Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Cabeza de Meda e outros, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, Currás, Medón e Ratoeiras; e do MVMC Montes de Cacharrequille, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, nos concellos de Montederramo e Xunqueira de Espadanedo (Ourense), resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 28.9.2022, a CMVMC de Cacharrequille, Currás, Medón e Ratoeiras presentou un escrito (Rexel 2022/2379494) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMMVVMC de Cacharrequille.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento do 22.8.2022.
– Memoria e planos.
– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Montederramo.
– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.
Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 25 de novembro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Cabeza de Meda e outros (Pedroso, Cabezo, Devesa e Outeiro de Ratoeiras), pertencente á CMVMC de Cacharrequille, Currás, Medón e Ratoeiras, e o MVMC Montes de Cacharrequille, pertencente á CMMVVMC de Cacharrequille, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 13 (o situado máis ao S).
No citado informe indícase que o vértice 1 do deslindamento non pode ser tido en conta xa que teoricamente correspóndese co punto de confluencia dos montes en cuestión co MVMC Cabeza de Meda pertencente á CMVMC do Coutiño, O Couto, Santiagueiro, Requián, Teimende, Celeirón e As Paradellas, a cal non participa da conciliación. En consecuencia, o primeiro punto como tal do deslindamento debe ser o vértice 2, tendo o vértice 1 a condición de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo inicial do deslindamento.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 2 e 13 indicados na acta de conciliación, tendo o punto 1 a consideración de vértice auxiliar que define a dirección da liña no tramo anterior ao punto 2.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Cabeza de Meda e outros, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, Currás, Medón e Ratoeiras; e do MVMC Montes de Cacharrequille, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, no concello de Montederramo e Xunqueira de Espadanedo.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 15 de marzo de 2023
Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense