Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2023 Páx. 29038

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do programa Leader de Galicia para o período 2023-2027, así como as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios que se correspondan coas estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas.

A política comunitaria para o período 2023-2027 e, en consonancia, o Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, consolida o desenvolvemento local participativo, coa formulación da intervención 7119-Leader, baseado en estratexias de desenvolvemento local participativo, como mecanismo de desenvolvemento territorial integrado.

O Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados, no seu título III (Programación), destina o capítulo II ao desenvolvemento local participativo. A dita normativa define os posibles apoios financeiros, determina o contido das estratexias de desenvolvemento local e as condicións para a súa selección, establece o papel e tarefas dos grupos de acción local e enmarca os posibles tipos de axuda. Así mesmo, posibilita aos grupos de desenvolvemento rural (GDR) o desenvolvemento de tarefas suplementarias delegadas pola autoridade de xestión ou polo organismo pagador, e dispón que a axuda ao desenvolvemento local participativo inclúa o desenvolvemento de capacidades e medidas preparatorias de apoio ao deseño e execución da futura estratexia.

No enfoque Leader é esencial que os grupos de acción local, que representen os intereses das comunidades locais, se encarguen do deseño e execución das estratexias de desenvolvemento local participativo, e poidan, así mesmo, desenvolver tarefas suplementarias delegadas pola autoridade de xestión ou o organismo pagador. As estratexias deben desenvolverse e apoiarse baixo a responsabilidade das autoridades de xestión e organismos intermediarios, que deben encargarse da selección das operacións que deben recibir apoio, ou participar na devandita selección.

No artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/2115, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da PAC, establécese que o desenvolvemento local participativo se aplicará á axuda financiada polo Feader. Concretamente, regúlase a través do seu artigo 77, que ordena a concesión de axudas á cooperación, nas cales se inclúen a preparación e execución das estratexias de desenvolvemento local participativo definidas conforme o Regulamento (UE) 2021/1060.

En liña co sinalado nos parágrafos precedentes, o 28 de decembro de 2020 publicouse o Regulamento (UE) nº 2020/2220 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nos anos 2021 e 2022, e polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1305/2013, (UE) nº 1306/2013 e (UE) nº 1307/2013 no que respecta aos seus recursos e á súa aplicación nos anos 2021 e 2022 e o Regulamento (UE) nº 1308/2013 no que respecta aos recursos e á distribución da dita axuda nos anos 2021 e 2022. Este regulamento garantía a continuidade das axudas establecidas pola PAC para o período 2014-2020 ata que o novo marco lexislativo entre en vigor, prorrogando o marco xurídico vixente ata o ano 2022: os catro regulamentos básicos da PAC (1305/2013, 1306/2013, 1307/2013 e 1308/2013) por un ano. Por outra parte, o citado regulamento recollía a posibilidade de financiar as axudas para a preparación, deseño e posta en marcha das estratexias do período 2023-2027, a través da submedida 19.1 (actuacións preparatorias) dos programas de desenvolvemento rural correspondentes ao período 2014-2020. Neste sentido, a Decisión de execución da Comisión C (2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021, modificou o Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) correspondente ao período 2014-2020, recollendo un máximo de axuda de 35.000 € por proposta.

Ao fío do sinalado no parágrafo anterior, o 2 de xuño de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 105 o Acordo do Consello de Dirección de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 20 de abril de 2022, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027, cofinanciadas polo fondo Feader, e para a aprobación de estratexias de desenvolvemento local, así como a correspondente convocatoria, para as anualidades 2022 e 2023 (código de procedemento MR701F).

Ao abeiro do sinalado no artigo 18 das bases reguladoras que rexen a convocatoria citada no parágrafo anterior, a persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolveu, por delegación do Consello de Dirección da citada axencia, a selección das organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras da Administración, de cara ao período 2023-2027. A selección das organizacións candidatas comportou a concesión dunha subvención de 35.000 euros a cada entidade seleccionada, a cal se distribuíu con cargo ás anualidades 2022 (75 % do total) e 2023 (o restante 25 %).

O artigo 20 das bases reguladoras que rexen a convocatoria pola que se seleccionan as estratexias e entidades colaboradoras para o período de programación 2023-2027, establece que, para que as organizacións candidatas opten a converterse en entidades colaboradoras da medida Leader de Galicia para o citado período 2023-2027, deberán ter presentada a documentación xustificativa da subvención conforme dispón o artigo 31 das citadas bases reguladoras. En concreto, o artigo 31.1 establece os seguintes prazos e condicións:

– Tres meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución correspondente á selección da organización candidata, para a entrega dos documentos A, B, C, D, E, F e G do anexo C das bases reguladoras. A axuda máxima correspondente aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo para a elaboración destes documentos será do 75 % do total da axuda concedida, que se corresponderá co importe orzado para a anualidade 2022.

– Dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución prevista no artigo 20.2 destas bases reguladoras, para a entrega dos documentos H e I do anexo C destas bases reguladoras. A axuda máxima correspondente aos gastos derivados das actuación levadas a cabo para a elaboración destes documentos será do 25 % do total da axuda concedida, que se corresponderá co importe previsto para a anualidade 2023.

Neste sentido, cómpre sinalar que, unha vez aprobado o Plan estratéxico da PAC de España para o período de programación 2023-2027, e coa finalidade de que se achegue, por parte das organizacións candidatas que foron xa seleccionadas, a documentación correspondente aos puntos H e I do anexo C das bases reguladoras, así como das normas para a xestión da estratexia de desenvolvemento local (en particular, o plan de xestión e criterios de selección aplicables), plan de seguimento e plan financeiro do gasto público previsto, cómpre publicar a resolución prevista no artigo 20.2 das bases reguladoras, que debe ditar a persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por delegación do Consello de Dirección.

Polo tanto, esta resolución, tendo en conta o contido do citado plan estratéxico, pretende establecer as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do programa Leader para o período 2023-2027, as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios correspondentes ás estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas.

No citado Plan estratéxico da PAC 2023-2027, a intervención 7119-Leader contribúe inicialmente ao obxectivo específico 8 (OE8) Promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas a bioeconomía e a silvicultura sustentable. Do mesmo xeito, atende á necesidade 08.05. Asegurar e fomentar a implementación dun desenvolvemento endóxeno e a xeración de valor engadido asociado á metodoloxía participativa.

En función do territorio e do tipo de actuacións, estas intervencións do PEPAC referidas ao obxectivo específico 8 (OE8) Promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas a bioeconomía e a silvicultura sustentable, poderán aplicarse a través do enfoque Leader (canalizadas por medio dos grupos de acción local-grupos de desenvolvemento rural), ou a través de medidas xestionadas pola Administración autonómica.

Con independencia do enfoque ou método de aplicación, o que se persegue é contribuír a crear as condicións para facer das zonas rurais un lugar atractivo para a poboación e as empresas. Para iso é preciso mellorar a capacidade destes territorios para xerar emprego e renda e, ao tempo, dotalos dos servizos públicos e infraestruturas que require un medio rural europeo do século XXI. Por tanto, os protagonistas das actuacións serán tanto as administracións públicas que operan no territorio (Administración autonómica, administracións locais) como os residentes nas áreas rurais, as súas entidades asociativas e, de modo especial para as iniciativas produtivas, as persoas interesadas en emprender/consolidar proxectos empresariais no medio rural.

Por outra banda, a aprobación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, que regula novos instrumentos para a posta en valor dos terreos agroforestais e a recuperación demográfica do medio rural, representa unha grande oportunidade para o desenvolvemento rural do territorio galego. Por todo iso, o programa Leader debe prever a posibilidade de apoiar proxectos vinculados a estes instrumentos, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e as actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

En virtude de todo o anterior, así como do resto da normativa autonómica, nacional e europea,

RESOLVO:

TÍTULO I

Obxectivos xerais da resolución

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta resolución é establecer as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do programa Leader para o período 2023-2027, así como as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios correspondentes ás estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas, en liña co disposto no artigo 20.2 das bases reguladoras aprobadas polo Acordo do Consello de Dirección de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 20 de abril de 2022, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027, cofinanciadas polo fondo Feader, e para a aprobación de estratexias de desenvolvemento local, así como a correspondente convocatoria, para as anualidades 2022 e 2023 (código de procedemento MR701F) (DOG núm. 105, do 2 de xuño).

TÍTULO II

Regras para a elaboración das estratexias

Sección primeira. Axudas para a execución de operacións con cargo á estratexia de desenvolvemento local en apoio de terceiras persoas

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 2. As operacións con cargo á estratexia de desenvolvemento local en apoio de terceiras persoas

De acordo co disposto no artigo 33 do Regulamento (UE) 2021/1060, que establece como tarefas exclusivas dos grupos de acción local, entre outras, a elaboración dun procedemento e dos criterios de selección, así como a selección das operacións e a determinación do importe da axuda, os grupos de desenvolvemento rural (en diante, os GDR) seleccionarán as operacións desenvolvidas por axentes públicos ou privados no ámbito de aplicación da estratexia, que contribúan a satisfacer as necesidades priorizadas e a alcanzar os obxectivos establecidos nelas, segundo os criterios de elixibilidade e selección establecidos polos propios GDR.

Artigo 3. Tipoloxía de operacións subvencionables en función da súa natureza

Os proxectos que os GDR poderán seleccionar clasificaranse como:

1º. Proxectos produtivos: proxectos que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñen unha creación e/ou mantemento de emprego. Os proxectos de natureza produtiva deberán acadar, cando menos, un 65 % dos fondos públicos totais asignados a cada GDR no ámbito das axudas a operacións de terceiros.

2º. Proxectos non produtivos: proxectos promovidos por entidades sen ánimo de lucro, entidades públicas locais, comunidades de montes veciñais en man común ou as súas mancomunidades, que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica. No suposto de que o proxecto constitúa unha actividade económica, terá a consideración de non produtivo no caso de que se cumpran as condicións sinaladas nos parágrafos segundo e terceiro do artigo 15.1 desta resolución.

Artigo 4. Tipoloxía de operacións subvencionables en función das persoas beneficiarias e requisitos

1. En función das persoas beneficiarias de proxectos, os proxectos poderán clasificarse como:

a) Proxectos promovidos por entidades públicas de carácter local ou comarcal, en concreto: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.

b) Proxectos promovidos por persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría ás comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

2. As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter sido condenado mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

c) Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea:

1º) Empregar menos de 50 persoas.

2º) Ter un volume de negocio anual ou un balance xeral anual que non supere os 10 millóns de euros.

Para a definición de empresa, así como para o cálculo dos efectivos e importes financeiros desta, tomarase en consideración o disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para as entidades beneficiarias das axudas a proxectos non produtivos regulados no artigo 15.

Artigo 5. Requisitos xerais das operacións subvencionables

1. Con excepción das entidades públicas de carácter local que poidan ser beneficiarias dun proxecto de natureza produtiva, os beneficiarios dos proxectos produtivos limitaranse ás pequenas empresas, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

2. Esta resolución establece as condicións «máximas» de elixibilidade, polo que, en aplicación da metodoloxía Leader e do enfoque «abaixo-arriba», serán subvencionables os proxectos que sexan seleccionados polos GDR, no marco das súas respectivas estratexias, por considerar que son as operacións que mellor deben contribuír ao desenvolvemento rural do territorio desde unha perspectiva innovadora e un enfoque multisectorial.

3. Con carácter xeral, as operacións subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar localizados no ámbito territorial elixible de aplicación da estratexia de desenvolvemento local do GDR.

b) Ser viables técnica, económica e financeiramente, para os proxectos de natureza produtiva, e técnica e financeiramente para os non produtivos.

c) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto e ás bases reguladoras das subvencións que se diten para o efecto.

d) Non estar iniciados na data da presentación da solicitude de axuda. Para estes efectos, considérase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción, ou ben o primeiro compromiso en firme para a petición dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente o solicitante, se esta data é anterior. Porén, a compra de terreos e os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos de viabilidade, non terán a consideración de inicio dos traballos.

e) Ser finalistas, é dicir, que na data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados os proxectos. Non poderán subvencionarse fases dun proxecto que non constitúan unha actividade finalista.

Artigo 6. Forma da axuda e contía máxima

1. As axudas concederanse en forma de subvención de capital non reembolsable e calcularanse sobre os custos subvencionables, tendo en conta a porcentaxe de axuda que resulte da aplicación ao proxecto en función dos criterios de selección establecidos por cada GDR, sempre e cando se cumpran as condicións e requisitos de elixibilidade que sexan aplicables a cada proxecto e que este supere a puntuación mínima ou «de corte» que se estableza en cada unha das estratexias de desenvolvemento local que resulten seleccionadas.

2. A contía máxima de axuda situarase en 200.000 euros por proxecto.

3. Exceptúanse do disposto no número 1 deste artigo as axudas reguladas no artigo 14 desta resolución, cuxa eficacia queda condicionada á aprobación da correspondente modificación do Plan estratéxico da PAC para Galicia, de xeito que se permitan as axudas consistentes en pagamentos a tanto global.

Artigo 7. Gastos subvencionables

Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nesta sección para cada tipoloxía de investimentos, poderán subvencionarse os gastos necesarios para cumprir coa finalidade do proxecto, sempre que o seu valor non exceda o valor normal de mercado. En particular son subvencionables:

a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, a porcentaxe subvencionable non poderá superar o 50 % do total dos gastos subvencionables. Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

‒ Que se achegue un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

‒ O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 anos de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

‒ Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 anos ou o tempo que exixa a normativa sectorial.

‒ No caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais ou comarcais ou polas súas entidades dependentes, os inmobles non poderán usarse para albergar servizos de carácter meramente administrativo. Terán esta consideración os servizos consistentes na tramitación administrativa ordinaria dos asuntos cuxa competencia é propia das entidades recollidas neste punto e que se prevén na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

‒ Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian ser derrubados nin a compra de inmobles a familiares de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, ou a socios da entidade beneficiaria do proxecto.

b) A adquisición de terreos ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables. Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

‒ Que se achegue un informe dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado.

‒ Que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación.

‒ Que non estean edificados ou o estean con construcións que deban derrubarse como medio para o desenvolvemento e execución da operación subvencionable.

c) A adquisición de maquinaria e equipamento novos.

Tamén poderán ser subvencionables os gastos en arrendamentos financeiros con opción de compra de activos subvencionables, incluído o valor da opción de compra, excepto a marxe do arrendador, xuros dos custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, polo período de vida útil do activo e sen superar o custo de mercado ou a parte proporcional se o contrato finaliza antes. Unicamente serán subvencionables os pagamentos aboados polo arrendatario ao arrendador dentro do período de subvencionabilidade dos gastos nos casos en que se exerza o dereito á opción de compra dentro deste período. Para estes efectos, considérase que o período de subvencionabilidade dos gastos finaliza o día que remata o prazo de execución e xustificación da operación subvencionada.

d) Investimentos intanxibles como a adquisición e o desenvolvemento de programas informáticos, así como a creación de páxinas web, estudos, publicacións e investimentos necesarios para a dixitalización do proceso produtivo ou a xestión da actividade económica.

e) Custos xerais vinculados aos gastos de investimento, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade. Os custos xerais descritos nesta alínea non poderán superar o 12 % do custo total subvencionable das operacións de investimento a que estean vinculados.

f) Gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade prevista no proxecto, así como a adquisición de patentes e licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas.

A suma dos gastos sinalados nesta alínea xunto coa suma dos gastos en custos xerais sinalados na alínea anterior non poderá superar o 20 % do conxunto dos gastos subvencionables do proxecto.

g) Medios e equipamentos de transporte.

1. En proxectos de natureza produtiva, nos seguintes termos:

‒ Adquisición de vehículos de transporte afectos en exclusiva a actividades empresariais ou profesionais, segundo se define na normativa tributaria vixente, en proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade económica.

‒ Gastos derivados da adecuación de vehículos para transporte de mercadorías ou prestación de servizos no ámbito do desenvolvemento da actividade empresarial, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.

En ningún caso se subvencionará a adquisición e/ou adecuación de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, enténdese que operan no sector do transporte as empresas que se dediquen ao transporte de pasaxeiros aéreo, marítimo, por estrada ou ferrocarril e por vía navegable; ou aos servizos de transporte de mercadorías por conta allea. Para determinar se a empresa opera no sector do transporte atenderase ao disposto nas epígrafes da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) onde a dita empresa teña encadrada a súa actividade ou actividades profesionais.

2. En proxectos de natureza non produtiva poderán subvencionarse os gastos de adquisición ou da adecuación de vehículos de transporte que estean asociados á prestación de servizos sociais básicos como a atención a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con mobilidade reducida, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.

Terán a consideración de proxectos non produtivos os definidos no artigo 15.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nesta sección para cada tipoloxía de investimentos, non serán subvencionables:

a) Os investimentos de reparación e mantemento das instalacións, así como a reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria diferenciada dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou porque mellore a súa capacidade de produción nunha porcentaxe superior a un 25 %, que deberá xustificarse achegando un informe dun técnico competente ou dun organismo debidamente autorizado.

b) O IVE recuperable polo promotor do proxecto, así como os demais impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación, así como os impostos persoais sobre a renda.

c) Os gastos de funcionamento da operación subvencionada e material funxible en xeral.

d) Maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

e) A execución por medios propios, o traballo voluntario non remunerado ou man de obra propia, así como os materiais de igual procedencia.

f) Os xuros debedores das contas bancarias.

g) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, coa excepción dos custos xerais vinculados a gastos de investimento, da adquisición de terreos e das licenzas de obra.

h) Os investimentos que substitúan outros que fosen financiados polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen, polo menos, 5 anos, contados desde a data da realización do investimento.

i) Os investimentos de reforma ou rehabilitación de inmobles cuxa construción ou adquisición fose financiada polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen polo menos 5 anos contados desde a data da realización do investimento.

j) Os xuros, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas.

k) Os gastos de procedementos xudiciais.

l) A compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación en investimentos no sector agrario.

m) Os conceptos de «gastos xerais» e «beneficio industrial», agás nos proxectos de promoción pública cando estas partidas formen parte do prezo de licitación de acordo coa normativa de contratación administrativa.

n) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante, así como as obras de simple ornamentación.

ñ) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

Artigo 9. Limitacións e exclusións de carácter sectorial

1. Tendo en conta o carácter transversal do programa Leader, cómpre establecer limitacións sectoriais concretas por razóns de complementariedade e de coherencia con outras intervencións públicas que incidan sobre o territorio rural galego. Por outra parte, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá solicitar informes e asinar convenios de colaboración cos distintos departamentos da Xunta de Galicia, coa finalidade de garantir a citada coherencia e complementariedade entre as diferentes liñas de axudas e intervencións públicas.

2. Considerando o sinalado no número 1 deste artigo, establécense as limitacións sectoriais seguintes:

a) Quedan excluídos aqueles investimentos promovidos polas entidades públicas locais relacionados coa prestación dos servizos enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, así como os servizos esenciais para os cales o artigo 86 da citada lei declara a reserva a favor das entidades públicas locais e os de prestación mínima previstos no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

b) Os proxectos de sinalización territorial quedan excluídos. Os proxectos de sinalización turística promovidos polos GDR limitaranse ás condicións e requisitos establecidos no artigo 44.f) desta resolución.

c) Para os investimentos en establecementos turísticos e para os investimentos en actividades económicas do sector servizos no marco do sector da hostalaría rexerá o convenio de colaboración que se asine entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Axencia de Turismo de Galicia.

d) Para os investimentos no sector das enerxías renovables queda excluído de financiamento a través do programa Leader calquera tipo de investimento en enerxías renovables cuxo destino ou finalidade principal sexa a venda á rede.

e) No ámbito dos investimentos en actividades económicas do sector servizos (talleres, tinturarías, lavandarías, clínicas, tanatorios, asesorías, perrucarías, despachos profesionais e calquera outra actividade asimilada ás anteriores do sector servizos) será de aplicación o que determine a estratexia de desenvolvemento local do GDR que sexa aprobada e seleccionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A estratexia aprobada indicará expresamente que tipo de servizos e que núcleos, concellos ou zonas concretas serán elixibles para esta tipoloxía de investimentos. Definirase tamén en cada estratexia se a subvencionabilidade destes investimentos se reducirá á modernización ou ampliación de establecementos en funcionamento ou se tamén serán elixibles establecementos de nova creación.

f) No ámbito dos investimentos no sector do comercio polo miúdo será de aplicación o que determine a estratexia de desenvolvemento local que sexa aprobada e seleccionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. No suposto de que a subvencionabilidade de establecementos de comercio polo miúdo estea prevista na estratexia, esta indicará os núcleos ou as zonas do territorio onde serán subvencionables os investimentos neste sector, así como o tipo de establecementos e de produtos que serán susceptibles do dito comercio.

En ningún caso será subvencionable a adquisición das mercadorías destinadas á venda.

g) Os investimentos que consistan na adquisición de maquinaria para a realización de servizos agrarios e/ou forestais quedan excluídos de financiamento a través do programa Leader.

h) Para a realización de investimentos en centros sociais ou culturais, así como o seu acondicionamento e equipamento, agás que supoñan a rehabilitación ou acondicionamento dunha edificación tradicional con valor patrimonial, haberá que observar o disposto na estratexia de desenvolvemento local aprobada e seleccionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, en que estarán identificadas, de forma expresa e por núcleos de poboación ou parroquias as necesidades de creación de novos locais sociais e culturais, de reforma ou de ampliación de locais sociais e culturais xa existentes, de xeito que a subvencionabilidade destes investimentos dependerá da planificación realizada en cada estratexia de desenvolvemento local que estea aprobada e seleccionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. En calquera caso, os GDR deberán priorizar a rehabilitación de edificacións tradicionais fronte á construción ou acondicionamento de edificios novos.

A contía máxima de axuda por cada proxecto que supoña un investimento en creación, reforma ou ampliación dun local social non poderá exceder os 50.000,00 € por proxecto.

i) Os investimentos consistentes na elaboración de estudos, edición de libros ou guías e páxinas web terán un límite máximo de axuda de 10.000,00 € por proxecto.

j) Os investimentos relacionados con instalacións ou centros que presten o servizo de calquera ensinanza que teña carácter regrado quedan excluídos de financiamento a través do programa Leader.

CAPÍTULO II

Tipoloxías de investimentos subvencionables para operacións en apoio de terceiras persoas

Artigo 10. Os investimentos, de natureza produtiva, no sector da produción agraria primaria

1. Por razóns de coherencia e complementariedade con outras liñas de axuda específicas dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, non serán subvencionables, como regra xeral, os proxectos encadrables no sector da produción agraria primaria (inclúese na definición de produción agraria primaria a produción agrícola, gandeira e forestal). Non obstante, como excepción á regra xeral, serán subvencionables a través do programa Leader os investimentos que se establecen nos puntos que a seguir se indican neste artigo.

2. Serán subvencionables os investimentos en explotacións agrarias que se refiran á mellora da súa eficiencia enerxética e/ou ao emprego de fontes de enerxía renovables. A explotación agraria deberá estar en funcionamento, tendo declarado facturación real pola venda dos seus produtos, e deberá posuír un CEA (código de explotación agraria) ou rexistro oficial que corresponda á explotación agraria dunha antigüidade de, polo menos, un ano anterior á data da solicitude de axuda. A mellora da eficiencia enerxética da explotación agraria deberá quedar acreditada mediante a presentación dun plan empresarial, acompañado dun informe emitido por técnico competente ou dunha auditoría enerxética. A redución dos custos enerxéticos derivados da mellora da eficiencia enerxética da explotación deberá acadar unha porcentaxe mínima do 40 %. Os gastos subvencionables no ámbito deste punto son establecidos no anexo I desta resolución.

As actuacións de mellora da biodiversidade e a conectividade ecolóxica en explotacións agrarias ata un máximo de 10.000 € de axuda (restauración de sebes, bosquetes, humedais, etc.) tamén serán subvencionables en liña co obxectivo xeral de mellora da sustentabilidade ambiental da produción agraria establecido neste número.

Os gastos subvencionables no ámbito deste número son os previstos no anexo I desta resolución.

3. Tamén serán subvencionables pequenos proxectos, ata un máximo de 30.000 € de investimento total elixible, que supoñan o inicio ou implantación dunha actividade agrícola, gandeira ou agroforestal, sempre que esta constitúa unha actividade complementaria á actividade principal non agraria do promotor do proxecto. No caso de proxectos promovidos por persoas físicas, o total da renda da unidade familiar no momento da solicitude de axuda non poderá ser inferior ao salario mínimo interprofesional vixente. Por outra parte, o resultado final da previsión económica, xuntando a actividade principal non agraria e a renda agraria derivada do proxecto, non poderá superar o quíntuplo do valor do citado salario mínimo interprofesional. Para estes efectos, tomaranse en consideración para o cálculo da renda da unidade familiar no momento da solicitude de axuda, a declaración dos impostos persoais sobre a renda. O cálculo do resultado final da previsión económica realizarase con base nos módulos fixados pola Consellería do Medio Rural para os plans de mellora de explotacións agrarias. Para proxectos promovidos por promotores distintos a persoas físicas, o cálculo da renda inicial realizarase con base na última declaración tributaria efectuada, tendo en conta a normativa que lle sexa aplicable a cada promotor segundo a súa específica forma xurídica. O promotor estará obrigado a dar de alta a explotación agraria que se implante a raíz do investimento, no REAG (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia), así como a obter o correspondente CEA (código de explotación agraria) con carácter previo á xustificación final do proxecto.

4. Serán tamén subvencionables, en función dos requisitos e condicións que se establezan nas bases reguladoras, pequenos proxectos, ata un máximo de 40.000 € de investimento total elixible, sempre que non sexan susceptibles de ser subvencionados pola Consellería do Medio Rural a través doutras intervencións de desenvolvemento rural incluídas no Plan estratéxico nacional.

5. Por outra parte, tamén serán subvencionables os investimentos que estean vinculados a procedementos ou instrumentos de mobilización ou recuperación de terras regulados na normativa vixente. Estes proxectos poderán incluír actuacións de produción agraria en aldeas modelo, polígonos agroforestais, permutas de especial interese agrario ou outros instrumentos de mobilización ou recuperación da terra agraria.

6. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable.

7. A moderación de custos realizarase mediante a comparación de ofertas diferentes e a aplicación dos módulos máximos para aqueles investimentos que sexan subvencionables e para os cales a Consellería do Medio Rural teña establecidos os citados módulos máximos.

Artigo 11. Os investimentos, de natureza produtiva, elixibles en transformación e comercialización de produtos agrarios

1. Considéranse como produtos agrarios os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca. Considerarase transformación e comercialización de produtos agrarios cando polo menos o 85 % de materias primas utilizadas para a transformación estean incluídas no citado anexo I do Tratado. O resultado do proceso de produción poderá ser un produto non recollido no dito anexo. Unicamente se apoiarán a través do Leader pequenos investimentos, tendentes á creación e/ou modernización de empresas de transformación e comercialización de produtos agrarios consistentes en investimentos tanxibles e intanxibles de pequena dimensión (ata o máximo do orzamento total subvencionable de 60.000,00 euros), destinados a mellorar a competitividade e/ou a sustentabilidade ambiental das pequenas agroindustrias do rural galego.

No suposto de que o departamento da Xunta de Galicia que teña a competencia específica na intervención referida á xestión das axudas correspondentes a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios estableza nas súas liñas de axuda un importe mínimo elixible para os proxectos obxecto das súas axudas superior aos citados 60.000 euros, os GDR poderán seleccionar proxectos cuxo investimento elixible non supere ese novo importe.

2. Os investimentos deben cumprir a normativa aplicable en materia de sanidade e benestar animal, de ser o caso.

Conforme iso:

a) Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non acrediten dispoñer de rexistro sanitario, ou que non cumpran, de ser o caso, a normativa de benestar animal, ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.

b) Non se pagarán axudas a beneficiarios que non acrediten, tras a execución dos investimentos, dispoñer de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, de ser o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten o rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.

3. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable.

Artigo 12. Os investimentos, de natureza produtiva, elixibles en transformación e comercialización de produtos forestais

1. Considéranse como transformación e comercialización de produtos forestais as operacións anteriores á primeira transformación industrial da madeira. Para os proxectos encadrables neste artigo, unicamente se apoiarán investimentos para o uso da madeira como materia prima e fonte de enerxía, así como a produción de bioprodutos forestais como pode ser o aproveitamento de resinas ou similares, a produción de cogomelos baixo substrato forestal, equipamento, recolla e procesamento de castaña. En todos os casos, os investimentos están referidos á produción a pequena escala.

Os proxectos promovidos por comunidades ou mancomunidades de montes veciñais en man común ou por agrupacións de propietarios serán subvencionables no caso de que inclúan unha extensión superior ás 15 hectáreas. Co obxecto de delimitar polo miúdo os proxectos subvencionables que se poden encadrar nesta tipoloxía de proxectos, cómpre sinalar que a maquinaria que se considerará subvencionable deberá estar asociada, en todo caso, ao uso da madeira como materia prima e fonte de enerxía, tendente á produción a pequena escala de tronza de madeira e/ou para pélets. En concreto, a maquinaria subvencionable a través desta tipoloxía de proxectos será a indicada no anexo II desta resolución.

2. Por outra parte, cómpre compatibilizar a subvencionabilidade dos investimentos a que se fai referencia no parágrafo anterior co disposto no artigo 9.2.g), que dispón que os investimentos que consistan na adquisición de maquinaria para a realización de servizos forestais quedan excluídos de financiamento a través do programa Leader. Neste sentido, as empresas que opten ás axudas previstas neste artigo deberán acreditar que, polo menos unha porcentaxe do 50 % da súa facturación está vinculada ao uso da madeira como materia prima e fonte de enerxía, tendente á produción a pequena escala de tronza de madeira e/ou para pélets, achegando un contrato, facturación ou calquera medio de proba que o acredite. A porcentaxe do orzamento aceptado que será subvencionable irá en concordancia coa porcentaxe da súa facturación que se destina ao uso indicado. Esta porcentaxe de facturación formará parte dos compromisos asumidos polo promotor na resolución de concesión de axuda que se emita nesta tipoloxía de proxectos.

3. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 40 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 euros.

Artigo 13. Os investimentos, de natureza produtiva, que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias

1. Poderán subvencionarse proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural, supoñan a creación, ampliación e modernización de pequenas empresas, en sectores da economía distintos ao da produción agraria primaria.

Para estes efectos, entenderase por creación a posta en marcha dunha nova empresa ou, no caso de que a empresa xa tivese actividade comercial con carácter previo á solicitude de axuda, a posta en marcha dunha actividade distinta á que viñese desenvolvendo con carácter previo á data da solicitude de axuda. Considérase que a actividade é distinta cando a división do Código nacional de actividades económicas (CNAE) correspondente á nova actividade sexa distinta á división do CNAE correspondente á actividade ou actividades comerciais que tivese a empresa con carácter previo á data da solicitude de axuda.

Por modernización entenderase a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio fundamental na natureza da produción ou na tecnoloxía correspondente.

Os investimentos que se limiten a substituír un edificio ou unha máquina existente, ou partes deles, por un edificio ou por outra máquina nova, unicamente serán subvencionables no caso de que a substitución supoña ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % con respecto á que viña desenvolvendo o edificio ou a maquinaria substituída.

2. A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 €.

Artigo 14. Bono Activa rural

1. O bono Activa rural configúrase como unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto global destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante un determinado período de tempo. Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten ao abeiro das diferentes convocatorias.

2. As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas, que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual en que polo menos creen o seu posto de traballo, sempre e cando non estivesen dadas de alta no réxime de autónomos na mesma actividade para a que se solicita a axuda nos últimos tres anos e que opten por esta modalidade de axuda na correspondente solicitude de axuda, a través do recadro que se habilitará para o efecto.

3. A axuda poderá acadar ata un máximo de 18.000 euros e pagarase en dúas anualidades. A obtención desta axuda comportará a obriga de manter a actividade durante polo menos 5 anos, contados desde a data da alta censual.

4. Os GDR poderán establecer, no baremo correspondente aos proxectos produtivos, criterios de puntuación específicos para esta tipoloxía de proxectos, cuxo importe total de axuda poderá determinarse por criterios como:

‒ Tipo de actividade que se van implantar, establecendo os sectores produtivos que cada GDR considere prioritarios, así como as posibles exclusións que se establezan.

‒ Empadroamento da persoa solicitante no mesmo concello en que se vai desenvolver a actividade.

‒ Os investimentos en activos físicos ligados á nova actividade.

‒ O colectivo a que pertenza a persoa solicitante (mulleres, persoas mozas menores de 41 anos, etc.).

‒ Se a nova actividade se vai desenvolver a xornada completa, a tempo parcial ou puidese supoñer unha actividade complementaria.

‒ Persoa solicitante en situación de desemprego de longa duración.

‒ Se o proxecto comporta a presentación dun plan de formación.

‒ O carácter innovador da iniciativa.

5. A eficacia deste artigo e, por tanto, desta modalidade de axuda está condicionada á aprobación da correspondente modificación do Plan estratéxico da PAC que permita para o Leader de Galicia correspondente ao período 2023-2027 a aplicación desta forma de axuda.

Artigo 15. Os investimentos elixibles en proxectos de natureza non produtiva

1. Poderán subvencionarse proxectos que teñan un interese público ou colectivo, é dicir, que afecten, interesen ou beneficien dalgún xeito o conxunto da poboación ou da sociedade en xeral, e que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica.

A subvencionabilidade dos proxectos relacionados co mantemento, recuperación e rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, das paisaxes rurais e de zonas de alto valor natural dependerá de que o departamento da Xunta competente na materia acredite o interese da proposta ou ben de que estea definido como de interese no plan de mantemento, restauración, mellora ou posta en valor do patrimonio natural ou cultural incluído na Estratexia de desenvolvemento local do GDR.

O plan de mantemento, restauración, mellora ou posta en valor do patrimonio natural ou cultural a que se fai referencia no parágrafo anterior deberá contar con informe favorable previo do departamento da Xunta competente na materia.

Tamén serán subvencionables, entre outros, os proxectos referidos á creación, mellora ou ampliación de todo tipo de servizos para a poboación rural como as actividades recreativas e culturais, xunto coas correspondentes infraestruturas a pequena escala. No suposto de que o proxecto, que deberá ser igualmente de interese público ou colectivo, comporte unha actividade económica por si mesmo ou de maneira coadxuvante, terá a consideración de non produtivo cando os ingresos que se xeren procedan de taxas no caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais. No resto dos casos, tanto para os proxectos promovidos por entidades públicas locais en que os ingresos proceden de prezos públicos como nos casos de proxectos promovidos por outros promotores distintos ás entidades públicas locais, os proxectos poderán ter a consideración de non produtivos cando o beneficio bruto operativo non chegue a superar o resultado ou valor da capitalización do investimento ao xuro legal do diñeiro.

Detállanse os requisitos específicos para a consideración e seguimento do proxecto non produtivo como xerador de ingresos no anexo III desta resolución.

2. Unicamente poderán ser beneficiarias desta tipoloxía de proxectos as entidades sen ánimo de lucro, as entidades públicas locais e as comunidades de montes veciñais en man común ou as súas mancomunidades.

3. Excepcionalmente, poderá ser subvencionable o alugamento de instalacións e equipamentos nos proxectos en que algunha das persoas que poidan ser beneficiarias ao abeiro desta tipoloxía de proxectos participe nalgún proxecto consistente nun certame, evento ou feira que reúna os requisitos para ter a consideración de proxecto non produtivo ao abeiro deste artigo.

4. A intensidade de axuda situarase entre un mínimo do 30 % e un máximo do 90 % do investimento total subvencionable. O importe de axuda estará limitado a un máximo de 200.000 €.

5. Poderán ser subvencionables os investimentos de natureza non produtiva que estean vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras regulados na normativa vixente, así como as actuacións no solo de núcleo rural das aldeas modelo vinculadas a proxectos de rehabilitación, rexeneración e renovación do espazo urbano, enerxías renovables, TIC e economía circular.

CAPÍTULO III

Regras de puntuación e procedemento de selección dos investimentos subvencionables para operacións en apoio de terceiras persoas

Artigo 16. Procedemento de selección de operacións en apoio de terceiras persoas

Corresponde a cada organización candidata a adquirir a condición de GDR elaborar un procedemento e criterios de selección non discriminatorios e transparentes, de modo que se eviten conflitos de intereses e se garanta que ningún grupo de interese único controle as decisións de selección das operacións.

As regras de asignación das porcentaxes de axuda (baremos) propostas por cada organización candidata a adquirir a condición de GDR deberán ser públicas e distinguirase un baremo para proxectos produtivos e outro para proxectos non produtivos.

Artigo 17. Criterios de selección para proxectos produtivos

1. Establecerase unha puntuación máxima de 100 puntos.

2. Entre os criterios de selección propostos na estratexia de desenvolvemento local poderán outorgarse puntos por, entre outros, os seguintes criterios:

a) Características e condicións do lugar onde se localice o investimento do proxecto: poderán valorarse aspectos referidos á densidade de poboación, evolución da poboación (últimos 10 anos), taxa de desemprego, número de habitantes, índice de avellentamento, taxa de natalidade, taxa de poboación feminina, distancia aos principais servizos públicos (km/tempo), etc., do territorio (concello, núcleo, parroquia) onde se localice o investimento.

b) Incidencia do proxecto na creación e/ou no mantemento do emprego. A creación de emprego dentro de colectivos desfavorecidos que se definan na estratexia, como poden ser mulleres, mozos/as, persoas con discapacidade, persoas inmigrantes, persoas en risco de exclusión social, minorías étnicas con dificultades de integración social, etc., poderá supoñer unha puntuación adicional. O mantemento ou consolidación de emprego será obrigatorio nos proxectos produtivos do Leader de Galicia correspondente ao período de programación 2023-2027, non obstante, en función do número de UTA que o promotor teña a obriga de manter e en función do número desas UTA pertencentes a colectivos desfavorecidos, poderá outorgárselle puntuación adicional (a maior número de UTA que se teña a obriga de manter, maior puntuación).

Poderá puntuarse tamén a ratio do investimento elixible relacionado co emprego creado.

c) Sustentabilidade ambiental, en especial, incidencia do proxecto na utilización de enerxías renovables ou na mellora da eficiencia enerxética, así como no fomento da economía circular.

d) Grao de innovación do proxecto.

e) Capacidade de arrastre do proxecto. Este criterio poderá valorar o posible efecto multiplicador do proxecto, a súa capacidade motora para a economía da zona, concretada en criterios obxectivos ou obxectivables: transformación de produtos da zona; porcentaxe de utilización, dentro dos input, de recursos endóxenos, que contribúa á valorización destes recursos; capacidade para estimular o xurdimento de novas iniciativas na zona ou afianzar empresas e actividades existentes.

3. Os criterios de selección propostos deberán ser xustificados polas organizacións candidatas a obter a condición de entidades colaboradoras da Administración, achegando, xunto cos criterios de selección, unha memoria descritiva, en que se explicite a relación de cada un dos criterios propostos cos obxectivos e o plan de acción (en especial as liñas estratéxicas) establecidos nas respectivas estratexia de desenvolvemento local.

Artigo 18. Criterios de selección para proxectos non produtivos

1. Establecerase unha puntuación máxima de 100 puntos e distinguiranse 3 categorías:

a) Proxectos non produtivos de prioridade alta, cunha porcentaxe máxima do 90 % de axuda.

b) Proxectos non produtivos de prioridade media, cunha porcentaxe máxima do 70 % de axuda.

c) Proxectos non produtivos de prioridade baixa, cunha porcentaxe máxima do 50 % de axuda.

Na categoría de proxectos non produtivos de prioridade alta deberán incluírse, entre outros que identifique e xustifique o GDR na súa estratexia, os proxectos que fomenten a inclusión social mediante servizos de igualdade e benestar á poboación, a integración de comunidades marxinais e de inmigrantes, o coidado das persoas maiores, a promoción dun envellecemento activo e saudable destas, os investimentos ligados a aldeas intelixentes (smart villages), así como os proxectos que se executen en aldeas modelo ou en desenvolvemento dos instrumentos contidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

A mellora da accesibilidade ás tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), así como o seu uso no medio rural (por exemplo telecentros, aulas de informática, plataformas dixitais de servizos á poboación xeral, uso da «internet das cousas» e proxectos de dixitalización de servizos ou infraestruturas públicas), tamén deberá ter a consideración de proxecto non produtivo de máxima prioridade.

As propostas de tipoloxías de proxectos que cada organización candidata inclúa nas diferentes categorías (prioridade alta, media e baixa) deberán quedar xustificadas expresamente, con base nos obxectivos e no plan de acción (en particular as liñas estratéxicas) que se establezan nas respectivas estratexias de desenvolvemento local.

2. Entre os criterios de selección propostos na estratexia de desenvolvemento local poderán outorgarse puntos por, entre outros, os seguintes criterios:

a) Características e condicións do lugar onde se localice o investimento do proxecto: poderán valorarse aspectos referidos á densidade de poboación, evolución da poboación (últimos 10 anos) taxa de desemprego, número de habitantes, índice de avellentamento, taxa de natalidade, taxa de poboación feminina, distancia aos principais servizos públicos (km/tempo), etc., do territorio (concello, núcleo, parroquia) onde se localice o investimento.

b) Impacto sobre o territorio e a poboación rural: poboación total beneficiada co proxecto e incidencia sobre a mellora da súa calidade de vida, potencialidade para favorecer o xurdimento de novas iniciativas.

c) Sustentabilidade ambiental, en especial, incidencia do proxecto na utilización de enerxías renovables ou na mellora da eficiencia enerxética, así como no fomento da economía circular. En concreto, poderán valorarse aspectos tales como a creación de emprego, así como a incidencia sobre determinados colectivos: mocidade, promoción da igualdade entre o home e a muller, integración de colectivos de especial dificultade, etc.; a utilización sostible dos recursos endóxenos, contribución á biodiversidade e conservación de hábitats, xestión de recursos hídricos, contribución á prevención de incendios, etc. Poderá valorarse o emprego de enerxías renovables e/ou a mellora da eficiencia enerxética, co fin de contribuír á conservación do ambiente, adaptación e mitigación do cambio climático e á necesidade dunha transición cara a unha sociedade que diminúa as súas emisións de carbono.

d) Capacidade de arrastre do proxecto. Este criterio poderá valorar o posible efecto multiplicador do proxecto, a súa capacidade motora para a economía da zona e/ou a capacidade do proxecto para estimular outras iniciativas que contribúan á mellora do benestar social e a sustentabilidade ambiental da zona, concretada en criterios obxectivos ou obxectivables, como transformación de produtos da zona; porcentaxe de utilización, dentro dos inputs, de recursos endóxenos, que contribúa á valorización destes recursos; capacidade para estimular o xurdimento de novas iniciativas na zona ou afianzar empresas e actividades existentes, carácter supramunicipal das iniciativas (concretado no ámbito de actuación das entidades promotoras e/ou a poboación que se vai beneficiar potencialmente do proxecto), etc.

3. Os criterios de selección propostos deberán ser xustificados polas organizacións candidatas a obter a condición de entidades colaboradoras da Administración, que achegarán, xunto cos criterios de selección, unha memoria descritiva, en que se explicite a relación de cada un dos criterios propostos cos obxectivos e o plan de acción (en especial as liñas estratéxicas) establecidos nas respectivas estratexias de desenvolvemento local.

Artigo 19. Regras básicas para a elaboración do procedemento de selección por parte das organizacións candidatas a adquirir a condición de GDR

Tanto as categorías de proxectos non produtivos (prioridade alta, media e baixa) coma os rangos de puntuación e as variables ou aspectos concretos que se considerará en cada criterio de selección aplicable, tanto en relación cos proxectos produtivos como en relación cos proxectos non produtivos, deberán determinarse de xeito totalmente obxectivo, para que todos os potenciais beneficiarios teñan pleno coñecemento do que se vai ter en conta para avaliar o seu proxecto.

Determinarase a nota de corte, é dicir, a puntuación mínima que deberá de obter un proxecto para ser subvencionado, e cal será a porcentaxe de axuda para esa nota de corte. Así mesmo, establecerase a puntuación a que se lle asignará a porcentaxe de axuda máxima, puntuación que pode ser inferior a 100 puntos, xa que na práctica é moi difícil que un proxecto acade os 100 puntos.

As porcentaxes de axuda entre o máximo e o mínimo, unha vez definidas a nota de corte e a nota á cal se lle asignará a porcentaxe de axuda máxima, calcularanse mediante unha relación proporcional directa cos puntos obtidos no baremo, axustada esa porcentaxe a dous decimais e tendo en conta que a porcentaxe de axuda mínima que poderán percibir os proxectos sitúase no 15 % para os proxectos produtivos e no 30 % para os proxectos de natureza non produtiva.

Deberá establecerse un criterio obxectivo, transparente e non discriminatorio (tanto para a selección dos proxectos produtivos coma dos non produtivos) que resolva os posibles supostos de empate na puntuación correspondente á valoración dos criterios de selección que cada GDR estableza.

Artigo 20. Descrición do procedemento de selección e priorización dos proxectos

1. Para os efectos de que a xunta directiva do GDR remita á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a relación dos proxectos para os cales se propoña a concesión de axuda con cargo a cada anualidade, a organización candidata a adquirir a condición de GDR deberá describir un procedemento, non discriminatorio e transparente, de priorización dos proxectos que conten coa verificación favorable do informe de control de elixibilidade (ICE). Poderán financiarse proxectos ata o límite do crédito dispoñible en cada anualidade no cadro financeiro do GDR para cada tipoloxía de proxectos. Polo tanto, distinguirase, por unha parte, entre proxectos produtivos e non produtivos, e dentro destes últimos distinguirase entre os non produtivos promovidos por entidades públicas locais e os promovidos por institucións de carácter privado. A relación de expedientes propostos pola xunta directiva do GDR (ou órgano decisorio similar) incluirá a distribución da axuda por anualidades e o prazo máximo de execución de cada un dos expedientes propostos.

2. Os GDR deberán ter en conta criterios totalmente obxectivos para establecer a relación ordenada (de maior a menor prioridade) de expedientes para os cales se propón a concesión de axuda ata o esgotamento do crédito dispoñible para cada anualidade. Para os efectos de establecer a priorización dos proxectos, os GDR poderán priorizar unhas tipoloxías de proxectos sobre outras, non obstante, terase necesariamente en conta a puntuación total acadada no baremo correspondente ao ICE verificado de cada un dos proxectos.

A relación de proxectos non produtivos que propoña o GDR para a concesión da axuda deberá incluír en primeiro lugar os considerados de prioridade alta, logo os de prioridade media e, a seguir, os de prioridade baixa.

Artigo 21. Procedementos de toma de decisións e de evitación dos conflitos de intereses

1. As organizacións candidatas a adquirir a condición de GDR deberán prever e definir os mecanismos que garantan os principios de obxectividade, publicidade, imparcialidade e libre concorrencia, con especial referencia aos procesos de toma de decisións e aos procedementos de contratación.

2. Por outra parte, as organizacións candidatas deberán definir un procedemento para evitar conflitos de intereses nos membros dos órganos de avaliación e decisión dos GDR, debendo constar, cando menos, o seguinte contido:

‒ Deberá xuntarse a cada expediente unha declaración expresa, asinada por todas as persoas que participen na selección dun proxecto e que sinale que non teñen ningún interese persoal ou profesional directo na selección do citado proxecto.

‒ Se un membro do comité de avaliación ou decisión do GDR ten algún tipo de relación profesional ou persoal co promotor do proxecto, ou calquera interese profesional ou persoal nel, debe presentar unha declaración escrita explicando a natureza da relación ou interese, a cal deberá formar parte do expediente. Calquera interese común deberá declararse, incluídos os familiares, afectivos, políticos ou económicos.

‒ Se un membro do comité de avaliación ou decisión está na situación descrita no parágrafo anterior, non poderá participar no proceso de avaliación ou selección, nin atoparse presente durante o debate da proposta do proxecto. Esta circunstancia documentarase nas actas.

‒ Cando exista dúbida sobre o interese común entre algún membro do comité de avaliación ou selección, o GDR deberá remitir o asunto á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para que adopte unha decisión sobre a efectiva existencia dun conflito de intereses.

Sección segunda. Axudas para proxectos de cooperación Leader e para a execución doutros proxectos propios dos grupos de desenvolvemento rural

CAPÍTULO I

Proxectos de cooperación Leader

Artigo 22. Disposicións xerais para os proxectos de cooperación Leader para o período 2023-2027

1. O artigo 33 do Regulamento (UE) 2021/1060 establece como tarefas exclusivas dos grupos, entre outras, a elaboración dun procedemento e os criterios de selección, así como a selección das operacións e a determinación do importe da axuda.

2. A dotación orzamentaria de que dispoña cada GDR en proxectos de cooperación estará recollida individualmente para cada un deles no convenio de colaboración que subscriban coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Este importe representará unha porcentaxe do 5 % da asignación total que lle corresponda a cada entidade seleccionada, a cal virá determinada pola puntuación final que lle corresponda, en función da valoración da estratexia de desenvolvemento local que sexa seleccionada e a puntuación resultante con base no disposto no título III desta resolución.

Artigo 23. Obxecto da subvención

Será obxecto desta liña de subvención fomentar a cooperación dos GDR, tanto dentro da Comunidade Autónoma como no resto de España ou da Unión Europea, que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, sempre relacionado co desenvolvemento local Leader e con vistas a favorecer a aprendizaxe mutua e buscar solucións comúns a problemas concretos.

Artigo 24. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios os GDR da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan seleccionados como entidades colaboradoras da Administración para a execución dunha estratexia de desenvolvemento local participativo con cargo ao programa Leader correspondente ao período de programación 2023-2027.

2. Para ser beneficiarios destas axudas, os GDR deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigacións tributarias, tanto coa Facenda do Estado como coa da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Comprometerse a destinar as dotacións financeiras asignadas exclusivamente á preparación e realización das actividades de cooperación.

c) Dispoñer dos medios materiais e humanos necesarios para levar a cabo de forma adecuada, tanto técnica como economicamente, as tarefas correspondentes.

d) Participar a título de coordinador ou cooperante nun proxecto de cooperación correspondente ao período de programación 2023-2027.

e) Non ter rescindido o convenio de colaboración que asine coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, xa sexa de mutuo acordo ou por acordo da citada Axencia, debido á grave irregularidade no exercicio das funcións que como GDR lle son propias.

f) Cumprir o resto de condicións que se prevexan nos respectivos convenios de colaboración que se asinen entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os GDR que resulten seleccionados.

Artigo 25. Obxecto da axuda: tipos, contido e requisitos

1. Os proxectos de cooperación poderán ser de tres tipos:

a) Proxectos de cooperación intraterritorial: proxectos nos cales participen exclusivamente GDR da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Proxectos de cooperación interterritorial: proxectos nos cales participe un ou varios GDR doutras comunidades autónomas do Reino de España e, como mínimo, un GDR da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Proxectos de cooperación transnacional: proxectos nos cales participe un ou varios grupos doutros Estados membros da Unión Europea ou doutros países e, como mínimo, un GDR da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo do establecido nos convenios de colaboración que se asinen entre a Axencia Galega de desenvolvemento Rural e os GDR que resulten seleccionados, os proxectos de cooperación interterritorial e transnacional suxeitaranse á normativa e procedementos que, se é o caso, se establezan a nivel nacional e/ou comunitario.

3. As accións incluídas nos proxectos de cooperación poderán ser:

a) Accións individuais: aquelas en que só participe un grupo.

b) Accións comúns: aquelas en que polo menos participen dous grupos.

4. Os proxectos de cooperación deberán conter:

a) A identificación do grupo coordinador, e do grupo coordinador específico para Galicia, se é o caso, así como dos demais grupos cooperantes e das entidades colaboradoras se as houber, de acordo co que se estableza nas bases reguladoras que para o efecto se establezan.

b) Unha exposición clara das capacidades, deficiencias e potencialidades da zona, ámbito ou sector de aplicación.

c) Os obxectivos específicos perseguidos mediante a súa aplicación e como se articulan coas políticas de desenvolvemento rural, coas estratexias xestionadas polos grupos e cos obxectivos do resto de participantes.

d) A estratexia prevista para alcanzar os obxectivos.

e) As conclusións sobre a coherencia e valor engadido das actividades propostas e a repercusión que terán sobre o ambiente e sobre os grupos de mulleres, mozos ou outros colectivos que merezan unha especial consideración na zona.

5. Para ser obxecto da axuda, os proxectos deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Implicarán a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e materiais, incluídos os financeiros, tendentes á consecución dun obxectivo de interese compartido e mediante a execución das accións que se consideren necesarias.

b) Os seus obxectivos deberán ser coherentes cos obxectivos definidos nas respectivas estratexias de desenvolvemento local Leader, así como nos plans de cooperación destas.

c) Deberán respectar os principios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e de non discriminación.

d) Deberán implicar a execución dunha acción en común. Os gastos preparatorios de estudos ou intercambio de información poderán ter a consideración de fase previa, pero non de proxecto de cooperación como tal. A cooperación non se poderá limitar a un intercambio de experiencias e deberá supoñer a realización dunha acción común integrada.

e) Promoverán a participación dos sectores socioeconómicos do territorio, tanto públicos como privados, afectados polos fins e obxectivos do proxecto.

6. Para a selección dos proxectos de cooperación e para a confección do plan de cooperación, os grupos deberán ter en conta algún ou algúns dos seguintes criterios ou circunstancias:

a) Se, como consecuencia do proxecto de cooperación, se produce a implantación dun servizo inexistente para a economía e/ou para a poboación ou ben a comercialización dun produto inexistente no ámbito territorial dalgunha das zonas de actuación.

b) Incidencia do proxecto de cooperación, de maneira directa ou indirecta, na creación de emprego ou no mantemento do tecido produtivo do territorio.

c) Incidencia do proxecto de cooperación na conservación e valorización do ambiente, así como na conservación e valorización do patrimonio natural e cultural.

d) Implicación no proxecto de entidades públicas ou privadas que contribúan ao financiamento do proxecto e á consecución dos obxectivos.

e) Relación do proxecto con algún dos instrumentos de mobilización ou recuperación de terras regulados na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ou normativa que a substitúa, coa finalidade da recuperación e posta en produción de terra agraria abandonada ou infrautilizada, así como da recuperación demográfica do medio rural a través da fixación de poboación e a mellora da calidade de vida nos núcleos rurais.

f) Contribución do proxecto á consecución dos obxectivos da Estratexia europea da granxa á mesa e da Estratexia da UE sobre biodiversidade para 2030.

g) Se o proxecto supón unha mellora nos procesos de dixitalización, conectividade e novas solucións tecnolóxicas.

Artigo 26. Gastos subvencionables

1. Nos proxectos de cooperación dos GDR de Galicia que resulten seleccionados no marco do Leader correspondente ao período 2023-2027, serán subvencionables os gastos de preparación, así como os gastos correspondentes á súa realización, tanto comúns como individuais, pero sempre que deriven da acción conxunta.

2. Só serán imputables aos proxectos de cooperación subvencionados os gastos realizados no territorio dos GDR que formen parte do proxecto de cooperación.

Unicamente se poderán imputar aos proxectos de cooperación gastos relativos a un ámbito territorial máis amplo do correspondente aos GDR galegos seleccionados cando se trate de gastos moi concretos e descritos no proxecto presentado, e sempre que conten coa autorización previa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. Imputaranse ao proxecto de cooperación, na proporción correspondente, os gastos de salario, axudas de custo, desprazamento do persoal con vínculo contractual ou de representación do GDR e os gastos xerais dos GDR que sexan necesarios para a adecuada preparación e execución do proxecto. Estes gastos serán acordados e cuantificados polos respectivos órganos de decisión dos citados GDR.

4. Poderán imputarse ao proxecto de cooperación os gastos que se identifiquen especificamente no proxecto, os cales serán aprobados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. En particular, serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Gastos relacionados co apoio técnico preparatorio dos proxectos de cooperación: son os gastos efectuados para a preparación do proxecto de cooperación, desde a data da aprobación da estratexia de desenvolvemento local ata a data de presentación da solicitude de axuda.

Poderán incluírse os seguintes gastos relacionados coa axuda preparatoria: gastos de planificación previa e busca de socios, incluíndo gastos de desprazamento, aloxamento e manutención necesarios; gastos de estudos de viabilidade e consultoría específicos para o deseño e preparación do proxecto; gastos relativos á organización e/ou participación en accións de sensibilización, xuntanzas, encontros, incluíndo, se é o caso, gastos de tradución e intérpretes.

Estes gastos de axuda preparatoria non poderán superar o 10 % do custo total do proxecto e consideraranse subvencionables con cargo ao orzamento destinado a cooperación unicamente no caso de que o proxecto sexa seleccionado e obteña a correspondente resolución de concesión de axuda.

b) Os gastos de execución do proxecto de cooperación e os gastos de coordinación deste. Estes gastos deberán referirse a accións do proxecto, co máximo detalle e especificando se se trata de gastos relativos a accións comúns dos GDR participantes no proxecto ou a accións individuais dun GDR ou entidade colaboradora. Os gastos de accións comúns deberán supoñer polo menos o 25 % do gasto elixible do proxecto e poderán consistir nos seguintes:

1º. Gastos do persoal dedicado á realización da actividade ou, se é o caso, á coordinación, seguimento e avaliación dos resultados do proxecto, sempre e cando estea xustificado pola natureza do proxecto e sexa necesario para o seu bo fin. O persoal deberá ser tecnicamente apto e xustificadamente elixido para a execución dos traballos realizados. Os postos de traballo que se dediquen aos proxectos de cooperación responderán ás seguintes características:

a) Técnico/a. Titulación mínima de diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao. Salario bruto máximo imputable ao proxecto de cooperación para un contrato de traballo a tempo completo (37,5 horas semanais): 31.000,00 €.

b) Administrativo/a. Titulación mínima de bacharel ou equivalente para efectos académicos. Salario bruto máximo imputable ao proxecto de cooperación para un contrato de traballo a tempo completo (37,5 horas semanais): 24.500,00 €.

En caso de que a xornada sexa menor, as retribucións establecidas anteriormente reduciranse de maneira proporcional ao tempo dedicado ao proxecto de cooperación.

2º. As axudas de custo correspondente aos gastos de desprazamento, manutención e aloxamento do persoal dedicado ao proxecto de cooperación. Para as axudas de custo en territorio nacional aplicarase o réxime e as contías previstas na Administración autonómica galega para o grupo 2º, tanto se a actividade ten lugar no territorio de Galicia como fóra. Para as axudas de custo que poidan ter lugar fóra do territorio nacional, serán de aplicación o réxime e as contías previstas para o grupo 2º no anexo III do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo ou, se é o caso, na normativa que o substitúa. Estes gastos por axudas de custo serán subvencionables para as persoas do equipo técnico con vínculo contractual co GDR e para bolseiros e/ou para persoal contratado ad hoc para o proxecto de cooperación. O uso do vehículo particular limitarase á contía máxima por quilómetro percorrido prevista na normativa da Administración autonómica galega para o persoal ao seu servizo. Os desprazamentos deberán estar xustificados e relacionados directamente co proxecto de cooperación, e computaranse desde a sede do GDR ata o destino e viceversa.

3º. As retribucións salariais do persoal que integra os equipos técnicos dos GDR ata un máximo do 50 % das súas retribucións salariais.

4º. Investimentos, incluído o arrendamento financeiro con opción de compra que se leve a cabo no ámbito xeográfico do grupo ou dos grupos participantes no proxecto de cooperación que sexan da Comunidade Autónoma de Galicia e que se consideren necesarios para a adecuada consecución dos obxectivos do proxecto. Para os gastos en arrendamentos financeiros con opción de compra será subvencionable o valor da opción de compra, excepto a marxe do arrendador, xuros dos custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, polo período de vida útil do activo e sen superar o custo de mercado ou a parte proporcional se o contrato finaliza antes. Unicamente serán subvencionables os pagamentos aboados polo arrendatario ao arrendador dentro do período de subvencionabilidade dos gastos nos casos en que se exerza o dereito á opción de compra dentro deste período. Para estes efectos, considérase que o período de subvencionabilidade dos gastos finaliza o día que remata o prazo de execución e xustificación da operación subvencionada.

5º. Gastos relacionados coas xuntanzas e eventos relacionados co proxecto de cooperación e os seus socios.

6º. Gastos relacionados cos servizos de tradución e intérpretes en proxectos de cooperación transnacional.

7º. Gastos relacionados con estudos e consultorías relacionados directamente co proxecto de cooperación.

8º. Gastos en accións de información e comunicación do proxecto de cooperación (organización de eventos, elaboración de páxinas web, publicacións, dípticos e outro material publicitario).

9º. Gastos derivados da eventual constitución e xestión dunha estrutura común creada para a implementación do proxecto de cooperación.

10º. Material funxible necesario para a realización da actividade de cooperación.

11º. Alugamento de instalacións e equipamentos.

12º. Gastos de constitución de pólizas bancarias.

6. Os gastos en publicidade só serán subvencionables se indican claramente na páxina de portada a participación da Unión Europea e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Incorporarán o logotipo Leader e os das entidades ou entes financiadores: Consellería do Medio Rural, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Feader; segundo o disposto no Regulamento de execución (UE) 669/2016 da Comisión, que modifica o Regulamento de execución (UE) 808/2014 no que atinxe á modificación e ao contido dos programas de desenvolvemento rural, a publicidade destes e os tipos de conversión a unidades de gando maior.

No caso de que a información se ofreza por medios electrónicos (sitios web), audiovisuais ou por radio, aplicarase por analoxía o parágrafo anterior deste número. Os sitios web deberán mencionar a contribución do Feader e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polo menos na páxina de portada e incluír unha ligazón ao lugar da Comisión Europea dedicado ao Feader e á páxina web oficial da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Artigo 27. Gastos non subvencionables

Considéranse gastos non subvencionables os seguintes:

a) A adquisición de terreos e a adquisición, construción, acondicionamento e/ou reforma de inmobles.

b) O IVE recuperable, e calquera gravame, interese, recarga, sanción, gasto de procedementos xudiciais, ou gasto de natureza similar.

c) Gastos xerais e de funcionamento dos GDR participantes que non estean directamente relacionados co proxecto de cooperación.

d) A adquisición de vehículos.

e) Os gastos notariais e rexistrais e gastos periciais para a realización do proxecto.

f) Gastos asociados a atencións protocolarias, indemnizacións por asistencia a xuntanzas dos órganos de decisión do grupo, e retribucións dos seus cargos.

g) Calquera tipo de gasto pagamento en metálico cun importe superior a 300 euros.

h) Os gastos correspondentes a grupos e entidades colaboradoras doutras comunidades autónomas.

i) Os gastos de persoal que superen o 50 % dos gastos elixibles do proxecto.

j) Os gastos de amortización de bens inventariables.

k) Calquera outro gasto que, a xuízo da Agader, non estea relacionado coa posta en marcha ou a execución de proxecto de cooperación.

l) Os gastos de procedementos xudiciais.

Artigo 28. Grupo coordinador

1. O grupo coordinador é o responsable final da execución do proxecto e o interlocutor coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para proporcionar toda a información requirida.

Será designado por acordo dos grupos participantes no proxecto, que debe quedar reflectido no documento vinculante que deben asinar todos os grupos participantes.

2. O grupo coordinador será o líder da execución e coordinación do proxecto de cooperación e terá asignadas as seguintes funcións:

a) Dirixir e coordinar o deseño do proxecto, que incluirá a preparación do documento vinculante entre os grupos participantes, a preparación dos datos de presentación do proxecto, a súa descrición e a definición dos compromisos de cada grupo participante.

b) Coordinar os aspectos financeiros do proxecto. Informarse sobre as solicitudes de financiamento efectuadas por cada participante e poder facilitar esta información ao resto de grupos e á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Comunicar a obtención, en relación con cada participante, doutras axudas, ingresos ou recursos para financiar as actividades subvencionadas.

c) Dirixir e coordinar todas as tarefas do proxecto que son responsabilidade de cada grupo, co fin de asegurar a correcta implementación do conxunto.

d) Promocionar e controlar o proxecto en todos os seus aspectos (técnicos, execución financeira, de participación, etc.).

e) Controlar o progreso da execución do gasto efectuado, organizar intercambios entre os grupos e preparar os documentos necesarios.

f) Revisar o cumprimento dos compromisos asumidos por cada participante ata a correcta realización do proxecto.

g) Dirixir e coordinar a fase posterior á execución, en particular, o peche dos aspectos financeiros e a promoción e divulgación á poboación.

h) Constituír a canle de comunicación entre os grupos e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. En particular, enviar todas as informacións recibidas con respecto ao proxecto nas dúas direccións.

i) Elaborar e presentar o informe final do proxecto, que debe conter como mínimo un breve resumo del, a execución orzamentaria de cada grupo participante e a total do proxecto, as actuacións executadas, os obxectivos alcanzados e o impacto do proxecto no territorio.

3. En caso de proxectos de carácter interterritorial ou transnacional nos cales o grupo coordinador non sexa un Grupo da Comunidade Autónoma de Galicia, designarase a un grupo coordinador específico para Galicia que si o sexa e que asuma as funcións e responsabilidades de grupo coordinador na parte do proxecto de cooperación financiado ao abeiro da cooperación Leader de Galicia para o período 2023-2027.

4. Os GDR coordinadores deberán buscar os socios participantes e elaborar unha solicitude en que conste, polo menos, a descrición do proxecto, obxectivos, actuacións previstas, prazo de execución, orzamento aproximado e financiamento do proxecto. A solicitude así completada remitirase á autoridade de xestión para a súa aprobación previa.

Os proxectos previamente aprobados pola autoridade de xestión do grupo coordinador remitiranse aos grupos participantes, que, pola súa vez, solicitarán a aprobación das súas autoridades de xestión respectivas.

A documentación final coas conformidades de todas as autoridades de xestión será remitida polo grupo coordinador á súa autoridade de xestión para a aprobación final.

5. Para a realización do proxecto de cooperación, cada grupo asume os seus propios gastos, e os gastos comúns distribúense entre os socios participantes como determine o proxecto.

Os proxectos de cooperación lévanse a cabo baixo a coordinación e supervisión do grupo coordinador, o cal proporciona á autoridade competente a información requirida sobre o seu financiamento e obxectivos. Ademais, remite á autoridade competente un informe intermedio anual, no caso de proxectos plurianuais, e un informe final ao final do proxecto. Ademais, o grupo coordinador dun proxecto de cooperación centraliza toda a información financeira e xustificativa do proxecto, tanto das accións comúns, como das accións individuais levadas a cabo por cada un dos participantes.

No caso de que o grupo coordinador contase para o exercicio de súas funcións de coordinación con entidades públicas ou privadas que, pola súa especialización, dotación técnica, ámbito supracomarcal de actuación ou obxectivos, poidan contribuír eficazmente á correcta execución do proxecto, estas colaboracións formalizaranse mediante un convenio entre o grupo coordinador e a entidade elixida. Esta colaboración deberá contar coa aprobación do resto de grupos cooperantes.

Cada grupo disporá da documentación xustificativa suficiente das accións individuais e da súa contribución ás accións comúns levadas a cabo pola súa participación no proxecto, así como, no seu momento, dunha memoria final de actividades e dunha certificación final.

En relación cos gastos subvencionables, comprobarase que só se subvencionaron os gastos correspondentes aos grupos seleccionados e que correspondan a gastos derivados da actuación conxunta e do funcionamento das estruturas comúns de cooperación.

Artigo 29. Grupos cooperantes

1. O grupo cooperante é o grupo participante activa e economicamente no proxecto de cooperación e que, para tal fin, subscribiu o documento vinculante que o regula.

Son obrigacións de cada grupo cooperante:

a) Tomar parte nas actividades do proxecto.

b) Facerse responsable dos seus compromisos fronte ao resto de grupos cooperantes e fronte ao grupo coordinador, de acordo co documento vinculante que teñan asinado. Comunicar ao grupo coordinador as tarefas que son da súa responsabilidade con carácter previo á súa execución e facilitar o labor de coordinación do grupo cooperante, especialmente a promoción e control de todos os aspectos correspondentes á súa parte do proxecto (técnicos, de execución financeira, de participación, etc.) e á súa parte do informe final do proxecto.

c) Asumir a responsabilidade administrativa e financeira das operacións que leve a cabo.

d) Facilitar o seu plan de financiamento do proxecto e levar a cabo as negociacións para conseguir as achegas financeiras necesarias no seu ámbito territorial, así como informar o grupo coordinador das solicitudes de financiamento e da obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

e) Conservar todos os documentos contables xustificativos do gasto efectuado, así como a información sobre o financiamento do proxecto, e facilitalos ás autoridades competentes.

f) Dar publicidade á participación da Unión Europea e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural nos proxectos en que participen e nas actuacións que deles se deriven.

Artigo 30. Entidades colaboradoras no proxecto

1. Nos proxectos de cooperación a que se refire esta resolución tamén poderán colaborar as entidades locais, fundacións, asociacións, cooperativas, sociedades agrarias de transformación, sociedades mercantís ou empresarios individuais, organizacións empresariais e, en xeral, calquera persoa física ou entidade con personalidade xurídica que efectúe unha achega económica ao proxecto ou manifeste o seu interese, estatutario ou adoptado, para contribuír ao seu desenvolvemento.

2. O acordo de participación e o compromiso de financiamento das entidades colaboradoras deberán quedar reflectidos no documento vinculante previsto no artigo seguinte.

3. As entidades colaboradoras do proxecto non teñen a consideración de beneficiarias da subvención.

Artigo 31. Documento vinculante

O grupo coordinador, os grupos cooperantes e, se é o caso, as entidades colaboradoras, subscribirán un convenio de colaboración ou documento vinculante, co contido mínimo que se detalle nas bases reguladoras que se ditarán para o efecto ou no convenio de colaboración que se asine entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os GDR que sexan seleccionados.

Artigo 32. Tipo, características e contía da axuda

1. A axuda terá carácter de subvención de capital, cun límite máximo do 100 % de porcentaxe de axuda sobre o gasto elixible e finalmente xustificado.

2. A axuda non terá, en principio, a consideración de axuda de Estado, aínda que cando o destinatario último da subvención sexa unha empresa ou calquera outra entidade que realice unha actividade económica e/ou que poida influír na libre competencia, estará suxeita aos límites establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en cuxo artigo 3 se indica que o importe total das axudas de minimis concedidas por un mesmo Estado membro a un único beneficiario non poderá superar os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. As entidades beneficiarias da subvención serán as responsables de levar o control do cumprimento do límite establecido, debendo requirir a correspondente declaración responsable doutras axudas solicitadas e concedidas das empresas beneficiarias finais da axuda, acerca de calquera axuda concedida por calquera Administración para calquera actuación no exercicio actual e, en caso de seren axudas de minimis, nos dous exercicios anteriores.

3. As axudas de cooperación previstas nesta resolución están cofinanciadas polo Feader.

4. A axuda máxima situarase en 150.000 euros por proxecto de cooperación.

CAPÍTULO II

Outros proxectos propios dos grupos de desenvolvemento rural

Artigo 33. Proxectos propios dos GDR subvencionables

No ámbito deste capítulo, unicamente serán subvencionables os proxectos que se dirixan especificamente á poboación activa do ámbito territorial de cada GDR, coa finalidade de mellorar a capacitación para o emprego tanto por conta propia como por conta allea.

Artigo 34. Disposicións xerais para os proxectos de formación da poboación activa do territorio do GDR

1. O artigo 33 do Regulamento (UE) 2021/1060 establece como tarefas exclusivas dos Grupos, entre outras, a elaboración dun procedemento e os criterios de selección, así como a selección das operacións e a determinación do importe da axuda.

2. A dotación orzamentaria de que dispoña cada GDR para proxectos de formación da poboación activa do territorio estará recollida individualmente para cada un deles no convenio de colaboración que subscriban coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Este importe representará unha porcentaxe do 1 % da asignación total que lle corresponda a cada entidade seleccionada, a cal virá determinada pola puntuación final que lle corresponda, en función da valoración da estratexia de desenvolvemento local que sexa seleccionada e a puntuación resultante con base no disposto no título III desta resolución.

Artigo 35. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios os GDR da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan seleccionados como entidades colaboradoras da Administración para a execución dunha estratexia de desenvolvemento local participativo con cargo ao programa Leader correspondente ao período de programación 2023-2027.

Artigo 36. Gastos subvencionables

Serán subvencionables os seguintes gastos:

a) O material funxible necesario para a realización da actividade formativa.

b) Gastos de desprazamento e axudas de custo do persoal docente, segundo as contías máximas que se establezan para o grupo 2º no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre axudas de custo para o persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou normativa que o substitúa.

c) Alugamento de instalacións e equipamentos.

d) Gastos de contratación de persoal docente e expertos, tendo en conta que o persoal encargado de impartir a actividade formativa deberá ser tecnicamente apto e xustificadamente elixido para a actividade.

Os gastos imputables limitaranse ás tarifas vixentes para o persoal formador dos cursos oficiais organizados pola Consellería do Medio Rural.

Artigo 37. Tipo, características da axuda e requisitos específicos

1. A porcentaxe máxima de axuda pública poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables.

2. Os GDR comunicarán a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por escrito as datas, horarios e lugar exacto da realización efectiva de cada unha das actividades formativas, sempre cunha antelación mínima de 10 días naturais á impartición dos citados cursos, para os efectos de que o persoal da Agader poida presentarse en calquera momento nas actividades formativas.

3. Os GDR garantirán e remitirán á Agader, xunto coa xustificación final do proxecto, un exhaustivo control diario de asistencia mediante a recollida dos correspondentes partes asinados polo alumnado e polo persoal formador.

4. Non será subvencionable a formación non presencial nin os gastos de desprazamento e/ou axudas de custo do alumnado.

5. Os proxectos de formación para incrementar a empregabilidade da poboación activa do territorio que sexan promovidos polos GDR poderá seleccionalos a xunta directiva do GDR a medida que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vaia verificando os ICE correspondentes. Para este fin, unha vez verificados, a xunta directiva do GDR propoñerá á persoa titular da Dirección Xeral da Agader a concesión de axuda de cada un destes expedientes e ata o esgotamento do crédito dispoñible en cada anualidade.

Sección terceira. Axudas para a xestión, seguimento e avaliación da estratexia e a súa animación a cargo dos grupos de desenvolvemento rural

CAPÍTULO I

Disposicións comúns das axudas para a xestión, seguimento e avaliación da estratexia e das axudas para proxectos de animación

Artigo 38. Obxecto dos proxectos de explotación e animación

1. Esta sección ten por obxecto regular a axuda aos gastos de explotación e animación que pode percibir cada GDR que sexa seleccionado para a posta en práctica da estratexia de desenvolvemento local Leader en cuxa xestión participe, ao abeiro do período 2023-2027.

2. O obxecto da axuda inclúe, por unha banda, os custos de explotación vinculados á xestión da posta en práctica de cada estratexia de desenvolvemento local participativo, consistentes fundamentalmente nos gastos necesarios en que incorran os GDR para a posta en práctica da estratexia de desenvolvemento local participativo, que require dunha serie de recursos humanos e materiais, necesarios para o adecuado funcionamento do GDR que se encargue do deseño, xestión e implementación da estratexia de desenvolvemento local. Por outra banda, o obxecto da axuda, comprende os gastos de animación, que son aqueles en que incorran os GDR que resulten seleccionados, para a promoción e difusión da estratexia de desenvolvemento local e do seu territorio de actuación.

Artigo 39. Procedemento xeral de xestión das axudas para os proxectos de xestión, seguimento e avaliación da estratexia de desenvolvemento local e para animación

1. A dotación orzamentaria de que dispoña cada GDR para a totalidade do período 2023-2027 en proxectos de explotación e animación estará recollida individualmente para cada GDR seleccionado no convenio de colaboración que subscriba coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O importe que lle corresponda a cada GDR fixarase atendendo ao procedemento de selección, puntuación e asignación de fondos previsto no artigo 20 das bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027 (Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 20 de abril de 2022, publicado no Diario Oficial de Galicia o 2 de xuño de 2022).

2. Anualmente, e segundo o procedemento que se estableza nos convenios de colaboración que se asinen entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os grupos seleccionados, estes presentarán ante a axencia a solicitude do importe máximo que requiran, no marco dos fondos dispoñibles nos citados convenios, para, por unha parte os gastos de explotación e, por outra parte, para os gastos de animación, de cara á implementación das súas respectivas estratexias.

Artigo 40. Tipo e contía da subvención

1. Os custos de explotación e animación dos GDR poderán ser subvencionados directamente ata o 100 % do gasto elixible.

2. A execución, xustificación e pagamento das axudas previstas nesta sección realizarase segundo o disposto no convenio de colaboración. Poderá preverse a implementación de custos simplificados como sistema de xustificación das axudas previstas nesta sección.

3. De acordo co establecido no artigo 34.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, o importe máximo para os gastos de explotación e animación non superará o 25 % do gasto público total en que se incorra no marco da estratexia de desenvolvemento local participativo.

Artigo 41. Entidades beneficiarias da subvención

As entidades beneficiarias serán os GDR que resulten seleccionados como entidades colaboradoras de cara ao programa Leader de Galicia, correspondente ao período de programación 2023-2027 e que subscribisen un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a xestión dunha estratexia de desenvolvemento local participativo.

CAPÍTULO II

Axudas para a xestión, seguimento e avaliación da estratexia

Artigo 42. Gastos subvencionables

1. Para a correcta aplicación da estratexia de desenvolvemento local e para o cumprimento das súas funcións, os GDR deberán dotarse dos medios persoais e materiais axeitados, para o cal poderán realizar os seguintes tipos de gastos de funcionamento:

a) Gastos de persoal, que terá a cualificación suficiente para asumir o peso principal da xestión da estratexia. Os ditos gastos incluirán retribucións salariais, cotizacións á Seguridade Social e indemnizacións.

b) Asistencia á xestión en aspectos puntuais necesarios para a correcta aplicación da estratexia.

c) Subministracións exteriores.

d) Compra ou alugamento de material informático, telemático e de reprografía, material de oficina e similar.

e) Gastos relativos á sede do GDR (alugamento, acondicionamento, equipamento, gastos correntes en auga, electricidade, internet, etc.).

f) Gastos referidos á constitución de avais ou de garantías bancarias que sexan necesarios para a tramitación e concesión dos anticipos correspondentes á axuda pública destinada aos gastos correntes e de animación do GDR.

g) Gastos de constitución de pólizas bancarias.

h) Gastos vinculados ao traballo en rede.

i) Gastos correspondentes a actividades formativas do equipo xestor do GDR.

j) Gastos derivados do alugamento ou renting, dun vehículo por GDR, para a realización de desprazamentos relacionados directamente coas funcións propias do GDR por parte dos membros do equipo xestor. En ningún caso serán subvencionables gastos de compra ou de adquisición do vehículo.

k) Outros gastos necesarios para realizar as funcións que lle corresponden como entidade colaboradora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, tales como os gastos de representación institucional ata un importe máximo de 1.500 euros por ano, as axudas de custo e desprazamento, gastos asociados ás reunións dos órganos de decisión do GDR, a excepción de calquera tipo de retribución por asistencia a elas.

Non se consideran subvencionables os gastos por despedimentos improcedentes. Tampouco os xuros debedores das contas bancarias, nin os xuros, as recargas, as sancións administrativas e penais, o IVE recuperable, así como os demais impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación segundo a normativa nacional vixente e os gastos que deriven de procedementos xudiciais que afecten os GDR.

2. O GDR terá en conta as seguintes regras sobre os gastos de funcionamento con cargo á estratexia de desenvolvemento local:

a) Para as axudas de custo en territorio nacional aplicarase o réxime e as contías previstas na Administración autonómica galega para o grupo 2º , tanto se a actividade ten lugar no territorio de Galicia como fóra. Para as axudas de custo que poidan ter lugar fóra do territorio nacional serán de aplicación o réxime e as contías previstas para o grupo 2º no anexo III do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, ou, se é o caso, na normativa que o substitúa.

O uso do vehículo particular con cargo á estratexia de desenvolvemento local limitarase á contía máxima por quilómetro percorrido prevista na normativa da Administración autonómica galega para o persoal ao seu servizo.

b) Os gastos correspondentes ás actividades formativas e cursos de interese para o equipo xestor do GDR limitaranse a un máximo do 2 % do total dos fondos públicos asignados a cada GDR ao abeiro deste capítulo (axudas para a xestión, seguimento e avaliación da estratexia). Serán propostos pola xunta directiva do GDR e xustificarase o interese para o equipo xestor do grupo.

O custo destas actividades formativas limitarase ás contías máximas vixentes para o persoal formador dos cursos oficiais organizados pola Consellería do Medio Rural ou doutros organismos públicos da Comunidade Autónoma.

O persoal docente deberá ser tecnicamente apto e xustificadamente elixido para a actividade formativa, que poderá ter carácter aberto a calquera persoa do territorio de actuación do GDR interesada na actividade formativa.

Artigo 43. Contratación do equipo xestor do GDR e contratación de asistencias técnicas para asistencia á xestión

As regras para a contratación do equipo xestor e as características dos postos de traballo, así como para a contratación de asistencia técnicas para a asistencia á xestión por parte do GDR, regularanse no convenio de colaboración que se asine entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o grupo seleccionado.

CAPÍTULO III

Axudas para proxectos de animación

Artigo 44. Gastos subvencionables

1. Para a correcta aplicación da estratexia de desenvolvemento local, os GDR que resulten seleccionados deberán executar proxectos de animación e de promoción da estratexia e do territorio. No marco dos proxectos de animación, os GDR poderán promover actividades do seguinte tipo:

a) Difusión da estratexia no territorio de actuación.

b) Encontros, xornadas, seminarios, congresos.

c) Estudos, informes, publicacións.

d) Mapas, guías, edición de material de promoción, valorización e difusión do territorio, portais e páxinas web.

e) Viaxes, presenza en feiras e eventos.

f) Sinalizacións turísticas, de acordo co convenio de colaboración que se asine entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Axencia de Turismo de Galicia, e que sexa de aplicación para as actividades turísticas no medio rural durante o período de programación 2023-2027.

g) Rutas.

h) Proxectos sectoriais colectivos, de coordinación, accións conxuntas.

i) Valorización do patrimonio cultural inmaterial.

j) Accións de sensibilización para difundir as condicións ambientais do territorio, así como os efectos negativos do cambio climático e as posibles accións de mitigación que se adopten no territorio.

2. Os GDR que resulten seleccionados para a aplicación dunha estratexia de desenvolvemento local durante o período 2023-2027, distribuirán a axuda destinada aos proxectos regulados neste capítulo tendo en conta as seguintes regras:

Por unha parte, as axudas de custo limitaranse ás regras e contías establecidas no artigo 42.2.a) desta resolución.

Ademais, non excederá o 50 % do total que se asigne anualmente a proxectos de animación o conxunto dos seguintes gastos:

a) Encontros, xornadas, seminarios e congresos.

b) Publicacións e material promocional (merchandising).

c) Viaxes e presenza en feiras, sen que poidan viaxar ou asistir a feiras con cargo á estratexia máis de dúas persoas en cada ocasión, salvo que, en casos xustificados, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural autorice a asistencia de máis persoas.

3. Con cargo a proxectos de animación e promoción da estratexia e do territorio do GDR, en ningún caso se poderán realizar actividades ou actos promocionais de calquera tipo que supoñan unha promoción directa e específica para calquera empresa ou grupo de empresas.

TÍTULO III

Criterios de puntuación referidos aos territorios correspondentes ás estratexias de desenvolvemento local que resulten seleccionadas

Artigo 45. Fundamentos legais

1. O artigo 20.2 das bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, para a concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para o período de programación 2023-2027 (DOG do 2 de xuño de 2022) sinala que a resolución que dite a persoa titular da Dirección Xeral da Agader, logo da entrada en vigor do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, establecerá, ademais das regras xerais para a elaboración das estratexias, os criterios de puntuación referidos aos territorios das estratexias de desenvolvemento local que resulten seleccionadas.

2. Segundo o sinalado no citado artigo 20.2, mencionado no número anterior, a aplicación dos citados criterios de puntuación territorial determinará o 50 % da puntuación que se utilizará para a repartición de fondos entre os grupos de desenvolvemento rural que resulten seleccionados.

Artigo 46. Criterios de puntuación referidos aos territorios obxecto das estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas

Os criterios de puntuación aplicables serán os seguintes:

1. Variación da poboación no último decenio.

A puntuación máxima será de 9 puntos (a variación máis negativa, maior puntuación).

Outorgaranse 9 puntos ao territorio coa variación máis negativa. Aplicarase unha regra de tres simple e directa ao resto dos territorios.

2. Indicador municipal de renda dos fogares.

A puntuación máxima será de 9 puntos (a menor indicador de renda, maior puntuación).

Outorgaranse 9 puntos ao territorio con menor renda dos fogares que se sitúen nel. Aplicarase unha regra de tres simple e inversa ao resto dos territorios.

3. Índice de envellecemento (porcentaxe de poboación de 65 anos ou máis).

A puntuación máxima será de 8 puntos (a maior índice de envellecemento, maior puntuación).

Outorgaranse 8 puntos ao territorio con maior índice de envellecemento. Aplicarase unha regra de tres simple e inversa ao resto dos territorios.

4. Peso do número de explotacións agrarias no territorio do GDR seleccionado, en relación co número total de explotacións en Galicia.

A puntuación máxima será de 5 puntos (a maior peso, maior puntuación).

Outorgaranse 5 puntos ao territorio que presente unha porcentaxe máis alta. Aplicarase unha regra de tres simple e directa ao resto dos territorios.

5. Porcentaxe de superficie do territorio incluída na Rede Galega de Espazos naturais Protexidos.

A puntuación máxima será de 4 puntos (a maior porcentaxe de superficie, maior puntuación).

Outorgaranse 4 puntos ao territorio cunha porcentaxe máis alta. Aplicarase unha regra de tres simple e directa ao resto dos territorios.

6. Porcentaxe de superficie en zonas de montaña e noutras zonas desfavorecidas.

A puntuación máxima será de 5 puntos (a maior porcentaxe de superficie, maior puntuación).

Outorgaranse 5 puntos ao territorio cunha porcentaxe máis alta. Aplicarase unha regra de tres simple e directa ao resto dos territorios.

7. Porcentaxe de superficie do territorio do GDR seleccionado referida a concellos costeiros.

Este criterio ten en conta a confluencia de programas de desenvolvemento local participativo de enfoque similar a Leader no territorio do GDR que se poidan establecer ao abeiro dos grupos de acción costeira, regulados no Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004.

A puntuación máxima será de 10 puntos (a maior porcentaxe de superficie, menor puntuación).

Outorgaranse directamente 10 puntos a todos os territorios que non teñan ningún concello costeiro.

Dos territorios que teñan algún concello costeiro, outorgaranse 0 puntos ao GDR que teña máis territorio costeiro e 3 puntos ao GDR que menos territorio costeiro teña. Os demais territorios obterán a puntuación que lles corresponda nesta epígrafe por interpolación dos datos.

TÍTULO IV

Réxime de recursos

Artigo 47. Recursos

Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación.

Disposición derradeira primeira

As organizacións candidatas a obter a condición de entidade colaboradora para o programa Leader de Galicia, correspondente ao período de programación 2023-2027, disporán, segundo dispoñen os artigos 20.2 e 31.1 das bases reguladoras para a selección de GDR (DOG do 2 de xuño de 2022) dun prazo de 2 meses, contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución, para a entrega á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dos documentos H e I do anexo C das citadas bases reguladoras, así como para a xustificación do 25 % do total da axuda concedida para gastos preparatorios (importe de axuda concedida con cargo á anualidade 2023).

Por outra parte, dentro do mesmo prazo, indicado no parágrafo anterior, as organizacións candidatas deberán presentar ante a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a documentación seguinte:

‒ De ser o caso, a documentación xustificativa da subvención adaptada ás condicións e aos obxectivos fixados pola axencia conforme o Plan estratéxico da PAC 2023-2027, o que poderá comportar, se é o caso, unha modificación, por parte das organizacións candidatas a obter a condición de entidades colaboradoras da Administración, dos documentos A, B, C, D, E, F e G sinalados no anexo C das bases reguladoras de selección das estratexias de desenvolvemento local correspondentes ao período de programación 2023-2027, publicadas pola Resolución do 18 de maio de 2022 (DOG núm. 105, do 2 de xuño).

‒ Normas para a xestión da estratexia de desenvolvemento local, en particular, o Plan de xestión e criterios de selección aplicables.

As normas referidas á xestión da estratexia deberán ter os seguintes contidos mínimos:

a) Límites de axuda pública máxima (cuantitativos e porcentaxes) en función dos diferentes tipos de proxectos, dentro dos límites máximos que se indican nas bases reguladoras e na normativa de axudas de Estado.

b) Criterios para a selección e priorización dos proxectos: baremo, regras para a asignación das porcentaxes de axuda pública e procedemento de priorización (e conseguinte selección) dos proxectos que conten coa verificación favorable do informe de control de elixibilidade (ICE) por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

c) Mecanismos que garantan os principios de obxectividade, publicidade, imparcialidade e libre concorrencia, con especial referencia aos procesos de toma de decisións e aos procedementos de contratación.

d) Procedemento para evitar conflitos de intereses nos membros dos órganos de avaliación e decisión dos GDR seleccionados, que deberá ter, cando menos, o contido sinalado no artigo 21.2 desta resolución.

‒ Plan de seguimento.

Realizarase un seguimento por parte dos GDR que resulten seleccionados do grao de cumprimento dos obxectivos marcados na estratexia. O plan de seguimento incluirá, ademais dunha xerarquía de obxectivos, un cadro concreto de indicadores de seguimento que permita comprobar os resultados e o conseguinte impacto no territorio da aplicación da estratexia, medible en termos cuantitativos e cualitativos. O citado cadro de indicadores será obxectivo, con especial fincapé no ritmo de compromiso dos fondos dispoñibles.

‒ Plan financeiro do gasto público previsto.

Previsión financeira da estratexia globalmente considerada (proxectos a favor de terceiros, proxectos propios dos GDR, incluídos proxectos de cooperación e previsión de gastos de explotación e de animación da estratexia), desagregada por fontes financeiras.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución publicarase no DOG e entrará en vigor o día seguinte ao da publicación.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Maquinaria subvencionable na tipoloxía de proxectos agrarios de mellora da eficiencia enerxética e/ou emprego de enerxías renovables

Co obxecto de delimitar polo miúdo os gastos que se considerarán subvencionables no ámbito da mellora da eficiencia enerxética e/ou do emprego de fontes de enerxía renovables nos investimentos en explotacións agrarias (artigo 10.2 desta resolución) establécese a seguinte regulación:

1. Investimentos relacionados coa mellora da eficiencia enerxética.

Terán a consideración de investimentos relacionados coa mellora da eficiencia enerxética das explotacións agrarias os investimentos que estean directamente relacionados co aforro enerxético da explotación agraria e que supoñan unha redución dos seus custos enerxéticos nunha porcentaxe mínima do 40 %.

En concreto, terán exclusivamente esta consideración os investimentos que os plans de mellora publicados pola Consellería do Medio Rural consideren como de aforro enerxético.

Nota 1: o importe máximo imputable será o que determine o módulo máximo aplicable a cada investimento.

Nota 2: en ningún caso terá a consideración de gasto subvencionable a adquisición de equipamentos de muxidura.

Nota 3: non será elixible a adquisición de maquinaria automotriz.

2. Investimentos relacionados co emprego de fontes de enerxías renovables.

Terá a consideración, para os efectos desta resolución, de investimento referido ao emprego de enerxías renovables a enerxía procedente de fontes renovables non fósiles, é dicir:

‒ Enerxía eólica.

‒ Enerxía solar (solar térmica e solar fotovoltaica).

‒ Enerxía xeotérmica.

‒ Enerxía ambiente.

‒ Enerxía mareomotriz, enerxía undimotriz e outros tipos de enerxía oceánica.

‒ Enerxía hidráulica.

‒ Enerxía procedente de biomasa, gases de vertedoiro, gases de plantas de depuración.

‒ Biogás.

‒ Aerotermia.

2.1. Definicións para os efectos desta resolución.

«Enerxía xeotérmica»: a enerxía almacenada en forma de calor baixo a superficie da terra sólida.

«Enerxía ambiente»: a enerxía térmica presente de maneira natural e a enerxía acumulada nun ambiente confinado, que pode almacenarse no aire ambiente (excluído o aire de saída) ou nas augas superficiais ou residuais.

«Biomasa»: a fracción biodegradable dos produtos, residuos e refugallos de orixe biolóxica procedentes de actividades agrarias, incluídas as substancias de orixe vexetal e de orixe animal, da silvicultura e das industrias conexas, incluídas a pesca e a acuicultura, así como a fracción biodegradable dos residuos, incluídos os residuos industriais e municipais de orixe biolóxica.

«Biogás»: os combustibles gasosos producidos a partir de biomasa.

«Mareomotriz»: a enerxía que permite a obtención de electricidade a partir da enerxía que se obtén aproveitando a forza das mareas.

«Undimotriz»: a enerxía que permite a obtención de electricidade a partir da enerxía mecánica xerada polo movemento das ondas.

2.2. Enerxía procedente de bombas de calor.

A enerxía aerotérmica, xeotérmica e hidrotérmica capturada polas bombas de calor terase en conta como enerxía procedente de fontes renovables, sempre que a produción final de enerxía supere de forma significativa o insumo de enerxía primaria necesaria para impulsar a bomba de calor.

Concretamente, a cantidade de calor que se debe considerar como enerxía procedente de fontes renovables para os efectos da Directiva (UE) 2018/2001, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables calcularase de conformidade coa metodoloxía establecida no seu anexo VII:

A cantidade de enerxía aerotérmica, geotérmica ou hidrotérmica capturada por bombas de calor que debe considerarse enerxía procedente de fontes renovables para os efectos da presente directiva, ES, calcularase de acordo coa fórmula seguinte:

ES = Qusable * (1 – 1/SPF)

Onde:

‒ Qusable = a calor útil total estimada proporcionada por bombas de calor conformes as criterios mencionados no artigo 7, número 4, coa seguinte restrición: só se terán en conta as bombas de calor para as que SPF > 1.15 * 1/η,

‒ SPF = o factor de rendemento medio estacional estimado para as devanditas bombas de calor,

‒ η = o cociente entre a produción total bruta de electricidade e o consumo primario de enerxía para a produción de electricidade. Calcularase como unha media da Unión baseada en datos de Eurostat.

Nota 1: a determinación do SPF debe efectuarse, no caso do coeficiente de rendemento estacional (SCOPnet, para bombas eléctricas), de acordo coa norma EN 14825:2012 ou, no da relación estacional de enerxía primaria (SPERnet, para bombas térmicas), de acordo coa norma EN 12309.

Nota 2: a xustificación documental que achegue o cálculo do SPF debe ser avalada mediante a declaración de conformidade CE realizada polo fabricante, e pola súa etiquetaxe enerxética, segundo regula o RITE (Regulamento de instalacións técnicas nos edificios, Real decreto 238/2013, do 5 de abril) e no resto da normativa vixente.

ANEXO II

Maquinaria subvencionable na tipoloxía de proxectos de transformación e comercialización de produtos forestais

Maquinaria agricola e forestal para uso da madeira como fonte de materia prima, de enerxía e de bioproductos

Maquinaria (*)

Uso descritivo

Maquinaria portátil para a valorización da madeira de baixo valor comercial:

‒ Peladoras de toros.

‒ Cilindradoras para produción de estacas e postes.

‒ Serradoiros portátiles.

* Outros equipamentos portátiles en que se xustifique que se acada o seu uso descritivo.

Valorización de produtos forestais de baixo valor comercial, como pode ser o puntal de madeira de frondosas caducifolias ou rolla de especies de pouco valor comercial. A través da produción de produtos como estacas, postes descascados e/ou cilindrados, ou a produción de madeira serrada para aplicacións especiais.

Equipos de secado ou acondicionamento de biomasa para acadar un contido de humidade dentro das especificacións normativa UNE-EN-ISO.

Permitir a perda de humidade da biomasa co fin de poder acadar un biocombustible coas especificacións de calidade recollidas na normativa vixente.

Maquinaria portátil e ferramentas para a produción de bioprodutos forestais, como a extracción de resina ou outro tipos de extractos.

Aproveitamento de diferentes bioprodutos forestais, como pode ser a extracción de resina ou outros tipos de extractos e que inclúe desde o proceso de extracción, envasado ou transporte.

Maquinaria portátil e ferramentas necesarias para a produción de cogomelos sobre substratos forestais.

Investimentos necesarios para a produción de cogomelos en substrato forestal, especialmente relacionado coa súa inoculación, recolla e procesamento.

Maquinaria portátil para a recolla e procesamento de castaña.

Facilitar a mecanización na recolla en monte da castaña e o seu procesamento ou clasificación previa.

Procesadoras de biomasa leñosa.

Apear e torar a parte madeirable con maior aceptación para torar a ramaxe grande e as copas das árbores para facilitar o posterior traballo do manexo de residuos.

Esteladoras estáticas.

Redución de volume de distintos tipos de biomasa. Capacidade de procesamento: sobre 200.000 kg/hora

Esteladoras semimóbiles.

Redución de volume de distintos tipos de biomasa. Equipamentos de grandes dimensións para realizar estelamentos en campo. Capacidade de procesamento: ata 100.000 kg/h.

Esteladoras remolcadas.

Redución de volume de distintos tipos de biomasa. Capacidade de procesamento: entre 1.000 - 10.000 kg/h.

Esteladoras autopropulsadas.

Redución de volume de distintos tipos de biomasa. Capacidade de procesamento: entre 500-20.000 kg/h.

Empacadora/empaquetadora de biomasa.

Máquina para compactación de biomasa.

Trituradora de leña e tocos.

Maquina para xerar residuos leñosos sobre o terreo a través da trituración e cuarteamento destes.

(*) Aínda que a maquinaria indicada nesta instrución precise dunha cabeza tractora para desenvolver o uso a que está destinada, esta cabeza tractora non será subvencionable en ningún caso.

ANEXO III

Requisitos específicos para a consideración e seguimento dun proxecto non produtivo xerador de ingresos

1. A cualificación dun proxecto xerador de ingresos como non produtivo promovido por unha entidade sen ánimo de lucro exixe a presentación, por parte do promotor, dun plan de xestión referido aos 5 anos seguintes á data da resolución do pagamento final do expediente. O plan de xestión deberá establecer o réxime de funcionamento e desenvolvemento da actividade, concretando, polo menos, os fins e obxectivos da iniciativa, posibles beneficiarios, réxime de admisión, cotas, prezos, outra contraprestación económica exixible ou, de ser o caso, indicacións sobre a gratuidade do servizo, réxime de contratación do persoal, períodos e horario de apertura e servizos complementarios. Deberá incluír ademais unha previsión, para o mesmo período dos 5 anos, dos ingresos (IG) que a actividade vai xerar e dos gastos de mantemento (GM) que comportaría. Se, unha vez confeccionado o plan de xestión, resulta produtivo para un ano calquera dos cinco que ten que abranguer, considerarase produtivo todo o proxecto.

2. No suposto de que o beneficio bruto operativo (IG-GM) da actividade para cada ano, segundo a previsión contida no plan de xestión, fose inferior ao resultado ou valor que se obtería da capitalización do investimento ao tipo de xuro legal do diñeiro que rexe no ano en que o promotor solicita a subvención, a actividade cualificarase como non produtiva.

En caso contrario, é dicir, se o beneficio bruto operativo é superior ao resultado ou valor que se obtería da capitalización do investimento ao tipo de xuro legal do diñeiro, a actividade cualificarase como produtiva.

3. O plan de xestión deberá remitirse xunto coa solicitude de verificación do informe de control de elixibilidade (ICE).

4. No suposto de que o promotor acade a concesión da axuda, o plan de xestión constituirá un compromiso que debe asumir o promotor. Deste xeito, incluirase o seguinte texto na resolución de concesión da axuda:

«O promotor está obrigado ao cumprimento do establecido no plan de xestión que se xunta como anexo durante o período dos 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final do expediente. Calquera modificación que durante ese período afecte o réxime de funcionamento e desenvolvemento da actividade ou o réxime económico previstos no plan de xestión deberá comunicarse á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para os efectos, de ser o caso, da súa autorización.

O promotor está obrigado a facilitar ao GDR, durante o primeiro trimestre de cada ano, os datos contables da actividade referidos ao exercicio económico anterior, o cal obriga a aquel a levar unha contabilidade separada doutras actividades, no caso de que as teña, co obxecto de adxudicar as partidas de gastos e ingresos, que correspondan ao proxecto, sen ningunha dúbida. No caso de que o promotor sexa unha Administración pública de carácter local, deberase levar para o proxecto en cuestión unha contabilidade por custos e non orzamentaria.

Así mesmo, o promotor deberá devolver a parte que corresponda da subvención no caso de que durante algún dos cinco anos sinalados o proxecto resulte de natureza produtiva segundo as regras establecidas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural».

5. Como consecuencia do anterior, e á vista da información contable facilitada polo promotor, o GDR remitiralle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural un informe anual, asinado polo responsable do equipo xestor de cada GDR, e por cada proxecto desta natureza que conte con resolución de concesión de axuda (mentres dure o período de compromiso de cada expediente). Estes informes anuais que remitirán os GDR á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural indicarán con claridade, para cada ano de actividade, se os resultados económicos seguen avaliando a cualificación da actividade como non produtiva. Para facer o cálculo, o GDR terá en conta que o valor do investimento inicial deberá incrementarse cada ano sucesivo cos resultados de aplicar os tipos de xuro legal do diñeiro dos anos correspondentes, segundo os criterios que a continuación se indican:

6. Definicións:

RC = resultado da capitalización correspondente a cada ano.

IN = investimento inicial do proxecto (o presentado polo promotor na solicitude de axuda).

T = tipo de xuro correspondente a cada ano.

Obteremos cada ano os seguintes valores:

RC1 = resultado da capitalización correspondente ao primeiro ano.

RC2 = resultado da capitalización correspondente ao segundo ano.

E así sucesivamente para os cinco anos.

T1 = tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao primeiro ano.

T2 = tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao segundo ano.

E así sucesivamente para os cinco anos.

7. Fórmulas que se aplicarán:

Para o 1º ano --------------- RC1= IN x T1

Para o 2º ano ---------------- RC2 = (IN+RC1) x T2

Para o 3º ano -----------------RC3 = (IN+RC1+RC2) x T3

E así sucesivamente.

A modo de exemplo práctico, supoñamos que temos un proxecto cun investimento de 100.000 €. Durante os cinco anos de compromiso de mantemento da actividade teríamos os seguintes resultados de capitalización, supoñendo que o tipo de xuro legal do diñeiro sexa, para todos os anos, o (3 %*) :

* Conforme o disposto no artigo 1 da Lei 24/1984, do 29 de xuño, sobre modificación do tipo de xuro legal do diñeiro, este quedou establecido no 3,00 % ata o 31 de decembro do ano 2016.

Tendo en conta que en 2017 se prorrogaron os orzamentos xerais do Estado de 2016, de momento non hai variación no tipo de xuro legal do diñeiro, que continúa sendo o 3,00 %.

Para o primeiro ano: 100.000 x 3 % = 3.000 €

Para o segundo ano: (100.000 + 3.000) x 3 % = 3.090 €

Para o terceiro ano: (100.000+3.000+3.090) x 3 % = 3.182,70 €

Para o cuarto ano: (100.000+3.000+3.090+3.182,70) x 3 % = 3.278,18 €

Para o quinto ano: (100.000+3.000+3.090+3.182,70+3.278,18) x 3 % = 3.376,53 €

Para o suposto de que, á vista desta información contable, proceda cualificar a actividade como produtiva (por resultar que nese ano o beneficio bruto é superior ao resultado da capitalización do investimento ao xuro legal do diñeiro, calculado de acordo co establecido no parágrafo anterior), procederá a tramitación dun expediente de reintegro da axuda percibida por parte do promotor, fundamentada en que o proxecto perdeu a súa consideración de non produtivo, admitíndose, respecto deste suposto, unha modulación ou aplicación do principio de proporcionalidade, que virá determinada polo tempo que faltaba do período de compromiso do expediente en relación co ano en que o proxecto perdeu o carácter de non produtivo, e pola contía económica superada.

A constatación da natureza produtiva do proxecto durante calquera dos cinco anos en que debería manterse como non produtivo confírelle carácter produtivo ata o remate dos cinco anos considerados no plan de xestión.

O GDR entregaralles aos promotores deste tipo de proxectos unha copia deste anexo para que o seu representante legal a devolva debidamente asinada en todas as súas follas (reflectindo o seu nome completo e DNI).

Cando o GDR envíe á Agader a solicitude de verificación do ICE acompañaraa dunha copia cotexada deste anexo asinado polo promotor.