Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2023 Páx. 29678

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2023 pola que se dá publicidade da encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde da xestión da formación dos/das profesionais ópticos-optometristas derivada do convenio de colaboración entre esta consellería, o Servizo Galego de Saúde e os establecementos de óptica, para o desenvolvemento dun programa de prevención dos problemas visuais.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á Resolución da Consellería de Sanidade, do 20 de abril de 2023, pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) a xestión de actividades formativas.

– Actividades:

a) A xestión da asistencia do alumnado proposto para cada actividade.

Estas actividades formativas deben estar enmarcadas dentro da formación establecida no convenio «Normalización dos procedementos para a prevención dos problemas visuais».

b) A programación, planificación e xestión das actividades formativas propostas polo Servizo de Integración Asistencial, dentro dos límites orzamentarios establecidos.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio vén recollida no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

– Prazo de vixencia: desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e ata o día 31 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade