Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 27950

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, da escala de axentes de inspección das especialidades de vixilancia de estradas e de dominio público hidráulico.

Mediante a Resolución do 24 de marzo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 63, do 30 de marzo), aprobáronse as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, da escala de axentes de inspección das especialidades de vixilancia de estradas e de dominio público hidráulico, convocado pola Resolución do 22 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño).

Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de reclamacións sobre as ditas listaxes, de conformidade co artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa base I.4.2 das que rexen o proceso selectivo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, da escala de axentes de inspección das especialidades de vixilancia de estradas e de dominio público hidráulico.

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal

A listaxe definitiva completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

A Administración devolverálles o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningún das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública en que se solicite a devolución, que deberá incluír un número de conta bancaria na aplicación Fides na epígrafe de expediente>datos persoais. A presentación deste escrito fóra de prazo ou a non inclusión dos datos bancarios na aplicación Fides suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.

Contra esta resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública