Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 13 de abril de 2023 Páx. 23202

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 22 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria no ano 2023 (código de procedemento PR937A).

BDNS (Identif.): 686547.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega que se establezan como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia (código de procedemento PR937A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 22 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega, e se procede á súa convocatoria no ano 2023 (código do procedemento PR937A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de un millón de euros (1.000.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 29 de setembro de 2023.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración