Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 31985

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 50/2023, do 11 de maio, polo que se modifica o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

O 16 de maio de 2022 publicouse o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, fundamentada nos criterios de eficacia e economía que inspiran a actuación e a organización administrativa.

O 27 de maio de 2022 publicouse o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. Este decreto establece un segundo nivel organizativo, en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público.

O 4 de xullo de 2022 publicouse o Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Este decreto adapta a estrutura ás funcións da consellería pero non a das entidades que ten adscritas.

A entidade pública empresarial Augas de Galicia, adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, conta cunha estrutura organizativa recollida no Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, pero debe terse en conta que, en aplicación do previsto na disposición transitoria terceira do Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, citado, na actualidade se manteñen as configuracións das estruturas orgánicas reguladas no Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, e nos estatutos da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, aprobados polo Decreto 125/1996, do 7 de marzo. O tempo transcorrido desde a publicación destas normas exixe a aprobación dunha nova estrutura orgánica adaptada á situación actual.

Ademais do indicado no punto anterior, resulta imprescindible adaptar a estrutura orgánica de Augas de Galicia ás previsións recollidas nas leis aprobadas con posterioridade ao ano 2012, particularmente a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario, e especialmente a Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga, pois as novas funcións que esta normativa prevé que poida desenvolver Augas de Galicia non poden realizarse tendo como base unha estrutura orgánica do ano 2012.

Así, este texto responde aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que regula o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, en exercicio da facultade prevista no artigo 55.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de maio de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro

Un. O punto 2 do artigo 6 queda redactado como segue:

«2. As competencias da Presidencia son as reguladas no artigo 13 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia».

Dous. O punto 3 do artigo 7 queda redactado como segue:

«3. O Consello Reitor nomeará a persoa que exerza as funcións da súa secretaría, con voz pero sen voto, de entre o persoal adscrito á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico».

Tres. A sección 5ª do capítulo II queda redactada como segue:

«Sección 5ª. A Dirección

Artigo 14. Nomeamento e rango

1. A Dirección da entidade será nomeada e separada polo Consello da Xunta de Galicia, de acordo cos artigos 65.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 15.2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

2. A Dirección terá a consideración de alto cargo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con rango de dirección xeral.

Artigo 15. Funcións e estrutura administrativa da Dirección

1. A persoa titular da Dirección é responsable da xestión ordinaria da entidade e exerce as competencias inherentes á dita dirección, así como as que expresamente se lle atribúen na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de acordo co seu artigo 65.3, e no artigo 15.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e as que lle delegue o Consello Reitor.

2. A persoa titular da Dirección velará polo cumprimento da lexislación vixente en materia de igualdade no traballo entre homes e mulleres.

3. Igualmente corresponderalle á Dirección de Augas de Galicia decidir nos conflictos de atribucións, positivos ou negativos, que poidan suscitarse entre os órganos que dela dependen.

4. Da Dirección de Augas de Galicia, con nivel orgánico de subdireccións, dependen as seguintes unidades:

a) A Xerencia.

b) A Comisaría de Augas.

c) A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

d) A Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro.

e) A Subdirección Xeral de Planificación da Xestión dos Recursos Hídricos.

f) A Subdirección Xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas.

Artigo16. A Xerencia

1. De acordo co previsto no artigo 65.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Xerencia de Augas de Galicia será nomeada e separada polo Consello Reitor, por proposta da persoa titular da súa presidencia, de entre o persoal funcionario ou persoal laboral da Xunta de Galicia ou das entidades do sector público autonómico que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo e de acreditada experiencia.

2. A Xerencia, cargo asimilado á Secretaría Xeral previsto no artigo 65.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, terá retribucións equivalentes a un posto de subdirección xeral e será nomeada polo procedemento establecido na normativa vixente en materia de función pública.

3. A Xerencia exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa das funcións e actuacións que van desenvolver os órganos de Augas de Galicia, e poderá ditar disposicións, instrucións ou circulares de funcionamento e comunicación entre os distintos órganos da entidade, así como supervisar os procedementos de xestión da entidade.

b) A promoción da investigación e da produción científica.

c) O asesoramento técnico e a emisión dos informes solicitados pola persoa titular da dirección.

d) A proposta de designación das persoas responsables da dirección e da inspección das obras que executen a entidade e as persoas responsables dos contratos que tramite a entidade.

e) O seguimento da tramitación e execución dos fondos europeos que xestione a entidade.

f) A coordinación técnica para a supervisión da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos de Augas de Galicia e para a execución orzamentaria.

g) A realización da memoria anual de actividades de Augas de Galicia.

h) A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia de Augas de Galicia en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades de Augas de Galicia.

i) A substitución da persoa titular da Dirección de Augas de Galicia nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

j) E, en xeral, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Xerencia contará para o desenvolvemento das funcións que lle son propias coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

4.1. O Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal de Augas de Galicia.

b) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

c) A xestión dos plans de formación de persoal de Augas de Galicia.

d) A organización dos aspectos que incumben ao réxime interior de Augas de Galicia.

e) A xestión do parque móbil de Augas de Galicia, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia.

f) A coordinación das dotacións relativas ao vestiario do persoal.

g) A xestión do Rexistro Xeral de Augas de Galicia, así como das funcións de atención e información á cidadanía.

h) O seguimento do cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais.

4.2. O Servizo de Contratación, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración de pregos de cláusulas administrativas particulares en materia de contratación pública e a coordinación dos pregos de prescricións técnicas particulares.

b) A xestión e o control dos expedientes de contratación administrativa de competencia de Augas de Galicia, nas súas fases de preparación, licitación, adxudicación e recepción, así como as súas modificacións, en coordinación coas demais subdireccións de Augas de Galicia.

c) A xestión e o control dos expedientes de prórroga, ampliacións de prazo, modificados e complementarios, en coordinación coas demais subdireccións de Augas de Galicia.

4.3. O Servizo de Tecnoloxía, Seguridade e Innovación, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A administración e a xestión dos servizos informáticos de Augas de Galicia.

b) A administración e a xestión dos recursos tecnolóxicos de Augas de Galicia.

c) A coordinación e o seguimento da implantación da administración electrónica en Augas de Galicia.

d) A coordinación das medidas en materia de protección de datos e seguridade da información que correspondan a Augas de Galicia.

e) A análise da revisión das tecnoloxías existentes máis innovadoras, eficientes e sustentables en materia de xestión da auga e a coordinación da súa implantación.

f) A coordinación dos programas de innovación que se desenvolvan en Augas de Galicia.

g) A coordinación da información necesaria para os sistemas de información xeográfica e para aquelas outras aplicacións imprescindibles para a xestión de Augas de Galicia.

5. No exercicio das súas funcións, a Xerencia poderá solicitar de todas as subdireccións de Augas de Galicia cantos datos, antecedentes e documentos considere necesarios para o desenvolvemento das súas actividades e todo o persoal das devanditas subdireccións deberá prestarlle axuda e cooperación.

Artigo 17. A Comisaría de Augas

1. A Comisaría de Augas exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección e supervisión dos servizos territoriais, conformando os criterios xerais de tramitación dos procedementos de autorizacións e concesións relativos ao uso e aproveitamento do dominio público hidráulico, de constitución de servidumes de augas, de constitución de comunidades de usuarios, de deslindamento do dominio público hidráulico e sancionadores incoados na materia que tramiten aqueles servizos.

b) A dirección e o establecemento dos criterios xerais de despregamento e actuación da gardaría fluvial de Augas de Galicia, cuxos efectivos gozan, no exercicio das súas funcións de inspección, vixilancia e control do dominio público, das prerrogativas inherentes á súa condición de autoridade pública.

c) A xestión da estatística dos recursos, consumos e calidade das masas de auga segundo os distintos usos.

d) A proposta de actuacións encamiñadas a lograr o aproveitamento máis racional da auga.

e) O impulso de todos os procedementos que se refiran á xestión do dominio público hidráulico e das augas da demarcación hidrográfica de Galicia Costa e non estean atribuídos a outro órgano de Augas de Galicia.

f) E, en xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. A Comisaría de Augas contará para o desenvolvemento das funcións que lle son propias coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. O Servizo de Tramitación de Autorizacións e Concesións, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A revisión da proposta de resolución de procedementos de autorizacións e concesións relativos ao dominio público hidráulico, de constitución de servidumes de augas, de constitución de comunidades de usuarios, de deslinde do dominio público hidráulico e sancionadores incoados na materia, para a súa resolución polos órganos de goberno de Augas de Galicia.

b) A tramitación e a realización da proposta de resolución dos procedementos de concesións de aproveitamentos hidroeléctricos.

c) A tutela dos dereitos nacidos ao abeiro da normativa xeral de augas e dos actos administrativos ditados na súa aplicación, así como a realización das actuacións necesarias para o seu cumprimento, especialmente a execución das medidas dirixidas á restitución das cousas ou á reparación dos danos ocasionados no dominio público hidráulico e, de ser competente Augas de Galicia, no dominio público marítimo-terrestre.

d) A xestión do rexistro de augas públicas, do rexistro de zonas protexidas, do catálogo de augas privadas e do censo de verteduras.

e) O exercicio das funcións relativas á limitación no uso de zonas inundables.

f) A emisión de informes en materia de administración do dominio público hidráulico que deban incorporarse a expedientes tramitados por outras administracións hidráulicas en relación co territorio de Galicia.

g) O control dos aproveitamentos hidroeléctricos.

h) A proposta de declaración de masas de auga subterráneas en situación de risco e a preparación dos instrumentos precisos para a súa xestión.

2.2. O Servizo de Xestión Ambiental das Augas, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A inspección, a vixilancia e o control das verteduras de augas residuais na demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

b) A tramitación e a realización da proposta de resolución dos procedementos de autorizacións de vertedura ao dominio público hidráulico e dos procedementos sancionadores que se incoen na materia na demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

c) O establecemento de criterios xerais de tramitación, de control e de vixilancia das verteduras e da calidade das augas.

2.3. O Servizo de Execución, Explotación e Control de Actuacións do Dominio Público Hidráulico, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) O establecemento de criterios para a conservación e rexeneración das ribeiras e canles públicas, así como da zona de servidume das augas da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

b) A programación e a execución de actuacións para a conservación e rexeneración das ribeiras e canles públicas, así como da zona de servidume das augas da demarcación hidrográfica de Galicia Costa situados fóra de zonas urbanas.

c) O control do cumprimento das resolucións para a enchedura e o baleiramento dos encoros da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

d) A explotación das presas, dos encoros e das balsas que corresponda a Augas de Galicia, o seu seguimento e a realización de propostas de actuacións relativas á súa seguridade.

e) O seguimento da explotación e o control da seguridade das presas, encoros e balsas cuxa competencia corresponda a Augas de Galicia.

3. No exercicio das súas funcións, a Comisaría de Augas poderá solicitar de todos os servizos territoriais de Augas de Galicia cantos datos, antecedentes e documentos considere necesarios para o desenvolvemento das súas actividades e todo o persoal dos devanditos servizos territoriais deberá prestarlle axuda e cooperación.

Artigo 18. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico exercerá as seguintes funcións:

a) A secretaría e a asistencia xurídica aos órganos de goberno, de cooperación e de participación de Augas de Galicia.

b) A elaboración e a tramitación dos anteproxectos de textos normativos que sexan encomendados á entidade polo ordenamento xurídico aplicable.

c) A coordinación da análise das disposicións normativas que sexan remitidas a Augas de Galicia.

d) A instrución, a tramitación e a redacción da proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial.

e) A coordinación para a atención dos requirimentos e das peticións formulados a Augas de Galicia polos xulgados, tribunais, Valedor do Pobo, Defensor del Pueblo e outros órganos e institucións.

f) A tramitación dos procedementos para a aprobación de convenios de colaboración, protocolos, acordos e as súas correspondentes addendas, ata o momento da sinatura dos devanditos instrumentos convencionais.

g) A instrución de procedementos de subvencións, ata o momento da resolución de concesión ou denegación das solicitudes.

h) A tramitación das actuacións que en materia de expropiación forzosa poidan corresponder ou ser asumidas por Augas de Galicia.

i) A asistencia e o apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia de Augas de Galicia aos órganos e ás entidades dependentes desta, en especial a que solicite a Xerencia de Augas de Galicia para a coordinación dos procedementos administrativos que instrúe Augas de Galicia, para o cumprimento da normativa sobre protección de datos de carácter persoal ou sobre seguridade da información e administración electrónica, para o establecemento de medidas antifraude e para o cumprimento correcto da publicidade e transparencia no ámbito da Administración pública.

j) A tramitación e a realización da proposta de resolución dos procedementos sancionadores non atribuídos a outros órganos da entidade e que lle sexan encomendados pola Dirección de Augas de Galicia.

k) E, en xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico contará para o desenvolvemento das funcións que lle son propias coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico I.

2.2. Servizo Técnico-Xurídico II.

Artigo 19. A Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro

1. A Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro exercerá as seguintes funcións:

a) O control e a xestión das contas e dos depósitos bancarios dos que é titular Augas de Galicia.

b) A xestión contable mensual da nómina do persoal da entidade e o cumprimento dos deberes coa Seguridade Social e coa Axencia Estatal de Administración Tributaria derivadas daquela, así como a realización das oportunas declaracións fiscais anuais.

c) A realización da documentación de contido económico que deba achegarse como consecuencia das auditorías ou dos controis a que sometan a Augas de Galicia os correspondentes órganos de control da súa actividade con carácter previo ou posterior.

d) A xestión do patrimonio propio ou adscrito a Augas de Galicia.

e) Todas as demais funcións de carácter económico ou financeiro que non estean atribuídas a outro órgano dependente da Dirección de Augas de Galicia.

f) E, en xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. A Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro contará para o desenvolvemento das funcións que lle son propias coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión Orzamentaria, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A preparación do anteproxecto de orzamentos de Augas de Galicia.

b) A preparación do anteproxecto do programa de actuación, investimentos e financiamento anual que reflicta a planificación xeral da actividade da entidade.

c) A tramitación das modificacións do orzamento de explotación ou de capital de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

d) A elaboración e tramitación da documentación contable relativa aos expedientes de gasto.

e) O estudo e a preparación de operacións de crédito e tesouraría e a realización de pagamentos a terceiros acredores da entidade.

f) A tramitación de procedementos de modificacións do Fondo de Compensación Interterritorial e o control e a execución dos fondos finalistas, en coordinación co órgano competente nesta materia da consellería competente en materia de facenda.

g) A preparación das contas anuais e, de ser o caso, a proposta da distribución do resultado do exercicio económico.

2.2. Servizo de Xestión de Ingresos, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión, a liquidación, a inspección e a recadación dos tributos e demais ingresos de calquera natureza de Augas de Galicia, incluída a súa contabilización e as propostas de modificación normativa, excepto as competencias normativas, inspectoras e de recadación que lle correspondan á Consellería de Facenda.

b) A tramitación e a realización da proposta de resolución dos procedementos sancionadores que incoe en materia tributaria Augas de Galicia.

c) A realización e a elevación para a súa resolución definitiva polos órganos de goberno de Augas de Galicia das propostas de resolución das solicitudes de aprazamento ou fraccionamento en vía voluntaria dos ingresos que xestione Augas de Galicia.

Artigo 20. A Subdirección Xeral de Planificación da Xestión dos Recursos Hídricos

1. A Subdirección Xeral de Planificación da Xestión dos Recursos Hídricos exercerá as seguintes funcións:

a) O fomento e a implantación de estratexias de participación pública en materia de augas.

b) A elaboración de estatísticas e o mantemento de bases de datos en relación cos usos da auga.

c) O seguimento do cumprimento dos obxectivos fixados nas directivas comunitarias, en particular, en materia de saneamento e protección das augas.

d) Todas as demais funcións que se refiran á planificación dos recursos hidrolóxicos e hidráulicos que non estean atribuídas a outro órgano dependente da Dirección de Augas de Galicia.

e) E, en xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. A Subdirección Xeral de Planificación da Xestión dos Recursos Hídricos contará para o desenvolvemento das funcións que lle son propias coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Planificación Hidrolóxica, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) As actuacións necesarias para a implantación das directivas comunitarias e da normativa estatal relativa á planificación hidrolóxica e para a coordinación co Plan hidrolóxico nacional.

b) O establecemento das directrices para a elaboración, o seguimento e a revisión do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, incluído o apoio aos procesos de información e participación pública.

c) A participación na elaboración e o seguimento da execución dos plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas intercomunitarias cuxo ámbito territorial afecte Galicia.

d) O apoio técnico para a participación de Augas de Galicia nos órganos de goberno, participación e cooperación das demarcacións hidrográficas intercomunitarias cuxo ámbito territorial afecte a Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A emisión dos informes de compatibilidade coa planificación hidrolóxica, en relación con solicitudes de concesións e autorizacións de bens do dominio público hidráulico ou calquera outro procedemento que os requira.

f) O deseño, o establecemento e o control dos programas de seguimento das augas superficiais e subterráneas e das zonas protexidas da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

g) A análise e o control da calidade das augas, así como o seguimento dos programas de calidade da auga que se establezan.

2.2. Servizo de Adaptación dos Recursos Hídricos ao Cambio Climático, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) O establecemento das directrices para a elaboración, a elaboración, o seguimento e a revisión do Plan especial da seca, incluído o apoio aos procesos de información e participación pública.

b) A emisión de informes en relación coa compatibilidade doutras actuacións co Plan especial da seca da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

c) A coordinación da redacción de plans de emerxencia municipais ante situacións de seca e a emisión de informe sobre eles, en aplicación da normativa vixente.

d) O seguimento das medidas previstas nos plans excepcionais municipais ante situacións de seca.

e) A redacción de plans de ordenación das extraccións en acuíferos declarados sobreexplotados ou en risco de estalo e daqueloutros en proceso de salificación.

f) O establecemento das directrices para a elaboración, a elaboración, o seguimento e a revisión do Plan de xestión do risco de inundación, incluído o apoio aos procesos de información e participación pública.

g) A emisión de informes en relación coa compatibilidade doutras actuacións co Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

h) A elaboración de propostas específicas para as áreas cun risco potencial significativo de inundación.

i) O seguimento e o control das redes de capacidade e das redes piezométricas de Augas de Galicia.

j) O desenvolvemento, o seguimento e o control de ferramentas para predicir o risco de inundación.

k) A coordinación cos concellos e con protección civil en relación coa xestión dos riscos de inundación.

l) A coordinación con outros órganos da Xunta de Galicia en relación coa evolución do cambio climático e as estratexias e os plans que se desenvolvan para o seu seguimento e control e, en particular, a incidencia que poidan ter sobre as augas de dominio público.

2.3. Servizo de Planificación de Abastecemento e Saneamento, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración, o seguimento e a actualización dos plans xerais de abastecemento e de saneamento de Galicia.

b) A emisión dos informes sobre os instrumentos territoriais e urbanísticos en canto afecten as competencias de Augas de Galicia en materia de abastecemento e saneamento.

c) A elaboración, o seguimento e a actualización de plans de abastecemento autónomo e de calquera outro plan relacionado con captacións de augas superficiais ou subterráneas que lle sexan encomendadas.

d) A elaboración e actualización dun inventario dos sistemas de abastecemento e de saneamento e depuración existentes en Galicia, e o desenvolvemento e a coordinación de ferramentas de intercambio de información coas distintas administracións relacionadas coa xestión do ciclo integral da auga.

e) A elaboración, o seguimento e a actualización de directrices para a redacción de plans de control de verteduras ás redes de colectores, os informes que en relación cos plans de control de verteduras teña que emitir Augas de Galicia e a coordinación da publicación destes plans municipais na páxina web deste organismo.

f) A elaboración, o seguimento e a actualización de directrices para o saneamento e a depuración en pequenos núcleos de poboación de Galicia.

g) A elaboración, o seguimento e a actualización de directrices para a optimización da xestión das augas brancas e pluviais en Galicia cun sistema de indicadores para poder avaliar as melloras neste ámbito e os obxectivos para conseguir en cada sistema de saneamento e depuración, así como os informes que en relación cos plans de redución de entradas de augas brancas nas redes de saneamento teña que emitir Augas de Galicia.

h) A elaboración, o seguimento e a actualización de directrices para a mellora enerxética das instalacións de abastecemento, saneamento e depuración en Galicia cun sistema de indicadores para poder avaliar as melloras neste ámbito e os obxectivos para conseguir nos distintos sistemas.

i) A elaboración dos informes que en relación cos plans municipais de optimización da eficiencia enerxética teña que emitir Augas de Galicia.

j) O establecemento e a coordinación dun programa de formación periódica e continua na xestión do ciclo integral da auga para técnicos e responsables das entidades locais.

k) A elaboración de estatísticas e o mantemento de bases de datos en relación cos usos da auga e o seguimento do cumprimento dos obxectivos fixados nas directivas comunitarias, en particular en materia de saneamento e protección das augas.

Artigo 20.bis. A Subdirección Xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas

1. A Subdirección Xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas exercerá as seguintes funcións:

a) Todas as funcións que estean relacionadas coa análise, proxección, construción e explotación de infraestruturas hidráulicas e non estean atribuídas a outro órgano dependente da Dirección de Augas de Galicia.

b) A proposta para a aprobación e a revisión da normativa técnica aplicable á estratexia, ao deseño, á construción e a explotación de obras hidráulicas por Augas de Galicia.

c) E, en xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. A Subdirección Xeral de Planificación de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas contará para o desenvolvemento das funcións que lle son propias coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Apoio Técnico, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A programación de actuacións e obras hidráulicas necesarias para a execución da planificación que corresponda a Augas de Galicia.

b) A supervisión de proxectos e anteproxectos de calquera tipo de obra hidráulica e a realización de todos os trámites necesarios para a súa posterior licitación e execución.

c) A elaboración de pregos técnicos administrativos que lle sexan encomendados.

d) A coordinación dos informes previos á asunción da xestión das infraestruturas das entidades locais á Xunta de Galicia, así como a programación desta asunción.

e) A realización das actuacións técnicas necesarias, incluídas as relativas á expropiación forzosa que poidan corresponder.

f) O seguimento técnico-administrativo para a execución dos proxectos de obras hidráulicas e infraestruturas hidráulicas por Augas de Galicia.

g) A coordinación técnica e a emisión de informes en relación coas subvencións, colaboracións e axudas que outorgue Augas de Galicia.

h) O apoio técnico necesario no desenvolvemento de auditorías que se realicen sobre as actuacións executadas por Augas de Galicia.

2.2. Servizo de Proxectos e Obras Hidráulicas, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración de estudos, proxectos, dirección, inspección e execución das infraestruturas hidráulicas que lle sexan encomendadas.

b) A elaboración, o seguimento e/ou a actualización da programación por zonas de actuacións en materia de abastecemento e saneamento.

c) A elaboración de pregos e informes técnicos que lle sexan encomendados.

d) O desenvolvemento das funcións administrativas propias da execución de proxectos e obras hidráulicas tales como a elaboración e a xestión de certificacións, ampliacións, paralizacións, prórrogas ou modificacións, todo iso en coordinación co resto de unidades de Augas de Galicia.

2.3. Servizo de Xestión de Abastecementos e Saneamentos, que prestará apoio para o exercicio das seguintes funcións:

a) A dirección da explotación das infraestruturas hidráulicas de abastecemento en alta, saneamento e depuración xestionadas por Augas de Galicia e a elaboración de documentación técnica necesaria para as actuacións promovidas pola entidade nesta materia.

b) A programación e a elaboración de estudos, informes, proxectos, dirección, inspección e execución de obras nas instalacións de depuración xestionadas por Augas de Galicia e en calquera outra que lle sexa encomendada.

c) A realización da análise das verteduras procedentes das instalacións de saneamento e depuración.

d) A ordenación dos servizos de abastecemento e saneamento en alta e depuración de competencia de Augas de Galicia e dos instrumentos de coordinación dos servizos de abastecemento e saneamento de competencia das entidades locais.

e) O seguimento, o control técnico e a inspección de infraestruturas hidráulicas e sistemas de saneamento.

f) A elaboración de informes técnicos e auditorías para a asunción da xestión das infraestruturas hidráulicas das entidades locais.

g) A elaboración de pregos técnicos administrativos que lle sexan encomendados.

h) As funcións administrativas necesarias para realizar os traballos anteriores».

Catro. A sección 6ª do capítulo II queda redactada como segue:

«Sección 6ª. Comisións de desaugamento

Artigo 21. Composición e funcións das comisións de desaugamento

1. Por cada unha das zonas hidrográficas indicadas nas letras a), b), c) e d) do artigo 24.1 existirá unha comisión de desaugamento coa función de deliberar e formular propostas á Dirección de Augas de Galicia sobre o réxime adecuado de enchedura e baleiramento dos encoros e acuíferos da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, atendidos os dereitos dos distintos usuarios.

2. Formarán parte das comisións de desaugamento:

a) A persoa titular da Comisaría de Augas, que representará a presidencia da comisión, agás que asista á reunión a persoa que exerza a Dirección de Augas de Galicia, que neste caso asumirá a presidencia.

b) Ata tres membros do persoal técnico de Augas de Galicia, designados pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia e que asistirán con voz e sen voto.

c) A representación das persoas usuarias afectadas, designadas segundo prevé o número 5.

3. Poderán asistir ás reunións das comisións de desaugamento, con voz e sen voto, dúas persoas en representación da consellería con competencias en materia de augas, unha persoa en representación das consellerías con competencias en materia de industria e pesca, así como unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de protección civil.

4. A secretaría, con voz e sen voto, de cada comisión de desaugamento requirirá un grao en dereito e nomearaa para o efecto a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia de entre o persoal da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

5. Nas comisións de desaugamento estarán representadas as persoas usuarias afectadas con dereitos inscritos ou en trámite de inscrición no Rexistro de Augas. Esta representación articularase como segue:

a) Por cada municipio, mancomunidade de municipios, consorcio, área metropolitana ou entidade subministradora titular de concesións de abastecemento de auga con poboación abastecida superior a cen mil habitantes, un/unha representante.

b) Pola agrupación única do resto de municipios abastecidos, un/unha representante por cada cen mil habitantes ou fracción, ata un máximo de dous.

c) Un/unha representante por cada Administración ou institución pública titular de grandes encoros, de acordo coa definición de grande encoro prevista na normativa xeral en materia de augas.

d) Nos usos agrícolas de rega que utilicen augas superficiais, pola agrupación de todas as comunidades de persoas regadoras e persoas regadoras individuais, un/unha representante, elixido/a entre eles/elas.

e) Cada empresa produtora de enerxía eléctrica con potencia hidroeléctrica instalada superior a 100.000 kVA designará un/unha representante.

f) Polo resto de aproveitamentos non incluídos entre os anteriores e en representación de intereses non específicos, a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia poderá designar ata dous/dúas representantes máis.

g) Garantirase, en todo caso, a representación individual ou colectiva das entidades públicas ou privadas que teñan algún dereito específico sobre o encoro de que se trate, en caso de non se incluír nos supostos das letras precedentes.

6. A persoa titular da Dirección de Augas de Galicia ordenará as actuacións de encoramento e desaugamento de encoros, ou outras actuacións encamiñadas a evitar riscos ou a lograr o aproveitamento máis racional da auga, de conformidade coas propostas que formulen as comisións de desaugamento por maioría de dous terzos dos seus membros. No caso de non acadarse esa maioría, correspóndelle á persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a adopción da resolución que xulgue máis adecuada en vista dos antecedentes e das deliberacións da comisión.

Artigo 22. Réxime de funcionamento das comisións de desaugamento

As comisións realizarán sesións ordinarias dúas veces ao ano, unha no outono e outra na primavera, sen prexuízo daquelas outras sesións extraordinarias que teñan lugar para o cumprimento das funcións establecidas na alínea primeira do artigo anterior.

Artigo 23. Comité Técnico

En casos de precipitacións extraordinarias, inundacións ou calquera outra circunstancia de carácter excepcional, constituirase inmediatamente, no seo de Augas de Galicia e designado pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia, un comité técnico en que se integrarán as persoas titulares da Xerencia, da Comisaría de Augas, da Subdirección Xeral de Planificación da Xestión dos Recursos Hídricos e da Subdirección Xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas, do órgano directivo da Administración autonómica competente en materia de protección civil e os técnicos encargados de dirixir a explotación dos encoros afectados. O devandito comité poderá adoptar as determinacións que crea oportunas e tamén ordenar operacións de encoramento ou desaugamento de encoros extraordinarias, sen que precise reunir previamente as comisións de desaugamento respectivas, que serán informadas, non obstante, coa máxima urxencia das medidas adoptadas».

Cinco. A sección 7ª do capítulo II queda redactada como segue:

«Sección 7ª. Organización territorial

Artigo 24. Servizos territoriais, número e sede

1. O territorio de Galicia queda dividido nas zonas hidrográficas que se indican, incluídas as correspondentes augas costeiras e de transición:

a) Zona hidrográfica de Galicia Sur, con sede na cidade de Vigo, que abarca os sistemas de explotación parciais 1 ao 4, este incluído.

b) Zona hidrográfica de Galicia Centro, con sede na cidade de Santiago de Compostela, que abarca os sistemas de explotación parciais 5 ao 9, este incluído.

c) Zona hidrográfica de Galicia Norte, con sede na cidade da Coruña, que abarca os sistemas de explotación parciais 10 ao 16, este incluído.

d) Zona hidrográfica da Mariña, con sede na cidade de Lugo, que abarca as bacías dos ríos intracomunitarios dos sistemas de explotación parciais 17 ao 19, este incluído.

2. Existirán, dependendo da Comisaría de Augas, os seguintes servizos territoriais de Augas de Galicia:

a) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Sur, con sede na cidade de Vigo.

b) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro, con sede na cidade de Santiago de Compostela.

c) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Norte, con sede na cidade da Coruña.

d) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica da Mariña , con sede na cidade de Lugo.

3. Existirá, dependendo da Dirección de Augas de Galicia, unha oficina de Augas de Galicia con sede na cidade de Ourense.

4. Os sistemas de explotación parciais a que se refire o punto 1 deste artigo son os recollidos no artigo 3 do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, aprobado polo Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro, publicado no Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro de 2023 por Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 10 de febreiro de 2023.

O territorio da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, de cada unha das zonas hidrográficas desta demarcación e de cada un dos seus sistemas de explotación poderá consultarse no enderezo electrónico da páxina web do sistema de información IDE-DHGC (Infraestrutura de datos espaciais da demarcación hidrográfica de Galicia Costa), que estará dispoñible desde o enderezo electrónico da páxina web corporativa de Augas de Galicia (na actualidade https://augasdegalicia.xunta.gal).

Artigo 25. Funcións dos servizos territoriais

1. Son funcións dos servizos territoriais de Augas de Galicia, nos seus respectivos ámbitos territoriais, respectando en todo momento o principio de unidade de xestión da bacía hidrográfica, as seguintes:

a) Representar a Augas de Galicia no seu respectivo ámbito territorial e velar polo cumprimento e a aplicación correcta de todas as disposicións, instrucións e ordes que dite a Comisaría de Augas e os demais órganos de goberno e administrativos da entidade.

b) A organización e a realización das tarefas comúns de réxime interior requiridas para o seu funcionamento.

c) A tramitación e a realización da proposta de resolución dos procedementos de autorizacións e concesións relativos ao dominio público hidráulico, excepto os relativos aos aproveitamentos hidroeléctricos e ás verteduras, de constitución de servidumes de augas e de constitución de comunidades de persoas usuarias.

d) A tramitación e a proposta de resolución da aprobación das ordenanzas e dos estatutos das comunidades de persoas usuarias na demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

e) A tramitación e a proposta de resolución dos procedementos relativos aos contratos de cesión de dereitos de uso da auga.

f) A tramitación dos procedementos en que se require a presentación dunha declaración responsable.

g) A dirección e a coordinación dos efectivos da gardaría fluvial adscritos ao seu ámbito territorial.

h) A inspección e a vixilancia dos aproveitamentos de augas públicas e das obras derivadas de concesións e autorizacións no dominio público hidráulico e, de ser competente Augas de Galicia, no dominio público marítimo-terrestre, así como das explotacións de todos os aproveitamentos de augas públicas, calquera que sexa a súa titularidade.

i) O control e o seguimento das concesións e autorizacións outorgadas, incluído o relativo ao cumprimento dos caudais ecolóxicos.

j) A incoación, a instrución e a realización da proposta de resolución dos procedementos sancionadores en materia de dominio público hidráulico, excepto os referidos a verteduras.

k) O seguimento da execución das obras programadas polos servizos centrais de Augas de Galicia que lle sexa expresamente encomendado.

l) Informar e asesorar as entidades locais, mancomunidades, consorcios e empresa públicas en materias da súa competencia, especialmente no relativo á xestión e utilización racional da auga.

m) Prestar o apoio administrativo que lle encomende a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas no ámbito do servizo territorial correspondente.

n) En xeral, o desenvolvemento de cantas funcións lle sexan encomendadas pola Dirección de Augas de Galicia.

2. Son funcións da oficina de Augas de Galicia en Ourense o apoio administrativo que lle encomende a Subdirección Xeral de Planificación de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas e, en xeral, o desenvolvemento de cantas funcións lle sexan encomendadas pola Dirección de Augas de Galicia».

Disposición adicional primeira. Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes

1. Augas de Galicia garantirá e promoverá, nos seus ámbitos de actuación, a aplicación do principio de igualdade en todas as súas manifestacións e, moi especialmente, no que afecta a igualdade por razón de sexo, e integrará activamente, na súa organización e actividades, a dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos e a todos os niveis.

2. Na composición dos órganos colexiados atenderase ao principio de presenza equilibrada de homes e mulleres.

Disposición adicional segunda. Referencia aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación

As referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación por este decreto entenderanse realizadas aos que os substitúen ou asumen as súas funcións.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia

Modifícase o punto 5 da disposición adicional sexta do Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que queda redactado como segue:

«5. O Comité de Autoridades Competentes nomeará a persoa que exerza as funcións da súa secretaría, con voz pero sen voto, entre o persoal adscrito á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia».

Disposición derradeira segunda. Disposicións de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de maio de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente da Xunta de Galicia

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade