informes que considere convenientes para motivar o acordo.

Por último, segundo o disposto no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 12, do 4 de xullo), a Secretaría Xeral de Industria, a través da unidade tramitadora, a Subdirección Xeral de Proxectos, será o órgano da consellería competente en materia de industria que deberá realizar as actuacións recollidas na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Regular e dar publicidade ao modelo de solicitude da declaración de iniciativa empresarial prioritaria, código de procedemento IN230B, que se recolle no anexo I desta resolución.

Artigo 2. Requisitos dos solicitantes

1. Poderán presentar a solicitude as empresas promotoras de proxectos que cumpran co establecido no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia:

A. Proxectos encadrados no artigo 42.1:

Poderán ser declarados polo Consello da Xunta de Galicia como iniciativas empresariais prioritarias aquelas que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:

a) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluíndo aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables nos cales o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o autoconsumo da industria galega.

b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de 25 postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos de produción de electricidade obtida da enerxía eólica.

c) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.

d) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento «Instrumento temporal de recuperación europea NextGenerationEU».

B. Proxectos encadrados no artigo 42.2:

Para o caso dos proxectos de produción de electricidade obtida da enerxía eólica, que non estean asociados ao autoconsumo industrial, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente, poderán ser consideradas como iniciativas empresariais prioritarias:

a) Proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de 25 postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

b) Proxectos que xustifiquen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010.

c) Proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a 20 millóns de euros e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.

d) Proxectos con infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas, cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, vinculado aos devanditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate, e garantindo polo menos o 50 % da súa produción de enerxía.

e) Proxectos que teñan un impacto no territorio ao comprometerse os promotores a que, durante un período de 10 anos desde a autorización de explotación, unha porcentaxe do 2,5 % da facturación anual do parque consonte o prezo de venda medio anual repercuta directamente nos concellos en cuxo termo municipal se pretende situar o parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación.

2. Para a definición de empresa observarase o disposto no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Artigo 3. Prazo de presentación

O procedemento IN230B é un procedemento administrativo de prazo aberto e pódese instar o seu inicio desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 4. Forma de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

A. Proxectos encadrados no artigo 42.1:

a) A descrición do proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.

b) Unha memoria que deberá conter:

1º. A acreditación do cumprimento de, polo menos, dous dos requisitos establecidos no artigo 42.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro.

2º. A viabilidade económico-financeira da actuación: detalle dos investimentos, o plan de negocio, unha previsión da conta de resultados e balances de situación durante, polo menos, os seguintes cinco exercicios, o estado dos fluxos de efectivo ou análise alternativa dos fluxos de caixa previstos durante o mesmo período e a análise de rendibilidade do proxecto.

3º. A descrición das posibles afeccións ambientais, así como a identificación dos trámites administrativos necesarios para a implantación do proxecto.

4º. O cronograma previsto de implantación do proxecto.

B. Proxectos encadrados no artigo 42.2:

a) A descrición do proxecto de produción de electricidade obtida da enerxía eólica, non asociado ao autoconsumo industrial, e que conte cun permiso de acceso e conexión firme e vixente.

b) Unha memoria que deberá conter:

1º. A identificación e xustificación da modalidade en que se encadra o proxecto, dentro das indicadas no artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro.

2º. A descrición das posibles afeccións ambientais, así como a identificación dos trámites administrativos necesarios para a implantación do proxecto.

3º. O cronograma previsto de implantación do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda expresamente derrogada a Resolución do 2 de decembro de 2021 pola que se aproba e se dá publicidade ao modelo de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, modificada pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e pola que se derroga a Resolución do 9 de xuño de 2020 (código de procedemento IG300D).

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

Paula Mª Uría Traba
Secretaria xeral de Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file