Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 3 de abril de 2023 Páx. 21987

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ANUNCIO do 28 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e o proxecto denominado Proxecto de produción de hidróxeno renovable H2POLE, declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de setembro de 2022, que se vai implantar no concello das Pontes de García Rodríguez.

En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación; na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos e modificacións posteriores; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a seguir:

Antecedentes:

1. O 30.6.2022 a empresa H2Pole, S.L. presentou, ante a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a solicitude para a declaración como proxecto industrial estratéxico (en diante, PIE) do proxecto denominado Proxecto de produción de hidróxeno renovable H2POLE no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

2. O 12.7.2022 a Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu ao Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape) a solicitude e documentación presentada pola empresa H2Pole, S.L. para os efectos da emisión do informe en que se constatase o cumprimento dos requisitos que xustificasen a declaración dun PIE, conforme o establecido no artigo 79.2 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

3. O 29.8.2022 o Igape remitiu o informe favorable, e demais documentación que figura no expediente á Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación no cal conclúe que o Proxecto de produción de hidróxeno renovable H2POLE, promovido por H2Pole, S.L., cumpre cos requisitos recollidos nas letras a) e c) do artigo 78 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, para a súa declaración como PIE.

4. O 31.8.2022 a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación elevou o proxecto de acordo de declaración de PIE do Proxecto de produción de hidróxeno renovable H2POLE, nas Pontes de García Rodríguez, ao Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

5. O 8.9.2022 o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo de declaración do proxecto denominado Proxecto de produción de hidróxeno renovable H2POLE no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) como PIE, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

6. O 27.3.2023, recibida a documentación completa de acordo cos artigo 80.3 e o artigo 79.4 da devandita norma, a Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública polo prazo de trinta días hábiles a solicitude de autorización ambiental integrada, a declaración de utilidade pública, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado Proxecto de produción de hidróxeno renovable H2POLE, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

• Solicitante/promotora: H2Pole, S.L. (NIF B70546288).

• Domicilio social: Punta Promontoiro, s/n, 15620 Mugardos (A Coruña).

• Denominación do proxecto: planta de produción de hidróxeno verde H2POLE.

• Concello afectado: As Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

• Situación: concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña). Coordenadas (expresadas en ETRS89, fuso 29): X: 589.780; Y: 4.811.870.

• Actividade: produción de hidróxeno verde.

• Categoría principal da actividade: categoría 4.2.a) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

• Descrición da actividade: instalación dunha planta de xeración de hidróxeno renovable (verde), que será executada en diversas fases ata acadar os 100 MW de capacidade instalada no seu escalado final, mediante a electrólise da auga, utilizando fontes de enerxía renovable, e producir así hidróxeno chamado renovable ou verde.

O hidróxeno (H2) verde xerado expedirase mediante:

– A distribución local mediante unha canalización illada para subministración a consumidores industriais.

– A inxección en liñas de gas natural para distribución. O hidroxenoduto de conexión realizarase desde a planta de xeración de hidróxeno ata a posición 03A da rede de transporte de gas natural.

– Cilindros de almacenamento a alta presión transportados por semitráilers (denominados tube trailers) ata consumidores externos.

• Orzamento total (execución material): 156.174.308 euros.

• Características técnicas principais das instalacións:

– Planta de xeración de hidróxeno verde. O elemento principal será o equipo electrolizador, no cal se producirá a reacción electrolítica de separación dos ións de hidróxeno e oxíxeno que compoñen o H2O. Unha vez separados, o hidróxeno levarase a un almacenamento intermedio, desde o cal é comprimido e almacenado a maior presión para a súa expedición. Os principais elementos da planta son:

– Tren de produción de electrolizadores.

– Purificación de hidróxeno.

– Sistema de compresión e almacenamento de hidróxeno.

– Sistema de expedición de hidróxeno.

– Sistema eléctrico.

– Sistema de captación de auga, almacenamento e tratamento de auga.

– Sistema de drenaxes e vertedura.

– Sistema de refrixeración.

– Instalacións auxiliares: a) balsa de auga bruta; b) auga potable; c) sistema de aire comprimido; d) sistema de nitróxeno; e) grupo electróxeno de emerxencia; f) uninterruptible power supply (UPS); g) sistema contra incendios; h) sistemas de seguridade de proceso industrial; i) sistemas de control de accesos e seguridade; j) sistema de control e sala de control.

– Conexións de subministración desde a rede eléctrica de distribución e de transporte.

– Hidroxenoduto á rede básica de gas natural.

– Hidroxenoduto de canalización illada para distribución local.

• Verteduras: as verteduras de augas residuais que se orixinarán como consecuencia da explotación da planta de xeración de hidróxeno verde correspóndense con: a) efluentes procedentes do tratamento de auga bruta na planta de tratamento de augas; e b) augas pluviais que precisen de tratamento previo nun separador de aceites.

Tipo de efluente

Orixe do efluente

Destino

Industrial

Rexeitamento de osmose

Punto de vertedura ao lago das Pontes de García Rodríguez

Rexeitamento de filtración

Rexeitamento de afinamento

Augas pluviais aceitosas

Augas de refrixeración

Augas sanitarias

Augas sanitarias

Tratamento en fosa séptica e retirada a través de xestor de residuos

Pluviais limpas

Augas pluviais limpas

Aliviadoiro de pluviais ao lago das Pontes de García Rodríguez

• Obxecto da información pública:

O proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado Proxecto de planta de produción de hidróxeno renovable H2POLE; a solicitude da autorización ambiental integrada (AAI); o estudo de impacto ambiental (EIA); a declaración de utilidade pública e a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados; para os efectos das autorizacións administrativas que procedan. Todo o anterior de forma conxunta en virtude do disposto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

• Documentación que se expón:

1. Proxecto de planta de produción de hidróxeno renovable H2POLE.

2. Estudo de impacto ambiental (EIA).

3. Relación de bens e dereitos afectados.

O que se fai público, de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e demais normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses, poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, se é o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A documentación estará á disposición das persoas interesadas nas dependencias da Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (Complexo Administrativo San Lázaro-Edificio Igape, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña), teléfonos 881 99 59 66, 881 99 59 67 e 881 99 59 68), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.

Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica?langId=gl_ES

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

Paula Mª Uría Traba
Secretaria xeral de Industria