Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2023 Páx. 22187

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas e as exentas e non exentas do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas clases de ATS/DUE e inspector/a médico/a persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), convocado pola Resolución do 24 de novembro de 2021, modificada pola Resolución do 27 de decembro de 2022.

Mediante a Resolución do 24 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 235, do 9 de decembro), convocouse concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

Esta resolución foi modificada pola Resolución do 27 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro), que incrementou o número de postos que se convocaban e reabriu o prazo para a presentación de solicitudes de participación, nas clases de ATS/DUE e inspector/a médico/a.

A base 6.1 da resolución de convocatoria do proceso establece que, rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión, así como os/as aspirantes exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio acreditativo do coñecemento de lingua galega.

De conformidade coa dita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso como persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria nas clases de inspector/a médico/a e ATS/DUE, aqueles aspirantes que presentaron solicitude de participación logo da publicación da resolución desta dirección xeral do 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro).

Segundo. As listas coa relación de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Nas ditas listas figuran as persoas aspirantes xa declaradas, con carácter definitivo, admitidas, así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega pola Resolución do 15 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 120, do 23 de xuño), cuxo carácter se mantén, así como aquelas persoas aspirantes que presentaron solicitude de participación no proceso logo da publicación da Resolución do 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro), aspirantes que neste momento resultan provisionalmente admitidos/as e excluídos/as e declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega.

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas e as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poderen corrixir, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión e/ou a declaración de non exento/a da realización de tal exercicio, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixiu a instancia de participación, que deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola que se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as e de exentos/as e non exentos/as do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos