Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 2023 Páx. 14425

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 8 de febreiro de 2023 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia (código de procedemento AP202A).

A Lei 6/1995, do 28 de xuño, configura o Consello Económico e Social de Galicia como un ente institucional de dereito público, consultivo, da Xunta de Galicia en materia económico e social, con personalidade xurídica propia e plena capacidade e autonomía, orgánica e funcional. O artigo 21 suxeita ao persoal propio do consello ás normas de dereito laboral e a súa selección ás correspondentes convocatorias, realizadas de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade. Pola súa parte, a disposición adicional terceira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, asimilou o Consello Económico e Social de Galicia ás entidades instrumentais do sector público autonómico.

A disposición adicional décimo primeira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, habilita o Consello da Xunta de Galicia para que, mediante decreto, estableza os procedementos para a progresiva integración como persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia do persoal laboral fixo das entidades instrumentais que non estea sometido á normativa xeral de función pública ou ao convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia. Dando cumprimento a esta habilitación, o Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, iniciou a homoxeneización das relacións de emprego no ámbito do sector público autonómico ao prever un procedemento de integración para que nas entidades instrumentais o réxime de prestación de servizos como persoal laboral se faga baixo a categoría de persoal laboral da Xunta de Galicia suxeito ao convenio colectivo.

Amparada na anterior previsión, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública solicitou, de conformidade co artigo 8.2 do mencionado decreto, o inicio do procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo adscrito ao Consello Económico e Social de Galicia. En consecuencia, procede aprobar a presente orde, que ten por finalidade regular o mencionado procedemento de integración, que se desenvolverá de acordo cos principios de voluntariedade e de homologación e homoxeneidade das relacións de emprego no ámbito do sector público autonómico.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e polo artigo 24.3.1.f) do Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación (código de procedemento AP202A)

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia (procedemento AP202A) do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia.

2. Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal laboral do Consello Económico e Social de Galicia, sempre que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter formalizado un contrato laboral fixo coa entidade de procedencia, celebrado despois de ter pasado un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade, de conformidade co previsto na normativa vixente no momento da súa incorporación.

b) Ter a titulación establecida no anexo I e cumprir os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e a categoría de homologación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

c) Estar en situación de servicio activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

3. Non poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia o persoal que estivese vinculado ao Consello Económico e Social de Galicia por un contrato de alta dirección ou mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivese a condición de persoal laboral fixo da mencionada entidade.

Artigo 2. Solicitude e prazos

1. A solicitude de integración dirixirase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública e realizarase no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de solicitude que se xunta no anexo II.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo no Consello Económico e Social de Galicia.

b) Títulos oficiais universitarios.

c) Títulos oficiais non universitarios.

d) Retribucións percibidas durante o ano anterior á da data de publicación da presente orde, detallada por conceptos e mensualidades.

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente: situación administrativa do solicitante distinta á de servizo activo.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Artigo 5. Tramitación

1. Examinadas as solicitudes, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio requirirá, se é o caso, as persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación que consideren necesaria para os efectos de continuar a tramitación do procedemento. De non achegaren a documentación solicitada no prazo establecido, entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución de arquivamento correspondente, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Recibidas todas as solicitudes e a documentación correspondente, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, remitirá á Dirección Xeral da Función Pública unha proposta, que conterá:

a) A relación do persoal que a mencionada Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio considere que reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia, con indicación do grupo e categoría profesional de homologación co V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, posto de traballo e o seu carácter da adscrición.

b) A relación do persoal que aquela considere que non reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia.

3. Xunto coa dita proposta achegaranse todos os expedientes individuais, cada un dos cales deberá contar cos documentos necesarios para determinar o cumprimento dos requisitos de integración e deberá incluír un índice de documentos que o compoñen. Tamén se achegará un certificado expedido pola entidade de adscrición das retribucións percibidas durante o ano anterior á da data de publicación da presente orde, detallada por conceptos e mensualidades.

4. Recibida a documentación indicada con anterioridade, a Dirección Xeral da Función Pública requirirá informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

5. Créase unha comisión formada por representantes das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e da Función Pública, de Simplificación Administrativa, e da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública e unha persoa proposta por cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos da Xunta de Galicia, cuxo cometido será realizar un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos das persoas interesadas para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia, o grupo e a categoría profesional en que se produciría aquela, o posto de traballo en que se integra e o seu carácter da adscrición. Este informe remitirase á Dirección Xeral da Función Pública.

6. Unha vez examinada toda a documentación sinalada nos parágrafos anteriores, a Dirección Xeral da Función Pública, á vista dos antecedentes que figuren no expediente, realizará a proposta de integración á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, para que resolva o que proceda mediante orde.

7. O transcurso do prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen se ter ditado a resolución correspondente habilitará os interesados para entenderen desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 6. Efectos da integración

1. A resolución de integración determinará o grupo e categoría profesional do convenio colectivo único da Xunta de Galicia en que se integra o persoal interesado, o posto en que se integra e o seu carácter da adscrición.

2. O persoal integrado será adscrito co carácter que corresponda a postos vacantes do Consello Económico e Social de Galicia ou, se é o caso, a postos de nova creación na mencionada entidade.

3. A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

4. Ao persoal que como consecuencia da integración experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de xeito que, a equiparación total producirase no prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

5. Ao persoal laboral integrado faráselles, de acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición adicional primeira da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

6. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a indemnización ningunha.

7. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte da consellería ou entidade en que sexa destinada o persoal integrado.

Artigo 7. Efectos da non integración

O persoal laboral fixo do Consello Económico e Social de Galicia que non solicite a súa integración ou, unha vez solicitada renuncie voluntariamente a ela, así como as persoas solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, manterán as condicións laborais establecidas no Decreto 129/2012, do 31 de maio, todo iso sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira e no ordenamento laboral.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Publicación dos actos

A orde que resolva o procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nela incluiranse a listaxe de persoas integradas, grupo e categoría de integración e, se é o caso, posto de traballo adxudicado. Tamén incluirá a listaxe de persoas non integradas, con expresión da causa da desestimación da integración.

Disposición derradeira primeira. Normativa aplicable

Ademais de polo previsto nesta orde, o procedemento de integración rexerase polo establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Táboa homologacións categorías profesionais

Titulación requirida ente

Grupo e categoría profesional de homologación do V Convenio colectivo

Licenciatura ou grao

Grupo I-categoría 4

Nota: o grupo e categoría profesional que se recollen no anexo I da presente orde teñen por finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 8.3 do Decreto 129/2012, e establécense sen prexuízo do grupo e categoría profesional en que definitivamente se integre, de ser o caso, na Administración da Xunta de Galicia o persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde.

missing image file
missing image file