Antecedentes de feito.
1. Mediante a Orde do 25 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario, convocouse o dito procedemento de acceso aos grao I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa para o persoal funcionario.
2. De acordo coa orde de convocatoria, o prazo máximo para a resolución das solicitudes será de tres (3) meses contados desde a presentación da solicitude. De non se ditar resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada. O prazo de presentación de solicitudes abriuse o 2 de decembro de 2022 ata o 26 de decembro de 2022.
3. Segundo o artigo 21.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando o número de solicitudes formuladas ou as persoas afectadas poidan supoñer un incumprimento do prazo máximo de resolución, o órgano competente para resolver, por proposta razoada do órgano instrutor, poderá habilitar os medios persoais e materiais para cumprir co despacho adecuado e en prazo.
4. Dada a elevada cantidade de solicitudes feitas por fóra da canle prevista (Fides), o feito de que se trata dun programa novo aínda en fase de desenvolvemento e a falta de medios persoais e materiais da subdirección que tramita o procedemento, a Dirección Xeral da Función Pública dispuxo a modificación da RPT para a creación de máis prazas, ben que non é un proceso inmediato.
5. A adaptación a un novo sistema e as dúbidas xurdidas na tramitación do procedemento acerca da presentación de méritos e a valoración da antigüidade das solicitudes que foron desestimadas polo baremo fai necesario a consulta coa Comisión de Seguimento do acordo, que tamén afecta os prazos de resolución.
Por iso, co obxecto de cumprir co prazo recollido na orde de convocatoria, cómpre ampliar o prazo de resolución ao non se poder cumprir o prazo previsto.
Fundamentos de dereito.
1. Conforme o artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, excepcionalmente, cando se esgoten os medios persoais e materiais dispoñibles a que se refire o número 5 do artigo 21, o órgano competente para resolver, por proposta, se for o caso, do órgano instrutor ou o superior xerárquico do órgano competente para resolver, poderá acordar de maneira motivada a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación, sen que este poida ser superior ao establecido para a tramitación do procedemento.
Contra o acordo que resolva sobre a ampliación de prazos, que deberá ser notificado aos interesados, non caberá ningún recurso.
2. Segundo o artigo 35 da mesma lei, serán motivados, con sucinta referencia de feitos e fundamentos de dereito, os acordos de aplicación da tramitación de urxencia, de ampliación de prazos e de realización de actuacións complementarias.
3. Polo exposto anteriormente, atendendo a proposta do órgano instrutor
RESOLVO:
1. Ampliar o prazo para resolver a convocatoria de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario, convocado pola Orde do 25 de novembro de 2022, por un prazo de tres (3) meses.
2. Esta resolución será publicada no DOG. En todo caso, esta publicación substitúe a notificación persoal e producirá os seus efectos. Contra esta non cabe ningún recurso, de conformidade co artigo 23.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública