Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 3 de marzo de 2023 Páx. 16284

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría agronómica.

En virtude da Resolución do 16 de decembro de 2021 (DOG núm. 241, do 17 de decembro), convocouse o proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría agronómica. Na dita orde establécese como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.2.3 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que as persoas aspirantes que superaron a fase de oposición deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos cos que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro

Publicar o procedemento que se deberá seguir para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría agronómica.

De acordo co establecido na base II.2.3 da convocatoria, os méritos que se baremarán na fase de concurso deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, que foi o 17 de xaneiro de 2022.

Segundo

No prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación da presente resolución no DOG, as persoas aspirantes actuarán do seguinte xeito:

Deberán acceder á seguinte páxina web: https://www.xunta.gal/funcion-publica/expediente-administrativo, na cal poderán comprobar os méritos que teñen rexistrados no seu expediente persoal.

Para acceder poderá empregar calquera dos seguintes métodos de acceso:

• Certificado electrónico.

• Chave365 ou DNI electrónico.

• Para o persoal con destino na actualidade na Xunta de Galicia, o usuario/chave do directorio electrónico da Xunta de Galicia.

Unha vez que accedan á aplicación informática, e comprobados os datos que figuran no seu expediente persoal, poderán xerar o impreso de conformidade ou o impreso de emenda, a partir dos datos que constan no seu expediente persoal.

a) No suposto de estar conforme cos datos consultados, validaraos sen facer ningún cambio, pechará o impreso e realizará a presentación electrónica.

Na epígrafe «Motivo polo cal fai a solicitude», deberá elixir a opción «2. Fase de concurso de proceso selectivo».

Para a presentación da solicitude a persoa interesada deberá premer no botón «Pechar e presentar impreso de conformidade».

A seguir, deberá xerar en formato PDF o seu impreso de conformidade, no cal se visualizarán o número de rexistro e a data de presentación como xustificante da presentación.

b) No suposto de amosar a súa desconformidade por non estar de acordo con algún ou algúns dos datos, por non constaren, seren erróneos ou incompletos, a persoa interesada deberá completar ou corrixir a información rexistrada e xerar un impreso de emenda.

Na epígrafe «Motivo polo cal fai a solicitude», deberá elixir a opción «2. Fase de concurso de proceso selectivo».

Na epígrafe «Datos da súa unidade de persoal», no campo «Nome» deberá escribir «Dirección Xeral da Función Pública» e no campo «Enderezo» deberá escribir «Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela».

Ao finalizar as correccións, modificacións ou inclusións de novos datos, a persoa interesada pechará a súa solicitude premendo no botón «Pechar e xerar impreso de emenda».

A persoa interesada deberá asinar o impreso de emenda e remitilo á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, achegando toda a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados, de conformidade co establecido no punto cuarto desta resolución.

As persoas aspirantes que non teñan méritos para acreditar non precisan realizar ningún trámite.

Se a persoa interesada non puidese acceder á aplicación informática, poderá poñerse en contacto co servizo informático da Dirección Xeral da Función Pública, no teléfono 881 99 98 83.

Terceiro

Os méritos reflectidos no impreso de conformidade ou no impreso de emenda serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Calquera impreso de conformidade ou de emenda e a documentación xustificativa dos méritos que non reúna os requisitos ou que fose rexistrado fóra do prazo establecido no punto segundo desta resolución considerarase non presentado.

De presentar máis dun impreso de emenda ou conformidade, só se terá en conta o presentado en último lugar.

No caso de non presentar impreso de emenda ou conformidade, os datos reflectidos no expediente persoal das persoas interesadas e que xa consten validados con anterioridade serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso, sempre que estean referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos aínda que consten rexistrados no impreso de emenda. Exceptúase aquela documentación que, xustificada documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non fose recibida no indicado prazo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións á baremación provisional.

Cuarto. Remisión da documentación acreditativa dos méritos alegados

Toda a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados pola persoa interesada no seu expediente persoal deberá ser remitida á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, tendo en conta o seguinte:

Os certificados asinados electronicamente e os documentos electrónicos deberán remitirse a través do rexistro electrónico. A persoa solicitante, para a remisión electrónica, empregará o modelo co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017, que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conteñen un sistema electrónico específico, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal, ou ben presentará a documentación nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se a documentación que se presenta é un documento orixinal en papel, deberá presentarse nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que o persoal funcionario do rexistro acredite que é copia electrónica auténtica do documento.

As copias en soporte papel de documentos electrónicos requiriran que nelas figure un código xerado electronicamente ou outro sistema de verificación, que permitirá contrastar a autenticidade da copia.

As persoas interesadas que o desexen poden facer uso do modelo incluído nesta resolución como anexo II.

Quinto. Acreditación da experiencia profesional nas administracións públicas.

A experiencia profesional nas administracións públicas acreditarase mediante certificación emitida polas persoas titulares das unidades da Administración pública en que prestasen servizos e que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/grupo, escala e especialidade, réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións e porcentaxe da xornada no caso de ser inferior á xornada completa.

Emitirase un certificado individual por cada categoría/grupo, escala, especialidade.

Os certificados poderán comprender unha ou varias vinculacións, sucesivas ou non.

Como anexo I a esta resolución figura un modelo que deberá empregarse preferentemente.

Só será necesario acreditar a experiencia profesional que non conste no expediente persoal ou da que se faga algún tipo de emenda.

Sexto. Acreditación da formación

A formación acreditarase mediante copia auténtica ou orixinal do certificado de asistencia ao curso, en que deberán constar o organismo ou entidade que organizou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización e o número de horas lectivas.

Os diplomas ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia deberán achegarse coa súa tradución para o castelán ou galego, que deberá efectuar:

a) Un tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) A representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadá a persoa interesada.

Só será necesario acreditar a formación que non conste no expediente electrónico ou aquela da cal se faga algún tipo de emenda.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

MODELO DE CERTIFICADO DE MÉRITOS DA EXPERIENCIA PROFESIONAL

Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso

Datos da persoa certificadora:

Don/dona

Cargo e entidade

CERTIFICA que, segundo os datos que constan neste centro directivo, Don/dona ..., con DNI ..., ten acreditados os seguintes méritos no relativo á experiencia profesional, segundo o disposto na base II.2 da convocatoria:

Categoría/Grupo-Escala-Especialidade:

Réxime xurídico do vínculo:

Denominación do posto de traballo

Período

%

xornada

Inicio

Fin

O que fago constar para os efectos de participación da persoa interesada no proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría agronómica, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (DOG núm. 241, do 17 de decembro), e asino esta certificación en ..., ... de ... de 2023.

ANEXO II

MODELO DE INSTANCIA DE REMISIÓN DE DOCUMENTOS

Don/dona ..., con DNI/NIE número ..., e con domicilio para efectos de notificación en ... no concello de ..., código postal... , provincia de ..., teléfono de contacto ... e correo electrónico ... achega a documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso do proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría agronómica, convocado pola Resolución de 16 de decembro de 2021 (DOG núm. 241, do 17 de decembro).

... , ... de ... de 2023

(sinatura)

Dirección Xeral da Función Pública

Servizo de Selección

Consellería de Facenda e Administración Pública

Edificio Administrativo San Caetano

15781 Santiago de Compostela