Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 9 de marzo de 2023 Páx. 17042

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2023 pola que se convoca a I xornada DFIR Galicia de cibercrimininalidade.

A día de hoxe as novas tecnoloxías atópanse presentes en todas as facetas da vida, e como non podía ser doutra maneira, forman parte en todas as fases do proceso penal, tanto nos momentos máis temperáns como no desenvolvemento do procedemento. Aínda que nos atopamos co bo facer de todos os actores que forman parte desta realidade, isto non nos pode facer caer na falsa sensación de que nos atopamos ante un mundo estático, no que as formas permanecen inamovibles, todo o contrario, cada día avánzase en algo novidoso, as técnicas que onte servían para resolver unha investigación, hoxe pode ser que non nos leven a ningún destino.

As ameazas cibernéticas están a volverse máis sofisticadas e xeneralizadas, e é esencial entender a mentalidade do adversario e a evolución das súas tácticas.

Por iso, e dentro das actividades programadas para o ano 2023, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da I xornada DFIR Galicia conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: I Xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade.

Tipo: xornada.

Horas lectivas: 8 horas.

Modalidade: presencial.

Data: 28 de marzo de 2023.

2. Desenvolvemento.

Destinatarios/as: persoal das Forzas e Corpos de Seguridade, Xudicatura, Ministerio Fiscal e profesionais dedicados á resposta ante incidentes, investigación e/ou análise forense de equipamentos informáticos e demais persoal interesado.

Prazas ofertadas: sen límite.

Contidos:

Nesta xornada tocaranse cuestións tan importantes como a proba electrónica na fase de instrución, a importancia da cooperación internacional e en que momento nos atopamos, igualmente coas adaptacións das diferentes lexislacións nos países que nos rodean que nos afectan directamente.

Tampouco nos podemos esquecer de abordar correctamente a xestión de incidentes e as súas consecuencias, así como coñecer as últimas tendencias facendo fincapé no problema do ransonware e dos dispositivos IoT que empezan a formar parte do día a día de todos/as nós.

– A instrución e a evidencia dixital.

– Cooperación internacional.

– Problemática recompilación evidencias e as súas implicacións con actores internacionais.

– Hurting them: understanding and maneuvering against the Adversary (comprender e loitar contra o/a adversario/a).

– Secuestro de datos e dispositivos.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 27 de marzo de 2023.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.gal

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

A Agasp publicará diariamente a listaxe de persoas admitidas, desde o día 20 de marzo de 2023 no sitio web: agasp.xunta.gal

– Obrigas das persoas admitidas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Datas: 28 de marzo de 2023.

Horario: das 9.30 ás 19.30 horas.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 28 de febreiro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública