Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2023 Páx. 17907

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o programa Cultura no Camiño, cara ao fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes camiños de Santiago, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT302B).

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, de acordo co que establece o artigo 27.19, do Estatuto de autonomía de Galicia, exerce a competencia en exclusiva en materia de fomento da cultura, e no artigo 32 establece que lle corresponde ao Goberno da Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego en consonancia co establecido no artigo 148.1º, 13 e 17 da Constitución española.

A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), define a Axencia Galega das Industrias Culturais no seu artigo 1.2 como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, establecendo no seu artigo 3.1 que «ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación dos ingresos suficientes e estables» e no artigo 5 establece como unha das súas funcións promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados dentro e fóra de noso país, e, en concreto, facilitando o acceso da cultura das artes escénicas galegas.

O financiamento das actuacións recollidas nestas bases realízase de xeito compartido entre a Administración autonómica e as entidades locais, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes de cada localidade. Deste xeito, dáselle resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos– que poderán gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos. Ao tempo, contribúese á dinamización da contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia.

Por todo isto, en consonancia co seus obxectivos inmediatos, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o fomento das artes escénicas e musicais de carácter profesional nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes camiños de Santiago, e se convocan para o ano 2023.

2. Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, polos que discorren os diferentes camiños de Santiago, recoñecidos pola Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural, e delimitados polo correspondente decreto, así como aqueles en que se ditou acordo de inicio para súa tramitación.

3. Solicitudes.

As solicitudes presentaranse axustadas ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irán acompañadas dos documentos que se especifican na base sétima, e deberanse cumprir cos requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes tramitaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva de xeito abreviado e polo esgotamento do crédito, que non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados desde o día seguinte á publicación desta convocatoria.

5. Información ás persoas interesadas.

5.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Teléfonos: 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) Enderezo electrónico: agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

5.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

5.3. De acordo co establecido no artigo 14, na epígrafe ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

6. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os Xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

7. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladores de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes camiños de santiago, e convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT302B).

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e dentro das súas competencias ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras das subvencións destinadas a cofinanciar programacións culturais realizadas por entidades locais polas que discorren os diferentes camiños de Santiago para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT302B).

2. Estas axudas teñen como finalidade o fomento das artes escénicas e musicais de carácter profesional, en particular de teatro, música, danza, novo circo e maxia, nos concellos de Galicia, sendo subvencionable unha porcentaxe das contratacións que integrarán as programacións e que serán desenvolvidas nas datas comprendidas entre o 15 de xuño ao 31 de agosto de 2023.

3. As programacións incluídas nesta convocatoria deberán conter como mínimo dúas contratacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia cun orzamento superior a 5.000 euros (IVE incluído) nos concellos de menos de 20.000 habitantes e de 8.750 euros (IVE incluído) nos concellos de máis de 20.000 habitantes.

4. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra
Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais pero incompatibles con calquera outra concedida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

5. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo do evento. No caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

7. No anexo II da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes na epígrafe «A persoa representante declara».

8. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva de xeito abreviado e polo esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

9. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución pola que se establecen as bases de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, polos que discorren os diferentes camiños de Santiago; á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de Subvencións; ao Decreto 193/2011, do 6 de outubro, que regula as especialidades nas subvencións ás entidades locais; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e demais normativa de xeral aplicación.

Segunda. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes camiños de Santiago, recoñecidos pola Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural, e delimitados polo correspondente decreto, así como aqueles en que se ditou acordo de inicio para súa tramitación.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

3. As entidades ao abeiro desta resolución, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable, deberán reunir os seguintes requisitos:

3.1. Deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das últimas contas xerais de cada exercicio orzamentario.

3.2. Ademais, deberán cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as entidades en que concorran algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, as entidades solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido nesta convocatoria (anexo II, epígrafe A persoa representante declara).

Terceira. Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas, ata o esgotamento do crédito, sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria, por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro. Dado que os beneficiarios das axudas son os concellos, que realizarán a contratación e que reciben unha cantidade fixa en función ao número de habitantes, non resulta necesario a comparación e prelación entre solicitudes. Non se concederán novas axudas unha vez esgotado o crédito previsto con independencia dunha publicación posterior desde aspecto polo órgano xestor, salvo que proceda o previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O financiamento destas axudas realizarase en todo caso en función das dispoñibilidades orzamentarias, destinándose un crédito global de 250.000 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.760.0 do código de proxecto 2015-00003.

3. Concederase unha dotación económica para a contratación de programacións de artes escénicas e musicais do ano 2023 que suporá:

1) Concellos de menos de 20.000 habitantes. Os concellos beneficiarios recibirán unha contía global fixa que ascende á cantidade de 2.500 euros, que en todo caso non poderá superar o 50 % do caché, da actividade ou actividades programadas.

2) Concellos de máis de 20.000 habitantes. Os concellos beneficiarios recibirán unha contía global fixa que ascende á cantidade de 3.500 euros, que en todo caso non poderá superar o 40 % do caché, da actividade ou actividades programadas.

No suposto de solicitudes conxuntas, aplicaranse as cantidades anteriores a cada membro da agrupación en función do seu número de habitantes, sen que se poida superar os límites establecidos no punto anterior.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, tras a aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

Cuarta. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, correspondan aos cachés das compañías/grupos que configuran a programación.

2. O gasto considerarase realizado, con carácter xeral, cando se contabilice o recoñecemento da obriga por parte do órgano competente da entidade local, con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nestas bases.

As entidades locais beneficiarias deberán acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data de ingreso na conta bancaria da entidade local beneficiaria do aboamento da subvención, de conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, de 6 outubro, pola que se regula as especialidades de subvencións ás entidades locais galegas.

3. Non serán gastos subvencionables:

– Os gastos derivados de calquera tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non recuperable.

– Os gastos de xuros debedores en contas bancarias, xuros, recargas e sancións administrativas e penais, e os gastos dos procedementos xudiciais.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Axencia Galega das Industrias Culturais por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.

Quinta. Presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Sexta. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de un mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

3. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela que fose realizada a emenda, xa que para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada, considerándose como data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo, coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida na presente resolución.

Sétima. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación:

1.1. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.2. Acreditación do cumprimento do deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio 2021.

1.3. Certificación emitida e asinada polo secretario ou secretaria da entidade local solicitante, en que se faga constar o acordo do concello polo que se solicita a subvención, así como o compromiso de financiar o importe ou parte non subvencionable obxecto da actividade ata o importe total de execución.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común de las administraciones públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sen prexuízo da documentación exixida para este procedemento, a Agadic poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Oitava. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Novena. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décima. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeira. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado no que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola dirección da Axencia, elevándoos á presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro.

2. Ao tratarse dunha convocatoria aberta en que se dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, unha vez esgotado o crédito da partida orzamentaria asignada, inadmitiranse as posteriores solicitudes e a dita circunstancia publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º Requirir das entidades solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

4. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderalle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na cláusula sexta destas bases.

Décimo segunda. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente e da documentación requirida, ditará a proposta de resolución, e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das entidades beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes, así como os recursos que procedan interpor contra ela.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as entidades interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Décimo terceira. Notificacións de resolucións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarta. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a resolución, as entidades beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Décimo quinta. Presentación da programación

As entidades locais beneficiarias, unha vez notificada a adxudicación da subvención, disporán dun prazo non superior a 10 días naturais para comunicar, a través da sede electrónica, as actividades contratadas ao abeiro da subvención concedida.

As actividades susceptibles de ser contratadas estarán dispoñibles para coñecemento das entidades beneficiarias na plataforma de xestión da Agadic, www.galescena.gal

Décimo sexta. Xustificación da subvención

1. O prazo de xustificación da subvención concedida rematará 10 días despois da última función e en todo caso como límite máximo do 10 de setembro de 2023.

Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic ou ante a Carpeta cidadá, tratándose de suxeitos obrigados a presentar a través da Carpeta cidadá, requiriranse as entidades beneficiarias para que a presenten no prazo improrrogable de dez días.

A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

2. A xustificación dos gastos realizarase mediante a modalidade de conta xustificativa, a través da presentación por parte da entidade local ante o órgano concedente do cumprimento da finalidade da subvención, a realización das programacións e o seu custo real, esta xustificación deberá estar integrada por:

– Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Que, segundo o informe da intervención municipal, se tomou razón en contabilidade, na fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado, con data anterior ao prazo de xustificación.

d) Que na tramitación dos procedementos de contratación necesarios para realizar as actuacións programadas se cumpriu coa normativa de aplicación no ámbito local e especialmente a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, deberán aterse ao establecido no artigo 27 da Lei de subvencións de Galicia.

e) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios.

f) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta economicamente máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria na cal se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

3. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financian a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia xunto co compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña a partir da data da declaración.

Décimo sétima. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando sexa recibida a documentación xustificativa da subvención acreditando o cumprimento de que a actividade foi executada de acordo coa programación presentada e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos á conta.

2. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Agadic procederá á comprobación e conseguinte verificación destes datos ou ben, no caso que os interesados se opoñan, deberán indicalo e achegar os documentos.

3. A acreditación documental da efectividade dos pagamentos efectuados realizarase no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas de acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

4. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As actuacións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado.

5. As entidades beneficiarias deberán proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Décimo oitava. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir coas seguintes obrigas e quedarán suxeitas ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, estarán obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo e realizar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención, xustificando nos prazos e forma establecidos o cumprimento dos requisitos así como o cumprimento da finalidade da subvención e a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención, destinando os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos executando a totalidade das actuacións que fundamentan a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións autorizadas.

2. E, en particular, deberá cumprir coas seguintes obrigas:

a) Realizar a programación nos prazos establecidos pola Agadic, a través da páxina de xestión www.galescena.gal e remitila á Agadic a través da sede electrónica .

As programacións deberán recoller un mínimo de dúas actuacións e deberán ter presentes dúas das cinco disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia).

b) Contratar espectáculos de teatro, danza, novo circo, maxia e/ou concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas dedicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando excluídas as asociacións culturais.

c) Formalizar a contratación destas actividades mediante un contrato de actuación artística de conformidade coa lexislación contractual aplicable e vixente.

d) Aboar ás compañías ou grupos participantes na programación 100 % do caché ou/e importe estipulado no contrato.

e) Asumir os gastos derivados da organización puntual de cada actividade, da coordinación e xestión do ciclo de actuacións, así como dos gastos de difusión gráfica e oral, e o pagamento dos dereitos de autor á entidade xestora destes.

f) Remitir a información sobre públicos e recadación da billeteira en formato electrónico a través da páxina de Agadic: www.galescena.gal nun prazo non superior aos cinco días hábiles seguintes á celebración de cada actuación.

g) Comunicar, con antelación suficiente, á Agadic calquera modificación da programación en particular, o referente ás alteracións unilaterais do calendario de actuacións, dos horarios de celebración ou dos espazos en que se desenvolve a programación.

h) A utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, marca que debe ser descargada da web da Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal e así como aqueles logotipos que estean en vigor no momento da concesión da subvención.

Décimo novena. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na cláusula cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésima. Perda de dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión dará lugar a perda do cobramento total ou parcial da axuda e á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo primeira. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file