Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 3 de marzo de 2023 Páx. 16418

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

XESGALICIA SGEIC, S.A.U.

ANUNCIO de convocatoria para cubrir catro postos de traballo.

XesGalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Inversión de Tipo Cerrado, S.A. (sociedade unipersoal) –en adiante, XesGalicia ou XesGalicia, SGEIC, S.A.U.– foi constituída o 18 de marzo de 1999 coa denominación XesGalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A.

Desde o 23 de marzo de 1999 a Sociedade está inscrita co número 12 no Rexistro de Entidades Xestoras de Capital Risco da Comisión Nacional do Mercado de Valores –en adiante, a CNMV– (desde a entrada en vigor da Lei 22/2014, Rexistro de Sociedades Xestoras de Entidades de Investimento de Tipo Pechado).

Actualmente, constitúe o seu obxecto social, de acordo co establecido nos seus estatutos, a administración, representación e xestión de fondos de capital risco e de activos de sociedades de capital risco. Como actividade complementaria poderá realizar tarefas de asesoramento ás empresas con que manteña vinculación como consecuencia do exercicio da súa actividade, conforme o disposto na Lei de entidades de capital risco.

En materia de persoal, XesGalicia, como sociedade mercantil pública autonómica, adscrita á Consellería de Economía, Industria e Innovación, réxese polo disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de aplicación na materia, en concreto no seu artigo 110.c), que dispón que se poderán subscribir contratos laborais de duración determinada logo de convocatoria mediante anuncio público e designación dunha comisión de selección. Na contratación deberá terse presente o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Tendo en conta o disposto no DOG número 238, do 16 de decembro de 2022, o Consello de Administración de XesGalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Inversión de Tipo Cerrado, S.A.U., en relación coa contratación de catro persoas para dar cobertura a varios postos, adoptou o seguinte:

ACORDO:

Primeiro e único. Anunciar a convocatoria para a cobertura de catro (4) postos de traballo e aprobar as bases polas cales se rexerá o proceso de selección para a contratación de persoal, con respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e facer público o dito proceso de selección.

As bases que rexen a presente contratación están ao dispor das persoas interesadas na sede social de XesGalicia, SGEIC, S.A.U., rúa Ourense, 6, 15701 Santiago de Compostela, así como na súa páxina web: http://www.xesgalicia.org

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe nas ditas bases.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023

Rubén Aguión Seoane
Director xeral de XesGalicia