Mediante Resolución desta dirección xeral do 26 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023) realizouse a convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria.
A base 6.1 desta resolución establece que, expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión.
De conformidade coa antedita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Declarar, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022.
Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, na categoría de médico/a de familia de atención primaria, poderanse examinar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos/Concurso de méritos.
Terceiro. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poder corrixir, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixiu a instancia de participación, que se deberá presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.
Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola que se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023
Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos