Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2023 Páx. 28294

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 26 de abril de 2023 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo procedente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (código de procedemento AP100A).

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 15 de xuño de 2006, adoptou, entre outros acordos, aprobar a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a colaboración na xestión dos servizos sociais no ámbito territorial dos entes locais da Comunidade Autónoma, sendo publicados tanto o acordo fundacional como os seus estatutos no Diario Oficial de Galicia núm. 131, do 7 de xullo de 2006.

A cláusula sexta do Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar do 21 de febreiro de 2017, inscrito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon) en virtude de Resolución do 8 de xuño de 2017 (DOG núm. 124, do 30 de xuño), prevé a integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do seu persoal laboral fixo.

Co fin de dar cumprimento ás previsións contidas no dito acordo, tramitouse unha modificación dos estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no que atinxe ao réxime do persoal ao seu servizo, adaptando así a normativa estatutaria neste ámbito ás disposicións que nesta materia se establecen na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

Esta adaptación supuxo non só a modificación do artigo 31 dos estatutos, no que se regula o réxime xurídico do persoal ao servizo do Consorcio, senón tamén a modificación do réxime competencial dos seus órganos de goberno no que atinxe ás cuestións de persoal, respectando así as previsións contidas na Lofaxga, na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais normativa de aplicación.

O Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, establece as bases ás que se suxeitarán os procedementos de integración voluntaria do persoal das entidades afectadas polo seu ámbito de aplicación e establece os efectos da citada integración.

De conformidade co marco normativo anteriormente indicado, mediante escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude solicitouse a iniciación do procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo procedente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Recibida a dita solicitude procede aprobar esta orde, que ten por finalidade regular o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, baixo os principios de voluntariedade, homologación e homoxeneidade, nas condicións previstas na normativa do persoal laboral da Xunta de Galicia.

O seu contido adecúase aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responder o procedemento regulado nela á satisfacción do interese xeral, derivado da necesidade de tender ao establecemento dun único réxime xurídico de todo o persoal laboral que presta servizos nesta administración. Así mesmo, o seu texto cumpre coa debida proporcionalidade xa que contén a regulación imprescindible para acadar o obxectivo da norma. Coa finalidade de garantir os principios de seguridade xurídica e transparencia, xérase un marco normativo claro que facilita o seu coñecemento e comprensión. Finalmente, en cumprimento dos principios de simplicidade e eficacia, o texto evita cargas administrativas innecesarias e posibilita unha mellor racionalización na xestión dos recursos humanos.

Na orde non se recolle un anexo dos postos de traballo aos que se adscribiría ás persoas solicitantes da integración que cumpran os requisitos, dado que neste momento está pendente a aprobación da relación de postos de traballo, sendo as partidas orzamentarias correspondentes vinculadas aos postos de traballo que sexan codificados unha vez que remate o procedemento de integración. Por este motivo a orde establece que o posto de traballo ao que se adscriba o persoal interesado será o mesmo que viña desempeñando no momento da solicitude de integración ao abeiro do correspondente contrato de traballo como persoal laboral fixo da entidade de procedencia.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación (código de procedemento AP100A)

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia (código de procedemento AP100A) do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (en diante, CGSIB).

2. Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal laboral do CGSIB, sempre que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter formalizado un contrato laboral fixo coa entidade de procedencia, celebrado despois de ter pasado un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade.

b) Ter a titulación establecida no anexo II e cumprir os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e a categoría de homologación do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

c) Estar en situación de servicio activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

3. Non poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia o persoal que estivese vinculado ao CGSIB por un contrato de alta dirección ou mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente, tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivera a condición de persoal laboral fixo da mencionada entidade.

Artigo 2. Solicitude e prazos

1. A solicitude de integración dirixirase á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude e realizarase no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de solicitude que se xunta no anexo I.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo no CGSIB.

b) Títulos oficiais universitarios.

c) Títulos oficiais non universitarios.

d) Retribucións percibidas durante o ano anterior á data de publicación da presente orde, detallada por conceptos e mensualidades.

e) Resolución de concesión da situación administrativa da persoa solicitante que se atope nunha situación distinta da de servizo activo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Tramitación

1. Examinadas as solicitudes, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude requirirá, se é o caso, ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación que consideren necesaria para os efectos de continuar a tramitación do procedemento. De non achegar a documentación solicitada no prazo establecido entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución de arquivo correspondente, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Recibidas todas as solicitudes e a documentación correspondente, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, remitirá á Dirección Xeral da Función Pública unha proposta, que conterá:

a) A relación do persoal que a mencionada Secretaría Xeral Técnica considere que reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia, con indicación do grupo e categoría profesional de homologación co V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, posto de traballo e o carácter da adscrición a este.

b) A relación do persoal que aquela considere que non reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia.

3. Xunto coa dita proposta achegaranse en formato electrónico os expedientes individuais coa documentación precisa para a tramitación deste proceso, cada un dos cales deberá contar cos documentos necesarios para determinar o cumprimento dos requisitos de integración e deberá incluír un índice de documentos que o compoñen. Tamén se achegará un certificado expedido pola entidade de adscrición das retribucións percibidas durante o ano anterior á data de publicación da presente orde, detallada por conceptos e mensualidades.

4. Recibida a documentación indicada nos puntos anteriores, a Dirección Xeral da Función Pública solicitará informe á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

5. Créase unha comisión formada por representantes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral da Función Pública, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, e da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude e unha persoa proposta por cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos da Xunta de Galicia, cuxa función será realizar un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos das persoas interesadas para se integrar como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, o grupo e categoría profesional no que se produciría aquela, o posto de traballo no que se integra e o carácter da súa adscrición. Así mesmo, a comisión velará polo cumprimento da normativa en materia de igualdade no procedemento de integración, debendo incluír no informe os resultados desta función. Este informe remitirase á Dirección Xeral da Función Pública.

Na dita comisión procurarase unha composición paritaria de mulleres e homes, consonte o disposto pola disposición adicional primeira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 16 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

6. Unha vez examinada toda a documentación sinalada nos puntos anteriores, a Dirección Xeral da Función Pública, á vista dos antecedentes que figuren no expediente, realizará a correspondente proposta de integración, que remitirá á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, para que resolva o que proceda mediante orde.

7. O transcurso do prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen se ter ditado a resolución correspondente habilitará as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 6. Efectos da integración

1. A resolución de integración determinará o grupo e categoría profesional do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia no que se integra o persoal interesado, o posto no que se integra e o carácter da adscrición a este.

Para estes efectos, o posto de traballo ao que se adscriba o persoal interesado será o mesmo que viña desempeñando no momento da solicitude de integración ao abeiro do correspondente contrato de traballo como persoal laboral fixo da entidade de procedencia. Dado que no momento actual a relación de postos de traballo (RPT) se atopa pendente de aprobación, unha vez aprobada esta, asignarase a cada posto o seu correspondente código alfanumérico, denominación, natureza xurídica e demais circunstancias previstas polo artigo 38.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

2. A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

3. Ao persoal que como consecuencia da integración experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de xeito que a equiparación total se producirá no prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

4. Ao persoal laboral integrado faráselle, de acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición adicional primeira da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

5. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a indemnización ningunha.

6. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte do CGSIB.

Artigo 7. Efectos da non integración

O persoal laboral fixo do CGSIB que non solicite a súa integración ou, unha vez solicitada, renuncie voluntariamente a ela, así como as persoas solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, manterá o réxime xurídico do persoal ao servizo do Consorcio establecido nos seus estatutos, de conformidade co disposto no artigo 9.3 do Decreto 129/2012, do 31 de maio; todo iso sen prexuízo do disposto na súa disposición adicional terceira e no ordenamento laboral.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Publicación dos actos

A orde que resolva o procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nela incluirase a listaxe de persoas integradas, grupo e categoría de integración e, se é o caso, posto de traballo adxudicado. Tamén incluirá a listaxe de persoas non integradas, con expresión da causa da desestimación da integración.

Disposición derradeira primeira. Normativa aplicable

Ademais de polo previsto nesta orde, o procedemento de integración rexerase polo establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file

ANEXO II

Táboa homologacións categorías profesionais

Titulación requirida ente

Grupo e categoría profesional de homologación
do V Convenio colectivo

Licenciatura ou grao

Diplomatura

Bacharelato ou FP de 2º grao

Graduado en ESO ou equivalente

Grupo I-Categoría 04, 06

Grupo II-Categoría 02, 05, 06, 07, 08, 011, 017, 020, 040

Grupo III-Categoría 02, 050, 062, 091

Grupo IV-Categoría 01, 016, 043, 044

Nota: os grupos e categorías profesionais que se recollen no anexo II da presente orde teñen por finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 8.3 do Decreto 129/2012, sen prexuízo do grupo e categoría profesional no que definitivamente se integre, de ser o caso, na Administración da Xunta de Galicia, o persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde.