Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2023 Páx. 21583

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (en diante, a Axencia) como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

Nos termos recollidos no artigo 2 dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, desde a Axencia preténdese revalorizar a competitividade e a innovación das empresas forestais, con especial incidencia na segunda e seguintes fases de transformación.

A acción 4.1.3 da Axenda de Impulso da Industria Forestal establece un programa de incentivos á mellora da competitividade da industria forestal galega no marco da cal pretende impulsar a innovación tecnolóxica dun dos sectores estratéxicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, estas bases reguladoras encádranse na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, en concreto no reto 1 (Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación), na prioridade 1 (Solucións científico-tecnolóxicas para a sustentabilidade) e no programa 2 (Innova e emprende).

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 está consignado crédito por importe de 500.000,00 euros para a indicada anualidade e 2.100.000,00 euros para o ano 2024, con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.A4.741A.770.0, 14.A4.741A.771.0 e 14.A4.741A.780.2 no código de proxecto (2021 00002).

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas dirixidas á valorización, potenciación, innovación e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal de Galicia e do contract (código de procedemento IN500B) e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2023.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras das axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Para a liña 5 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En calquera caso, deberán desenvolver a súa actividade en Galicia.

3. As pequenas e medianas empresas, para acadar a condición de beneficiarias, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:

1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe deste ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta polo importe do investimento.

3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria, modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).

b) Deberán ter vixente na data de publicación da convocatoria un seguro de responsabilidade civil para as actividades propias da industria forestal e do contract e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais.

As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que dispoñen do seguro de responsabilidade civil vixente e, no suposto de ser exixible, do contrato de prevención de riscos laborais.

c) Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou ben, deberán estar dados de alta nalgún código da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.

4. Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:

a) Aquelas persoas ou entidades solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza, así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade, a diversificación, ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou solucións, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Serán igualmente subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que teñan como obxectivo a mellora da seguridade e saúde na contorna laboral das empresas da industria forestal e do contract.

2. As persoas solicitantes poderán presentar, como máximo, un proxecto ao abeiro desta resolución. Os proxectos poderán incluír actuacións independentes e encadrarse nunha ou varias das liñas estratéxicas establecidas no artigo 4.

Artigo 4. Investimentos subvencionables

1. Para os efectos desta resolución, serán subvencionables as seguintes actuacións desagregadas por liñas estratéxicas:

Liña 1. Competitividade e valorización.

a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabaments da madeira.

b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

c) Outros bens de equipamentos novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

Liña 2. Mobiliario, contract e construción.

a) Compra de maquinaria nova vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción.

b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

c) Outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

Liña 3. Mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables ou solucións a través de servizos de deseño, desenvolvemento e implementación de estratexias mediante a avaliación e análise de retos empresariais encamiñados a mellorar a produtividade dos procesos industriais, o desenvolvemento de novos produtos/solucións ou á diversificación a través de novos modelos de negocio, entre outros na:

a) Eco-construción. Construción sustentable e industrializada en madeira.

b) Fixación de cores. Madeira laminada con cores.

c) Novos produtos de madeira para clases de uso 3.1, 3.2, 4 e 5.

d) Sistemas para a mellora dos procesos de encolado, resistencia e comportamento ao lume.

e) Composites de madeira.

f) Biomoléculas de interese, medicamentos, encimas, alimentos de alto valor nutricional.

g) Acústica, combinando madeira con calquera outro material.

h) Valorización de subprodutos da industria forestal.

Liña 4. Certificacións, ensaios e informes.

a) Implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental.

b) Informes, servizos, bens, equipamentos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais, marcas de garantía rexistradas, marcas colectivas rexistradas ou implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal e condicionados á súa obtención dentro do prazo de xustificación da axuda.

c) Ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado para a realización do ensaio.

Liña 5. Seguridade e saúde na contorna laboral.

a) Servizos para a implantación e certificación do estándar OHSAS 18001 (xestión da seguridade e saúde no traballo-SST).

b) Creación de servizos de prevención mancomunados (SPM).

2. Os investimentos deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Deben executarse dentro do prazo de xustificación recollido na convocatoria.

c) A persoa beneficiaria deberá adquirir en propiedade a maquinaria e os bens de equipamento obxecto de investimento. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de xustificación, debendo constar nese momento o pagamento das cantidades aprazadas.

d) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

e) Os investimentos subvencionados deberán manterse durante un período mínimo de 5 (cinco) anos contados desde a data do último pagamento da axuda.

f) En ningún caso se admitirán pagamentos en metálico.

Artigo 5. Investimentos non subvencionables

1. Non serán subvencionables ao abeiro desta resolución:

a) Mobiliario de oficina.

b) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.

c) Obras de reparación de edificios, agás as que sexan necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

d) Equipamentos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten, agás os necesarios para a implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal.

e) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas pola persoa solicitante nin cos procesos de transformación de produtos de orixe forestal.

f) As taxas por licenzas administrativas.

g) O imposto sobre o valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.

h) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

i) Os xuros debedores.

j) Equipamento, maquinaria forestal e maquinaria de primeira transformación para traballos no monte.

2. Ademais, para as liñas 1 a 4 non serán subvencionables:

a) Equipamentos e medios de transporte.

b) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.

c) Os gastos de alugamento de instalacións e equipamentos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).

d) Material funxible en xeral.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada e se realicen dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data de xustificación recollida nela.

Artigo 7. Importe das axudas

1. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 50 % dos gastos elixibles.

2. A axuda máxima por solicitante limitarase a 60.000,00 euros de modo xeral e a 200.000,00 euros no caso de que se subvencionen actuacións encadradas nas liñas estratéxicas 1 ou 2, definidas no artigo 4.

Artigo 8. Baremación das solicitudes

1. A puntuación máxima que pode conseguir unha solicitude é de 165 puntos, de acordo cos seguintes criterios en función das características da persoa solicitante:

1º. Por ser ou pertencer a asociacións, organizacións ou fundacións, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolvan a súa actividade en Galicia, na data de publicación da convocatoria: 20 puntos.

2º. Por cada actividade formativa cunha duración mínima de 20 horas, realizada por persoas traballadoras da entidade solicitante desde o 1.1.2020 ata a data da publicación da convocatoria (máximo 3 actividades): 10 puntos cada actividade ata un máximo de 30 puntos.

Para a valoración das actividades formativas observaranse os seguintes criterios:

a) Deben ter un recoñecemento oficial. Entenderase que contan cun recoñecemento oficial as actividades formativas organizadas, financiadas ou homologadas por unha entidade ou organismo do sector público e as impartidas por centros e entidades de formación para o emprego inscritas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego ou, de ser o caso, acreditadas. Tamén serán recoñecidas aquelas actividades impartidas por escolas de negocio.

b) Computaranse as actividades formativas realizadas tanto polo persoal contratado por conta allea como polo persoal en réxime de autónomos.

c) As persoas traballadoras deberán estar en activo na entidade solicitante na data de realización da actividade formativa.

d) Abordarán algunha das seguintes temáticas:

– Habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros, na xestión de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina (quedan excluídos os alimentarios como fungos, froitos, mel, aromatizantes e medicinais), en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.

– Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.

– Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabamento, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.

– Incorporación do deseño como ferramenta de innovación e diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e no moble.

– Competencias profesionais en materia de construción en madeira.

– Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.

– Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a reciclaxe profesional neste ámbito.

– Queda excluída a formación centrada especificamente nos postos de traballo ou funcións de cada traballador, así como a súa adaptación á aparición de novos riscos.

– Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal-madeira.

– Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing.

– Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).

3º. Entidades con mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia, na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.

Entenderase que desempeñan funcións de dirección as empresarias individuais, as administradoras e as conselleiras.

As funcións de xerencia deberán desempeñarse a tempo completo e indefinido.

4º. Entidades que conten, na data de publicación da convocatoria, cun plan de igualdade voluntario segundo o disposto no artigo 45 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes: 10 puntos.

5º. Industrias forestais que conten con instalacións fixas ou que presenten proxectos de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada pola presenza no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro) de acordo coas disposicións da autoridade competente en materia de sanidade vexetal, segundo o anexo V onde se relacionan os concellos comprendidos na zona demarcada: 20 puntos.

6º. Por cada certificado de cadea de custodia de produtos forestais de que dispoña a empresa na data de publicación da convocatoria (máximo 2 sistemas de certificación): 10 puntos.

7º. Empresas que dispoñan de certificado de sistema de xestión da calidade ou sistema de xestión ambiental na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.

8º. Empresas que dispoñan de marcación CE para algún dos produtos de orixe forestal que fabriquen, na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.

9º. Empresas que dispoñan da marca de garantía Piñeiro de Galicia na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.

10º. Empresas que dispoñan de certificado OHSAS 18001 (xestión da seguridade e saúde no traballo-SST) na data de publicación da convocatoria: 10 puntos.

11º. Cando os proxectos obxecto de solicitude se pretendan implantar o se desenvolvan no termo municipal dos concellos que conten coa condición de concellos emprendedores segundo o anexo V ao abeiro do título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia: 15 puntos.

Artigo 9. Selección de proxectos

1. Ordenaranse os proxectos por orde de maior a menor puntuación de acordo co baremo indicado no artigo 8 e aprobaranse as actuacións en función do orzamento asignado a cada unha das liñas estratéxicas en que se encadren. En caso de empate na puntuación de corte e que non haxa orzamento suficiente asignado á liña para conceder a axuda ás actuacións de proxectos coa mesma puntuación, ordenaranse estes segundo a seguinte orde de prioridade e ata esgotar o orzamento:

a) Primeiro. Menor importe de axudas á valorización e segunda transformación da industria forestal concedida á entidade solicitante nos últimos tres anos contados desde a data de publicación da convocatoria.

b) Segundo. Entidades con mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia, na data de publicación da convocatoria.

c) Terceiro. Empresas que conten con instalacións fixas ou presenten proxectos de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada pola presenza no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro) de acordo coas disposicións da autoridade competente en materia de sanidade vexetal, segundo o anexo V.

d) Cuarto. Data de presentación da solicitude.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Toda a información sobre este procedemento está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

3. Só se poderá presentar unha solicitude por persoa solicitante.

4. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

– Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.

– Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

– Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

– Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

– Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

– Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.

– Declaración responsable de que se desenvolverán en Galicia as actividades do proxecto para o que se solicita a axuda.

– Declaración responsable de que ningún dos provedores está asociado nin vinculado coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

– Declaración responsable de que a empresa conta cun seguro de responsabilidade civil para as actividades propias da industria forestal e do contract en vigor na data de publicación da convocatoria.

– Declaración responsable de que a empresa conta, no suposto de ser exixible, cun contrato de prevención de riscos laborais en vigor na data de publicación da convocatoria.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo III. Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, no caso de muller xerente.

b) Anexo IV. Memoria do proxecto que se vai realizar e das características da persoa solicitante para as que solicita baremación. Neste sentido, só serán consideradas aquelas características debidamente consignadas. No anexo inclúense as seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable de que é ou pertence a unha asociación, organización ou fundación representativa ou relacionada coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolva a súa actividade en Galicia, indicado o nome da dita entidade. De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en condición de acreditar este criterio mediante estatutos ou certificado de estar asociado e ao día de pagamento de cotas.

– Declaración responsable co número de actividades formativas realizadas por persoas traballadoras da entidade solicitante desde o 1.1.2020 ata a data de publicación da convocatoria que cumpren cos criterios establecidos no artigo 8.1.2º. De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar este criterio mediante informe oficial da Seguridade Social de vida laboral da entidade solicitante; título, diploma acreditativo ou certificado de asistencia con detalle do contido, data de celebración e duración da actividade formativa.

– Declaración responsable de que a entidade solicitante conta cunha muller que desempeñe funcións de dirección ou xerencia, na data de publicación da convocatoria, indicado o nome, apelidos e DNI ou NIE da dita persoa. De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar este criterio mediante escrituras sociais de constitución ou modificación posteriores ou contrato de traballo non sendo posible acreditar as funcións directivas ou de xerencia mediante a presentación dun poder notarial.

– Declaración responsable de que conta, na data de publicación da convocatoria, cun plan de igualdade voluntario segundo o disposto no artigo 45 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de homes e mulleres, indicando a data de solicitude de inscrición no Rexcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia). De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar a solicitude de inscrición no Rexcon.

– Declaración responsable de que conta con instalacións fixas ou que presenta un proxecto de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro), indicando o concello e nome da parroquia.

– Declaración responsable de que conta con certificado de cadea de custodia (PEFC ou FSC) na data de publicación da convocatoria, indicando o número de certificado. De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado vixente emitido pola entidade de certificación forestal.

– Declaración responsable de que conta, na data de publicación da convocatoria, con certificado de sistema de xestión da calidade ou de sistema de xestión ambiental, indicando o nome do sistema e a data de expedición do certificado. De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado vixente.

– Declaración responsable de dispoñer, na data de publicación da convocatoria, de marcación CE obrigatoria ou voluntaria para algún dos produtos de madeira para a construción que fabrique, indicando documento de avaliación europeo (DEE) ou norma harmonizada e o sistema de avaliación e verificación da constancia de prestacións de aplicación (EVCP). De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar certificado de constancia das prestacións do produto, certificado de conformidade do control de produción en fábrica, informe do produto tipo ou xustificación de ter implantado e vixente un sistema de control de produción en fábrica, segundo procedo en función do sistema de avaliación e verificación da constancia de prestacións de aplicación.

– Declaración responsable de que, na data de publicación da convocatoria, é unha empresa cualificada para o uso da marca de garantía Piñeiro de Galicia, indicando a data de expedición do certificado de cualificación. De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado que acredite a disposición da marca de garantía Piñeiro de Galicia.

– Declaración responsable de dispoñer, na data de publicación da convocatoria, de certificado OHSAS 18001 (xestión da seguridade e saúde no traballo-SST), indicando a data de expedición do certificado de cualificación. De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado que acredite a disposición do certificado OHSAS 18001.

– A persoa solicitante presenta un proxecto que se desenvolverá no termo municipal dos concellos que contan coa condición de concellos emprendedores ao abeiro do título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, indicando a provincia e nome do concello.

A Axencia Galega da Industria Forestal poderá requirir ás persoas solicitantes documentación xustificativa que avale o declarado. No caso de detectar falsidades, o expediente de solicitude inadmitirase e, ademais, a persoa solicitante non poderá ser perceptora na próxima convocatoria.

b) Memoria asinada pola persoa solicitante ou representante onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo IV da presente resolución.

c) Documentación xustificativa de acreditación da representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.

d) Escrituras sociais de constitución e modificacións posteriores, no caso dunha sociedade, certificación da situación censual, no caso de autónomos e estatutos sociais, no caso de asociacións, organizacións fundacións e entidades sen ánimo de lucro.

e) Copia da declaración do imposto de sociedades da empresa, do último exercicio económico pechado na data de publicación da convocatoria, no caso de contribuíntes por este imposto.

f) Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria para todos os réximes en que figure dada de alta a empresa. No caso de que nalgún dos réximes non haxa persoas traballadoras, deberá presentarse informe de encadramento do empresario no sistema da Seguridade Social ou documento oficial equivalente para acreditalo.

g) Documentación acreditativa dos requisitos previos para pequenas e medianas empresas:

1º. Declaración da condición de peme, segundo os anexos II.1 Declaración relativa á condición de peme (cando o solicitante é unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas), II.2 Declaración relativa á condición de peme (para persoas xurídicas) e II.3 Declaración de persoa física partícipe na persoa xurídica. Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último exercicio económico pechado.

2º. No caso de empresas vinculadas ou asociadas coa empresa solicitante:

– Copia das contas anuais do último exercicio económico pechado de cada unha das empresas.

– Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria para todos os réximes en que figure dada de alta cada unha das empresas.

No caso de que nalgún dos réximes non haxa persoas traballadoras, deberá presentarse informe de encadramento do empresario no sistema da Seguridade Social ou documento oficial equivalente para acreditalo.

3º. Documentación xustificativa da viabilidade da empresa, segundo o indicado no artigo 2.

– Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe deste ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

– Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.

– Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria, modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).

4º. No caso de opoñerse á consulta do Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor), documentación que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria:

– Comunicación anual de datos ao Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

– Certificado de código CNAE ou calquera outro medio válido en dereito que o acredite.

h) Documentación relativa aos investimentos obxecto de baremación:

1º. Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos de conformidade co disposto no artigo 12 destas bases.

2º. No caso de investimentos en maquinaria fixa e instalacións:

– Para investimentos en maquinaria fixa ou instalacións: plano de planta coa distribución de edificacións, maquinaria e instalacións, onde veñan reflectidos os investimentos que se van realizar. O plano deberá estar asinado por técnico competente.

– No caso de instalacións que así o requiran: copia da presentación no concello da solicitude de licenza de obra ou comunicación previa segundo proceda.

– Acreditación da presentación no concello da comunicación previa do inicio de actividade ou apertura do establecemento establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con toda a documentación requirida, ou licenza de actividade para as solicitudes de licenza tramitadas antes da entrada en vigor da devandita lei.

2. Para que unha solicitude sexa válida, debe achegarse a seguinte documentación mínima:

a) Solicitude de axuda (anexo I), debidamente cumprimentada.

b) Anexo IV, Memoria dos investimentos que se van realizar, debidamente formalizada.

c) Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, segundo o disposto no punto 1.h).1º do presente artigo.

As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

3. A documentación achegarase en formato «.pdf». Será obrigatorio para a súa presentación seguir a estrutura especificada e nomear cada arquivo segundo a nomenclatura establecida no anexo XIV coa instrución respecto á nomenclatura da documentación presentada en fase de solicitude.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes recollido na respectiva convocatoria de axudas e ata que recaia a resolución no procedemento non se admitirán modificacións relativas aos proxectos solicitados nin dos elementos que serán obxecto de baremación, sen prexuízo do dereito de desistencia.

Artigo 12. Moderación de custos

1. En todo caso, débese respectar a moderación de custos. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentalas coa solicitude de axuda, agás que o gasto non acadase os 40.000,00 euros sen IVE en caso de obras ou 15.000,00 euros sen IVE en caso de subministracións ou prestación de servizos, ou se se realizaron con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. As ofertas presentadas para cada gasto deberán estar asinadas dixitalmente, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

c) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír:

1º. No caso de obra civil e instalacións: a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe.

2º. No caso de subministración de maquinaria e equipamentos: marca, modelo e características técnicas.

3º. No caso de prestación de servizos a descrición detallada destes.

3. Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que dará lugar á consideración de gasto non subvencionable.

4. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a dita elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

5. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante e da muller xerente ou directiva.

c) Certificado da renda da persoa solicitante.

d) DNI/NIE da persoa representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificados de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Facenda da Xunta de Galicia.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas polo réxime de minimis.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Consulta do Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I, de ser o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 14. Tramitación

1. A tramitación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

2. A Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal convocará e resolverá as subvencións ditadas ao abeiro das presentes bases reguladoras, e será o órgano encargado da aplicación do réxime sancionador.

3. A Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal será a encargada da instrución e do seguimento das subvencións, así como da xestión económico-orzamentaria deste programa e do seguimento da súa execución.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Instrución do procedemento

1. Na fase de instrución realizaranse, de oficio, cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Na fase de instrución verificarase a moderación dos custos propostos seguindo o indicado no artigo 48.2.e) do Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

3. Requirirase aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles acheguen a documentación non presentada e no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, os corrixan, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ademais, neste requirimento indicarase que, se non se fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Avaliación regulada no artigo 17 para a súa avaliación e valoración en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e valoración previstos nestas bases.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 17. Comisión de Avaliación

1. A Comisión de Avaliación será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo 8.

2. A composición da Comisión de Avaliación será a seguinte:

a) Presidencia: persoa titular da xefatura do Departamento de Xestión Administrativa ou persoa que a substitúa.

b) Unha vogalía nomeada entre os membros da Axencia.

c) Unha vogalía nomeada entre o persoal funcionario da Axencia que desempeñará, ademais, as tarefas de Secretaría da Comisión.

3. Os membros da Comisión serán nomeados polo director da Axencia.

4. A Comisión de Avaliación, cando o xulgue necesario, poderá solicitar asesoramento técnico de persoal especializado da Axencia Galega da Industria Forestal.

5. A Comisión de Avaliación elaborará unha relación ordenada de todos os proxectos solicitados que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras, con indicación da puntuación outorgada a cada un deles.

De ser o caso, a Comisión elaborará unha lista de agarda coa relación de proxectos e actuacións aprobadas para os cales non se propón a concesión da subvención por esgotamento do orzamento dispoñible na liña correspondente. O órgano instrutor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, o crédito liberado poderá asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

6. A Comisión de Avaliación emitirá un informe final no cal figurarán de forma individualizada e motivada os proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación da persoa beneficiaria e a puntuación obtida no proceso de baremación.

Artigo 18. Resolución

1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Avaliación ao director da Axencia Galega da Industria Forestal.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Axencia ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación dos proxectos que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de tres meses, contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo da obriga legal de resolver pola Administración, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Artigo 19. Resolucións do procedemento

1. Todas as resolucións se notificarán aos interesados nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos.

2. A resolución de concesión expresará o importe total da axuda que lle corresponde a cada persoa beneficiaria, así como a súa distribución por anualidades.

3. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se, transcorridos dez días hábiles desde a notificación, a persoa interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención mediante a achega do anexo VI , Renuncia, entenderase que a acepta tacitamente, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

No caso de renuncia á subvención por algunha das persoas beneficiarias, o órgano concedente, por proposta do órgano instrutor, poderá acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao proxecto ou proxectos seguintes en orde da súa puntuación, a condición de que, coa renuncia por parte dalgunha das beneficiarias, se libere crédito suficiente na liña correspondente para atender polo menos o conxunto de actuacións dun proxecto aprobadas e denegadas por insuficiencia de crédito.

Salvo causa de forza maior percibida polo órgano concedente, presentar a renuncia total ás axudas fóra do devandito prazo ou non presentar a renuncia nos casos de incumprimento total do proxecto subvencionado, tal como queda definido o incumprimento total no artigo 23.7, suporá que a empresa non poderá solicitar axudas para os proxectos recollidos nesta resolución nas dúas seguintes convocatorias.

4. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que xulguen procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte en que se produzan os efectos do silencio administrativo ante o presidente da Axencia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Modificación da resolución

1. Logo da notificación da resolución de concesión, se a beneficiaria precisa introducir calquera tipo de modificación sobre o proxecto técnico presentado coa solicitude, solicitará autorización da Axencia mediante o modelo normalizado anexo VII Solicitude de modificación, e xustificará as razóns do cambio e xuntará a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións do proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación do proxecto será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación final dos investimentos no caso de subvencións cunha única anualidade. No caso de dúas anualidades, o prazo será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para xustificar a primeira anualidade.

2. Poderase modificar o proxecto inicialmente aprobado, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación a terceiros nin unha modificación da puntuación acadada en función do esforzo investidor do proxecto que supoña unha modificación da puntuación total tal que resulte inferior á puntuación de corte segundo o procedemento de selección de proxectos establecido no artigo 9.

3. A autorización ou denegación da modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Axencia por proposta do órgano instrutor, logo de instrución do correspondente expediente de modificación.

4. A modificación do proxecto estará suxeita ás seguintes condicións:

a) As modificacións que incrementen o importe do proxecto subvencionable non suporán un incremento do importe da subvención concedida. Porén, as persoas beneficiarias quedarán obrigadas a xustificar o importe do proxecto modificado.

b) Será admisible a redución do importe total do proxecto considerado como subvencionable na resolución de concesión se non supera o 40 % do seu valor.

c) Non se admitirán modificacións que supoñan un cambio de persoa beneficiaria.

d) As modificacións que afecten os gastos incluídos na solicitude de axuda deberán cumprir, de ser o caso, cos requisitos do artigo 12 destas bases.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Documentación xustificativa que hai que presentar para o pagamento da axuda

1. Para o pagamento parcial da axuda deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento da axuda (anexo VIII), en que se incluirán as seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

– Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

– Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

– Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.

– Declaración responsable de que a empresa mantén o cumprimento dos requisitos que condicionaron a obtención da axuda e das condicións para obter a puntuación aplicada polas características da empresa na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes.

– Declaración responsable de que ningún dos provedores están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do investimento subvencionable e documentación acreditativa do pagamento, que deberán cumprir o indicado no anexo XIII Instrución para a presentación dos xustificantes de gasto e de pagamento das actuacións elixibles.

c) Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados segundo o anexo XI Lista de xustificantes de pagamento.

d) Anexo IX. Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas.

e) Certificado de depósito de aval bancario na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, se procede.

2. Para o pagamento final ou total da axuda deberá presentarse:

a) A documentación recollida no punto 1 deste artigo.

b) Memoria dos investimentos realizados (anexo X), coa explicación, de ser o caso, das diferenzas entre os traballos previstos e os realizados.

c) Memoria asinada pola persoa beneficiaria ou representante, segundo o punto 2 do anexo X desta resolución, detallando as actuacións executadas, os obxectivos alcanzados e a súa importancia na actividade futura da beneficiaria.

d) Certificado de conformidade do provedor da factura presentada e do pagamento correspondente, asinado dixitalmente, onde figure o importe e a data da factura e do pagamento e o obxecto facturado claramente identificado.

No caso de investimentos en maquinaria, o certificado do provedor deberá incluír, ademais, a marca, modelo e número de bastidor e facer constar que se trata dun equipamento novo.

No caso doutros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto, no certificado do provedor deberá constar que son novos.

e) Informe fotográfico dos investimentos do proxecto executados que incluirá imaxes desde distintos ángulos e tanto xerais da localización e instalación do investimento como de detalle. No suposto de investimentos que incorporen un número de serie, incluirase no informe a fotografía da correspondente placa identificativa.

f) Informe fotográfico acreditativo do cumprimento das medidas de publicidade e difusión recollidas no artigo 29 desta resolución.

3. A documentación xustificativa chegarase en formato «.pdf». Será obrigatorio para a súa presentación seguir a estrutura especificada e nomear cada arquivo segundo a nomenclatura establecida no anexo XV Instrución respecto á nomenclatura da documentación presentada en fase de xustificación.

Artigo 23. Xustificación e pagamento do proxecto

1. A data límite de xustificación dos traballos establecerase na convocatoria anual, e só serán subvencionables os proxectos que se realicen e cuxo gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) se xustifiquen dentro do prazo de execución.

2. Os xustificantes de gasto e de pagamento deberán cumprir co indicado no anexo XIII.

3. A Axencia comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade, o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención e das demais obrigas exixidas ás persoas beneficiarias das axudas.

4. Os órganos competentes da Axencia poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa solicitante os presentase, a Axencia iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

5. Cando se poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 20 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte da Axencia no acto de comprobación non exime a beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen ter presentada a xustificación do proxecto subvencionado requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, e poderá supor a apertura dun expediente sancionador, segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

7. No caso de que a xustificación do proxecto fose por menor importe do aprobado, a axuda a pagar será proporcional ao importe xustificado, sempre que se trate de investimentos susceptibles de avaliación independente e cumpran os fins previstos inicialmente. En todo caso, unha execución inferior ao 60 % do gasto subvencionable do proxecto terá a consideración de incumprimento total, ocasionará a perda de dereito ao cobramento da subvención e seguirá o procedemento sinalado no artigo 25 desta resolución.

8. Unha vez presentada a solicitude de pagamento, realizarase a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Os pagamentos á conta adaptaranse ao establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os ditos pagamentos á conta, cando o importe da primeira anualidade supere os 18.000,00 euros, serán garantidos mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

10. O referido aval deberá ser de duración indefinida, depositarase á disposición da Axencia Galega da Industria Forestal na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia e deberá cubrir o 110 % do importe que se vai percibir na primeira anualidade da subvención. O certificado de depósito do aval presentarase na solicitude de pagamento da primeira anualidade xunto co resto da documentación, nos prazos que se establezan para a xustificación da primeira anualidade da subvención. Unha vez que se comprobe, mediante inspección in situ se procede, a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención, procederase á liberación do aval.

Artigo 24. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión para o cal achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia a disposición adicional primeira desta resolución.

e) A persoa beneficiaria deberá manter os requisitos que condicionaron a obtención da axuda e as condicións para obter a puntuación en función das características da empresa aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes ata a data de solicitude do pagamento final da axuda.

f) A persoa beneficiaria deberá manter os investimentos subvencionados durante un período mínimo de 5 (cinco) anos, contados desde a data do último pagamento da axuda.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Son causas de perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos subministrados pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida. No suposto de incumprimentos parciais, sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, a Axencia deberá resolver sobre o seu alcance.

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos do gasto subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 40 % do gasto subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigacións impostas na resolución de concesión da axuda.

d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) O incumprimento dos prazos de mantemento dos requisitos que condicionaron a obtención da axuda, ou das condicións para obter a puntuación en función das características da empresa aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo, de ser o caso, o reintegro das cantidades pagadas será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Controis

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos da beneficiaria fixados no artigo 24, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 27. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 29. Medidas informativas e publicitarias

1. As persoas beneficiarias deberán comunicar o carácter de financiamento público do proxecto nos termos recollidos no anexo XII Medidas informativas e publicitarias.

2. Para estes efectos, o modelo de panel ou placa pode descargarse na sección Axudas da web da Axencia Galega da Industria Forestal (http://www.xera.gal/).

3. Nas publicacións nas redes sociais que fagan referencia ao proxecto obxecto de axuda empregarase o cancelo #XERAvalor e utilizarase a ferramenta @ para enlazar correctamente co perfil da Axencia:

Linkedin: XERA-Axencia da Industria Forestal

(www.linkedin.com/company/xera-axencia-da-industria-forestal)

Facebook: XERA-Axencia da Industria Forestal

(www.facebook.com/XERAindustriaforestal)

4. No caso de que na realización dun control a posteriori, que se efectuará nos cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda concedida, se verifique o incumprimento do establecido no punto 1 deste artigo, procederase á solicitude de reintegro da axuda concedida.

5. As solicitudes de axuda suporán unha autorización expresa para que os datos de carácter persoal achegados con elas poidan ser utilizados pola Axencia Galega da Industria Forestal nas súas campañas de promoción e divulgación das súas actividades, salvo oposición expresa do solicitante, que o deberá indicar na epígrafe correspondente da súa solicitude.

CAPÍTULO II

Convocatoria de axudas para o ano 2023

Artigo 30. Convocatoria

Convócanse para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva as axudas reguladas por esta resolución. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 31. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución.

Artigo 32. Prazo de xustificación

1. O prazo de xustificación será para a anualidade do 2023, ata o 15 de novembro de 2023 inclusive, e para a anualidade do 2024 ata o 15 de abril de 2024. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que sexa autorizado polo órgano que ditou a resolución de concesión terase en conta que as cantidades non xustificadas polas beneficiarias na anualidade do 2023 poderanse computar e xustificar na anualidade 2024, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento, e o solicitasen.

2. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo de xustificación e de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, un (1) mes antes de que acabe o prazo de xustificación. Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación.

Artigo 33. Financiamento

1. As axudas financiaranse con cargo á aplicacións orzamentarias seguintes:

Código proxecto

Aplicacións

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Total

2021 00002

14.A4.741A.770.0

208.000,00 €

1.031.026,00 €

1.239.026,00 €

14.A4.741A.771.0

192.000,00 €

968.974,00 €

1.160.974,00 €

14.A4.741A.780.2

100.000,00 €

100.000,00 €

200.000,00 €

Total

500.000,00 €

2.100.000,00 €

2.600.000,00 €

2. Este orzamento poderá verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Axencia poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta resolución, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 34. Distribución do crédito

1. Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 33.1, segundo as diferentes liñas sinaladas no artigo 4:

a) Liña 1: 35 %.

b) Liña 2: 35 %.

b) Liña 3: 10 %.

c) Liña 4: 10 %.

d) Liña 5: 10 %.

2. No caso de que, unha vez priorizados os expedientes solicitados, non se consuma a totalidade do importe establecido polas distintas porcentaxes de cada tipo de liña de axuda na distribución do crédito detallado no punto 1, os importes sobrantes das distintas liñas pasarán ás demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

Disposición adicional primeira. Compatibilidade das axudas

1. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1). De acordo co artigo 3.2 de dito regulamento, o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000,00 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas ou subvencións destinados aos mesmos investimentos, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas obtidas con fondos públicos non exceda o 100 % dos custos subvencionables.

Disposición adicional segunda. Outras regulamentacións

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional terceira. BDNS

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Axencia para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Concellos comprendidos na zona demarcada

Provincia

Concello

Parroquia

Ourense

Melón

Melón (Santa María)

Pontevedra

Arbo

Todas

Baiona

Todas

A Cañiza

Todas

Covelo

Barcia de Mera (San Martiño), Campo (Santa María), Casteláns (Santo Estevo), Covelo (Santa Mariña), Santiago de Covelo (Santiago), Fofe (San Miguel), Godóns (Santa María), A Lamosa (San Bartolomeu), Maceira (San Salvador), Paraños (Santa María), O Piñeiro (San Xoán), Prado da Canda (Santiago)

Crecente

Albeos (San Xoán), A Ameixeira (San Bernabeu), Crecente (San Pedro), O Freixo (San Roque), Quintela (San Caetano), Rebordechán (Santa María), Ribeira (Santa Mariña), Vilar (San Xorxe)

Fornelos de Montes

Traspielas (Santa María), Ventín (San Miguel), As Estacas (Santa María)

Gondomar

Todas

A Guarda

Todas

Mondariz

Todas

Mondariz-Balneario

Todas

Mos

Todas

As Neves

Todas

Nigrán

Todas

Oia

todas

Pazos de Borbén

Todas

Ponteareas

Todas

O Porriño

Todas

Redondela

Cabeiro (San Xoán), Negros (Santo Estevo), Quintela (San Mamede), Reboreda (Santa María), Saxamonde (San Román), Vilar de Infesta (San Martiño)

O Rosal

Todas

Salceda de Caselas

Todas

Salvaterra de Miño

Todas

Tomiño

Todas

Tui

Todas

Vigo

Beade (Santo Estevo), Bembrive (Santiago), Cabral (Santa Mariña), Candeán (San Cristovo), Castrelos (Santa María), Coruxo (San Salvador), Lavadores (Santa Cristina), Matamá (San Pedro), Navia (San Paio), Oia (San Miguel), Saiáns (San Xurxo), Santo André de Comesaña (Santo André), Sárdoma (San Pedro), Valadares (Santo André), Vigo, Zamáns (San Mamede)

ANEXO V

(continuación)

Concellos emprendedores segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

A Coruña
(40 concellos)

Abegondo

Ames

Ares

Boiro

Boqueixón

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Cambre

Carballo

Cerdido

Coirós

Dodro

Fene

Frades

Laracha, A

Malpica de Bergantiños

Melide

Muros

Narón

Neda

Negreira

Noia

Oleiros

Ordes

Oroso

Paderne

Ponteceso

Pontes de García Rodríguez, As

Porto do Son

Rianxo

Ribeira

Santa Comba

Santiago de Compostela

Somozas, As

Teo

Tordoia

Trazo

Val do Dubra

Vedra

Vilasantar

Lugo
(23 concellos)

Antas de Ulla

Barreiros

Castro de Rei

Cervo

Corgo, O

Cospeito

Folgoso do Courel

Guntín

Incio, O

Lourenzá

Mondoñedo

Monforte de Lemos

Outeiro de Rei

Palas de Rei

Pobra do Brollón, A

Portomarín

Quiroga

Ribas de Sil

Sarria

Saviñao, O

Taboada

Vicedo, O

Xove

Ourense
(66 concellos)

Arnoia, A

Bande

Barco de Valdeorras, O

Beariz

Blancos, Os

Boborás

Bola, A

Bolo, O

Calvos de Randín

Carballeda de Valdeorras

Carballiño, O

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Celanova

Cenlle

Cortegada

Cualedro

Esgos

Gomesende

Gudiña, A

Irixo, O

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Manzaneda

Maside

Melón

Merca, A

Montederramo

Monterrei

Muíños

Nogueira de Ramuín

Oímbra

Paderne de Allariz

Parada de Sil

Pereiro de Aguiar, O

Peroxa, A

Petín

Piñor

Pontedeva

Porqueira

Quintela de Leirado

Rairiz de Veiga

Ramirás

Ribadavia

Riós

Rúa, A

Rubiá

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Xoán de Río

Sandiás

Sarreaus

Taboadela

Teixeira, A

Toén

Trasmirás

Veiga, A

Viana do Bolo

Vilamarín

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Pontevedra
(23 concellos)

Agolada

Arbo

Cambados

Campo Lameiro

Cañiza, A

Dozón

Guarda, A

Lalín

Lama, A

Meaño

Mondariz

Moraña

Ponteareas

Redondela

Ribadumia

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Sanxenxo

Silleda

Valga

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilanova de Arousa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XII

Medidas informativas e publicitarias

Conforme o establecido no artigo 29 da resolución, os beneficiarios das axudas deberán comunicar o carácter público de financiamento do proxecto. Deberán colocar polo menos un panel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, co deseño que figura neste anexo, onde se destaque a axuda financeira recibida nun lugar ben visible para o público. Cando o obxecto da axuda sexa maquinaria, ou calquera outro ben en que, pola súa estrutura ou tamaño, non sexa posible identificar unha situación adecuada, o cartel ou placa poderá ser substituído por un adhesivo ou impresión.

missing image file

ANEXO XIII

Instrución para a presentación dos xustificantes de gasto
e de pagamento das actuacións elixibles

1. Xustificantes de gasto. Consistirán nas copias das facturas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece o Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigacións de facturación:

En particular, as facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– A data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

– Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, recibos, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

– Nas facturas deberá figurar claramente especificado o obxecto facturado e, no caso de maquinaria, deberán figurar os datos identificativos, marca, modelo e número de bastidor.

– Así mesmo, o provedor e os investimentos que figuren deberán coincidir exactamente cos que figuran no orzamento escollido das tres ofertas presentadas.

2. Xustificantes do pagamento. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Presentarase o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencias bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.,) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

ANEXO XIV

Instrución respecto á nomenclatura da documentación
presentada en fase de solicitude

Anexos:

– Anexo I.pdf

– Anexo II.1_[empresa ].pdf

– Anexo II.2_[empresa ] .pdf

– Anexo II.3_[partícipe] .pdf

– Anexo III.pdf

– Anexo IV.pdf

Acreditación da capacidade de representación:

Documentación_representación. pdf

Documentación acreditativa dos requisitos previos:

– Declaración_IS.pdf

– Vida_laboral_empresa.pdf

– Informe encadramento.pdf

– Escrituras_sociais.pdf

– Certificación_censual.pdf

– Doc_acreditativa_viabilidade_empresa.pdf

– Comunicación_anual_RESFOR.pdf

– CNAE.pdf

Documentación das empresas vinculadas:

– Contas_anuais_[empresa].pdf

– Vida_laboral, pdf

– Informe_encadramento_[empresa ].pdf

Documentación relativa ao proxecto e investimentos:

– Memoria_anexo_IV.pdf

– Pro formas_[investimento].pdf ( un documento para cada investimento)

– Planos_instalación_maquinaria.pdf

– Solicitude_licenza_obra/comunicación_previa.pdf

– Comunicación_previa_inicio_actividade/licenza_actividade.pdf

No caso de que a documentación que se vaia achegar non sexa ningunha das anteriores, empregarase:

– Outra_documentación.pdf

A documentación que se achegue como emenda a un requirimento ou separada da solicitude debe respectar a mesma nomenclatura.

ANEXO XV

Instrución respecto á nomenclatura da documentación
presentada en fase de xustificación

Anexos:

– Anexo VI.pdf (de ser o caso)

– Anexo VII.pdf (de ser o caso)

– Anexo VIII.pdf

– Anexo IX.pdf

– Anexo X.pdf

– Anexo XI.pdf

No caso de que sexa necesario empregar varios exemplares do mesmo nomearánse da seguinte maneira anexo XI (2).pdf

Documentación relativa ao proxecto e investimentos realizados:

– Memoria_anexo_X.pdf

– Facturas_xustificantes_pagamento_[investimento].pdf (para cada investimento)

– Certificado_provedor_[investimento].pdf

– Informe_fotográfico_proxecto.pdf

– Informe_fotográfico_publicidade.pdf

Outra documentación:

– Certificado_depósito_aval_bancario.pdf

No caso de que a documentación que se vaia achegar non sexa ningunha das anteriores, empregarase:

– Outra_documentación.pdf

A documentación que se achegue como emenda a un requirimento ou separada debe respectar a mesma nomenclatura.