Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2023 Páx. 17994

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2023 pola que se aproba a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a do Servizo de Administración e Persoal.

Vista a proposta formulada polo secretario xeral do Valedor do Pobo para a convocatoria da provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a do Servizo de Administración e Persoal do Valedor do Pobo,

RESOLVO:

Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a do Servizo de Administración e Persoal do Valedor do Pobo conforme as seguintes bases:

Primeira. Apróbase a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a do Servizo de Administración e Persoal do Valedor do Pobo que figura na vixente relación de postos de traballo (BOPG nº 596, do 24 de xaneiro de 2020).

As características do posto son as seguintes:

1. Grupo de titulación: A1.

2. Nivel de complemento de destino: 29.

3. Administración: pertenza como persoal funcionario/a de carreira A1.

4. Titulación: a correspondente ao grupo de pertenza.

5. Complemento específico: 35.808,48 €.

6. Funcións que se van desenvolver: dirixir, organizar e controlar os servizos administrativos; impulsar os expedientes da Comisión da Transparencia, órgano colexiado adscrito ao Valedor do Pobo; asegurar que a información pública que corresponda estea dispoñible e actualizada no Portal de transparencia e o adecuado trámite das solicitudes de información pública dirixidas á valedora do pobo, así como informar a cidadanía en materia de transparencia; calquera outra función que lle asigne o Valedor do Pobo.

7. Centro directivo: Valedor do Pobo.

Segunda. Poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as de carreira de calquera Administración pública pertencentes ao grupo A1.

Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo, na rúa do Hórreo nº 65, en Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares indicados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, na cal deixará constancia dos datos do posto que desempeñase e dos méritos que desexe alegar.

Para participar nesta convocatoria, a persoa interesada deberá formalizar a súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo desta resolución.

As persoas aspirantes deberán achegar coa súa solicitude un curriculum vitae e xustificar documentalmente os méritos alegados.

Os méritos alegados e non probados de acordo co establecido no parágrafo anterior non se terán en conta.

Cuarta. De conformidade co disposto no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, correspóndelle á valedora do pobo a resolución desta convocatoria.

Quinta. A dita resolución farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sexta. O prazo de toma de posesión da persoa seleccionada será de tres días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade, de sete días, se comporta cambio de residencia, ou dun mes, se comporta o reingreso ao servizo activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao da dita publicación.

Sétima. Contra a resolución pola que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición, perante a valedora do pobo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo, perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

Dolores Fernández Galiño
Valedora do pobo

missing image file