Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2023 Páx. 26471

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 25 de abril de 2023 pola que se modifica a Orde do 24 de marzo de 2023, pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Mediante a Orde do 24 de marzo de 2023 convocouse concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Unha vez publicada a orde no Diario Oficial de Galicia advertíronse erros no artigo 10.2 e no anexo I correspondente ás prazas vacantes que se convocan neste concurso de méritos.

Por esta razón, resulta razoable proceder á ampliación do prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria do concurso de méritos por un prazo de cinco (5) días hábiles consonte o establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ao considerar que as circunstancias o aconsellan e non se prexudican dereitos de terceiras persoas. Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan reconsiderar as peticións formuladas na súa solicitude e formular unha nova solicitude, ou que aquelas persoas que non tivesen formulado solicitude con anterioridade poidan formulala a teor das prazas que se engaden. En todo caso, a ampliación do prazo de presentación de solicitudes ten lugar antes do vencemento do prazo tal e como se preceptúa no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, que establece que en ningún caso poderá ser obxecto de ampliación un prazo xa vencido.

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLVE:

Artigo único. Modificación da Orde do 24 de marzo de 2023 pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

Aprobar a modificación da Orde do 24 de marzo de 2023 pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos seguintes termos:

Único. Modifícase o artigo 4, que queda redactado do seguinte xeito:

«4.1. O prazo de presentación de solicitudes e a documentación será de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades