Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 22 de maio de 2023 Páx. 31033

IV. Oposicións e concursos

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2023 pola que se anuncia a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta entidade (IN.IGAPE.00.004.4050403).

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta entidade

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo vacante que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal laboral (grupo I, categoría 04) e funcionario de carreira da Xunta de Galicia, e o persoal laboral fixo do Instituto Galego de Promoción Económica que reúna os requisitos sinalados no anexo I.

Terceiro. As solicitudes dirixiranse ao Instituto Galego de Promoción Económica e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince (15) días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán unir á petición un curriculum vitae e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.

Quinto. A resolución desta convocatoria farase pública no DOG e poderase declarar deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sexto. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, de sete días hábiles se comporta cambio de residencia, ou de vinte días hábiles se comporta o reingreso ao servizo activo, conforme o establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días seguintes ao da publicación da resolución no DOG.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

Sétimo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Código: IN.IGAPE.00.004.4050403.

Consellería: Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Denominación do posto: subdirector/a de Internacionalización.

Dependencia: Instituto Galego de Promoción Económica. Área de Internacionalización.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: libre designación.

Grupo/subgrupo: A1/I-04.

Retribución anual: 57.448,36 €.

Tipo de adscrición: persoal funcionario e persoal laboral da Xunta de Galicia/persoal laboral fixo do Igape.

missing image file