Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2023 Páx. 31939

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2023, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación e formalización de actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de aparcamentos disuasorios para o fomento do vehículo compartido asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas PO-546, de clave PO/22/143.06, no concello de Pontevedra.

O artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 2 de marzo do 2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou a aprobación do proxecto de trazado de aparcamentos disuasorios para o fomento do vehículo compartido asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas PO-546, de clave PO/22/143.06, no concello de Pontevedra, publicado no Diario Oficial de Galicia do 17 de marzo (DOG núm. 54). A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego comporta tamén a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta obra, atendendo ao disposto no artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG nº 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Pontevedra.

Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra.

Data: 12 de xullo de 2023, das 10.00 as 10.45 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no concello de Pontevedra e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra (avenida María Victoria Moreno, núm. 43-1º, 36003 Pontevedra), e publicaranse na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Conselleria6/Avisos/resolucions/aviso_0328.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, que achegarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria; poderanse facer acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa de 26 de abril de 1957, este Servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, realizará o pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto, convócase ao acto de formalización das actas de ocupación o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e data que se indican:

Termo municipal de Pontevedra.

Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra.

Data: 11 de outubro de 2023, das 10.00 ás 10.45 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

Este acordo faise público para xeral coñecemento e advírteselles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, que non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, debendo achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e que se deberán identificar co documento nacional de identidade.

Co fin de que os actos derivados dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, serán aplicables as medidas de prevención vixentes nas datas de realización dos actos convocados neste anuncio.

Pontevedra, 11 de maio de 2023

Manuel Ángel González Juanatey
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra