Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 9 de maio de 2023 Páx. 28661

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023 pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras de ampliación do Hospital Público da Mariña, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da Resolución do 20 de abril de 2023, da Consellería de Sanidade, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras de ampliación do Hospital Público da Mariña, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

– Actividade: en virtude desta encomenda.

1. A Axencia Galega de Infraestruturas asumirá:

a) O exercicio da potestade expropiatoria, de ser o caso, en relación coa obtención dos bens e dereitos necesarios para a execución de todas as actuacións vinculadas á ampliación do Hospital Público da Mariña.

b) A realización dos labores de supervisión, implantación e aprobación dos correspondentes proxectos, así como a realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos de obras e dos contratos de servizo complementarios a estas para o cumprimento do obxecto da encomenda, e fundamentalmente os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

2. A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. asumirá:

a) A elaboración dos informes técnicos e a realización daquelas actuacións de carácter técnico necesarias na fase de adxudicación dos contratos derivados das actuacións obxecto da referida encomenda, nomeadamente os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

b) A dirección da redacción do proxecto con base no Plan funcional redactado polo Servizo Galego de Saúde.

c) As funcións de responsable do contrato da obra e, de ser o caso, dos contratos de servizo complementarios, obxecto do referido contrato.

d) A xestión daquelas autorizacións e permisos que sexan necesarios durante as obras, así como para a súa recepción.

e) A convocatoria ao Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante que asistirá ao acto de recepción das obras, no cal se levará a cabo a súa entrega.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encarga ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto no artigo 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio establécese, respectivamente, no artigo 3 dos estatutos da Axencia Galega de Infraestruturas, aprobado polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, e no artigo 1 dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

– Prazo de vixencia: desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía dos contratos obxecto desta encomenda.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade