Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2023 Páx. 29843

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2023 pola que se nomean os membros das comisións de selección das persoas que ocuparán as prazas de persoal laboral, adscritas a esta axencia, ás cales se fai referencia no anexo I do Decreto 79/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

O Decreto 79/2022, do 25 de maio, aprobou a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021. O anexo I do decreto identifica cinco prazas adscritas á Axencia Galega da Calidade Alimentaria para cubrir pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso.

No Diario Oficial de Galicia (DOG) do 29 de decembro de 2022 publicouse o Anuncio do 28 de decembro de 2022 polo que se convoca o proceso selectivo para a cobertura, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, dunha praza de xefe/a de negociado (categoría 002 do grupo III) con destino na Xerencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dous/dúas titulados/as superiores (categoría 004 do grupo I) para realizar proxectos de investigación científica e técnica no Centro de Investigación Forestal de Lourizán e dous/dúas doutores/as (categoría 004 do grupo I) no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependentes ambos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O artigo 10 das bases establece que o tribunal cualificador do proceso será nomeado mediante resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, no artigo 60 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TRLEBEP), no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No DOG do 1 de marzo de 2023 publicouse o Anuncio do 21 de febreiro de 2023 polo que se aproban as listas provisionais de admitidos e excluídos na convocatoria do proceso selectivo extraordinario de estabilización, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso nas prazas de persoal laboral fixo a que se fai referencia no anexo I do Decreto 79/2022.

No DOG do 30 de marzo de 2023 publicouse o Anuncio do 21 de marzo de 2023 polo que se aproban as listas definitivas de admitidos e excluídos na convocatoria do proceso selectivo extraordinario de estabilización, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso nas prazas de persoal laboral fixo a que se fai referencia no anexo I do Decreto 79/2022. Nas listas figuran admitidas unha (1) persoa candidata á praza da xefatura de negociado, oito (8) ás prazas de titulados/as superiores investigadores/as e seis (6) ás de doutor/a investigador/a.

Por todo o exposto, o presidente da Axencia, en exercicio das competencias previstas no artigo 13 do Decreto 52/2018, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Primeiro. Comisións de selección

Aprobar a constitución das comisións para a selección das persoas que ocuparán as prazas de persoal laboral adscritas á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, identificadas no anexo I do Decreto 79/2022, para cubrir pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, correspondentes ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021:

1. Comisión A, de categoría terceira, para a selección da persoa que ocupará a praza de xefatura de negociado (grupo III, categoría II), adscrita á Xerencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Santiago de Compostela).

2. Comisión B, de categoría primeira, para a selección das persoas que ocuparán as dúas prazas de titulado/a superior investigador/a (grupo I, categoría IV), adscritas ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán, e as dúas de doutor/a investigador/a (grupo I, categoría IV), adscritas ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Segundo. Nomeamento dos membros das comisións de selección

1. A Comisión de Selección A estará integrada por cinco persoas:

Presidenta: Mª Soledad Castro Díaz.

Suplente: Gumersindo Mosquera Patiño.

Secretaria: Xiana Perales Arroyo.

Suplente: Pablo Lúgaro Seco.

Vogal: Ángel Romero Baleirón.

Suplente: María José Pérez Dafonte.

Vogal: Alejandro Crespí Rodríguez.

Suplente: Sonia Lamas Mella.

Vogal: Raimundo Castaño Bascoy.

Suplente: María José González González.

2. A Comisión de Selección B estará integrada por cinco persoas:

Presidente: Manuel López Luaces.

Suplente: Roque Rodríguez Soalleiro.

Secretario: Manuel Castro-Gil Amigo.

Suplente: Pablo Lúgaro Seco.

Vogal: Emilia Díaz Losada.

Suplente: Juan Picos Martín.

Vogal: Ignacio Arnáiz Seco.

Suplente: Manuel Touza Vázquez.

Vogal: Marta Muñoz Mendoza.

Suplente: Mª Ángeles Romero Rodríguez.

Terceiro. Funcionamento das comisións de selección

1. O procedemento de actuación das comisións axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

2. Para a válida constitución das comisións requírese a presenza, como mínimo, de tres membros, incluídos o presidente e o secretario.

3. As persoas que formen parte das comisións deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; no artigo 59.2 da Lei 2/2015, de emprego público de Galicia; nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberalle ser comunicada á Xerencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

4. As sesións de constitución deberanse realizar nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento das comisións de selección no DOG.

5. As sesións deliberativas poderán desenvolverse presencial ou telematicamente. En todo caso, o secretario, por orde do presidente, convocará as sesións cunha antelación mínima de corenta e oito (48) horas e xuntará sempre a orde do día. A Comisión A poderá realizar un máximo de 2 sesións. A Comisión B poderá realizar un máximo de 6 sesións. Por cada sesión da comisión levantarase a acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a secretaría e co visto e prace da persoa que ocupe a presidencia.

6. Coa primeira convocatoria remitiráselles aos membros das comisións de selección a seguinte documentación:

• Declaración expresa dos membros da comisión de non incorrer en ningunha circunstancia das descritas na segunda epígrafe, que se devolverá asinada.

• Táboas de baremo consonte as especificacións dos artigos 8 e 9 do Anuncio do 28 de decembro de 2022 polo que se convoca o proceso selectivo para a cobertura, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, dunha praza de xefe/a de negociado (categoría 002 do grupo III) con destino na Xerencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dous titulados/as superiores (categoría 004 do grupo I) para a realización de proxectos de investigación científica e técnica no Centro de Investigación Forestal de Lourizán e dous doutores/as (categoría 004 do grupo I) no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependentes ambos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

• Anexo 1 e documentación acreditativa presentada por cada un dos aspirantes.

• Certificación da Xerencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria dos datos previstos no artigo terceiro do Anuncio do 28 de decembro de 2022, en concreto: DNI, residencia, certificado Celga e tempo traballado na Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

7. As comisións de selección non poderán propor o acceso ao emprego público dun número superior de persoas ao de prazas convocadas: unha para a xefatura de negociado; dúas como titulado/a superior investigador/a (grupo I, categoría IV), adscritas ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán; e dúas de doutor/a investigador/a (grupo I, categoría IV), adscritas ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Coa acta final achegarase a puntuación asignada a cada candidato e a proposta das persoas seleccionadas.

8. As propostas de selección publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

9. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. As comunicacións que lle formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse ao director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Cuarto. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Impugnación

Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, perante o presidente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, nos termos previstos nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, perante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria