Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2023 Páx. 19680

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de Tesouraría do Concello de Cabana de Bergantiños como posto reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada polo Concello de Cabana de Bergantiños, relativa á clasificación do posto de traballo de Tesouraría, como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante PFHN), emítese resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 8.2.2023 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (nº 2023/441679) a solicitude formulada polo Concello de Cabana de Bergantiños relativa á creación e clasificación do posto de traballo de Tesouraría reservado a PFHN, e con esta petición xuntou a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa para a creación e clasificación do posto de Tesouraría do Concello de Cabana de Bergantiños como reservado a PFHN.

– Certificado da secretaria municipal relativo ao Acordo plenario do 29.12.2022 sobre a creación do posto de traballo de Tesouraría como reservado a PFHN, a aprobación inicial do cadro de persoal para o exercicio 2022, en que se inclúe o citado posto de traballo, e a modificación do anexo do persoal funcionario en que se reflicte este novo posto de traballo reservado. No citado certificado inclúese, así mesmo, declaración relativa á ausencia de presentación de alegacións ou reclamacións contra o expediente de modificación do cadro e anexo de persoal e creación do posto de Tesouraría durante o período de exposición pública, tras anuncio inserido no Boletín Oficial da provincia da Coruña nº 3, do 4.1.2023.

– Anuncio da aprobación definitiva do acordo de aprobación do posto de traballo reservado de Tesouraría e modificación do cadro e anexo de persoal no Boletín Oficial da provincia da Coruña nº 26, do 7.2.2023.

– Certificado da secretaria municipal relativo á cifra do último padrón municipal aprobado polo Instituto Nacional de Estatística, que ascende a un total de 4.195 habitantes.

Segundo. Examinada a solicitude formulada e a documentación remitida polo Concello de Cabana de Bergantiños, esta dirección xeral comprobou que a documentación achegada estaba incompleta. Por esta razón, remitiuse á citada entidade local requirimento de emenda da súa solicitude inicial, co obxecto de que presente a documentación sinalada no citado requirimento.

Terceiro. O Concello de Cabana de Bergantiños presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (2023/617742), en contestación ao requirimento efectuado, a seguinte documentación:

– Certificado da secretaria municipal acreditativo dos recursos de que dispón a entidade local segundo o último orzamento aprobado, polo importe de 3.699.000 €.

Polo que pode considerarse completado o expediente, para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A creación e clasificación do posto de Tesouraría no Concello de Cabana de Bergantiños como reservado a PFHN veñen impostas polo preceptuado no artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018), ao sinalar que nas corporacións locais cuxa Secretaría estea clasificada en clase primeira ou segunda existirá un posto de Tesouraría reservado a PFHN da subescala de Intervención-Tesouraría. A Secretaría do Concello de Cabana de Bergantiños está clasificada como de clase segunda, polo que resulta imperativa a creación e clasificación do dito posto de traballo reservado, ao cal lle corresponde a responsabilidade administrativa das funcións de tesouraría e recadación enumeradas no artigo 5 do Real decreto 128/2018, e ten que ser desempeñado por persoal da subescala de Intervención-Tesouraría, calquera que sexa a súa categoría.

Segundo. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción do presente acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.6 da Orde do 14 de xullo de 2022 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido polo subdirector xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Cabana de Bergantiños, coas seguintes características:

Entidade local: Concello de Cabana de Bergantiños.

Posto: Tesouraría.

Subescala: Intervención-Tesouraría.

Categoría: sen distinción de categoría.

Forma de provisión: concurso de méritos.

Nivel de complemento de destino: 26.

Complemento específico: 12.600 € (14 mensualidades).

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración local