Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2023 Páx. 14100

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2023 (código de procedemento PR924B).

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propias.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 4 da lei recolle a distinta tipoloxía de entidades galegas que poderán ser recoñecidas ao seu abeiro.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo a que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais, de xuventude, así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, dado que, debido ao obxecto, á finalidade e á natureza das entidades beneficiarias, é interese da propia convocatoria atender todas as solicitudes que reúnan os requisitos exixidos, fixándose a contía individual da subvención nos programas 1, 2 e 3 a través dun rateo proporcional determinado pola aplicación dos criterios que para cada un deles se establecen, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Capítulo I

Disposicións comúns para todos os programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación (código de procedemento PR924B):

Programa 1. Gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior.

Programa 2. Proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

Programa 3. Accións de especial relevancia.

Programa 4. Participación na reunión do pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas subvencións para o ano 2023.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para os programas 1, 2 e 3 desta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Poderán ser beneficiarias das subvencións do programa 4 as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade na categoría de comunidade galega.

2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir estas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro de cada programa os gastos e proxectos que se indican no capítulo II, disposicións específicas desta convocatoria.

Só poderán ser subvencionados gastos ou proxectos que se vaian executar no prazo comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, para os programas 1 e 2, e entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023, para o programa 3. Así mesmo, o período subvencionable para o programa 4 é o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2023.

O importe da subvención nos programas 1, 2 e 3 será como máximo do 80 % do custo total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado supere esa cifra, non se terá en conta o exceso.

No programa 4 a contía da subvención será de ata o 100 % do custo total previsto.

Para fixar o importe individual de cada subvención deberán terse en conta ademais os límites establecidos no artigo 4.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución destinarase un crédito total de 1.350.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0, axudas a entidades no ámbito das migracións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023. Excepcionalmente, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nas circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das anteriores circunstancias e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. O crédito distribuirase entre os programas da maneira que segue:

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento.

O importe do crédito destinado a este programa é de 500.000 €.

O importe máximo do gasto que se terá en conta no conxunto dos proxectos para os cales se solicite subvención é de 40.000 €. No caso de que se presente unha estimación de gastos por importe superior, a contía que exceda este límite non será considerada.

O importe máximo da axuda deste programa será de 25.000 €.

Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

O importe do crédito destinado a este programa é de 600.000 €.

O importe máximo do gasto que se terá en conta no conxunto dos proxectos para os cales se solicite subvención é de 40.000 €. No caso de que se presente unha estimación de gastos por importe superior, a contía que exceda este límite non será considerada.

O importe máximo da axuda deste programa será de 25.000 €.

Programa 3. Accións de especial relevancia.

O importe do crédito destinado a este programa é de 100.000 €.

O importe máximo do gasto en proxectos de especial relevancia que se terá en conta para os efectos de determinar o importe da subvención é de 40.000 €. No caso de que se presente unha estimación de gastos por importe superior, a contía que exceda este límite non será considerada.

O importe máximo da axuda a través deste programa é de 24.000 €.

Programa 4. Participación no pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas.

O importe do crédito destinado a este programa é de 150.000 €.

O importe máximo do gasto que se terá en conta para os efectos de determinar o importe da subvención é o seguinte:

a) Entidades de América e Oceanía: 2.000 €.

b) Resto de entidades: 500 €.

No caso de que se presente unha estimación de gastos por importe superior, a contía que exceda este límite non será considerada.

3. Á vista das solicitudes presentadas e de existir remanente nalgún dos programas, logo de feita a proposta de concesión, poderá ser redistribuído entre os outros programas en función das necesidades.

4. Este expediente tramítase como anticipado de gasto ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 5. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Bos Aires (Arxentina) e de Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes.

2. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude por programa.

3. Os importes dos orzamentos e da distribución do seu financiamento que se fagan constar nas solicitudes (anexo I) deberán figurar en euros. Cando se presenten orzamentos en moeda distinta ao euro aplicaráselle o cambio de compra vixente ao día da publicación da convocatoria.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación específica para o programa 1. Axudas para gastos de funcionamento:

1º) Memoria explicativa dos gastos de funcionamento para os cales se pide a axuda.

2º) Orzamento detallado cos custos previstos para cada concepto de gasto relacionado na memoria, correspondente ao período que abrangue a convocatoria.

3º) No caso de solicitar axuda para arrendamento do local da sede habitual e permanente da entidade, deberá achegarse a seguinte documentación:

– Copia do xustificante de pagamento do alugamento referido ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.

– Copia do contrato vixente de alugamento da sede, agás que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.

b) Documentación específica para o programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude:

1º) Memoria que relacione e describa cada un dos proxectos para os cales se pide a axuda, cun máximo de doce. Para cada un dos proxectos debe detallarse a súa finalidade ou necesidade, as accións que se pretenden realizar e as datas e os lugares en que ten previsto executalos.

De incluír proxectos xuvenís, esta memoria deberá vir asinada, ademais de pola persoa representante legal da entidade, pola persoa responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos e mozas organizadores.

2º) Orzamento detallado do custo de execución previsto para cada proxecto, e de todos en conxunto para os cales se solicita a subvención, asinado pola persoa representante legal da entidade.

c) Documentación específica para o programa 3. Accións de especial relevancia:

1º) Memoria descritiva que recolla o proxecto da actividade especial para a cal se pide a axuda, en que se argumente a especial relevancia, a súa finalidade ou necesidade, a importancia e repercusión para acadar os obxectivos previstos, estimación das persoas participantes e poboación a que vai dirixida, as accións que se van desenvolver, as datas e os lugares en que se pretende executar, etc.

2º) Orzamento detallado que recolla o custo total previsto do proxecto da actividade especial, desagregado nas partidas específicas das principais accións que se van executar, asinado polo representante legal da entidade.

d) Documentación específica para o programa 4. Participación no pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas:

1º) Certificación do órgano competente segundo os estatutos da entidade acreditativa da representación da persoa proposta para participar na reunión plenaria do XIII Consello de Comunidades Galegas. Anexo III.

2º) Memoria que describa con detalle o desprazamento para o cal se pide a axuda.

3º) Orzamento detallado que recolla o custo total previsto polo desprazamento necesario para participar na reunión plenaria, asinado polo/a representante legal da entidade.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución a calquera destes idiomas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

2. As entidades con sede social en España deberán presentar a documentación complementaria electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Consecuentemente co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español, que presenten a solicitude de xeito presencial, deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo/a presidente/a ou polo/a representante legal da entidade solicitante.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, en poder da Administración actuante, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos oportunos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e resolución

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia non competitiva. No suposto dos programas 1, 2 e 3 polo sistema de rateo previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que emitirá informe no cal se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión.

Estará formado por tres persoas vogais e unha persoa secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da Comisión de Avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

6. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados para cada programa nos artigos 28, 30 e 32 desta resolución.

7. O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa tendo en conta a distribución do crédito e o gasto total previsto en cada solicitude –minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable–, sen que se poidan superar os límites previstos no artigo 4, nin as porcentaxes recollidas no artigo 3, nin a contía solicitada.

No suposto dos programas 1, 2 e 3, a contía da axuda establecerase en función da puntuación acadada de acordo co disposto nesta resolución, a cal determina a aplicación dunha porcentaxe ao importe do gasto ou do custo dos proxectos para os cales se pide a subvención segundo o contido do anexo A.

O importe resultante do cálculo anterior incrementarase para o programa 1 en 300 €, sen que o total poida exceder os límites citados, para aquelas entidades que estean acreditadas como centros promotores do Camiño de Santiago na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, agás no suposto de que as ditas entidades xa estean a colaborar coa Secretaría Xeral da Emigración en labores de atención e asesoramento social.

Atendendo ás características dos programas convocados, nos programas 1, 2 e 3 non se concederán axudas por contía inferior a 200 €. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía distribuiranse de xeito porcentual entre o resto de axudas propostas tendo en conta os límites previstos nos parágrafos anteriores.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

9. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración resolverá esta convocatoria dentro das dispoñibilidades orzamentarias ditando as resolucións que procedan, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe da subvención de cada programa proposto na resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar a entidade beneficiaria para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. A comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes efectuarase a través do taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e da páxina web http://emigracion.xunta.gal. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Non obstante, o prazo de dez días computarase desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

3. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes, para a súa análise, segundo o modelo que figura como anexo II. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

4. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos.

5. No suposto de que non se opte pola reformulación, co obxecto de garantir os dereitos ou beneficios que poida reportar ás entidades beneficiarias o feito de axustar os seus compromisos á contía da subvención proposta, a Secretaría Xeral recollerá na resolución de concesión a contía do gasto mínimo que deberán xustificar para ter dereito a cobrar a totalidade da axuda concedida, logo de excluír os gastos non subvencionables, de conformidade co establecido nesta resolución.

O importe do gasto mínimo ten que enmarcarse dentro do establecido nesta resolución sen modificar a correlación das fontes de financiamento recollidas pola entidade beneficiaria na súa solicitude inicial, polo que será o maior dos seguintes:

a) O resultante da aplicación da porcentaxe que representa a subvención concedida respecto da pedida pola entidade beneficiaria na solicitude sobre o importe total do investimento (minorado nos gastos non subvencionables, se é o caso).

b) Aquel que, ao aplicarlle o límite máximo do 80 % permitido, coincida coa subvención concedida.

Artigo 12. Notificacións

1. As resolucións serán notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Respecto das entidades con sede social en España, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido; entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Excepcionalmente, no caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, de acordo co previsto no artigo 6.1 desta convocatoria, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos; non obstante, aquelas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de solicitude. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo a Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, e a secretaría xeral pode adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorreren circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención que se resolverá a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 17. Xustificación

1. Os gastos ou proxectos subvencionados a través do programa 1 e 2 desta convocatoria deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2023. A data límite para a xustificación dos gastos do programa 3 será o 31 de outubro de 2023. Así mesmo, a data límite para a xustificación dos gastos do programa 4 será o 30 de novembro.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiras persoas, sen que a dita ampliación poida aplicarse ao prazo de execución das accións subvencionadas establecido no artigo 3 desta resolución.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificación é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe unitario das subvencións inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 18, as entidades beneficiarias de subvencións deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do prazo sinalado, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria dos gastos ou dos proxectos realizados, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos en cada un dos programas subvencionados.

b) Relación clasificada das facturas ou documentos equivalentes dos gastos realizados, con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, conforme o modelo normalizado que figura como anexo IV.

No suposto de entidades residentes en países con moeda distinta ao euro, o importe das facturas que se relacionen no anexo IV deberá figurar co que conste en cada unha na moeda nacional correspondente. O importe total do anexo IV será a suma do total das facturas relacionadas na moeda nacional que corresponda, facendo constar ademais o seu equivalente en euros. A equivalencia deste total a euros calcularase aplicándolle a cada factura o primeiro cambio de compra que se publique para o mes que corresponda á data de expedición da factura.

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa orixe, segundo o modelo normalizado que figura como anexo V, declaracións na fase de xustificación.

d) Declaración responsable de que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, xa incluída no anexo V.

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

No caso de que entre os proxectos informativos que aparecen na solicitude se inclúan algúns referidos á edición e difusión de libros e publicacións, ademais da documentación xustificativa indicada, deberá enviarse un exemplar do libro, revista, publicación ou edición periódica subvencionada, no cal deberá figurar, en lugar visible, a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas, de acordo co disposto no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en relación co artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

6. En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €, ben en documento independente, no cal conste o importe recibido, a referencia da factura a que corresponde, a data en que se efectúa o pagamento e a sinatura do provedor, ben mediante a factura asinada e selada polo provedor, na cal conste «recibín en efectivo» ou expresión equivalente.

7. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir á entidade beneficiaria a remisión dos xustificantes de gasto e de pagamento seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética asignándolles un número correlativo. Escóllese un número ao azar do 1 ao 20, que determinará a primeira entidade que será obxecto da mostraxe, e os seguintes que se elixan serán múltiplos del.

Artigo 18. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente, para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, logo de solicitude xustificada pola entidade, poderanse efectuar pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Estes pagamentos estarán suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O resto do importe ou a parte que corresponda librarase logo de completar a xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución. No suposto de contratación de servizos para cumprimento das obrigas derivadas da inscrición no Rexistro da Galeguidade, a Secretaría Xeral da Emigración comprobará ademais que a entidade ten os datos correctamente actualizados.

2. De conformidade co establecido nos artigos 65.4.f) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto desta, e poderán subcontratar con terceiras persoas ata o cen por cento das accións subvencionadas.

Artigo 20. Requirimentos

De acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.gal

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación dos requirimentos na páxina web indicada e non desde a súa comunicación.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, as entidades quedan obrigadas a:

1. Executar o proxecto ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida polo órgano concedente, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude ou o resultante da aplicación do artigo 11, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude ou poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, logo de resolución da Secretaría Xeral, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 11.

6. Difundir o cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada, inserindo en lugar visible o logo da Xunta de Galicia coa lenda: «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia».

7. Divulgar o contido de todos os programas que executa a Xunta de Galicia dirixidos á comunidade galega no exterior dentro do ámbito da súa área de influencia a través dos medios ao seu alcance e, en especial, mediante a utilización das TIC.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das condicións e obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se debe minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro, na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa que a desenvolva.

Capítulo II

Disposicións específicas

Sección 1ª. Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento

Artigo 27. Obxecto e finalidade das subvencións

Este programa ten por obxecto a concesión de subvencións para contribuír ao financiamento dos gastos correntes ou de funcionamento de carácter periódico derivados de servizos externos en que incorran as entidades galegas solicitantes que resulten necesarios para o mantemento da súa actividade ordinaria, sempre que esta non teña ánimo comercial ou profesional e estean destinados a actividades sen fins de lucro para os seus asociados ou á promoción cultural, social ou económica de Galicia.

Poderanse subvencionar ao abeiro deste programa os gastos derivados de:

1. O arrendamento ao nome da entidade solicitante de inmobles que se utilicen como sede habitual e permanente, sempre que non dispoña de locais ou instalacións en propiedade susceptibles de ser utilizados para esta finalidade.

2. Outros gastos correntes que soporte a entidade, como son os derivados da adquisición de subministracións non inventariables (material de oficina ou material informático non inventariable), contratación de servizos para cumprimento das obrigas derivadas da inscrición no Rexistro da Galeguidade, mantemento de aplicacións informáticas de xestión e desenvolvemento das actividades das entidades, subscricións periódicas á prensa ou revistas, comunicacións telefónicas, luz, auga, taxas e outros gastos de carácter similar incluídos dentro do capítulo II da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

3. Gastos ordinarios de reparacións, mantemento e conservación de maquinaria, instalacións ou utensilios.

4. Gastos administrativos e legais derivados de procesos de unión ou fusión.

Artigo 28. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia dos gastos previstos na solicitude, en función da repercusión e da influencia que poida ter a entidade no seu ámbito e na súa contorna: ata 40 puntos, para comunidades galegas, centros colaboradores e federacións, sempre que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega sexa superior ao 40 %, e ata 20 puntos para o resto das entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Terase en conta o número de persoas asociadas que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes, as actividades realizadas pola entidade, a traxectoria da entidade na difusión dos valores culturais de Galicia e do coñecemento da súa realidade, así como a presenza das mulleres e da mocidade nos órganos de dirección da entidade, a existencia de sección, departamento ou vogalía específica para a xuventude e/ou relacionada coas TIC que consten no dito rexistro, ás cales se lle outorgará ata 5 puntos, dentro da puntuación total deste criterio.

As puntuacións asignaranse proporcionalmente, de conformidade co establecido nesta epígrafe tendo en conta o gasto total.

1.2. Importancia e repercusión das accións culturais, formativas, asociativas, informativas, asistenciais e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos: ata 15 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegas e descendentes que sexan usuarias das accións realizadas pola entidade, segundo a información que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes.

As solicitudes presentadas por entidades que, segundo os datos dos que dispón a Secretaría Xeral da Emigración, non realizasen actividade cultural, formativa, nos tres anos anteriores ao da convocatoria valoraranse con 0 puntos.

1.3. Emprego da lingua galega na realización das accións ata: 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

1.4. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais, proporcionalmente.

1.5. Ter a condición de comunidade galega, así como as federacións ou unións de entidades: 5 puntos.

1.6. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas: ata 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 15 puntos neste programa de axudas non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais,
de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude

Artigo 29. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese fomentar, mediante a concesión de subvencións, o mantemento daquelas accións que potencien os vínculos con Galicia que anualmente con carácter ordinario executan as entidades galegas no exterior nos seguintes ámbitos:

1. Programación cultural, social e formativa das entidades galegas no exterior e aquelas que promovan a difusión e preservación do patrimonio cultural de Galicia entre as colectividades galegas residentes nos lugares de asentamento.

2. Accións informativas que contribúan a un mellor coñecemento da realidade e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento, tales como a edición de libros, publicación de revistas de carácter periódico, realización de programas de radio e televisión.

3. Proxectos creativos, formativos, de participación e de intercambio cultural que fomenten a integración da mocidade nas estruturas orgánicas das entidades, propiciando deste xeito a renovación xeracional.

4. As actividades propias para a consecución do seu obxecto social, recollido nos estatutos da sociedade, sempre que non teñan carácter comercial ou profesional sometido a prezo.

En cada un destes proxectos poderanse subvencionar as seguintes accións:

A) Proxectos culturais e formativos.

1. Actividades culturais ou de carácter formativo sobre aspectos da vida social ou cultural de Galicia.

2. Cursos de formación e seminarios (en materias que non sexan subvencionadas a través doutros programas pola Secretaría Xeral da Emigración ou por outro departamento da Xunta de Galicia).

3. Celebración de exposicións e mostras representativas das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia.

4. Conferencias, mesas redondas, xornadas e presentacións literarias que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das colectividades galegas no seu lugar de asentamento.

5. Organización e mantemento de grupos corais, musicais, teatrais e de danza, e as actividades que estes realicen.

6. Actos conmemorativos do Día das Letras Galegas e do Día Nacional de Galicia.

7. Contratación de grupos ou formacións de música, de danza, bandas e corais, e compañías teatrais, de monicreques ou de espectáculos de maxia, que difundan a cultura galega.

8. Outros proxectos culturais e asociativos promovidos polas entidades galegas no exterior que se axusten á Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e que propicien o fomento e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas.

Non serán susceptibles de subvención aquelas actividades que teñan carácter exclusivamente gastronómico.

B) Accións informativas ou divulgativas sobre aspectos da vida social, cultural ou económica de Galicia.

1. A edición e difusión de libros ou publicación de revistas periódicas culturais, informativas, económicas, etc., ou boletíns de interese xeral, así como a realización por parte das entidades galegas de programas de radio e televisión dedicados á realidade galega.

2. A organización ou participación en xornadas, exposicións ou feiras sectoriais.

C) Proxectos promovidos pola xuventude que teñan relación con Galicia.

1. Formación específica da mocidade na xestión das entidades galegas e das institucións e asociacións sen fins de lucro e mellora de habilidades directivas.

2. Intercambios de grupos da mocidade pertencentes ás comunidades galegas para a realización de actividades culturais, musicais, deportivas e sociais.

3. Formación específica da mocidade para o coñecemento e emprego das novas tecnoloxías da comunicación.

4. Promoción de actividades deportivas que fomenten a relación entre a xuventude de orixe galega.

5. Creación e apoio de grupos de teatro, música e danza.

6. Realización de actividades culturais relacionadas con Galicia (cursos, ciclos de conferencias, mostras, ciclos de cine galego ou de teatro, concertos) destinadas especificamente ao conxunto de mozos e mozas da colectividade.

7. Creación de foros de debate e intercambio cultural entre a mocidade da emigración e a mocidade galega, así como entre intelectuais, científicos/as e persoas expertas en diversos eidos de Galicia e do país onde estes foros teñan lugar.

D) Outros programas e accións dirixidos a cumprir o obxecto social da entidade.

1. Programas e accións que persigan a mellor integración e participación dos/das galegos/as residentes no seu ámbito de actuación, na vida da propia comunidade e na dos países ou comunidades autónomas españolas de acollida e as súas xentes.

2. Outro tipo de accións non previstas entre as anteriores, necesarias para a consecución do obxecto social recollido nos estatutos da sociedade, sempre que fomenten os vínculos con Galicia e non teñan carácter exclusivamente comercial ou profesional sometido a prezo.

Artigo 30. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral dos proxectos relacionados na memoria: ata 37 puntos, atendendo á súa finalidade ou necesidade, ao seu carácter innovador, e á importancia e repercusión das accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

1.1.1. Finalidade ou necesidade dos proxectos para os cales se solicita a subvención: ata 22 puntos.

Se a finalidade dos proxectos se refire exclusivamente ao programa anual de actividades culturais ou de formación, ata 15 puntos. Se se refire exclusivamente a proxectos xuvenís, ata 12 puntos. Se se refire exclusivamente a actuacións de tipo informativo, ata 10 puntos. Para aquelas solicitudes que inclúan varios proxectos con distinta finalidade, a puntuación máxima será de 22 puntos.

1.1.2. Carácter innovador do programa. Valorarase o carácter innovador dos proxectos: ata 5 puntos.

1.1.3. Importancia e repercusión que tivesen as accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos: ata 10 puntos.

1.2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galegos que poidan ter os proxectos que se van realizar para os cales se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de persoas usuarias de orixe galega ou descendentes segundo a información que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes, o impacto informativo e cultural do proxecto: ata 13 puntos.

1.3. Entidades que conten con sección, departamento ou vogalía específica para a xuventude da cal exista constancia no Rexistro da Galeguidade: ata 5 puntos.

1.4. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

1.5. Ter a condición de comunidade galega, así como as federacións ou unións de entidades: 5 puntos. Ter a condición de centro colaborador da galeguidade: 2 puntos.

1.6. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais, proporcionalmente.

1.7. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, cando no seu respectivo ámbito territorial non existan outras entidades galegas, ou ben cando se xunten varias entidades para a realización dun proxecto común: ata 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos neste programa non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 3ª. Programa 3. Accións de especial relevancia

Artigo 31. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese subvencionar proxectos de actividades de carácter extraordinario para a entidade que as promove ou nas cales participa activamente, non atendibles polo programa 2, cuxa finalidade é a promoción cultural, social ou económica de Galicia no ámbito en que estea asentada, para as cales se xustifique a súa especial relevancia e diferenciación con respecto ás previstas no programa 2, tales como mostras, feiras, certames, accións de promoción no exterior do Camiño de Santiago, ou efemérides especiais da entidade (25º, 50º, 75º, 100º, 125º... aniversario, etc.).

Artigo 32. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral da acción que vai desenvolver, atendendo ás finalidades para as cales se solicita a subvención e ao seu carácter innovador. Valorarase a súa importancia e a repercusión: ata 55 puntos.

1.2. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais, proporcionalmente.

1.3. Entidades que conten con sección, departamento ou vogalía específica para a xuventude da cal exista constancia no Rexistro da Galeguidade: ata 5 puntos.

1.4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, cando no seu respectivo ámbito territorial non existan outras entidades galegas recoñecidas, ou ben cando se xunten varias entidades para a realización dun proxecto común: ata 15 puntos.

1.5. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 40 puntos neste programa de axudas non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 4ª. Programa 4. Participación no pleno do XIII Consello
de Comunidades Galegas

Artigo 33. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa subvencionaranse os gastos en que incorra a entidade con motivo do desprazamento da persoa acreditada como representante para a súa participación na reunión do pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas, desde o seu lugar de orixe e os de regreso, incluídos, de ser o caso, os de saída do país.

Aboaranse o/os billete/s de ida e volta ao lugar de realización da reunión nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía da indemnización será de 0,20 euros por quilómetro.

Artigo 34. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das axudas deste programa é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO A

Porcentaxes que se aplicarán para determinar a contía
das subvencións dos programas 1, 2 e 3

Importe do proxecto
de gasto

Puntuación obtida

% para aplicar sobre o custo do proxecto do gasto

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento

< 13.000 €

< = 20 puntos

>20 < 40

>=40 < 60

>=60 < 80

>=80

25 %

25 % + 0,75 % por cada punto superior a 20

25 % + 1 % por cada punto superior a 20

25 % + 1,10 % por cada punto superior a 20

80 %

>= 13.000 < 26.000 €

<= 30 puntos

>30 < 80

>=80

20 %

20 % + 1,25 % por cada punto superior a 30

80 %

>= 26.000 €

<= 40 puntos

>40 < 50

>=50 < 60

>=60 < 80

>=80

20 %

20 % + 0,75 % por cada punto superior a 40

20 % + 1,25 % por cada punto superior a 40

20 % + 1,75 % por cada punto superior a 40

80 %

Programa 2. Axudas para proxectos culturais

< 13.000 €

<= 25

>25 < 40

>=40 < 80

>=80

25 %

25 % + 1 % por cada punto superior a 25

25 % + 1,20 % por cada punto superior a 25

80 %

>= 13.000 < 26.000 €

<=30 puntos

>30 < 80

>=80

20 %

20 % + 1,25 % por cada punto superior a 30

80 %

>= 26.000 €

<=35

>35 < 50

>=50 < 60

>=60 < 80

>=80

20 %

20 % + 0,75 % por cada punto superior a 35

20 % + 1 % por cada punto superior a 35

20 % + 1,50 % por cada punto superior a 35

80 %

Programa 3. Axudas para accións de especial relevancia

< 20.000

<= 45 puntos

>45 < 80

>= 80

30 %

30 % + 1,45 % por cada punto superior a 45

80%

>= 20.000 €

<= 45 puntos

>45 < 80

>= 80

15 %

15 % + 1,90 % por cada punto superior a 45

80 %

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
PR924B-G.pdf
PR924B-G.pdf
PR924B-G.pdf
PR924B-G.pdf