Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32101

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2023 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria das axudas do bono de alugueiro social para os exercicios de 2023 e 2024.

1. No Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 133, do mércores 13 de xullo de 2022, publicouse a Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (código de procedemento VI482F).

2. O ordinal vixésimo oitavo da citada resolución, no segundo parágrafo do seu punto 1, establece que as axudas para o colectivo das vítimas de violencia de xénero, con cargo ás anualidades de 2022, por importe de 777.768 euros; e de 2023, por importe de 1.040.000 euros, se financiarán con cargo aos fondos procedentes do pacto de Estado na aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3.

Segundo indica o mesmo ordinal, as anualidades seguintes financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, que está dotada con fondos propios da Comunidade Autónoma (FCA) e con fondos finalistas procedentes do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

Así mesmo, prevese que os importes das anualidades de 2024, 2025 e 2026 poidan ser reaxustados cos importes que, de ser o caso, se fixen anualmente no correspondente acordo entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a consellería competente en materia de igualdade.

3. Na data de hoxe existen remanentes incorporados dos fondos achegados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ao abeiro do acordo de colaboración asinado o 31 de maio de 2022 entre a dita consellería e o IGVS e, dado que o crédito fixado para a anualidade de 2023 é insuficiente para atender as solicitudes de concesión inicial e de prórrogas de convocatorias anteriores que se presenten durante este ano, resulta necesario ampliar o crédito establecido inicialmente para esta anualidade. Para estes efectos, os importes que se consideran necesarios para atender as axudas que se soliciten no 2023 é de 1.296.822 euros e, no caso das prórrogas de convocatorias anteriores, é de 600.000 euros.

4. Por outra banda, o día 11 de abril de 2023 asinouse un novo acordo de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o IGVS, co obxecto de establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre as citadas entidades para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas da violencia de xénero (medidas 75, 168 e 215 do documento refundido final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero).

Co citado acordo, o IGVS comprométese a continuar xestionando unha liña de axudas destinada a facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento para as vítimas de violencia de xénero a través do Programa do bono de alugueiro social, financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, mentres que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asume o compromiso de achegar 2.000.000 de euros para a anualidade 2024, co obxecto de contribuír ao financiamento dos gastos necesarios para o cumprimento do devandito acordo.

5. O punto 2 do ordinal vixésimo oitavo da Resolución do 1 de xullo de 2022 prevé que a contía establecida nesa convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria.

6. De conformidade co anterior, a competencia para ditar esta resolución corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Polo exposto,

RESOLVO:

Ampliar a dotación orzamentaria da convocatoria das axudas do bono de alugueiro social para as anualidades de 2023 e de 2024.

O incremento da dotación orzamentaria no proxecto de gastos 2019 0009 será de 856.822 euros para a anualidade de 2023 e de 2.000.000 de euros na anualidade de 2024.

En consecuencia, as contías máximas das subvencións que se poderán conceder nos exercicios 2023 e 2024 con cargo aos fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero serán as seguintes:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Crédito inicial

Ampliación
do crédito

Crédito total

08.81.451B.480.3

(Proxecto 2019 00009)

2023

1.040.000 €

856.822 €

1.896.822 €

2024

0 €

2.000.000 €

2.000.000 €

Esta ampliación non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo