Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 23 de maio de 2023 Páx. 31113

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de maio de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa Ambulancias Civera, S.L., que presta o servizo de transporte sanitario na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, os días 24, 25 e 26 de maio, 1 e 2 de xuño e, con carácter indefinido, a partir do 7 de xuño.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O servizo de transporte sanitario é unha prestación á cal están obrigadas as administracións e estruturas públicas que integran o Sistema nacional de saúde, de acordo co establecido no artigo 19 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde.

No desenvolvemento do dito precepto, o Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema nacional de saúde e o procedemento para a súa actualización, inclúe no seu contido a prestación de transporte sanitario, precisando que deberá ser accesible ás persoas con discapacidade e definíndoa como o desprazamento de doentes por causas exclusivamente clínicas cuxa situación lles impida desprazarse nos medios ordinarios de transporte. Esta prestación tamén está regulada, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 52/2015, do 5 de marzo (DOG núm. 69, do 14 de abril).

A Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten contratada coa empresa Ambulancias Civera, S.L. a prestación do servizo de transporte sanitario non urxente, tanto ambulatorio como hospitalario, e o hospitalario urxente aos/ás pacientes beneficiarios/as da Seguridade Social protexidos/as polo Servizo Galego de Saúde no ámbito territorial da área.

A organización sindical CIG comunicou a convocatoria dunha folga dirixida á totalidade do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa Ambulancias Civera, S.L. na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A folga levarase a efecto desde as 00.00 horas do día 24 de maio ata as 23.59 horas do día 26 de maio, desde as 00.00 horas do día 1 de xuño ata as 23.59 horas do día 2 de xuño e, con carácter indefinido, a partir das 00.00 horas do día 7 de xuño.

Con base no anterior, e logo da audiencia ao comité de folga e á empresa responsable das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se establecen nesta orde.

2. O ámbito da folga abrangue o transporte sanitario non urxente, tanto ambulatorio como hospitalario, e o hospitalario urxente organizado e xestionado pola dirección da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés en representación do Servizo Galego de Saúde. Con carácter xeral, as modalidades de transporte sanitario que inclúe esta prestación son:

a) Transporte programado: traslados de persoas enfermas ambulatorias aos centros sanitarios.

b) Transporte hospitalario: onde se recollen os ingresos hospitalarios, as altas hospitalarias, os traslados interhospitalarios para a realización de consultas, probas e/ou tratamentos; os traslados interhospitalarios para ingresos e o transporte interhospitalario urxente.

c) Traslados entre comunidades autónomas, incluíndo tanto o traslado a outra comunidade autónoma para recibir asistencia sanitaria en centros de referencia a nivel estatal en certas patoloxías, técnicas e/ou tratamentos, como o retorno desde ela.

d) Outros servizos de transporte sanitario que preste a empresa para persoas enfermas ou accidentadas na área sanitaria, non incluído nas alíneas anteriores.

Co fin de garantir o servizo de transporte sanitario ás persoas protexidas polo Servizo Galego de Saúde, contrátanse unha serie de recursos á disposición das distintas xerencias de área sanitaria, por non dispoñeren de recursos materiais e humanos de seu que lles permitan realizar a prestación deste servizo nas condicións regulamentariamente establecidas. De maneira que as necesidades do transporte sanitario así xestionado canalízanse mediante sucesivos concertos de xestión de servizos públicos, cuxa cuantificación se realiza dun xeito aproximado ou estimado, pois a demanda está subordinada ás necesidades reais en cada área.

En concreto, os servizos anuais estimados no vixente concerto para a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés cífranse en 125.000.

Para realizar este número estimado de servizos e sen prexuízo de que, de sobrevir unha demanda superior á estimada, deberá facérselle fronte incrementando a correspondente dotación, nos pregos que rexen a contratación do transporte a Administración estableceu o parque móbil para o ámbito da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés nun total de 38 vehículos de transporte sanitario dispoñibles: 4 do tipo A1, 31 do tipo A2 e 3 do tipo C.

Unha vez exposta a dotación de vehículos, cómpre fundamentar o número dos que resultarán necesarios para garantir os servizos básicos durante a vindeira folga, realizando un cálculo dos traslados e servizos de transporte sanitario que poidan resultar inaprazables na área sanitaria.

Para tal fin empregáronse as ferramentas informáticas que rexistran as prescricións de ambulancias, consignadas de forma telemática, nas xerencias do organismo.

Nese senso e a título de exemplo, a media diaria de desprazamentos estimados na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés cífrase aproximadamente nuns 52 traslados diarios para tratamentos de diálise, 6-8 traslados diarios para tratamentos de oncoloxía e uns 14 traslados diarios para radioterapia.

Os traslados que se consideran como esenciais, para os cales é necesario establecer o 100 % dos servizos solicitados, xustifícanse no suposto do transporte interhospitalario cando as persoas enfermas estean nunha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde, así como o traslado ao centro hospitalario das patoloxías tempo-dependentes que, de non seren tratadas nun curto prazo de tempo, poden comportar un risco para a vida do/da paciente ou o seu estado funcional posterior, tal como se reflicte en programas tales como o Código Ictus, Código Sepse, Progaliam ou calquera outro programa de patoloxías tempo-dependentes, ademais dos casos de atención a pacientes críticos (como politraumatizados ou neurocirúrxicos).

Resulta necesario o 100 % dos servizos solicitados nos supostos en que a morbilidade e o prognóstico de determinados pacientes poden agravarse de forma significativa se se modifica a planificación asistencial. A historia natural de moitas enfermidades graves, como a insuficiencia renal crónica ou os procesos oncolóxicos, pode evitarse dando a resposta más áxil posible. Dada a gran variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o criterio do/da facultativo/a responsable da asistencia do/da enfermo/a. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria inaprazable nos casos de urxencia e que debe prestarse aos doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías, tanto no transporte interhospitalario, como nas consultas externas urxentes e probas diagnósticas do mesmo carácter.

En consecuencia, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través da empresa afectada pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde da cidadanía.

Os citados servizos mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ás persoas enfermas e accidentadas, que baixo ningún concepto poden quedar desasistidas, dadas as características do servizo dispensado.

4. Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida, en consonancia coa anterior fundamentación son os seguintes: o 100 % dos servizos de transporte para enfermos/as que requiran tratamentos continuados de oncoloxía, o que inclúe a aplicación de radioterapia, quimioterapia e diálise; o transporte interhospitalario urxente, as consultas externas urxentes e as probas diagnósticas urxentes.

Inclúese nesta epígrafe, polo seu carácter clínico inaprazable, o traslado dos/das pacientes ingresados/as por algún dos procesos cualificados como de prioridade 1 nos protocolos asistenciais das xerencias de área sanitaria, consonte o establecido no Decreto 105/2017, do 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas (en particular, procesos oncolóxicos, patoloxías severas de válvulas cardíacas, aneurismas cerebrais, obstrucións ou estenoses arteriais graves, desprendementos de retina e hidrocefalias), incluíndo os traslados interhospitalarios para probas diagnósticas, consultas ou cirurxías.

Considérase igualmente inaprazable, segundo a priorización que, así mesmo, se estableza no protocolo da xerencia da área, o traslado das altas hospitalarias das persoas ingresadas e afectadas por enfermidades que cursen con inmunosupresión, para as cales o risco de permaneceren ingresadas nun centro hospitalario é elevado; pola contra, será prioritario o traslado ao seu domicilio, debido ao estado de inmunodeficiencia que presentan.

En suma, deben aplicarse os recursos necesarios para garantir os traslados dos/das pacientes da área sanitaria que, por razóns do seu estado de saúde e por prescrición facultativa, requiran de traslado ao seu domicilio ou interhospitalario, tanto para o ingreso como para a realización de probas diagnósticas ou terapéuticas, e que sen o concurso dunha ambulancia no poderían levarse a efecto, co conseguinte risco para a súa vida ou de agravamento do seu estado de saúde. Pola contra, os ámbitos relativos ás consultas externas non se consideran de risco vital.

5. Con base no anterior, acórdase que o número de vehículos de transporte sanitario dispoñibles na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, como servizo esencial para as xornadas de folga, sexa o seguinte (24 vehículos en total):

– 3 vehículos de clase A1: 2 no Distrito Sanitario de Pontevedra e 1 no Distrito Sanitario do Salnés.

– 18 vehículos de clase A2: 12 no distrito de Pontevedra (8 en quenda de mañá e 4 en quenda de tarde) e 6 no distrito do Salnés (4 en quenda de mañá e 2 en quenda de tarde).

– 3 vehículos de clase C.

6. Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, consonte os anteriores criterios reitores, contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente e, en particular, no anexo II do Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola dirección da empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos establecidos serán considerados ilegais para os efectos do artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e ás persoas usuarias dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade