Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2023 Páx. 18914

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 10 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2022/23 (código de procedemento ED322A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

Mediante o Regulamento (UE) nº 2021/817 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio de 2021, estableceuse Erasmus+, o Programa da Unión para a educación, a formación, a xuventude e o deporte para o período 2021-2027 e, derrogouse o Regulamento (UE) nº 1288/2013.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Formación Profesional, co obxecto de seguir impulsando a mobilidade dos/das estudantes de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia, considera conveniente convocar esta orde de axudas que complementan o financiamento das axudas do programa Erasmus+ xestionadas polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e, ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2022/23 (código de procedemento ED322A).

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422E.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023, cunha contía global de 40.000 €, sen prexuízo de que poida ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da Consellería, de conformidade cos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a en estudos conducentes a unha titulación de grao en ensinanzas artísticas superiores (nivel MECES 2) no curso 2022/23 en calquera dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2022/23.

c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta da española, realice a mobilidade no seu país de orixe.

3. Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino e reciba a formación virtual en Galicia.

Artigo 4. Duración e contía das axudas

1. O programa de mobilidade para o cal se solicita a bolsa será realizado durante o curso académico 2022/23.

2. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.

3. As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.

A listaxe de países por cada un dos tres grupos é a seguinte:

Grupo 1

Países do programa con custos de vida superiores

Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Suecia

Grupo 2

Países do programa con custos de vida medios

Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal

Grupo 3

Países do programa con custos de vida inferiores

República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia, Turquía

4. As persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán a axuda económica establecida no artigo 4.3 desta orde, comezando desde os expedientes con maior nota media e ata esgotar o crédito orzamentario.

5. Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha maior nota media no seu expediente académico, e asignaráselles unha contía de 500 € por solicitante ata esgotar o orzamento. No caso de que o crédito resultante for inferior a 500 €, adxudicaráselle a cantidade resultante á seguinte persoa solicitante coa maior nota media no expediente académico.

6. En caso de empate na nota media do expediente académico persoal, establecida a catro decimais, procederase ao desempate tendo en conta o maior número de créditos cursados e superados.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, xa que as persoas solicitantes teñen capacidade suficiente e acceso a estes medios, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas con esta convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Documento acreditativo de ter concedida unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2022/23.

– Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito, no caso de actuar por medio de representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achege.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

f) Certificado académico do alumnado solicitante, en que deberán figurar a nota media do expediente académico, con aproximación a catro decimais, e o total dos créditos superados, incluídos os recoñecidos.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Obrigas dos centros

1. As secretarías dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores remitirán ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente unha certificación na cal consten:

a) Unha listaxe completa do alumnado solicitante que sexa beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

b) Nome e apelidos do/da estudante e número do DNI/NIE.

c) País de destino, duración da estadía por meses e fin da mobilidade.

d) Titulación en que está matriculado/a o/a alumno/a no curso 2022/23.

e) Certificado académico do alumnado solicitante, en que deberán figurar a nota media do expediente académico, con aproximación a catro decimais, e o total dos créditos superados, incluídos os recoñecidos.

f) Unha vez rematada a estadía de cada alumno/a, certificación da súa duración efectiva.

2. Para os efectos desta orde, a duración das estadías que figuren nas respectivas certificacións non poderán ser ampliadas. As reducións das estadías deberán ser comunicadas ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente.

Artigo 10. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias das axudas, a contía destas e a listaxe das solicitudes denegadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade, a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.edu.xunta.gal, tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 11. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. O Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.edu.xunta.gal e nos taboleiros de anuncios dos centros de ensinanzas artísticas superiores correspondentes.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

Vogais:

– O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente.

– Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de música e artes escénicas.

– Un/unha director/a dun centro de ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño.

– Secretario/a: un/unha asesor/a técnico/a da Dirección Xeral de Formación Profesional.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Formación Profesional.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Dirección Xeral de Formación Profesional, un informe-proposta á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

2. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe das persoas beneficiarias das axudas e a súa contía.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reuniren algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificadas para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria. O importe da axuda estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

1. Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

2. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Acreditar mediante certificación que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo o establecido no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

4. Realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

Artigo 16. Compatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou a entidade que as conceda.

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 4/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información sobre a xestión de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente, mediante recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file