Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33467

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 11 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións públicas, en réxime de concorrencia non competitiva, a centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para dotación de aulas dixitais, financiadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento ED301K).

O artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A través do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 119/2022, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades asume a xestión das subvencións e axudas públicas no ámbito da educación dixital co reto de alcanzar unha maior presenza da educación dixital e contextos híbridos de ensino-aprendizaxe.

O sistema educativo ten un papel de máxima relevancia na adquisición das competencias necesarias para que a cidadanía poida participar na vida social, económica e civil. Para abórdalo, a educación dixital debe abrirse plenamente á comunidade e cooperar con todos os axentes educativos, tecnolóxicos e culturais.

A Estratexia de Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia e a Estratexia Educación Dixital 2030 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades promoven a consecución dunha cidadanía dixital plena a través do fomento e desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e a perfección das competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital, e o recentemente aprobado Plan de nova arquitectura pedagóxica recolle a decisión da Consellería de incluír espazos propios para o desenvolvemento destas actividades. Isto supón, en definitiva, a adaptación dos espazos educativos ás necesidades metodolóxicas presentes.

A crise xerada pola COVID-19 puxo de manifesto a importancia de integrar, de xeito natural, os recursos dixitais en todos os aspectos do feito educativo. Xa non se trata de educar para a vida dixital senón que a escola debe ser vida dixital.

O Consello Europeo do 21 de xullo de 2020, consciente da necesidade neste momento histórico dun esforzo sen precedentes e dunha formulación innovadora que impulsasen a converxencia, a resiliencia e a transformación na Unión Europea, acordou un paquete de medidas de grande alcance.

Estas medidas xuntan o marco financeiro plurianual (MFP) para 2021-2027 reforzado e a posta en marcha dun instrumento europeo de recuperación (NextGenerationEU), cuxo elemento central é o Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

A instrumentación da execución dos recursos financeiros do Fondo Europeo de Recuperación realizarase a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021, de conformidade co establecido pola Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

Os proxectos que constitúen o devandito plan permitirán a realización de reformas estruturais os próximos anos, mediante cambios normativos e investimentos e, por tanto, posibilitarán un cambio do modelo produtivo para a recuperación da economía tras a pandemia causada pola COVID-19 e, ademais, unha transformación cara a unha estrutura máis resiliente que afronte con éxito outras posibles crises ou desafíos no futuro.

No marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia inclúese o compoñente 19, Plan nacional de competencias dixitais (digital skills), na política panca VII, referida á educación e coñecemento, formación continua e desenvolvemento de capacidades.

O principal obxectivo deste compoñente do Plan de recuperación, transformación e resiliencia español é aumentar o nivel de competencias dixitais (básicas e avanzadas) mediante accións dirixidas a diversos grupos de poboación.

Esta orde regula as axudas aos centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para dar resposta á necesidade de dispoñer e aproveitar recursos tecnolóxicos que permitan a mellora e o avance cara a unha educación de calidade que se reflicta nos procesos de ensino e aprendizaxe a través da posta á disposición da dotación tecnolóxica nos centros educativos, que permitan a docentes e alumnado un acceso a medios dixitais apropiados para o ensino e a aprendizaxe, posibilitando un desenvolvemento competencial no alumnado que abarque todas as competencias do currículo e, neste caso, especialmente a competencia dixital necesaria para unha integración adecuada na sociedade e no mercado laboral do século XXI. Esta dotación non só facilitará o ensino e a aprendizaxe con medios dixitais de forma xeneralizada nos centros educativos, senón tamén a distancia, posibilitando as modalidades mixtas de ensino.

Esta actuación contribúe ao logro do obxectivo nº 291 do anexo da Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID) e correspóndese co investimento 2 deste compoñente (C19-I2), referido á transformación dixital da educación, que prevé a instalación, actualización e mantemento de sistemas dixitais interactivos (SDI) en aulas nos centros públicos ou subvencionados con fondos públicos co fin de permitir a aprendizaxe a distancia e mixta.

Tanto as reformas como os investimentos incluídos neste compoñente contribúen á transición dixital, reforzando a coherencia e coordinación no proceso de dixitalización da economía e a sociedade españolas.

Na sesión do día 21 de xullo de 2021, no seo da Conferencia Sectorial de Educación, aprobouse a proposta de distribución territorial e os criterios de repartición dos créditos xestionados polas comunidades autónomas destinados ao Programa de cooperación territorial para a dixitalización do sistema educativo # EcoDigEdu, no exercicio orzamentario 2021, no marco do compoñente 19, Plan nacional de competencias dixitais (digital skills), do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia.

A presente orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Será de aplicación a esta convocatoria o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia en todas as medidas que axuden a axilizar e flexibilizar a súa tramitación.

En virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras relativas ás axudas destinadas a dotar as aulas dos centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, dos medios dixitais apropiados para o ensino e aprendizaxe en calquera modalidade: presencial, a distancia e mixta, no marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, así como acordar a súa convocatoria para o ano 2023.

Esta medida recolle aquelas aulas dos centros educativos que ben non dispoñen dun sistema dixital interactivo (SDI) ou ben necesitan completalo co obxectivo de contar cos medios suficientes para o ensino cos medios dixitais.

2. O ámbito de aplicación esténdese a todos os centros educativos privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. En todo caso, non se poderá solicitar axuda para aquelas aulas que xa obtivesen subvención con cargo á convocatoria do ano 2022, aprobada pola Orde do 11 de agosto de 2022 (DOG núm. 167, do 2 de setembro).

4. As presentes bases reguladoras deixan sen efecto as bases aprobadas pola Orde do 11 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para a dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED301K) (DOG núm. 167, do 2 de setembro).

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As resolucións de concesión ditaranse por orde de presentación de solicitudes, unha vez realizadas as comprobacións de concorrencia da actuación subvencionable e o cumprimento do resto de requisitos exixidos na convocatoria, ata o esgotamento do crédito orzamentario asignado na convocatoria.

Para estes efectos, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades o esgotamento do crédito orzamentario asignado á presente convocatoria e a inadmisión de posteriores solicitudes destinadas a participar del.

2. As axudas enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), instrumento de financiamento orientado aos resultados, fitos e obxectivos indicados nel, que resultan vinculantes para todas as administracións públicas participantes. De maneira específica, as bases reguladoras dítanse en desenvolvemento do compoñente 19, investimento 2, do mencionado PRTR, e de conformidade co establecido pola Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

3. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas no 100 % polos fondos NextGenerationEU, a través dos créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, polo que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

Artigo 3. Réxime xurídico aplicable

1. Respecto a todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras, de procedente aplicación:

a) Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.

b) Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

c) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos, así como resto de normas da Unión Europea sobre a materia e estatais de desenvolvemento ou transposición destas.

d) Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

e) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

f) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

g) Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

h) Real decreto 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban as medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

i) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

k) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

l) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

m) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

n) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ñ) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. As axudas previstas nestas bases reguladoras estarán sometidas á plena aplicación dos procedementos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e demais normativa da Unión Europea aplicable á xestión, así como as obrigas específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea.

3. Por outra parte, estas axudas non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo determinadas empresas ou producións, ao seren as entidades beneficiarias de subvención os centros educativos sostidos con fondos públicos.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios da subvención os centros docentes privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan un porcentaxe do 30 % do alumnado vulnerable no segundo ciclo de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e/ou formación profesional básica.

Enténdese por alumnado vulnerable, nun sentido amplo, aquel que presente algunha das circunstancias que se describen a seguir: necesidades asistenciais (alimentación, vivenda e subministracións básicas, etc.), escolares (clima familiar propicio, fenda dixital, material escolar, etc.), necesidades socioeducativas (actividades complementarias, extraescolares, etc.), necesidades educativas especiais, altas capacidades, dificultades específicas de aprendizaxe, incorporación tardía no sistema educativo, dificultades para a aprendizaxe por necesidades non cubertas. Todas elas barreiras que condicionan, potencial ou efectivamente, as posibilidades de éxito educativo do alumnado.

2. Todos os requisitos exixidos para solicitar estas axudas ou para obter a condición de beneficiario deberán cumprirse antes da finalización do prazo de solicitude previsto na correspondente convocatoria.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa solicitante.

Artigo 5. Modalidades

1. As axudas subdivídense en dúas modalidades:

A) Modalidade A: creación de aulas dixitais básicas e/ou reposición de equipamento dixital das aulas.

O obxectivo básico desta actuación é a creación de aulas dixitais básicas polo que, como mínimo, deberán dispoñer dun panel táctil interactivo e un equipamento informático en cada aula:

– Panel dixital interactivo de 62” ou superior, con sistema de ancoraxe á parede. Poderá integrar ou non sistema OPS, nese caso non será necesario un equipamento informático.

Para estes efectos, un panel dixital interactivo de 62” é un panel de vídeo con pantalla táctil que permite actuar sobre a imaxe mediante o dedo ou un punteiro. Importante: este tipo de dispositivos non precisa de proxector xa que pode amosar a imaxe no propio panel. Un encerado dixital interactivo (que precisa de proxector para amosar imaxes) non é un panel dixital interactivo.

– Equipamento informático:

• Sobremesa.

• Portátil (pode incluír accesorio dock station).

• Sistema OPS. Un sistema OPS consiste nun ordenador integrado no propio panel dixital interactivo, con conexións internas co panel para compartir a fonte de corrente, saída de vídeo, etc.

Tamén serán obxecto de axuda a través desta modalidade, as accións de reposición do equipamento dixital de aula, sempre que se substitúan os elementos básicos desta. A substitución dos devanditos elementos básicos por paneis dixitais interactivos para a ampliación da vida operativa da aula e os sistemas computarase como dixitalización desta para os efectos de xustificación.

Esta actuación poderá ser complementada coa adquisición dun equipamento informático para a mesma aula. A simple substitución dun equipamento informático, sen substituír o outro dos elementos básicos desta (o panel dixital interactivo), non poderá computarse dentro da acción de dixitalización da aula e, por tanto, non poderá xustificarse o investimento.

B) Modalidade B: actuación para completar aulas dixitais básicas.

Nas aulas que xa conten co equipamento básico de dixitalización, paneis dixitais interactivos e equipamento informático, do tamaño e calidade adecuados (tamaño non inferior a 62”, entre outras características), poderanse acometer accións de ampliación, dentro do Plan, nalgunha das submodalidades seguintes:

B.1. Conversión de aulas dixitais básicas a aulas dixitais interactivas.

Poderanse ampliar e/ou complementar aulas dixitais básicas para convertelas en aulas con capacidade de ensino híbrido (presencial/non presencial), coa condición de que a dita ampliación inclúa, polo menos, un panel adicional que non necesariamente deberá ser interactivo.

Nesta acción, poderase xustificar tamén o gasto de todos os elementos adicionais, tales como segundo panel, cámara con capacidade de seguimento, sistema de megafonía e sistema de microfonía, etc.

B.2. Ampliación de equipamento en aulas dixitais específicas.

Naquelas aulas específicas relacionadas cos ensinos de áreas ou materias determinadas, que xa conten con parte do equipamento dixital necesario para a súa dixitalización (en todo caso este equipamento preexistente ten que supoñer que xa ten consideración de aula dixital básica segundo o indicado na modalidade A), poderase ampliar o número dos equipamentos ou mellorar as características técnicas dos existentes nunha actuación de ampliación do equipamento, sempre que a dita ampliación se circunscriba a elementos de dixitalización ou mellora dos preexistentes.

Para estes efectos, terá consideración de aula dixital específica, por exemplo, a dotación de postos adicionais nun aula de informática.

B.3. Ampliación de equipamento en aulas básicas.

Esta actuación refírese á ampliación de aulas dixitais básicas, previamente dotadas dun panel dixital interactivo de polo menos 62” e un sistema informático, integrado ou non nela, que lle dá servizo.

Esta ampliación poderá consistir na adquisición e instalación de elementos complementarios, tales como cámaras de documentos, sistemas de votación, sistema de dock station para dar mobilidade ao equipamento do profesorado, substitución do PC por equipamento portátil, etc.

Nesta actuación de ampliación non será precisa a instalación dun segundo panel interactivo se o tamaño, características e período de vida útil do principal se manteñen dentro das especificacións que se foron enumerando ao longo do presente documento.

2. En todo caso, non cabe solicitar para a mesma aula varias modalidades das indicadas.

Artigo 6. Financiamento

1. As subvencións obxecto desta convocatoria financiaranse cargo á aplicación orzamentaria 10.01.421A.782.0, código de proxecto 2022 00072, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por importe total de 2.040.290,68 €, financiados pola Unión Europea-NextGenerationEU, a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

2. Os anteditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de educación dixital, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, sexan efectivamente realizados desde o 1 de xaneiro ata o 1 de novembro de 2023 e fosen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e que se detallan a continuación:

• Todos os dispositivos necesarios para a dixitalización dunha aula.

• As garantías dos equipamentos e os servizos de instalación e configuración de dispositivos, coa condición de que non devindiquen en cotas periódicas posteriores ao investimento realizado.

• Seguros de rotura de pantalla, extravío, furto ou roubo, coa condición de que se asocien ao investimento inicial, e se aboen como parte do prezo desta, nun único pagamento no momento da entrega dos dispositivos, co límite do 30 % anual do custo do investimento.

• Bens inmateriais que se asocien aos materiais, tales como licenzas de sistema operativo, aplicacións e programas, ou licenzas de uso de plataformas de xestión ou outras de natureza similar, sempre que se alcance o número de dispositivos ou aulas que se soliciten e se aboen como un único pagamento asociado ao propio investimento, aínda cando se permitan as entregas parciais e as facturacións asociadas a estas.

• Servizos de instalación e configuración asociados ao despregamento do equipamento adquirido e no marco de cada aula, incluído o tendido de puntos de rede física desde o centro de repartición máis próximo, instalación e configuración de puntos de acceso sen fíos na propia aula conectado ao centro de repartición máis próximo e tendidos eléctricos para alimentar os equipamentos, desde o cadro eléctrico máis próximo, incluída a adecuación do cadro eléctrico coa adición dos novos compoñentes eléctricos necesarios.

• Mobiliario de carga para dispositivos móbiles asociado a unha aula determinada.

Se a persoa beneficiaria está suxeita ao ámbito de aplicación da Lei 3/2004, de loita contra a morosidade nas operacións comerciais deberá ter aboado os ditos pagamentos nos prazos previstos na dita norma.

2. Non serán gastos subvencionables:

• Obra civil para a remodelación de espazos.

• Mobiliario a excepción do mobiliario de carga de dispositivos móbiles asociado a unha aula determinada.

• Tendidos xeneralizados de infraestrutura de rede e modificación de armarios de repartición, salvo os imprescindibles para dar conectividade a unha aula determinada e asociados ao investimento desta.

• Modificación xeneralizada de cadros eléctricos do centro, salvo as operacións concretas para dotar unha aula determinada de alimentación eléctrica dos dispositivos obxecto do investimento e sempre asociados a esta.

• Servizos de renting e ou leasing de dispositivos.

• Servizos de soporte, configuración e/ou mantemento (CAU), salvo que se asocien ao investimento concreto do equipamento e se computen como parte do investimento, sen xerar gastos recorrentes.

• Servizos de comunicacións salvo os que estean asociados a un equipamento concreto e se computen como parte do investimento, sen xerar gastos recorrentes.

3. Os equipamentos cumprirán cos requisitos de eficiencia de materiais establecidos de acordo coa Directiva 2009/125/EC para servidores e almacenamento de datos, ou computadoras e servidores de computadoras ou pantallas electrónicas. Os equipamentos utilizados non conterán as substancias restrinxidas enumeradas no anexo II da Directiva 2011/65/UE, excepto cando os valores de concentración en peso en materiais homoxéneos non superen os enumerados no devandito anexo. Ao final da súa vida útil, os equipamentos someteranse a unha preparación para operacións de reutilización, recuperación ou reciclaxe, ou un tratamento adecuado, incluída a eliminación de todos os fluídos e un tratamento selectivo de acordo co anexo VII da Directiva 2012/19/UE.

4. De conformidade co artigo 29.8 da Lei de subvencións de Galicia, os tributos son gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os paga efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 8. Importes máximos subvencionables

O importe da subvención será do 100 % do investimento subvencionable. Para a determinación do investimento subvencionable detraeranse os gastos non subvencionables, tendo en conta a existencia dos seguintes límites de investimento subvencionable:

Na modalidade A: o número máximo de aulas básicas que poderá solicitar cada centro en aulas de ensino concertado será de 1 por cada 25 de alumnos/as en segundo ciclo de educación infantil e primaria, e de 1 por cada 30 alumnos/as en educación secundaria obrigatoria e formación profesional básica.

O importe máximo subvencionable por aula será de 2.800 €.

Na modalidade B:

• Submodalidade B.1: o número máximo de aulas dixitais básicas que poderán completarse ou ampliarse será 1 por cada 25 alumnos/as de segundo ciclo de educación infantil e primaria en ensino concertado e de 1 por cada 30 alumnos/as de educación secundaria obrigatoria e formación profesional básica en ensino concertado. O importe máximo subvencionable por cada aula ampliada será de 2.500 €.

• Submodalidade B.2: o número máximo de aulas específicas que poderán ampliarse será de 1 cunha inversión mínima de 2.500 € ata un máximo de 5.000 €.

• Submodalidade B.3: o número máximo de aulas dixitais básicas que poderán completarse ou ampliarse será 1 por cada 25 alumnos/as de segundo ciclo de educación infantil e primaria en ensino concertado e de 1 por cada 30 alumnos/as de educación secundaria obrigatoria e formación profesional básica en ensino concertado. O investimento mínimo será de 1.000 € ata un máximo de 2.000 € por cada aula.

Na tramitación das axudas terán preferencia as presentadas a través das modalidades A e B.3, de xeito que se resolverán, en primeiro termo, as solicitudes destas modalidades e, con posterioridade, resolveranse as solicitudes do resto de modalidades B co crédito dispoñible.

Os centros de educación especial que non acaden as ratios establecidas neste artigo poderán solicitar, cumprindo o resto de requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria, axuda para a dixitalización dunha aula por centro para unha única modalidade das establecidas anteriormente.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude deberá indicar a modalidade de axuda, e deberá estar asinada pola persoa representante do centro educativo.

3. Achegaranse as seguintes declaracións responsables recollidas no anexo I:

a) Declaración responsable das axudas, subvencións, ingresos e recursos concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais ou de organismos internacionais.

b) Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e de que acepta as condicións e obrigas recollidas para estas axudas nesta convocatoria.

c) Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

f) Declaración responsable de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), establecida no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, para a identificación do perceptor final de fondos.

g) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que poidan afectar o ámbito obxecto de xestión, de acordo co establecido na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

h) Declaración responsable, no caso das empresas que resultasen beneficiarias dos préstamos ou anticipos con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia en exercicios anteriores, de estar ao día no pagamento das obrigacións de reembolso de calquera outro préstamo ou anticipo concedido anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión destes fondos nos orzamentos xerais do Estado.

i) Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

j) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

k) Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

l) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

m) Declaración responsable relativa a se as aulas para as cales se solicita a axuda obtiveron ou non subvención con cargo á convocatoria do ano 2022, aprobada pola Orde do 11 de agosto de 2022.

En todo caso, a presentación da solicitude implicará que a persoa solicitante acepta as bases da convocatoria e que son certos os datos indicados nesta e na documentación achegada.

4. O prazo límite de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indicarase ademais que, de non facelo, se considerará que desiste na súa petición, despois de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración responsable da persoa titular da dirección do centro xustificativa do cumprimento da porcentaxe do 30 % do alumnado vulnerable, así como do número total de alumnado en ensino concertado no centro educativo no segundo ciclo de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e/ou formación profesional básica, de acordo co modelo establecido no anexo VII.

b) Documento elaborado e subscrito pola persoa titular da dirección do centro co seguinte contido mínimo, de acordo co modelo establecido no anexo VI (Memoria das actuacións):

– Breve descrición, características técnicas e estado actual da infraestrutura dixital nas aulas do centro.

– Xustificación da necesidade das actuacións que se pretenden realizar coa descrición individualizada por cada aula nova ou mellorada, das características dos equipamentos, número de alumnos/as que se benefician, actividades que se desenvolverán nas aulas.

– Orzamento detallado do investimento en cada aula.

– Se é o caso, xustificación e orzamento doutras actuacións necesarias para executar este investimento.

Poderanse utilizar tantos anexos VI como sexa necesario para describir as actuacións de todas as aulas que se pretendan dixitalizar individualmente, ou incluso poden usarse follas á parte, que deberán seguir o esquema do anexo VI para cada unha das aulas e estaren asinadas.

c) Os tres orzamentos de diferentes provedores que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba solicitar o beneficiario, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realice con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Acreditación da non compensación nin recuperación do IVE, se é o caso.

e) Acreditación da representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI ou NIE da persoa solicitante.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Publicación de actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión das axudas.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicación a través da páxina web, portal educativo http://www.edu.xunta.gal/portal, a proposta de resolución provisional.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.

Artigo 16. Compatibilidades

Estas subvencións serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

Conforme o artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, os proxectos de investimento financiados polo Mecanismo de recuperación e resiliencia poden recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión, sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo que o que xa financie a subvención deste programa.

As entidades beneficiarias deberán comunicar á Administración que conceda as subvencións a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, sen incorrer en dobre financiamento sobre o mesmo custo, procedentes de calquera outra Administración ou ente público, nacionais ou internacionais.

Artigo 17. Órganos competentes

A Vicesecretaría Xeral da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e elaborará a proposta de resolución provisional.

Por outra parte, corresponderá á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica ditar a resolución de concesión.

Artigo 18. Alteración de datos

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante ao órgano instrutor.

Artigo 19. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Vicesecretaría Xeral poderá requirirlle á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Así mesmo, poderán levarse a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

3. Unha vez finalizada a fase de instrución, a Vicesecretaria Xeral formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 20. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF do solicitante, data de presentación da solicitude, actuación subvencionable e contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa ou entidade solicitante á que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

Nesta resolución tamén figurará que estas axudas están financiadas con cargo aos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultando de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

3. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de cinco (5) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica non poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O prazo para a interposición do recurso de alzada será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo sen interpoñerse o recurso, a resolución será firme para todos os efectos.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o centro educativo beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveran lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade solicitante da modificación deberá presentar memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 19.3 da presente orde.

6. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedinte non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se comunicase a renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado á subvención ou, se é o caso, ao modificado coa autorización do órgano concedente. Así mesmo, deberá manterse o investimento subvencionado durante un período mínimo de dous anos, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención. A xustificación técnica das actuacións, incluíndo as evidencias documentais ou fotográficas farase mediante a ferramenta informática que se brinde desde a Administración para tal efecto.

3) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

4) Subministrar ao órgano concedente, despois de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

5) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

6) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade responsable, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

7) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste punto considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

8) Solicitarlle ao órgano concedente autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable supoñerá a non admisión das cantidades desviadas.

9) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, conferencias, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiados con elas, mencionando expresamente a súa procedencia e o financiamento con fondos NextGeneration da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos que se perseguen. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, así como Financiado con cargo aos fondos da UE e do Plan de recuperación e resiliencia. Así mesmo, deberá informarse de que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

10) Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as persoas beneficiarias adquiren igualmente as obrigas que se relacionan a seguir, de conformidade co establecido na normativa comunitaria e nacional aplicable como consecuencia deste financiamento:

– As persoas beneficiarias terán a obriga de achegar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador.

– As persoas beneficiarias deberán establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que desenvolvan terceiros (subcontratacións) contribúen ao logro das actuacións previstas e que os devanditos terceiros acheguen a información que, se é o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores de seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

11) Facilitarán, para efectos de auditoría e control e para dispoñer de datos comparables sobre o uso dos fondos e en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos recollidas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

12) As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas en materia de información, comunicación e publicidade previstas no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241, relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, sobre o financiamento da Unión Europea das medidas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, de xeito que os perceptores de fondos da Unión farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

Teranse en conta as normas gráficas do emblema da Unión e as cores normalizadas establecidas no anexo II do Regulamento de execución 821/2014. Pódese consultar a seguinte páxina web: http://publications.europa.eu/code/es/es-5000100.htm e realizar descargas en: http://europa.eu/about-eu/basic-information/symbols/flag/index_es.htm. Todos os carteis informativos e placas deberán colocarse nun lugar ben visible e de acceso ao público.

13) As persoas beneficiarias, de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, deberán gardar a rastrexabilidade de cada un dos investimentos e actuacións realizadas, así como a correspondente documentación acreditativa destes durante cinco (5) anos contados desde o último pagamento. Este período será de tres (3) anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros. Someteranse ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e no Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046. En particular, deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo e, cando cumpra, a Fiscalía Europea para exerceren os dereitos que lles recoñece o artigo 129, número 1, do referido Regulamento financeiro.

14) As medidas financiadas mediante os fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia deberán respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.

15) As persoas beneficiarias deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

16) As persoas beneficiarias serán responsables da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.

17) Asumir calquera outra obriga comunitaria ou nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

18) Se a persoa beneficiaria está dentro do ámbito de aplicación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, deberá ter cumprido os prazos de pagamento previstos na lei.

Para acreditar a dita circunstancia poderá achegarse a conta de perdas e ganancias abreviada e, no caso de que non poida presentar a dita conta de conformidade coa normativa contable, a acreditación farase por medio de certificación de auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que atenderá ao prazo efectivo de pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.

Artigo 26. Subcontratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. En todo caso, haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as persoas beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación da obra e/ou equipamento, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 27. Xustificación e pagamento

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 1 de novembro de 2023.

2. Para cobrar a subvención concedida, as persoas beneficiarias deberán presentar de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) a solicitude de cobramento debidamente asinada, de acordo co modelo contido no anexo IV, así como a seguinte documentación, de acordo co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que a desenvolve:

– Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

– Reportaxe fotográfica das aulas amosando a situación antes e despois da actuación.

– Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que contará:

a) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento.

b) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

– Así mesmo, deberá remitirse o detalle da documentación e soportes publicitarios en que consten as obrigas de publicidade establecidas na presente orde.

– Documentación de ter realizado a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, tal como reflicte o artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

– Declaración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (DNSH) (anexo II).

– Anexo V de declaracións.

3. En todo caso, só terán a consideración de gastos subvencionables os que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 7 destas bases reguladoras, se teñan realizado e pagado entre o 1 de xaneiro e o 1 de novembro de 2023.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Consellería na resolución de concesión da subvención, ou coas modificacións autorizadas, e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

5. Se as entidades beneficiarias xustifican conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable entenderase que non se acadaron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderase o dereito de cobramento da subvención, agás que pola natureza da actuación se acredite e se comprobe que nesta non se incumpren os ditos obxectivos. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpran o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral Técnica, antes de proceder ao seu pagamento, realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

7. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 28. Incumprimento, reintegros e sancións

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 25 e, concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 29. Fiscalización e control

1. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres (3) anos desde a resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade responsable dos fondos de recuperación e resiliencia e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 30. Medidas antifraude

A detección de feitos que poidan ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria serán comunicados ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para ao efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Así mesmo, a Xunta de Galicia ten á disposición da cidadanía unha canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude a través do Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=es_ES

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, tal como se establece no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O 18 de febreiro de 2022 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade (actual Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades) aprobou o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Consellería, no marco do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 10 de decembro de 2021, enmarcado dentro da infraestrutura ética configurada no Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión 2021-2024 e nos principios xerais de funcionamento establecidos na normativa autonómica, o cal é de aplicación a esta subvención e está dispoñible no Portal de Transparencia e Goberno Aberto, https://transparencia.xunta.gal/integridade-institucional

Artigo 31. Publicidade

No prazo máximo de tres (3) meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o programa e o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, de 13 de xuño.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 32. Análise sistemática do risco de conflito de intereses

O presente procedemento de concesión de subvencións está suxeito á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano de concesión da subvención poderá requirir aos solicitantes da axuda a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano de concesión da subvención no prazo de cinco (5) días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través de Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, indicando, en lugar do solicitante da axuda, os titulares reais recuperados polo órgano de concesión da subvención.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarios para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file