Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 14 de abril de 2023 Páx. 23479

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2023 pola que se convoca o Curso superior en ciberseguridade.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2023, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, e de acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación en materia de administración electrónica e de seguridade e protección de datos no ano 2023,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior en ciberseguridade, que deberá desenvolverse consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O Curso superior en ciberseguridade pretende afondar no coñecemento desta materia, tanto desde unha perspectiva técnico-xurídica como desde unha perspectiva práctica, de xeito que poden destacarse como principais obxectivos do curso os seguintes:

• Concienciar o alumnado sobre a relevancia da ciberseguridade desde todos os ámbitos, desde a perspectiva normativa á técnica e, así mesmo, dotalo das boas prácticas precisas para previr e detectar contratempos no emprego de sistemas das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

• Dar a coñecer os aspectos relacionados coas políticas de seguridade na utilización dos medios electrónicos, que se recollen no Esquema nacional de seguridade (ENS).

• Proporcionar ao alumnado unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas a que están sometidos e dos riscos que comporta o seu uso.

Segunda. Contidos

Os contidos deste curso están especificados no anexo I.

Terceira. Número de prazas

Setenta (70).

Cuarta. Persoas destinatarias

O curso está dirixido ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia, sempre que teña, en calquera das anteriores administracións, perfil en tecnoloxías da información e das comunicacións (pertencente a escalas de sistemas e tecnoloxías da información ou que realice funcións TIC) e que poida xustificar debidamente que as súas funcións están relacionadas coa materia impartida e que se encadren nas seguintes categorías:

• Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

• Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán ser cubertas por persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, do subgrupo C1 do persoal funcionario ou do grupo III do persoal laboral con perfil en tecnoloxías da información e das comunicacións (pertencente a escalas de sistemas e tecnoloxías da información ou que realice funcións TIC) y que poida xustificar debidamente que as súas funcións están relacionadas coa materia impartida.

Quinta. Desenvolvemento

1. Duración: 99 horas lectivas, distribuídas da seguinte forma:

• 3 horas presenciais.

• 30 horas de telepresenza.

• 65 horas de teleformación.

• 1 hora de exame final en liña.

2. Modalidade e datas: o curso desenvolverase desde o 25 de abril de 2023 ata o 21 de xuño de 2023.

A modalidade de impartición do curso será mixta, con sesións presenciais, de telepresenza e de teleformación.

A xornada inaugural presencial terá lugar o 25 de abril de 2023, en horario de tarde.

As clases de telepresenza desenvolveranse en horario de tarde os días: 26 de abril; 3, 8, 10, 16, 22, 24 e 31 de maio; e 7 e 14 de xuño de 2023.

O exame final en liña será o día 21 de xuño de 2023, en horario de tarde.

3. Lugar de desenvolvemento e acceso ás sesións:

a) As clases presenciais terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

b) O acceso ás sesións de telepresenza realizarase a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Ordenador de sobremesa, portátil ou smartphone.

• Conexión estable a internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).

Para o uso da ferramenta de telepresenza o alumnado contará cun manual de telepresenza na ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/index.php/s/ZKijmeiZ5ypS3jd, onde se explica como acceder á plataforma de telepresenza e se describen os compoñentes que o equipamento necesita para un funcionamento básico da plataforma.

c) O acceso á teleformación realizarase igualmente a través da aula virtual da EGAP, na cal se indicará o vínculo para a conexión coa plataforma de teleformación do Centro Criptolóxico Nacional, onde o alumnado visualizará os contidos do curso e as tarefas que deba realizar, para o que será necesario para o alumnado darse de alta nesta plataforma seguindo as instrucións que se indicarán para ese efecto.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: Curso superior en ciberseguridade.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 19 de abril de 2023.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público, conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base novena desta resolución. Así mesmo, os datos do alumnado relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias así como ao Centro Criptolóxico Nacional, o indispensable para levar a cabo a teleformación na plataforma desa entidade.

As sesións do curso impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións do persoal docente. Estas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas e a gravación destas poderá ser accesible unicamente para o profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións e, particularmente, a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico: novas.egap@xunta.gal

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Criterios de admisión e selección

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base cuarta desta convocatoria respecto das persoas destinatarias da actividade. A orde de selección virá determinada pola data e a hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas, e excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Asistencia. Seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 24 de abril de 2023, ata as 11.00 horas. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Asistencia, seguimento, puntualidade.

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións presenciais e o seguimento das sesións telepresenciais desta actividade formativa con puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia, seguimento e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais e de seguimento nas telepresenciais:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais e telepresenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización da sesión á que se faltase. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia e seguimento superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Actividades de teleformación.

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas de teleformación propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Para superar esta actividade é necesario cumprir na súa totalidade unha serie de requisitos:

– Ter completada a asistencia e o seguimento mínimo requirido nas sesións presenciais e de telepresenza.

– Ter feitas e superadas nos prazos estipulados todas as actividades e tarefas propostas pola titoría na modalidade de teleformación para ter dereito a facer a proba final de avaliación en liña.

– Superar a proba final de avaliación.

Ao final desta actividade, o titor responsable do curso emitirá un informe coa listaxe do alumnado apto desta actividade. A todas as persoas que teñan superado o curso emitiráselles un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula). Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, as modalidades de impartición, as datas, forma e lugar de desenvolvemento do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e da Amtega

1. A EGAP e a Amtega reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización; nese caso, empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e a Amtega garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Contidos do curso

Teleformación:

• Ciberseguridade básica.

• Esquema nacional de seguridade.

• Seguridade das tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC).

Módulo de telepresenza:

• Medidas de prevención e boas prácticas en ciberseguridade.

• Ferramentas do Centro Criptolóxico Nacional.

• Ataques sector público (APT).

• Marco estratéxico e normativo de ciberseguridade.

• Seguridade en redes sen fíos.

• Seguridade en plataformas móbiles.

• Esquema nacional de seguridade: situación actual, plan de adecuación e declaración de aplicabilidade. Portal de gobernanza. Modelo microCeENS.

• Seguridade en aplicacións web.

• Xestión de incidencias (caso de estudo) e xestión de cibercrises.

• Informática forense.

• Ecosistema galego de ciberseguridade.

• Xestión de ciberseguridade na Amtega.