Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2023 Páx. 20632

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023 pola que se convoca unha xornada sobre normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

No ano 2017 plubicouse a primeira norma autonómica con rango legal que establece unha regulación xenérica, actualizada e de carácter global, en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, isto é, a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que veu encher o baleiro normativo existente na actualidade.

A súa entrada en vigor supuxo un grande fito que deu lugar a un importante desenvolvemento normativo que axudou a complementar e a aplicar as disposicións previstas na lei.

Por este motivo, e dentro das actividades programadas para o ano 2023, ao abeiro das funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da I xornada sobre normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, cuxo obxectivo principal é tratar os aspectos máis importantes da normativa actual en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, nomeadamente o Decreto 226/2022, do 22 de decembro, e presentar unha guía explicativa que permita un coñecemento axeitado de toda a normativa actualmente vixente sobre a materia.

1. Datos da actividade.

Denominación: Xornada sobre normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas

Tipo: xornada.

Horas lectivas: 5 horas.

Modalidade: presencial.

Data: 26 de abril de 2023.

2. Persoas destinatarias.

Persoal das forzas e corpos de seguridade, xudicatura, Ministerio Fiscal e demais persoal interesado.

Prazas ofertadas: sen límite.

Programa:

10.00-10.30 horas. Inauguración.

10.30-12.00 horas. Presentación da Guía Explicativa elaborada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que recolle os aspectos fundamentais da normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

12.30-13.00 horas. Normativa en materia de plans de autoprotección en espectáculos públicos.

13.00-13.30 horas. Réxime de autorizacións de espectáculos públicos e actividades recreativas en zonas de dominio público portuario.

13.30-14.00 horas. Montaxe de instalacións portátiles e desmontables.

14.00-15.00 horas. Charla coloquio.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico, co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 21 de abril de 2023.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) O formulario de solicitude a que se refire a base anterior deberá ser cuberto pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, dispoñible no enderezo da internet http://agasp.xunta.gal

b) Para cubrir correctamente o formulario de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) O formulario de solicitude poderá ser cuberto ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

A Agasp publicará diariamente a listaxe de persoas admitidas desde o día 20 de abril de 2023 no sitio web agasp.xunta.gal

Obrigas das persoas admitidas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con 48 horas como mínimo de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp a través do correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

En caso contrario, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Datas: 26 de abril de 2023.

Horario: das 10.00 ás 15.00 horas.

6. Dereitos e deberes das persoas participantes.

Durante o desenvolvemento da actividade ás persoas participantes seralles de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 20 de marzo de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública