Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2023 Páx. 14145

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 27 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria, ao abeiro dos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (código de procedemento IN230B).

Advertidos erros na dita resolución publicada no Diario Oficial de Galicia número 27, do 8 de febreiro de 2023, debe facerse a oportuna corrección:

Na páxina 12222, no artigo 2.1.B., nas letras d) e e), da resolución onde di: «d) Proxectos con infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas, cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, vinculado aos ditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate, e garantindo polo menos o 50 % da súa produción de enerxía.

e) Proxectos que teñan un impacto no territorio ao comprometerse os promotores a que, durante un período de 10 anos desde a autorización de explotación, unha porcentaxe do 2,5 % da facturación anual do parque consonte o prezo de venda medio anual repercuta directamente nos concellos en cuxo termo municipal se pretende situar o parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación.»; debe dicir: «d) Proxectos con infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, vinculado aos devanditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate, e garantindo polo menos o 50 % da súa produción de enerxía.

e) Proxectos que teñan un impacto no territorio ao se comprometeren os promotores a que, durante a vida útil do parque desde a autorización de explotación, unha porcentaxe do 2,5 % dos beneficios anuais do parque repercuta directamente nos concellos en cuxo termo municipal se pretende situar o parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación».