Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24599

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fragas do Eume.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fragas do Eume dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 24 de xaneiro de 2023, Luis de Valdivia Castro, presidente do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a inscrición inicial no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Fragas do Eume constituíuna a entidade Grupo Ecoener, S.A., representada por Luis de Valdivia Castro, mediante escritura pública outorgada o 20 de xaneiro de 2023, ante o notario da Coruña Enrique Santiago Rajoy Feijóo, co número de protocolo 96.

Terceiro. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto:

– A defensa, conservación, protección e ordenación do ambiente e a diversidade natural asociada ás Fragas do Eume.

– Participar activamente na conservación do espazo fomentando a custodia do territorio.

– Restaurar as condicións naturais alteradas loitando contra a fragmentación, a perda de hábitats, o risco de incendios e a erosión.

– Coidar e acrecentar a beleza da paisaxe.

– Concienciar as persoas para un uso e goce que preserven as Fragas do Eume.

Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade do fundador, a súa capacidade para constituíla, a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os estatutos e a composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está composto por Luis de Valdivia Castro, en calidade de presidente; Fernando Rodríguez Alfonso, como secretario, e Inés Juste Belosillo, como vogal e vicepresidenta.

Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia da Fundación Fragas do Eume, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 21 de marzo de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 66, do 4 de abril) clasificouse de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Fragas do Eume e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fragas do Eume, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias conferidas polo Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Fragas do Eume.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa concordante de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda