Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2023 Páx. 17900

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2023 de modificación da composición do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

A presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol enviou, o día 1.2.2023, un escrito á Xerencia do Servizo Galego de Saúde en que comunica a renuncia de dúas persoas como membros do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e, así mesmo, propón o nomeamento doutra persoa como novo membro do citado órgano.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 22 de abril, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Na composición actual do comité figuraban Natalia Cal Purriños e Salvador García Ruise, que renuncian agora á súa condición de membros do comité.

O Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, dispón no artigo 5.7 que se adscribe á Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia ou órgano que o substitúa.

Consideracións legais e técnicas:

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que as persoas membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».

O punto 6 do artigo 9 dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/da interesado/a».

Acerca da composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o comité axústase na súa composición aos citados topes numéricos, e coa vontade de mantela así, propúxose o nomeamento de Ana Moreno Álvarez como novo membro do comité.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Natalia Cal Purriños e Salvador García Ruise como membros do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

Así mesmo, o nomeamento de Ana Moreno Álvarez, facultativa especialista en pediatría da Área Sanitaria da Coruña-Cee, titulada en medicina e cirurxía, como novo membro do citado comité.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade