Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 28017

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se fai pública a convocatoria, mediante procedemento aberto con criterio único (prezo), para un alleamento de madeiras na provincia de Lugo.

Convócase mediante esta resolución o alleamento de madeiras de varios lotes na provincia de Lugo, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 159, do 18 de agosto), na Orde do 8 de setembro de 1998 pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 180, do 16 de setembro), e na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo (código de procedemento MR612A) (DOG núm. 41, do 2 de marzo).

A licitación e información dos lotes pódense consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural e no visor de aproveitamentos madeireiros en xestión pola Administración forestal, nos enderezos seguintes:

https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas

https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/sistema-de-informacion-forestal

A apertura electrónica dos sobres coas ofertas económicas terá lugar no edificio administrativo da Xunta de Galicia, na rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo. Unha vez iniciada a poxa, calquera persoa licitadora, tras obter a proposta de adxudicación dun lote, poderalle solicitar á mesa por medios telemáticos que non se proceda á apertura de máis ofertas económicas das presentadas por ela aos lotes que queden por poxar, por ter acadado a cota máxima da súa capacidade económica ou técnica.

Para este procedemento rexerán a normativa antes citada e os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares que figuran no expediente correspondente, que poderán ser consultados polas persoas interesadas, na páxina web que se indicou, a partir do día da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

As ofertas presentaranse a través da sede electrónica (https://sede.xunta.gal) (código de procedemento MR612A) durante os 26 días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A apertura das proposicións económicas será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás 11.00 horas do décimo quinto día hábil contado a partir da finalización do prazo de presentación das ofertas.

Cada persoa licitadora presentará dous sobres electrónicos para cada oferta. O sobre A, coa documentación administrativa, e o sobre B, coa oferta económica.

No caso de presentarse a varios lotes, o sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que se presenten ante a mesa e na mesma sesión. Este sobre deberá conter, en todo caso, a documentación sinalada na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo (código de procedemento MR612A).

Non obstante, de darse o caso de que algún documento do sobre A non estea asinado dixitalmente, poderase presentar de forma presencial nun sobre pechado perante o Rexistro Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural correspondente, xa que nestes procedementos é o órgano de contratación, tal e como sinala o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

O sobre B recollerá a proposición económica, que se presentará no modelo normalizado disposto na Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo, a través do procedemento MR612A establecido na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cada un dos lotes figurará nun sobre B individual.

A persoa adxudicataria constituirá a garantía definitiva do 5 % do prezo de adxudicación.

A persoa adxudicataria constituirá a garantía definitiva dentro dos 10 días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

No caso de que a persoa adxudicataria fraccione o pagamento, constituirá tamén a garantía do segundo pagamento dentro dos 10 días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares do aproveitamento.

A persoa adxudicataria deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural