Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2023 Páx. 26582

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 22 de marzo de 2023, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2023 (código de procedemento PR925A).

Mediante a Resolución do 22 de marzo de 2023 (DOG núm. 64, do 31 de marzo) reguláronse e convocáronse as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2023.

No artigo 8 da devandita resolución establécese un prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 2 de maio.

As especiais circunstancias sociopolíticas e económicas concorrentes actualmente nos países onde residen a maioría das persoas da colectividade galega no exterior, agravadas ultimamente pola escaseza de combustible especialmente en Cuba e Venezuela, estánlles provocando grandes dificultades a esas persoas para poder reuniren a documentación necesaria e desprazarse ás entidades colaboradoras habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

En consecuencia, tendo en conta esas circunstancias, a finalidade asistencial deste programa e as persoas a que se dirixe, resulta aconsellable ampliar o prazo de presentación de solicitudes, o cal non prexudica dereitos de terceiros.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros, por un período que non exceda a metade destes. Os acordos sobre a ampliación non serán susceptibles de recurso.

Por todo o cal, de conformidade co disposto no artigo 32 da LPACAP e co resto da normativa aplicable,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 8 da Resolución do 22 de marzo de 2023, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2023, ata o 12 de maio de 2023, incluído.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración