Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 27769

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, para o ano 2023, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2021-2027 (código de procedemento IN417Y).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas que, unanimemente, están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética en empresas galegas. As actuacións que se vaian desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050.

A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, e compútase como investimento privado elixible dos beneficiarios o 40 % restante, salvo no caso de beneficiarios públicos (na liña de proxectos de eficiencia enerxética en infraestruturas públicas) en que o 40 % será contribución pública nacional. En particular:

Obxectivo político 2: unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

Obxectivo específico 2.1: fomento da eficiencia enerxética e da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Actuación 2.1.02: descarbonización das actividades económicas.

Tipos de intervención TI0038, TI0039, TI0040 e TI0044.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicador de realización:

RCO02. Empresas apoiadas a través de subvencións.

RCO01. Empresas apoiadas. 

b) Indicador de resultado:

RCR26. Consumo anual primario de enerxía (do cal: vivendas, edificios públicos, empresas, outros) en MWh/ano.

RCR29. Emisións de gases de efecto invernadoiro calculadas en toneladas de CO2 eq./ano.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2021-2027, así mesmo, por medio de esta resolución procédese á súa convocatoria para a anualidade 2023.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado destas bases reguladoras (código de procedemento IN417Y).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética, que cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases poidan levarse adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

3. As axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas obxecto destas bases están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014. A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 38. Axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética. O citado Regulamento 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, no artigo 1.3.b) establece que este non se aplicará ás axudas concedidas no sector da produción agrícola primaria a excepción, entre outras, das axudas para a protección do ambiente.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. De conformidade co disposto no artigo 6.1 destas bases reguladoras os traballos non poderán iniciarse con anterioridade á data de presentación da solicitude.

Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior; a compra de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 10.000,00 € por actuación, o IVE non está incluído.

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nunha mesma localización e que se valorarán de xeito conxunto.

Considéranse actuacións homoxéneas que deben recollerse nunha única solicitude: todas as actuacións de iluminación que se realicen no centro de traballo e a renovación de varios equipos para o mesmo fin. Por exemplo, a instalación de varios compresores, ou de dúas caldeiras para proceso aínda que estas non sexan iguales (ademais debe incluírse no mesmo proxecto calquera actuación relacionada que se efectúe na sala de caldeiras como pode ser a instalación dun economizador ou tanque de revaporizado). Tamén se considerará actuación homoxénea a mellora integral dun edificio cando este estea incluído no ámbito de aplicación da normativa vixente de certificación enerxética e exista metodoloxía de cálculo recoñecida para a súa certificación.

Considéranse actuacións non homoxéneas, e que polo tanto deben cursarse en solicitudes independentes, a combinación de proxectos independentes, por exemplo, a renovación dun compresor, a renovación dos equipamentos de iluminación, a renovación das caldeiras, a instalación de variadores de frecuencia en motores, etc.

4. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.6.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para ditos fondos e para o fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, «Do no significant harm»). En atención ao considerando 10 do citado RDC o principio de no causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables que fixa os obxectivos ambientais que hai que protexer:

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara a unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega, coa repartición bianual por proxectos recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 7.500.000,00 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto e tipo de solicitante será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Orzamento 2023 (€)

Orzamento 2024 (€)

Total (€)

PAPEME. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes

1.000.000,00

2.000.000,00

3.000.000,00

PAGE. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en grandes empresas

500.000,00

1.000.000,00

1.500.000,00

PAE. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en polo menos un 30 %

500.000,00

1.000.000,00

1.500.000,00

PAP. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas

1.000.000,00

500.000,00

1.500.000,00

3.000.000,00

4.500.000,00

7.500.000,00

O orzamento por partida e anualidade redistribuírase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 05.A3.733A.744.4, 05.A3.733A.745.0, 05.A3.733A.760.2 e 05.A3.733A.770.2.

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se pasado un mes desde a apertura do prazo de solicitudes nalgún das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, e noutra das epígrafes existe lista de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se fose o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Para os efectos destas bases terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014 segundo a cal considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a entidades incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, das actividades recollidas na alínea a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha entidade das indicadas na alínea a) e deberán contar en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, e poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, a máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes. O Inega comprobará o cumprimento da condición de peme ou non peme, co fin de garantir o tratamento diferenciado dos distintos beneficiarios en función do tipo de intervención.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

‒ As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

‒ As persoas particulares e comunidades de propietarios sen actividade económica.

‒ As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014.

‒ As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

‒ As empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases desde a 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas excluídas como beneficiarias.

‒ A industria extractiva enerxética, a de refinación de petróleo e biocombustibles, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

‒ As empresas dedicadas ás actividades recollidas na sección K do CNAE-2009 de actividades financeiras e de seguros.

2. Os/as solicitantes da axuda encherán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 6. Proxectos que se subvencionan

1. Poderán ter dereito a subvención os proxectos de aforro e eficiencia enerxética recollidos no punto 2 que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de execución dos proxectos subvencionables (téñase en conta a definición de inicio dos traballos recollida no artigo 2.1) iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 26.

2. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética subvencionables:

a) Serán elixibles os custes de inversión adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Determinarase do seguinte xeito:

1º. Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

2º. En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de xeito crible sen a axuda. A diferenza entre o custo de ambos investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados.

b) Serán subvencionables aqueles proxectos con ratios de aforro enerxético anual iguales ou superiores aos indicados na seguinte táboa para cada liña:

Denominación da liña

Proxectos subvencionables

PAPEME. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes

Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguales ou superiores a 0,3 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de inversión elixible.

PAGE. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en grandes empresas

Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguales ou superiores a 0,4 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de inversión elixible.

PAE. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en polo menos un 30 %

Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguales ou superiores a 0,3 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de inversión elixible e que ademais reduzan polo menos un 30 % as emisións de GEI.

PAP. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas

Proxectos que xustifiquen ratios de aforro enerxético iguales ou superiores a 0,4 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de inversión elixible.

Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética (no caso de actuacións integrais de edificios substituirase a auditoría enerxética polo certificado de eficiencia enerxética cando este sexa de aplicación ao edificio), cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.

Para o paso de enerxía final a enerxía primaria utilizaranse os factores de paso establecidos na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 11.

Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as cales se solicita axuda. Será subvencionable a realización de auditorías enerxéticas que inclúan en detalle a actuación subvencionada salvo que se trate dunha auditoría obrigatoria conforme a normativa vixente.

Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.

Artigo 7. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan

1. Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada proxecto segundo o indicado no artigo 6. O dito aforro debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 11. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores a menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

2. No caso de mellora de instalacións de iluminación a instalación resultante debe cumprir os requisitos que sexan de aplicación definidos na norma UNE-EN 12464 (iluminación dos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos a utilización de lugares de traballo.

3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

4. Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberán cumprirse as seguintes condicións específicas durante a execución do proxecto:

a) Ao menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do proxecto prepararase para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE. A verificación desta condición realizarase achegando os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino a reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadado.

b) Non utilización de amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006. A verificación desta condición realizarase achegando un certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2066.

Artigo 8. Investimentos subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 7 non serán subvencionables.

2. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) As instalacións que utilicen enerxías renovables, salvo as que procedan da valorización de residuos non propiamente enerxéticos e as bombas de calor.

b) Operacións de mantemento (simples reposición de lámpadas, ...).

c) Vehículos de todas as clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. A conta de maquinaria inclúe o conxunto de máquinas ou bens de equipo mediante os cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos. Nesta conta figurarán todos aqueles elementos de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais e mercadorías dentro de factorías, talleres, etc. sen saír ao exterior.

4. Considéranse custos subvencionables: a elaboración dos proxectos técnicos, dirección facultativa e obra civil relacionados coas actuacións, o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, así como os sistemas de monitorización, contabilización e telexestión e as auditorías nos termos indicados no artigo 6.

5. Non se consideran custes subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Cando nunha actuación de aforro se incremente substancialmente a capacidade produtiva final do proceso só se considerará elixible o custo correspondente á mellora enerxética da capacidade produtiva inicial.

Artigo 9. Contía da axuda

1. A contía da subvención será do 35 % do custo elixible da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

Para axudas de máis de 100.000,00 € limítase a axuda segundo o aforro enerxético xustificado segundo a seguinte táboa. Para estes efectos da aplicación deste límite no caso de proxectos da liña PAP utilizarase a epígrafe específica para esta tipoloxía de proxectos:

Tipoloxía beneficiario

Axuda máxima en función do aforro enerxético

Pequena empresa

Se AEF < 80 MWh/ano: AM = 100.000

Se AEF ≥ 80 MWh/ano: AM = AEF x 1.250

Mediana empresa

Se AEF < 100 MWh/ano: AM = 100.000

Se AEF ≥ 100 MWh/ano: AM = AEF x 1.000

Gran empresa

Se AEF < 150 MWh/ano: AM = 100.000

Se AEF ≥ 150 MWh/ano: AM = AEF x 675

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas (PAP)

Se AEF < 80 MWh/ano: AM = 100.000

Se AEF ≥ 80 MWh/ano: AM = AEF x 1.250

Onde:

AEF = aforro enerxético anual de enerxía final en MWh/ano.

AM = axuda máxima por expediente en función da tipoloxía de beneficiario e o aforro enerxético en euros.

2. No caso de proxectos do sector industrial cun investimento igual ou superior a 100.000,00 € e ratios de aforro iguales ou superiores a 0,81 kWh/€ de inversión a axuda estará limitada a un máximo do 25 % da inversión. Para estes efectos, considérase sector industrial aquelas actividades do CNAE 2009 (Real decreto 475/2007) das divisións 07 a 39.

3. Establécese unha axuda máxima por expediente de 1.000.000,00 de €.

4. A axuda máxima por entidade beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 2.000.000,00 de €.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 10. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 10 de maio de 2023 ás 9.00 horas e finalizará o 15 de setembro de 2023.

3. As solicitudes presentaranse na páxina web do Inega accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, como así o establece o artigo 10.1, letra a) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

4. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I da solicitude), deberase achegar a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:

‒ Poder de representación da persoa que presenta a solicitude.

‒ Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en función da tipoloxía da actuación.

5. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

6. Os fondos solicitados e os validados polo Inega para cada liña poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a liña de axudas de que se trate. Polo tanto, a axuda máxima que se concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles para unha liña de axudas, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha lista de espera para esta liña; no momento da presentación, a aplicación informática, informará da posición que ocupa a solicitude na lista de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en lista de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a) Documentación administrativa:

i. Poder de representación da persoa que presenta a solicitude.

ii. Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda (modelo dispoñible na páxina web do Inega).

iii. As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000,00 €.

Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000,00 € o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberán solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentar coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considerase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo, así como características técnicas, e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

4º. No caso de licitacións públicas, poderase presentar un certificado do interventor ou persoa responsable do control do cumprimento da normativa de contratación neste sentido e trasladar a presentación das ofertas á fase de xustificación da actuación.

iv) As empresas, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nos puntos i) a iii) deste artigo e ademais deberán achegar:

1º. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos nos cales aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

2º. As empresas cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente. (Non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

3º. As empresas ou entidades deben de acreditar a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

4º. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar ademais:

a. Copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

b. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

5º. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa ou gran empresa, deberase achegar ademais:

a. Contas anuais da empresa solicitante, e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

b. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto segundo modelo «Memoria técnica PAE» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) ou modelo «Memoria técnica PAE_ILU» para proxectos de mellora de iluminación. No caso de actuacións integrais de edificios deberase acompañar a memoria con certificado de eficiencia enerxética antes e despois da actuación ou, eventualmente, declaración xustificativa de que ao edificio en cuestión non lle é de aplicación a normativa de certificación enerxética.

ii. Documento denominado «Ficha de consumos PAE» segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) no que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo,…) do período anual tomado como referencia (2022 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Non será preciso a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación. No caso de proxectos de mellora integral dun edificio poderase tomar como referencia de consumo inicial o certificado de cualificación enerxética.

iii. Fotografías da instalación actual. Incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipos sobre os cales se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.

iv. Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipos.

v. Características técnicas dos equipos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo e rendemento enerxético.

vi. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que podería realizarse de forma crible sen subvención (investimento de referencia).

vii. No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar unha declaración responsable asinada por un técnico cualificado (especificar no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante) no que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAE_ILU»), o seu uso, e se declare que tras os estudos lumínicos realizados se constata o cumprimento da norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos a utilización de lugares de traballo, se é o caso.

viii. Ademais, nas instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código Técnico da Edificación, xustificación asinada por un técnico competente de que cumpran coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación do HE3, xuntar escrito xustificativo dos motivos.

ix. Ademais, nos casos en que proceda, tamén se debe achegar «Memoria técnica adicional para actuacións de renovación de edificios segundo o modelo «Memoria técnica adicional edificios PAE» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

x. Declaración responsable do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio «Do No Significant Harm»-DNSH) dispoñible na web do Inega.

xi. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsablilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) DNI/NIE da persoa solicitante.

e) NIF da entidade solicitante.

f) NIF da entidade representante.

g) DNI/NIE da persoa representante.

h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, o organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopan vencelladas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, de 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 17. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 18. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da lista de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e arquivarase o expediente. Isto, cando se trate da documentación que ten carácter de mínimos e que aparece recollida con tal carácter no artigo 10.4 destas bases reguladoras, en cuxo caso se non se achega, a solicitude inadmitirase sen máis trámite.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e dous técnicos do Inega (un da Xerencia e outro do Área de Aforro e Eficiencia Enerxética). O Comité de Avaliación elaborará unha proposta en que figuren de xeito individualizado os criterios consensuados durante a tramitación dos expedientes e de xeito individualizado os primeiros solicitantes propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención para cada un deles.

Artigo 19. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención, obrigas dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá-A miña sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 21. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 22. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberanse cumprir os requisitos previstos no punto seguinte.

Cando a modificación do proxecto afecte ao documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), o Inega deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, se é o caso, os valores estimados dos indicadores de realización.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento, sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar aos termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 23. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 20.2 destas bases reguladoras.

Artigo 24. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular as verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a cinco (5) anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco (5) anos no caso de grandes empresas ou entidades titulares de infraestruturas públicas, e tres (3) anos no caso de pemes, contados desde o último día de pagamento ao beneficiario (artigo 65 do RDC).

Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda.

6. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar dano prexuízo significativo» (principio «Do no significant harm»-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. Para tal efecto, o beneficiario firmará unha declaración responsable de acordo co modelo incorporado ás bases.

7. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia, do Feder e do Inega.

8. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.6.2021 L 231), o beneficiario deberá:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais facer unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionar unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

c) Exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos en que o beneficiario sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información axeitada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

d) Para operacións que consistan na realización de investimentos físicos e/ou compra de equipos de máis de 500.000,00 € de custo total, en lugar do previsto na letra c), o beneficiario, tan pronto como comecen e durante toda a súa execución, colocará un cartel temporal ou valla publicitaria resistente nun lugar ben visible para o público. Ademais, no prazo de tres (3) meses desde a finalización da execución física, colocará un cartel ou placa permanente nun lugar ben visible para o público.

Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización só é preciso colocar un cartel.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, o beneficiario deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

O beneficiario deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

9. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección General de Fondos Comunitarios do Ministerio de Hacienda y Función Pública co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

11. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de setembro de 2024.

Artigo 27. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 20 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

Artigo 28. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación de elas, asinada polo representante legal.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento, admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 26.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración ao que se refire este punto.

De existir modificacións no proxecto deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Documentación que acredite a existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas, achegando a documentación xustificativa que corresponda.

e) Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

f) Nos casos en que proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario.

g) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

h) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

i) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude), incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipos.

j) No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar un certificado asinado por un técnico cualificado no cal se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAE_ILU»), o seu uso, e se declare que tras as medicións realizadas se constata o cumprimento dos requisitos que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso.

k) Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberanse aportar:

i) Certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino a reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europeo de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadado.

ii) Certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin sustancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de sustancias suxeitas a autorización figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2066.

3. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir o indicador de resultado asociado a estas bases reguladoras, que son o RCR26-consumo anual primario de enerxía (MWh/ano) e o RCR29-emisións de gases de efecto invernadoiro (estimadas en toneladas de CO2 eq./ano).

Artigo 29. Pagamento das axudas

1. Os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención. No caso dos anticipos exonerados de constituír garantía, recollidos no artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre os cales figuran: aqueles en que os pagamentos non superen os 18.000,00 € e os formulados por entidades dependentes da Administración, poderase solicitar o anticipo directamente no formulario de solicitude e resolverase conxuntamente coa solicitude. No caso de anticipos non exonerados de constituír garantía seguirase o procedemento ordinario recollido na seguinte epígrafe.

2. Os beneficiarios interesados en solicitar un anticipo que non estean exonerados de constituír garantía de ata o 50 % do importe da subvención concedida, poderano solicitar no prazo máximo dun mes contado desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión do anticipo. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

3. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

4. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderase reducir proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

5. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 €, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 30. Perda do dereito subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

i. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 60 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

ii. Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 24.8 destas bases suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

iii. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

4. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúen o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto nos termos exixidos no artigo 24.8 destas bases reguladoras.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 31. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 33. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Inega efectúe o último pagamento ao beneficiario, de acordo co disposto no artigo 82.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

3. O Inega realizará comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polos beneficiarios no relativo ao tamaño da empresa e a consideración como empresa en crise, así como sobre vinculacións entre empresas e/ou provedores.

Artigo 34. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo Plus, Fondo de Cohexión, Fondo de Transición Xusta e Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados ( DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L231, de 30 de xuño de 2021).

d) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file