Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2023 Páx. 34930

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Gato, sito nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2017/004).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Gato.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Gato, sito nos concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., cunha potencia de 25,2 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 154.162,55 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 18.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental no seu punto 4.1.2, o promotor deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, asemade, de acordo co recollido no punto 4.1.4, deberá presentarse, ante todos os órganos consultados que non informaron da alternativa definitiva, un documento onde presente a nova configuración do proxecto e deberase contar con informe favorable destes.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

11. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

12. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 26.10.2017, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Gato, sito nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (A Coruña).

2. O 8.3.2018, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, a Lei 8/2009). O 16.3.2018, a promotora achegou o xustificante do pagamentoo das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

3. O 27.9.2019, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico. O 15.1.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial, consistente no desprazamento do aeroxerador A01 e da subestación.

4. O 21.2.2020, o promotor solicitou unha segunda modificación substancial do proxecto do parque eólico. O 19.6.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial, consistente na modificación da subestación.

5. O 1.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (anterior redacción da Lei), onde se indica que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

6. O 6.11.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Gato á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, da Coruña (en diante, xefatura territorial), para a continuación da tramitación.

7. Mediante Acordo do 1 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Gato, nos concellos de Oza-Cesuras e Aranga.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.2.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 26.2.2021. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Aranga e Oza-Cesuras), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Aranga, Concello de Oza-Cesuras, Augas de Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia emitiu informe o 9.4.2021, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe o 5.3.2021 e o 7.4.2021, Retegal emitiu informe o 26.3.2021 e Retevisión-Cellnex emitiu informe o 20.4.2021.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Os concellos de Aranga e Oza-Cesuras emitiron informes o 15.3.2021 e o 3.3.2021, respectivamente, en que, ademais de fixar o condicionado técnico e formular cuestións de carácter ambiental e urbanística e outras varias, estas cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver). En relación co condicionado técnico o promotor deu resposta ao resto de cuestións ou reparos formuladas polo concello.

No caso dos organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

9. O 11.11.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

10. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Oza-Cesuras e Concello de Aranga.

Cuberta a tramitación ambiental, o 18.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 5.12.2022 (DOG nº 231, do 5.12.2022), da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Gato, nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras.

11. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

12. O 15.2.2023, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo segundo, denominado Proyecto de ejecución del parque eólico Gato, en los términos municipales de Aranga, Coirós y Oza-Cesuras (A Coruña), asinado dixitalmente o 15.2.2023 por María Moreno Martínez, enxeñeira de Minas colexiada 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste.

13. O 8.3.2023 e o 21.3.2023 remítese a documentación refundida presentada polo promotor á xefatura territorial.

14. O 5.4.2023, a xefatura territorial remite informe do 31.3.2023 relativo ao artigo 33.16 da Lei 8/2009 no que fai constar unha serie de consideracións. O 11.4.2023 dáse traslado deste informe ao promotor.

15. O 11.4.2023, o promotor presenta separata para o Concello de Coirós e con esta mesma data dáse traslado dela ao Concello de Coirós.

16. O 20.4.2023, o Concello de Coirós presenta informe da separata recollida no antecedente de feito anterior. Con esta mesma data se remítese ao promotor.

17. O 20.4.2023, o promotor presenta por rexistro escrito onde remite informe do 20.4.2023 da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Asemade, o promotor achega a súa conformidade cos condicionados do Concello de Coirós e co informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

18. O 21.4.2023 dáse traslado á xefatura territorial da documentación recollida nos antecedentes de feito décimo sexto e décimo séptimo, aos efectos de que emitan o informe no recollido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

19. O 24.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe segundo o artigo 33.16 da Lei 8/2009, sobre o proxecto refundido do parque eólico.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso (12.6.2018) e conexión (4.7.2019) á rede para unha potencia de 25,2 MW, segundo o informe do xestor da rede do 25.2.2021.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais