Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2023 Páx. 20184

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, as instalacións eléctricas no concello de Ribadavia (expediente IN407A 2022/163-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida de América, 38, 28028 Madrid.

Denominación: regulamentación LMTA CAS802, a 20 kV, entre os apoios 39 e 40 (Ribadavia).

Situación: San Cristovo, concello de Ribadavia.

Orzamento: 11.767,05 €.

Características principais do proxecto de execución, que foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor, o 17.9.2021.

• Substitución do apoio núm. 40, tipo compás e cruceta lira, por novo apoio C-18/3000-D15 (disposición en bandeira), para garantir distancias regulamentarias, así como o cambio do condutor LA-110 nos vans afectados, e nova E/S no CT San Cristovo (32CO11). Substitución dos condutores de tipo RHZ1-3x(1x240) existentes entre apoio a retirar e as celas do citado CT.

• Recuamento do apoio núm. 39 existente de tipo HV 12/2A-LIRA-CS para desprazalo fóra da zona de servidume do regato do Pontellón, mediante a instalación dun novo apoio de celosía metálica.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 7.10.2022, que foi inserido no DOG do 31.10.2022 e no xornal La Región de Ourense do 12.10.2022, o proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario.

Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas alegacións por Matilde Alfaro Pérez. Nelas realiza diversas consideracións sobre a localización dos apoios núm. 39 e 40 e conclúe solicitando que a instalación se realice de forma soterrada para evitar prexuízos ao predio afectado, debido á súa natureza urbana. Na contestación a estas alegacións, o promotor xustifica o cambio de localizacións proxectadas dos apoios. No caso do apoio núm. 39, débese ao recuamento dun leito fluvial exixido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. No caso do apoio núm. 40, débese á exixencia de manter a distancia regulamentaria cunha edificación existente e á imposibilidade de colocalo no espazo público por mor do recuamento exixido pola normativa municipal. En canto á petición de soterramento, o promotor argumenta que suporía un incremento do custo na obra proxectada superior ao 10 por 100 da parte da liña afectada pola variante, nos termos que sinala o artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. En consecuencia, non se teñen en conta as alegacións formuladas por Matilde Alfaro Pérez.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 17 de febreiro de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense