Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32815

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Reboiro, sito nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A/2018/041).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Reboiro, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 19.12.2018 o promotor, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Reboiro, sito nos concellos Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo). Con data do 18.3.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude.

Segundo. Con data do 1.9.2020, esta dirección xeral procedeu a solicitar os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Terceiro. Con data do 2.12.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que o aeroxenerador RE1 se atopa a unha distancia de 445 metros do núcleo de Coedo do Concello do Corgo, polo que non cumpre a distancia mínima de 500 metros aos núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. As posicións do resto dos aeroxeneradores cumpren a antedita distancia mínima. Así mesmo, recóllense os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Cuarto. Con data do 14.12.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no que indica o procedemento ambiental a seguir e os organismos que se debían consultar durante a fase de información pública.

Quinto. Con data do 10.5.2021, Green capital Power, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado Parque Eólico Reboiro (expediente IN408A/2018/041) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental. Con data do 29.9.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

Sexto. Con data do 21.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (PSEGA) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Sétimo. Con data do 23.11.2021 esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Reboiro á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

Oitavo. Mediante o Acordo do 15 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto do parque eólico Reboiro, nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo) (expediente IN408A 2018/041).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24 de febreiro de 2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Baralla, Castroverde e O Corgo), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da xefatura territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom (Retevisión), Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Dirección Xeral de Estradas, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello de Baralla, Concello de Castroverde, Concello do Corgo e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 7.3.2022, Cellnex Telecom (Retevisión) o 21.3.2022, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 10.3.2022 e o 27.4.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 28.5.2022 e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. Con data do 25.5.2022 a xefatura territorial emitiu informe favorable relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto: «Parque eólico Reboiro 49,5 MW. Proxecto executivo. Xaneiro 2022» e addenda «Parque eólico de Reboiro 49,5 MV. Resposta ao requirimento (UT A12X00215) ao proxecto executivo».

Décimo primeiro. Con data do 2.6.2022 a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental.

Décimo segundo. Con data do 12.8.2022 Green Capital Power, S.L. presentou ante esta dirección xeral o proxecto refundido do parque eólico Reboiro 49,5 MW. Xullo 2022.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Baralla, Concello de Castroverde e Concello do Corgo.

Cumprimentada a tramitación ambiental, o 5.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 5 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro).

Décimo cuarto. Con data do 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo quinto. Con data do 9.2.2023 Green Capital Power, S.L. presentou o proxecto de execución refundido e separatas técnicas para a emisión do condicionado técnico dos seguintes organismos: Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Dirección Xeral de Estradas, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Concello de Baralla, Concello de Castroverde e Concello do Corgo.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 1.3.2023 e Dirección Xeral de Telecomunicacións o 6.3.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo sexto. Con data do 21.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a modificación da documentación técnica refundida como consecuencia da detección que as posicións dos aeroxeradores 6 e 7 do parque eólico Reboiro infrinxen o establecido na Instrución Técnica Complementaria ITC-LAT 07, do Real decreto 223/2008, respecto da área de servidume aérea para a LAT 132 kV SET PE Serra da Lagoa-SET PE Navallos (expediente IN408A/2020/117), de Enerxías Renovables de Galicia, S.A. e para a LAT Montelora (expediente IN408A/2017/009) de Naturgy Renovables, S.L.U.

Décimo sétimo. Con data do 8.3.2023 Green Capital Power, S.L. achegou a autorización do 28.2.2023 da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para o proxecto do parque eólico Reboiro.

Décimo oitavo. Con data do 13.3.2023 Green Capital Power, S.L. achegou un novo proxecto de execución refundido onde elimina os aeroxeradores RE06 e RE07 e respondeu ao requirimento mencionado no antecedente de feito décimo sexto indicando que non son necesarias novas separatas para os seguintes organismos que xa informaron durante o tramite de información pública:

• Retegal.

• Retevisión.

• Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS).

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC).

Décimo noveno. O 27.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 37,02 MW, segundo os informes do xestor da rede do 7.5.2020 e do 13.10.2021, sendo a potencia instalada de 49,5 MW. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo de 2022), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro) e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 15.3.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación no que se recolle a resposta destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 5.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Cabana de Baralla, Castroverde e O Corgo, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, da Sociedade Galega de Historia Natural, da Federación Ecoloxista Galega e da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental». Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria) Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban contemplar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades.

Polo tanto, ese suposto «troceamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 15 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, incluídos os impactos provocados pola futura liña de evacuación do parque eólico Reboiro.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real Decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do RD 1183/2020, modifica o RD 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto medioambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados eléctricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo a perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Reboiro comparte parte da liña de evacuación con outros promotores, o que non impide que teñan carácter unitario e que podan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 24.11.2022 informe favorable do documento «Memoria refundida da avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural do Proxecto do Parque Eólico Reboiro. Concellos de Castroverde, Baralla e O Corgo (Lugo). Xullo 2022», coas medidas protectoras e correctoras propostas neste documento e o resto de condicións incluídas no informe da DXPC firmado o 2.6.2022, e tendo en conta as seguintes consideracións:

1. As sondaxes arqueolóxicas propostas na documentación como medida correctora específica deberán realizarse antes do inicio de calquera obra. Para tal fin, deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un proxecto arqueolóxico axustado ao establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso dos xacementos arqueolóxicos Túmulos da Mocha 1 e 2, as sondaxes arqueolóxicas tamén deberán prever a valoración daquelas áreas que poidan ser alteradas polo acondicionamento das vías de acceso ao parque eólico. O resultado destas intervencións arqueolóxicas deberán comunicarse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que segundo os resultados poderá indicar as medidas protectoras e correctoras que considere oportunas.

2. De acordo cos artigos 39 e 45 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, as intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como no seu contorno de protección ou zona de amortecemento, terán que se autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e para estes efectos, o promotor ou os concellos logo da concesión de licenza deberán remitir o correspondente proxecto técnico.

En relación coa afección ao medio hídrico, recóllese informe da demarcación hidrográfica afectada polo proxecto:

– A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) emitiu informe favorable condicionado o 1.7.2022, establecendo cuestións a considerar antes da execución do proxecto.

Con respecto á posible vulneración das normas de conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural no seu informe acerca do estudo de impacto ambiental do Proxecto do parque eólico Reboiro, do 10.6.2022 indica que a «Á vista dos antecedentes e da análise da documentación, se considera que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta as seguintes consideracións» En resposta ao dito informe, o promotor presenta un escrito do 8.7.2022 no que manifesta a súa conformidade co contido do informe, expoñendo unha serie de consideracións respecto das medidas establecidas pola dirección xeral para os quirópteros e a avifauna.

En relación cos efectos sinérxicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural analiza e valora os posibles efectos acumulativos e sinérxicos do parque a raíz da confluencia na mesma área de desenvolvemento eólico (ADE) de máis instalacións eólicas. Segundo a análise da documentación presentada, esta Dirección Xeral conclúe que o presente proxecto non provoca efectos incompatibles no ámbito das súas competencias.

No que respecta os posibles prexuízos significativos e incompatibles coa paisaxe e co turismo e as posibles afeccións paisaxísticas, no expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio (IET) do 23.11.2022, en relación co impacto e integración paisaxística, no cal se conclúe que o principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores e que esta incidencia visual ben que non supón un impacto crítico, non poderá ser mitigada con medidas correctoras, agás nos núcleos rurais mediante as barreiras vexetais establecidas no EIIP.

No relacionado coa afección a valados tradicionais, indica que cómpre adoptar medidas preventivas en relación con estes. O promotor presenta documento no que reduce as afeccións aos muros e valados tradicionais seguindo as directrices marcadas polo Instituto de Estudos do Territorio.

No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 19.8.2022: «tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de (mantemento permanente do acceso dos medios dos servizos de prevención de incendios forestais aos puntos de carga de auga e resto de infraestruturas de incendios forestais), infórmase favorablemente a realización do parque eólico Reboiro, situado nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo na provincia de Lugo».

No que respecta ás posibles afeccións a saúde humana e o benestar derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública informou o 2.12.2022: «infórmase como favorable condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, da documentación e información dos aspectos que se relacionan a continuación:

1. Con respecto ao ruído e vibracións (para máis información ver punto 3.1.3) , non se achegan os datos que se empregan para facer o estudo do efecto acumulativo/sinérxico».

2. Con respecto ao efecto parpadeo (para máis información ver punto 3.1.5) non se avalía o posible efecto sinérxico sobre os receptores da contorna do parque, en relación con outros parques instalados ou en execución. Non recolle un plan de seguimento específico durante o primeiro ano. Considera como única medida correctora a implantación de barreiras, no caso de superar o limiar de 8 h/ano para o «caso real», non recolle outras medidas como pode ser a parada técnica dos aeroxeradores implicados.

Así mesmo, en relación aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, cómpre indicar que esta acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

No que respecta ás alegacións sobre a ausencia do estudo do potencial eólico, téñase en conta que no proxecto de execución, concretamente no «Anexo 3. Estudo do recurso eólico», achégase a estimación enerxética do proxecto.

Respecto ás alegacións sobre a falta de información, de difusión e claridade da información pública cabe remitirse cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.1. Resumo da tramitación, no que se recollen as diferentes publicacións do «Acordo do 15 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se someten a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto parque eólico Reboiro, nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo). Exp. IN408A 2018/041». Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública que estiveron a disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo, e na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo.

No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.10.2021, recóllese que: «Comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Corgo do 19.5.2015, Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Castroverde do 14.3.2008 e Normas subsidiarias de planeamento do Concello de Baralla do 18.6.1986), e as coordenadas dos 11 aeroxeneradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable».

Corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de 21.10.2022.

No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, compre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei». Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles. Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 5.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Reboiro, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 5.1.2023, e recollida no antecedente de feito décimo terceiro desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Reboiro, considerando que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Reboiro.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Reboiro, sito nos concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 37,02 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Reboiro, composto polo documento Proyecto refundido do parque eólico Reboiro 49,5 MW. Marzo 2023, asinado o 10.3.2023 pola enxeñeira industrial Marta Gómez Sánchez (colexiada nº 4.379 do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales del Principado de Asturias) e visado no Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Burgos y Palencia co nº PA230085 do 10.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Power, S.L.

Enderezo social: Paseo del Club Deportivo 1, edif. 13, 1º, 28223 Pozuelo de Alarcón (Madrid).

Denominación: parque eólico Reboiro.

Potencia instalada: 49,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 37,02 MW.

Produción neta: 89.725 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 1.813 horas.

Concellos afectados: Baralla, Castroverde e O Corgo (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 34.906.636,83 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

636.732,22

4.750.786,49

P2

635.875,08

4.756.786,49

P3

639.875,08

4.756.786,49

P4

641.875,08

4.750.786,49

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

RE01

637.022,16

4.754.192,22

RE02

636.982,77

4.754.671,54

RE03

636.864,91

4.755.096,99

RE04

637.457,07

4.755.987,86

RE05

638.189,57

4.755.407,55

RE08

639.752,61

4.754.324,85

RE09

639.980,99

4.753.906,99

RE10

640.078,46

4.753.264,00

RE11

640.454,10

4.752.950,48

Coordenadas da torres meteorolóxica do parque eólico:

Torre met.

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

640.514

4.752.583

Coordenadas do centro da subestación do parque eólico e da súa envolvente:

Sub.

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Centro

638.238,01

4.754.887,15

P01

638.193,31

4.754.889,12

P02

638.222,43

4.754.955,97

P03

638.246,08

4.754.951,68

P04

638.272,69

4.754.944,36

P05

638.286,06

4.754.939,25

P06

638.286,73

4.754.938,80

P07

638.292,13

4.754.936,42

P08

638.297,60

4.754.934,82

P09

638.299,74

4.754.932,68

P10

638.329,33

4.754.937,30

P11

638.306,68

4.754.820,39

P12

638.298,24

4.754.806,52

P13

638.257,47

4.754.832,70

P14

638.221,19

4.754.856,63

P15

638.188,19

4.754.880,02

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Nove (9) aeroxeradores modelo GE158-5.5 MW de 5,5 MW de potencia nominal unitaria, con 121 m de altura de buxa, 158 m de diámetro de rotor cos seus correspondentes centros de transformación, instalados no interior da góndola do aeroxerador, con potencia nominal unitaria de 5.527/5.730 kVA e relación de transformación 0,75/30 kV.

– Rede de media tensión soterrada para a evacuación de enerxía a 30 kV, composta por 4 circuítos con condutores tipo RHZ1-2OL 18/30 kV AL, de interconexión entre os centros de transformación do aeroxerador con 0,75/30 kV, e a subestación transformadora 30/132 Kv.

– Unha torre meteorolóxica de 121 m de altura.

– Subestación transformadora do parque eólico Reboiro a 30/132 kV, para a evacuación da enerxía producida no parque eólico, cunha posición de transformador 40/55 MVA ONAN/ONAF.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 310.229 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 5.1.2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil de acordo aos apartados 4.1.2, 4.1.4 e 4.1.5 da DIA.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 5.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais