Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 2023 Páx. 26585

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 14 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento IN201G).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17, atribúelle á nosa comunidade autónoma competencias exclusivas en materia de artesanía. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán en virtude das citadas competencias e establece a creación do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de carácter público e voluntario, como instrumento que permite coñecer a dimensión de cada grupo artesanal e o alcance da acción administrativa circunscrita ao ámbito xeográfico da nosa comunidade.

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG número 126, do 4 de xuño), indica que lle corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da vicepresidencia primeira e consellería en materia de artesanía e comercio.

A importancia das actividades artesanais en Galicia reside non só nun plano social ou cultural, co que se adoitan identificar, senón que constitúen actividades con capacidade de xeración de emprego e riqueza desde o punto de vista económico. Abranguen, ademais, unha lista longa de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás exixentes demandas do mercado actual. Todas estas actuacións teñen relación coas finalidades da iniciativa galega de concellos emprendedores, regulada na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para favorecer, mediante a coordinación das administracións implicadas, a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia con plenas garantías de sustentabilidade económica e con redución das barreiras normativas e administrativas, promovendo, en último termo, a mellora dos niveis de actividade económica, a consolidación do emprego de calidade e a mellora da calidade de vida da cidadanía de Galicia.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, consciente da importancia social, cultural, patrimonial e económica da artesanía galega, puxo en marcha o Plan de artesanía de Galicia que desenvolveu unha estratexia de promoción, impulso e mellora da competitividade do sector. As liñas marcadas na folla de ruta do dito plan van máis alá da súa vixencia temporal, cunha visión a máis longo prazo, imprescindible para acadar un sector artesanal sólido e sustentable no tempo.

Por isto cómpre dar continuidade ás medidas de fortalecemento da comercialización do sector artesanal galego que require, entre outras actuacións, o acceso a novos mercados tanto nacionais como internacionais, a apertura a clientes potenciais e a promoción das feiras sectoriais e de novas canles de comercialización da artesanía.

Cómpre, polo tanto, realizar unha nova convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, co obxecto de impulsar accións de promoción comercial a través da participación en feiras e certames, así como a organización de eventos feirais para o fomento da comercialización da artesanía galega.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 está consignado crédito por importe de 265.000,00 € nas aplicacións orzamentarias seguintes para atender as axudas da presente orde:

05.04.751A.770.3

150.000,00 €

Titulares de obradoiros artesáns

05.04.751A.761.5

42.500,00 €

Concellos

05.04.751A.781.4

72.500,00 €

Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns

Segundo o exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da comercialización da artesanía galega (código de procedemento IN201G).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2023.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 265.000,00 € que será imputado ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2023:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarias/os

05.04.751A.770.3.-Comercialización da artesanía de Galicia. Titulares obradoiros artesáns

150.000,00 €

Artigo 3.1 do anexo I

05.04.751A.761.5.-Comercialización e promoción de feiras de artesanía de Galicia. Concellos

42.500,00 €

Artigo 3.3 do anexo I

05.04.751A.781.4.-Comercialización da artesanía de Galicia. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns

72.500,00 €

Artigo 3.2 do anexo I

4. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante nas outras aplicacións. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiaria/o da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II (solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado, anexo II (solicitude), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información para as persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código de procedemento IN201G, poderase obter información a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (http://ceei.xunta.gal) na súa epígrafe de axudas ou http://artesaniadegalicia.xunta.gal

b) Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

c) Nos teléfonos 881 99 91 78 e 981 54 55 97 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 75 da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

e) Nos enderezos electrónicos cei.dxcomercio@xunta.gal e centro.artesania@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de subvencións para o fomento da comercialización da artesanía
galega (código de procedemento IN201G)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega (código de procedemento IN201G).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis (agás no caso dos concellos), polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000,00 € nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

4. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as previstas no artigo 4. As ditas actuacións deberán estar realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2023 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 21. Así mesmo, excepcionalmente considéranse subvencionables os gastos efectuados desde o 1 de novembro ata o 31 de decembro de 2022 derivados da organización e participación en feiras do período do Nadal 2022/23, así como os gastos efectuados no ano 2022 para o pagamento da súa reserva.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 265.000,00 € que será imputado ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023:

05.04.751A.770.3

150.000,00 €

Titulares de obradoiros artesáns

05.04.751A.761.5

42.500,00 €

Concellos

05.04.751A.781.4

72.500,00 €

Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns

As ditas aplicacións orzamentarias están financiadas por fondos propios libres.

A natureza desta subvención xustifica realizar pagamentos anticipados aos titulares de obradoiros e ás asociacións profesionais e empresariais de artesáns que así o soliciten, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a esta de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 6.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes para os mesmos conceptos subvencionables e mesma persoa beneficiaria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas e que, en todo caso, cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

1. Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día de prazo establecido para a presentación da solicitude de subvención.

2. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns de Galicia legalmente constituídas das cales cando menos o 90 % dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos na sección segunda (obradoiros artesáns) do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

3. Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. Os concellos deberán cumprir co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 139/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Primaranse aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

4.1. Titulares dos obradoiros artesanais.

Considéranse actuacións subvencionables a participación como expositora/or en feiras ou eventos de interese artesanal, nacionais ou internacionais:

a) Feiras profesionais de artesanía.

b) Feiras non profesionais.

c) Feiras profesionais e non profesionais do período do Nadal 2022/23.

As ditas feiras deberán ter indubidable interese comercial para o sector artesanal galego.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar un informe da Fundación Pública Artesanía de Galicia ou unha certificación das asociacións profesionais de artesás/áns de Galicia máis representativas que acrediten estas calidades.

• A axuda consistirá en tíckets de impulso á comercialización, se non dispoñen da documentación acreditativa da actividade realizada, que terán as seguintes modalidades:

a) Tícket de feira profesional cun importe máximo de axuda cada un de: 500,00 €, 1.000,00 €, 1.500,00 €, 2.000,00 € e 3.000,00 €, cun máximo de 6 tíckets por obradoiro. A axuda concederase unicamente para a participación en feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 500,00 €.

A porcentaxe subvencionable por cada feira acadará o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído).

b) Tícket de feira non profesional cun importe máximo de axuda cada un de: 400,00 € e 750,00 €, cun máximo de 6 tíckets por obradoiro. A axuda concederase unicamente para a asistencia a feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 400,00 €. Quedan excluídas de solicitar por tícket as feiras do período de Nadal 2022/23.

A porcentaxe subvencionable por cada feira acadará o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído).

c) Feiras de Nadal 2022/23. Dado que a asistencia a feiras do período de Nadal 2022/23 para as que se solicite subvención xa se realizou no momento da presentación da solicitude, deberá achegarse a documentación sinalada no artigo 5 alínea 1.1 xunto a esta solicitude. Quedan excluídas as feiras de Nadal 2023/24.

A axuda concederase unicamente para a asistencia a feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 400,00 €.

O importe máximo de axuda para estas feiras de Nadal será do 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído) cun máximo de 1.500,00 € por feira e cun límite de 3 feiras para este período.

Así mesmo, se xa se asistiu a algunha feira a que se refiren as alíneas a) e b) e, polo tanto, xa se conta coa documentación xustificativa que así o acredite, o solicitante poderá substituír a solicitude de tícket pola antedita documentación do artigo 5 alínea 1.1, o que sinalará no anexo II (solicitude).

O importe concedido na modalidade de tícket constitúe o importe da axuda máxima concedida para cada unha das actuacións subvencionables, con independencia do custo final da feira.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas estas actuacións subvencionables non poderá superar 8.000,00 €, IVE excluído.

O pagamento da axuda realizarase unha vez que se xustifiquen os gastos nos termos do artigo 21, sempre que se xustifique, como mínimo, o 40 % da axuda concedida.

4.2. Concellos.

1. Considéranse actuacións subvencionables a organización e celebración de feiras ou eventos de interese artesanal:

a) Feiras monográficas cuxo obxectivo sexa a venda e posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento subvencionable, cun máximo de 15.000,00 € de subvención por feira.

b) Feiras non monográficas de distintos oficios.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento subvencionable. O importe máximo de subvención será de 3.000,00 € por feira se contan cun mínimo dun 80 % de obradoiros artesáns inscritos na Sección Segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia sobre o total de postos. O importe máximo de subvención será de 1.500,00 € por feira para as que conten cun mínimo do 40 % de obradoiros artesáns mencionados na alínea anterior.

2. O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá superar os 15.000,00 €.

4.3. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns:

Considéranse actuacións subvencionables:

1. A organización de feiras de artesanía, no ámbito da Comunidade Autónoma, de distintos oficios e que conten cun mínimo dun 70 % de postos obradoiros artesáns inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia sobre o total de postos.

– De 10 a 20 obradoiros artesáns, corresponderalle o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído), cun máximo de 10.000,00 €.

– De 21 a 29 obradoiros artesáns, a porcentaxe acadará o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído), cun máximo de 12.000,00 €.

– Máis de 30 obradoiros artesáns, acadarase o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído) cun máximo de 18.000,00 €.

2. O mantemento da páxina web:

– De 10 a 30 membros asociados, que figuren inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, corresponderalle o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído), cun máximo de 8.000,00 €.

– De 31 a 50 membros asociados, que figuren inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, a porcentaxe acadará o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído), cun máximo de 15.000,00 €.

– Máis de 50 membros asociados, que figuren inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, acadarase o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído) cun máximo de 20.000,00 €.

4.4. Gastos subvencionables:

4.4.1. Son gastos subvencionables para a asistencia a feiras como expositor/a:

a) Os que ocasione o alugamento do espazo expositivo que se contrata.

b) Os seguros e aqueles servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento da feira.

c) O transporte do material expositivo realizado por un transportista profesional.

d) No caso de feiras internacionais, os servizos de tradución e de transporte realizados por un transportista profesional.

4.4.2. Son gastos subvencionables para a organización de feiras:

a) A infraestrutura e os servizos propiamente feirais.

b) A publicidade.

4.4.3. As demostracións de oficios artesanais en vivo e obradoiros artesanais divulgativos.

4.4.4. Son gastos subvencionables da páxina web:

a) Os gastos de mantemento e actualización de contidos.

b) As ferramentas de posicionamento dixital (SEO, SEM, ADS).

c) A imaxe dixital (fotografía, vídeos, etc.).

As páxinas web deberán ter as seguintes características técnicas:

– Rexistro do dominio por un período dun ano, en que figure como titular a asociación para a que se desenvolve o servizo.

– Proporcionar o aloxamento (hosting) durante un ano, para que a web estea dispoñible durante ese período de tempo.

– O hosting deberá dispoñer de certificado para comunicacións seguras SSL e estar configurado para que empregue o protocolo HTTPS.

– Sen prexuízo das seccións ou epígrafes anteriores, a web deberá incluír aqueles textos legais necesarios para o cumprimento normativo, así como un sistema de xestión de cookies que permita seleccionar ao usuario as cookies ou grupos de cookies que desexa autorizar a instalar segundo a finalidade destas.

– Web autoxestionable: deberá contar cun panel de xestión dos contidos para que o beneficiario poida cambiar a información do sitio web.

– Web responsive: debe estar adaptada a todos os dispositivos.

– A web deberá ser desenvolvida para a asociación nun xestor de contidos (CMS) ou a medida, de forma que permita o aceso ao código para futuros cambios e melloras da web con independencia da empresa que a desenvolva. A web deberá ser en propiedade e nunca en alugamento. Exclúense desta subvención as solucións cloud propietarias e pechadas.

– A páxina web contará cunha optimización SEO básica que implicará que todas as páxinas leven título, descrición e os elementos fundamentais como un robots.txt axeitado e un sitemap do sitio.

– As imaxes deberán estar optimizadas empregando a resolución óptima para web de 72dpi e procurando que o seu peso sexa o menor posible.

– Deberá ter instalada unha ferramenta de analítica web para o coñecemento do tráfico da páxina por parte do negocio.

No caso de páxinas webs con venda en liña, ademais das características técnicas previstas anteriormente, deberán:

– Dispoñer dun sistema de xestión para a venda dos produtos.

– Ter pasarela de pagamento.

As páxinas webs deberán cumprir as seguintes consideracións legais en materia de información:

– Todas as webs deberán cumprir coa Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico. Especificamente, deberán contar cun aviso legal onde figure a información do responsable do sitio e as condicións xerais de uso da web. Incluirán por tanto: a páxina de política de cookies e aviso legal.

– Adicionalmente, incluirán a páxina de política de privacidade, na cal se especificarán as condicións do tratamento dos datos persoais (RGPD e LOPDGDD).

– Así mesmo, deberán cumprir cos requisitos exixidos no Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, en especial o contido no artigo 97 (información contractual), e nos artigos relativos ás cláusulas abusivas (artigos 82 a 91).

– Deberán ter en conta, ademais, o establecido no Regulamento da UE 524/2013 do Parlamento Europeo e Consello, do 31 de maio de 2013, sobre resolución de litixios en liña en materia de consumo e polo que se modifica o Regulamento da CE nº 2006/2004 e a Directiva 2009/22/CE, así como a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral de persoas consumidoras e usuarias.

– Todo isto sen prexuízo do cumprimento das demais disposicións vixentes que en materia de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico e de defensa dos consumidores lles sexa de aplicación.

En todo caso, no suposto dos concellos, os gastos subvencionables deberán cumprir o establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidade locais galegas.

4.5. Non se consideran gastos subvencionables:

a) Gastos derivados da participación en feiras: construción das casetas, seguros non obrigatorios, vixilancia, contratación de persoal de atención ao público, de intérpretes (coas excepcións recollidas nos puntos anteriores), axudas de custo de manutención, desprazamentos, aloxamento e publicacións.

b) Gastos emanados da participación en feiras cuxa organización sexa subvencionada aos concellos, ás asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns para os gastos de infraestrutura e os servizos propiamente feirais ou que conten cunha axuda financeira da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

c) Organización e celebración de feiras: gastos derivados de seguros non obrigatorios, axudas de custo de manutención, desprazamentos e aloxamento, regalos promocionais e a realización de cócteles e actos análogos, gastos de persoal propio da entidade de que se trate, así como calquera outro gasto derivado da súa actividade habitual.

d) Organización, celebración e participación de feiras de carácter gastronómico, turístico e festivais musicais.

e) Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

f) Aqueles que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable, e/ou directamente relacionados coa cualificación dos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 5. Solicitudes e documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica no artigo 3 da orde de convocatoria.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

5.1.1. Titulares de obradoiros artesanais.

No caso de que o titular do obradoiro solicite feiras das que xa dispón de documentación (feiras Nadal 2022/23 e as demais feiras de que dispoña de documentación acreditativa) achegará, xunto coa solicitude, anexo II, a documentación xustificativa segundo o artigo 21 (facturas, xustificantes dos pagamentos, certificación expresa de participación no certame e documentación gráfica que acredite o cumprimento da utilización de logos e sinaléticas consonte o artigo 19).

Se non dispón de facturas pro forma ou documentación xustificativa do evento, solicitará a axuda pola modalidade de tíckets cubrindo o cadro que figura no anexo II, «Actuacións subvencionables», no recadro reservado para os tíckets. No caso de feiras das que dispoña da documentación xustificativa e feiras de Nadal, achegará cuberto o recadro «Feiras xa realizadas (...) e feiras de Nadal 2022/23».

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar certificación da Fundación Pública Artesanía de Galicia que acredite o indubidable interese comercial para o sector artesanal.

5.2.2. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns.

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se for o caso, modificación deles, debidamente legalizados. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Se for o caso, documentación acreditativa da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da asociación profesional e empresarial de artesás/áns que acredite a relación de persoas asociadas que a integran, con indicación do seu NIF/NIE correspondente.

d) Memoria que deberá incluír unha descrición da actuación subvencionable indicada no artigo 4.3.2 en relación co artigo 4.4.5 (mantemento da páxina web), con indicación da denominación da páxina web e o orzamento desagregado en que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.

As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos ás ferramentas de posicionamento dixital deberán estar emitidas polos provedores que presten os referidos servizos ou, de ser o caso, desglosar as actuacións, o custo e os fitos/obxectivos que se queren cumprir.

5.3.3. Concellos.

a) Xustificante que se encontra ao día na rendición de contas xerais diante do Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Declaración do concello de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda (anexo II solicitude).

5.4.4. Documentación común para as/os solicitantes, segundo o caso:

a) Para titulares de obradoiros e asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns.

– Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da entidade solicitante ou tamén poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

b) Para concellos e asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns.

– Anexo V (Información e memoria das características do evento feiral).

Memoria explicativa do evento en que consten os seguintes aspectos: datas de celebración, horario e lugar; número de edición, relación de expositores e de obradoiros artesáns en que se indicará o NIF do obradoiro ou, se for o caso, do seu responsable para os efectos da súa consulta no RXAG; relación de oficios convocados. No caso de feiras que ao remate do prazo de presentación de solicitudes aínda non teñan data de convocatoria ou de apertura do prazo de inscrición, presentarase unha relación de expositores e de obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que se prevé que poidan participar.

– Bosquexo do recinto feiral; infraestrutura do recinto con servizos con que conta e características das casetas; campaña publicitaria que se vai realizar para a difusión do evento e calquera outro aspecto relacionado coa feira.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo solicitará un informe á Fundación Pública Artesanía de Galicia que acredite o carácter subvencionable do evento.

c) Para todos os solicitantes.

• Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detallados dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola persoa solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola persoa solicitante para a realización do proxecto.

3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores nos seguintes casos:

– Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

– Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

• No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, deberán constar expresamente (anexo IV-Declaración-compromiso para os efectos do sinalado no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para o procedemento IN201G-subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015 non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar a súa achega novamente á persoa interesada.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Para os efectos sinalados no artigo 12 destas bases achegarase, se é o caso, a seguinte documentación que, en ningún caso, será obxecto de requirimento:

– Acreditación da participación e/ou organización de cursos de formación nos últimos 12 meses á data do inicio da presentación da solicitude desta convocatoria.

– Acreditación de páxina web ou sitio da internet e redes sociais para uso comercial.

– Declaración responsable, debidamente asinada, sobre o cumprimento dos criterios establecidos no artigo 12.1 letra e) coa identificación da empresa provedora, ano da contratación e importe aboado no caso de contratación con provedores de empresas de inserción social ou, se é o caso, indicación do número de persoas e grao de discapacidade por ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes.

Artigo 6. Pagamento anticipado

1. Os titulares de obradoiros e as asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns poderán solicitar o pagamento anticipado, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 €, nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

5. O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015.

6. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas xefaturas territoriais da Consellería de Facenda e Administración Pública.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a persoas beneficiarias cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou se encontren declarados en concurso, agás que este adquirise a eficacia dun convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da entidade representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Comunidade Autónoma de Galicia para percibir axudas e subvencións.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que a persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao vicepresidente primeiro e conselleiro, e corresponderalle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, será requirida a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitar e resolver o procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 11.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propor a concesión ou denegación das subvencións ás persoas interesadas.

Para os efectos de valorar as solicitudes e propor ás persoas solicitantes con dereito a obter a subvención, a Comisión de Valoración aplicará os criterios de valoración para determinar a concorrencia competitiva entre as persoas solicitantes das actuacións definidas no artigo 4.

Na proposta de concesión que formule a Comisión figurarán, de xeito individualizado, as persoas solicitantes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas ata esgotar o crédito dispoñible.

2. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para ser atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

• Presidencia: subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

• Vogais:

Unha/un xefa/e de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Unha/un xefa/e de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Unha/un funcionaria/o da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretaria/o.

Artigo 12. Criterios de valoración

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións relacionados por orde decrecente serán os seguintes:

12.1. Titulares de obradoiros artesanais:

a) Feiras profesionais nacionais e celebradas no estranxeiro: asistencia a un certame, 3 puntos, asistencia a dous ou máis: 4 puntos.

b) Por exercer a actividade nun municipio rural:

i. De menos de 5.000 habitantes: 2 puntos.

ii. De 5.000 habitantes ata 10.000 habitantes: 1 punto.

c) Por exercer a actividade nun concello fusionado: 2 puntos.

d) Por exercer a actividade nalgún concello polo que transcorra algún dos camiños de Santiago: 2 puntos.

e) Por contratar con provedores de empresas de inserción social nos últimos 3 anos ou ser titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes ou por ter implantada algunha medida de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial: 1 punto.

f) Por estar adherido ao programa do e-ticket dixital posto en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio: 2 puntos.

g) Por ser a persoa beneficiaria, ou a persoa representante da persoa xurídica beneficiaria, unha/un moza/o, de idade igual ou menor de 30 anos: 1 punto.

h) Por ser a persoa titular do obradoiro ou a representante da sociedade unha muller: 1 punto.

i) Por estar adherida ao sistema arbitral de consumo con carácter indefinido: 1 punto.

j) Páxina web, perfís en redes sociais de uso comercial (Facebook, Twiter, Instagram…): 2 puntos.

12.2. Concellos:

a) Grao de consolidación da feira:

– Feiras cun número de entre 5 e 14 edicións, incluíndo a edición en curso: 1 punto.

– Feiras cun número de entre 15 e 20 edicións, incluíndo a edición en curso: 2 puntos.

– Feiras cun número de entre 21 e 25 edicións, incluíndo a edición en curso: 3 puntos.

– Feiras con máis de 25 edicións, incluíndo a edición en curso: 4 puntos.

b) Número de obradoiros artesáns inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia:

– Feiras cun número de obradoiros entre 10 e 20: 2 puntos.

– Feiras cun número de obradoiros entre 21 e 30: 3 puntos.

– Feiras cun número de obradoiros superior a 30: 4 puntos.

c) Concellos adheridos á iniciativa galega de concellos emprendedores, consonte o procedemento establecido no artigo 82 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia: 3 puntos.

d) Concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos mediante a fusión de concellos: 3 puntos.

e) Feiras que inclúan no seu programa demostración de oficios artesanais en vivo: 2 puntos.

f) Concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos mediante outras fórmulas: 1 punto.

12.3. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns:

a) Participación en feiras profesionais nacionais e celebradas no estranxeiro: asistencia a un certame, 3 puntos, asistencia a dous ou máis, 4 puntos.

b) Grao de consolidación da feira:

– Feiras cun número de entre 15 e 20 edicións, incluíndo a edición en curso: 2 puntos.

– Feiras cun número de entre 21 e 25 edicións, incluíndo a edición en curso: 3 puntos.

– Feiras con máis de 25 edicións, incluíndo a edición en curso: 4 puntos.

c) Número de expositores de produtos artesanais inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (obradoiros artesáns):

– Feiras cun número de expositores entre 10 e 20: 2 puntos.

– Feiras cun número de expositores entre 21 e 30: 3 puntos.

– Feiras cun número de expositores superior a 30: 4 puntos.

d) Feiras que inclúan no seu programa demostración de oficios artesanais en vivo realizados por artesás/áns inscritas/os na sección segunda do Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia (obradoiros artesáns): 2 puntos.

e) Acreditación da organización de cursos de formación nos últimos doce meses á data do inicio de presentación de solicitudes desta convocatoria, impartidos ou organizados polas asociacións profesionais de artesáns da Comunidade Autónoma de Galicia, 1 punto por organización dun curso, 2 puntos por dous cursos e 3 puntos por tres o máis cursos.

Os criterios de valoración aplicables aos concellos e ás asociacións acreditaranse a través do formulario contido no anexo V (Información e memoria das características do evento feiral) e, se é o caso, informe da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, o desempate realizarase seguindo a puntuación acadada nas diferentes epígrafes por orde decrecente.

No suposto de que persista o empate, atenderase á data e hora de presentación das solicitudes.

Artigo 13. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a/o instrutora/or formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada individualmente ás persoas beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015.

Nesa notificación comunicarase o importe concedido, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria e deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade da presente orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa beneficiaria deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de vinte (20) días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada no termos previstos no artigo 13 destas bases.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas especificando aquelas axudas de minimis obtidas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. Acreditar con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007.

6. Conservar os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión.

7. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

9. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

10. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Obrigas específicas de publicidade

Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

As persoas beneficiarias deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007.

Para a organización e participación de feiras, quedan obrigadas a dar publicidade suficiente da axuda e deberán incluír en cada unha das actuacións a publicidade da Xunta de Galicia e da marca de Artesanía de Galicia, de acordo coas instrucións contidas no documento correspondente dispoñible na https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-comercio-e-consumo, na epígrafe desta axuda.

A dita publicidade deberá colocarse nun lugar ben visible para o público e deberá manterse en perfectas condicións durante o período da actuación, segundo as condicións e características previstas no punto anterior.

O incumprimento desta obriga de publicidade producirá a perda do dereito ao cobramento total da subvención, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 20. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para realizar por si mesma a actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 8 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2023, dunha copia da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados, en orixinal ou copias autenticas electrónicas.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitirase os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Anexo III (Declaración doutras axudas) debidamente asinado.

d) Achega da documentación gráfica que acredite o cumprimento da utilización de logotipos e sinaléticas exixidos para cada unha das axudas concedidas de acordo co artigo 19.

e) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

2. En concreto para os titulares de obradoiros artesáns e as asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns:

a) No caso de que as persoas beneficiarias se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse dito documento sen compulsar.

b) A xustificación de asistencia a feiras e eventos de interese artesanal farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado emitida pola institución ou entidade organizadora.

c) Documentación que acredite, se for o caso, a non admisión nas feiras solicitadas.

3. En concreto, para os concellos:

– Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

– Certificación da Intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

– As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a xustificar o cumprimento da finalidade da subvención mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos artigos seguintes e que incorporará, en todo caso, a certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

No caso de subvencións destinadas a financiar investimentos, a conta xustificativa conterá:

a) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da/do alcaldesa/e ou presidenta/e, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación da/do acredora/or, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Certificado de taxadora/or independente debidamente acreditada/o e inscrita/o no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

d) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

e) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007.

4. En concreto, para as asociación profesionais e empresariais de artesáns/ás para as actuacións descritas na epígrafe de mantemento da páxina web (artigo 4.3.2):

Acreditación na factura do rexistro do dominio da páxina web, a cal deberá estar en funcionamento no momento da xustificación.

Os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentado, de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que legalmente correspondan. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 22. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao seu pagamento, os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado pola persoa beneficiaria, sen prexuízo do recollido no artigo 6 referido aos anticipos.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, entenderase incumprimento total, co reintegro do total da cantidade percibida para as actuacións establecidas no artigo 4, cando o antedito incumprimento supere o 40 % do investimento subvencionable.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

5. Para os efectos establecidos neste artigo, non se considerará incumprimento a non admisión para a participación nas feiras nin a falla da súa celebración, o cal deberá ser, en ambos os dous casos, suficientemente acreditado.

Artigo 24. Control

1. A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non establecido nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file