Para os efectos previstos no artigo 29.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), faise público que, por espazo de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedan expostos o estudo de impacto ambiental e a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada do complexo industrial de tratamento e produción de perfís de aluminio presentada por Extrusionados Galicia, S.A., para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.
A documentación estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente y sostenibilidad>>prevención y control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proyectos en información pública).
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023
María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático
ANEXO
Categoría principal da actividade: 2.6 (instalacións para o tratamento de superficies de metais e materiais plásticos por procedemento electrolítico ou químico, cando o volume das cubetas ou das liñas completas destinadas ao tratamento empregadas sexa superior a 30 m³).
Titular: Extrusionados Galicia, S.A. e Extrugasa Transformación, S.A.
NIF: A15041916 e A36451797.
Domicilio social: rúa Nova Campaña, s/n, 36645 Valga (Pontevedra).
Enderezo da instalación: rúa Nova Campaña, s/n, 36645 Valga (Pontevedra).
Actividade principal: encádrase no sector do aluminio; as súas actividades principais son o extrusionado, o lacado e o anodizado de perfís de aluminio.
Descrición da modificación: execución dunha planta de fundición de chatarra de aluminio, co obxecto de recuperar/valorizar chatarra de aluminio para a produción de barrote de aluminio secundario, que será reintroducido no proceso de extrusión como materia prima.
Verteduras: a nova planta de fundición non xerará verteduras de augas residuais industriais. As augas pluviais da nova nave conduciranse á rede de recollida de pluviais existente no complexo, con destino final o regato Puntó (bacía do río Ulla). As augas sanitarias serán conectadas á rede de saneamento municipal.