Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35098

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR804A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e as desigualdades, precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e a equidade, en prol da configuración dunha cidadanía global. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos estatais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, aprobados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas o 25 de setembro de 2015, seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda. Coa aprobación polo Parlamento de Galicia das sucesivas leis reguladoras da cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade, así como a conformación dunha cidadanía global, fomentando a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos, as causas da pobreza, potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia, xustiza e igualdade, para a construción dunha cidadanía global, crítica, activa ante as inxustizas e participativa para a construción dun mundo mellor.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras do ano 2023 para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento de Galicia.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, de acordo con estas bases reguladoras, que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

No artigo 47 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, establécese que lle corresponden á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior as funcións relativas ás competencias de impulso da acción de cooperación ao desenvolvemento.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo I desta orde para a concesión de subvencións de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR804A).

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2023 e 2024, de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, por un importe total de 600.000,00 euros (240.000,00 euros no ano 2023 e 360.000,00 euros no ano 2024), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.331A.481.0.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.5 da Orde do 14 de xullo de 2022 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

Axudas a ONGD para proxectos de educación para o desenvolvemento
e a cidadanía global

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento administrativo PR804A):

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ben con achegas propias.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e os proxectos

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:

3.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e/ou agrupadas:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración e as universidades quedan exentas de cumprir este requisito.

b) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia, para as anualidades de 2021 e anteriores, doutros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.2. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2023, sendo necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2023. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios) sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para proporcionar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur e/ou a participación en redes.

c) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8, gastos do proxecto, desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

d) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado; ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico coma o económico) adaptados á presente convocatoria.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

4.1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4.2. As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais, ben en agrupación con outras entidades.

Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento ou entidade dependente.

Artigo 5. Documentación complementaria

5.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto (de formulación técnica e do orzamento do proxecto) e que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/. A documentación das carpetas 1 e 2 presentarase obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante que, en caso de agrupación de entidades, se deberá xuntar de cada unha das agrupadas.

a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades, no caso das agrupacións de entidades.

b) Memoria da organización en Galicia en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención aos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como aos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos en que se enmarca o proxecto presentado ou, de ser o caso, o Plan continuo de mellora da entidade.

d) A/as entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberán xuntar unha declaración de que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e coas obrigas de reintegro de subvencións e de non estaren incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.

e) No caso de agrupación de entidades, deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que exerzan a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que exerza a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes datos:

• Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias que executará cada unha delas en cada anualidade.

• Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado do proxecto e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos do proxecto.

A agrupación non poderá disolverse, con respecto ás responsabilidades adquiridas da axuda concedida polo proxecto subvencionado pola presente convocatoria, ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dende a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.

f) No caso de agrupación de entidades en que participen as universidades, estas incluirán unha certificación, expedida pola persoa que exerza a representación legal, segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, es que se autorice a participación no proxecto, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

g) No caso de agrupación de entidades en que participen os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro, achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación. O devandito documento estará asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade.

Carpeta 2: información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.

A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados, que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/:

– Formulario de presentación do proxecto no documento normalizado.

– Orzamento do proxecto no documento normalizado.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

5.2. A falta de documentación e/o información en algunha das carpetas 1 e 2 impedirá a avaliación do proxecto se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. Quedarán excluídos de emenda os documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 2 non incorporados coa solicitude inicial.

5.3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5.4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5.5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

5.6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/das entidade/s agrupada/s, de ser o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

 NIF da entidade solicitante e agrupada, de ser o caso.

 DNI ou NIE da persoa representante.

 Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións

 Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

 Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.

 Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

 Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

 Concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Non obstante do anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7 i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar atoparse ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, se é o caso.

Artigo 7. Condicións de financiamento

7.1. Con cargo a esta convocatoria a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto; en ningún caso superará a subvención concedida os 35.000,00 euros. Para proxectos que se executen só durante o ano 2023 a subvención máxima concedida será de 25.000,00 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 45.000,00 euros. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2023 a subvención máxima concedida será de 35.000,00 euros.

7.2. A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2023 e o 60 % no ano 2024. No caso de que na solicitude de subvención a entidade solicitante non respecte esta porcentaxe, axustaraa de oficio a Administración concedente, o que se comunicará coa resolución de concesión, e entenderase a súa conformidade coa aceptación posterior da subvención da entidade beneficiaria. Esta distribución non será obrigada no caso da última subvención concedida, a cal poderá acadar unhas porcentaxes diferentes en función do crédito que estea dispoñible para cada anualidade.

7.3. A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou outros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no V Plan director da Cooperación Galega. Aceptarase financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, sempre que en ningún caso a totalidade do proxecto quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser valorizados na súa totalidade.

7.4. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 8. Gastos do proxecto

8.1. Gastos subvencionables: todos os gastos do proxecto deberán cumprir as condicións establecidas no presente artigo, con independencia de quen os financie e consideraranse subvencionables tanto os custos directos coma os indirectos, agás no suposto de que as entidades solicitantes posúan ánimo de lucro, caso en que se subvencionarán exclusivamente os custos directos.

a) Aqueles derivados da identificación da intervención, ata un máximo de 3.000,00 euros por proxecto, sempre que se realicen 3 meses antes da data de presentación da solicitude a esta convocatoria, e aqueles gastos derivados do establecemento de liñas de base, ata un máximo de 4.000,00 euros.

Para que poidan imputarse á subvención solicitada, tanto a identificación como a liña de base do proxecto deberán contar coa participación de persoal externo ás organizacións beneficiarias, non podendo ser de carácter interno exclusivamente; neste caso deberán ser financiados coas achegas doutros financiadores.

b) Gastos de alugamento de locais para realizar as actividades incluídas dentro do proxecto (non inclúe aqueles correspondentes á sede da propia organización con cargo á subvención da Xunta de Galicia).

c) Axudas de custo, gastos de desprazamento e seguros de viaxe do profesorado, do persoal adscrito ao proxecto (remunerado e voluntario) e do colectivo destinatario ou participante do proxecto e, cando resulte imprescindible, as remuneracións de profesionais vinculados ás actividades do proxecto: profesorado, conferenciantes, monitores/as, investigadores/as...

O importe máximo a imputar á subvención solicitada á Xunta de Galicia será de 0,19 euros por km, de 35,00 euros por axuda de custo completa por manutención e de 18,00 euros para media axuda de custo. No caso de que a organización teña recoñecidos importes superiores, a diferenza deberá ser asumida pola propia organización.

d) Asistencia a seminarios, xornadas e/ou obradoiros de formación técnica do persoal, socios/as, voluntariado, xunta directiva da entidade en Galicia, organizados por terceiros. Inclúense matrículas, gastos de viaxe e axudas de custo das persoas asistentes.

e) Gastos propios da actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, incluíndo a elaboración e o traslado de material vinculado á actividade, así como os gastos de publicidade, e de calquera outro servizo de diagnóstico, sistematización, edición de vídeos ou outros necesarios para a súa realización (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).

f) Gastos de persoal ao servizo do proxecto, debidamente motivados. Poderán incluír salarios, liquidacións proporcionais ao período imputado ao proxecto, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención. Queda excluído o persoal da entidade non vinculado á actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. O persoal vinculado ao proxecto debe ter o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta e máis o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70 % do orzamento total do proxecto, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos.

g) Gastos vinculados ao deseño e elaboración por profesionais externos de plans vinculados coa educación para o desenvolvemento nas súas dimensións de sensibilización, formación, investigación para o desenvolvemento e mobilización social, como de plans de comunicación para o desenvolvemento, entre outros.

h) Comisións bancarias producidas na conta do proxecto, derivadas da realización de transferencias como pagamento dos gastos do proxecto.

i) Gastos derivados da avaliación externa da intervención, ata un máximo de 4.000,00 euros. A avaliación externa será obrigatoria no caso dos proxectos que reciban unha subvención igual ou superior a 20.000,00 euros, e naqueles que se desenvolven por fases, a partir da súa segunda fase. A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto.

j) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante relacionados co proxecto e asociados á administración, xestión e/ou supervisión, que non poderán exceder o 10 % do orzamento total do proxecto. Non serán subvencionables no caso de que a entidade sexa unha empresa ou entidade con fin de lucro. O persoal imputado nesta partida computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.

Estes gastos serán imputados pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Os gastos correspondentes a teléfono e internet consideraranse incluídos nesta epígrafe.

k) En ningún caso se subvencionarán gastos de capital, como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles, nin gastos en atencións protocolarias (agasallos, xantares, festas, recepcións...), nin gastos derivados de procedementos xudiciais, nin as indemnizacións por despedimento do persoal.

l) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000,00 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8.2. A entidade solicitante e outros financiadores (exceptuada a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE) aceptarán achegas en especie ou valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Aquelas derivadas da realización da identificación, liña de base do proxecto, sempre que se respecten os prazos e importes establecidos para a súa realización no artigo 8.1, letra a), das presentes bases.

b) Locais para a realización de actividades xustificadas dentro do proxecto (poderanse incluír aqueles correspondentes á propia sede da organización, na proporción que razoablemente corresponda ao desenvolvemento da actividade).

c) Materiais funxibles: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados (material funxible que sexa destinado ao exercicio da actividade). Deberase presentar a valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante. A valorización do material non poderá exceder o 2 % do orzamento do proxecto.

Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores a el. Nestes casos deberase establecer un sistema de depreciación (exclúense materiais inventariables, non subvencionables nesta convocatoria).

d) Poderá valorizarse tamén a elaboración de diagnósticos e sistematizacións. A valorización de traballos de diagnóstico e sistematización incorporarase na partida de gastos propios da actividade, tendo en conta o custo do servizo total e non as horas de traballo do persoal voluntario encargado.

e) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan e o custo suposto, que non deberá exceder os 20,00 euros por hora. Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, en que se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/da voluntario/a no proxecto. No contrato deben constar o nome, os apelidos e o DNI da persoa voluntaria. A valorización do traballo das persoas voluntarias da organización imputarase na partida de persoal.

Artigo 9. Criterios de valoración dos proxectos

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

9.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 25 puntos.

1. Experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto da entidade en accións de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global en Galicia, suficientemente descrita nas carpetas 1 e 2, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución e seguimento do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade) para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e/ou de mellora da entidade en Galicia para os vindeiros anos axeitadamente deseñada, en que se insire o proxecto proposto e que inclúa a complementariedade coas prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 4 puntos.

4. Achega financeira da entidade solicitante ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % do custo total do proxecto para ser puntuada e non se valorarán as achegas en especie ou valorizados. Máximo: 2 puntos.

5. Contribución da entidade solicitante e establecemento de accións específicas para o fomento do sector galego de cooperación (valoraranse a base social, o traballo e a presenza en Galicia, a participación activa en redes galegas e o acomodo a liñas estratéxicas da cooperación das axencias doadoras). Máximo: 4 puntos.

6. Proposta presentada en agrupación de entidades. Terase en conta o valor engadido da agrupación ao proxecto, así como a repartición coherente e xustificada da participación de cada unha das entidades agrupadas. Máximo: 3 puntos.

7. Outros méritos que a entidade solicitante queira alegar relacionados coa súa integración en proxectos, campañas ou movementos globais, a súa experiencia de traballo en rede, a súa coordinación con outras institucións, entidades, organizacións da sociedade civil e colectivos sociais a nivel local dos territorios en que traballa. Máximo: 2 puntos.

9.2. Aspectos relacionados co proxecto: ata 75 puntos.

1. Pertinencia do proxecto, con especial atención ao contexto social, económico, político e cultural, en función do/dos lugar/es de realización, do público obxectivo participante e dos resultados que se pretende conseguir. Valorarase especificamente a existencia dun proceso de identificación, ou diagnóstico participativo, e tamén dun proceso de avaliación anterior, que apoien a proposta. Valorarase, ademais, a definición expresa de estratexias alternativas de execución para o caso de producirse situacións ou fenómenos excepcionais que limiten ou dificulten o cumprimento parcial ou total dos obxectivos específicos, resultados e actividades previstas, tales como restricións de mobilidade e contacto social derivadas da pandemia. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados formulados no proxecto, así como a calidade do deseño dos indicadores e das fontes de verificación para o seu seguimento e medición. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal, tendo en conta o/os colectivo/s a que vai dirixido e os resultados e produtos que se queren obter, especialmente no actual contexto. Valorarase o establecemento de propostas alternativas no caso de producirse situacións ou fenómenos excepcionais que limiten ou dificulten o cumprimento parcial ou total dos obxectivos específicos, resultados e actividades previstas, tales como restricións de mobilidade e contacto social derivadas da pandemia. Máximo: 4 puntos.

4. Contido da acción, enfoque pedagóxico e metodolóxico, segundo os criterios seguintes. Máximo: 25 puntos:

a) Proxectos que fomenten a xeración dunha cidadanía activa, concienciada e crítica que participa para a transformación social positiva a nivel local e global, a través do emprego de metodoloxías transformadoras dende a perspectiva da ética e da gobernanza global, asociadas a procesos de cambio persoal, que permitan a construción de identidades cosmopolitas que recoñezan a interdependencia e a común pertenza á humanidade. Máximo: 3 puntos.

b) Accións educativas de formación e reflexión crítica que desenvolvan ferramentas prácticas, capacidades cognitivas e concienciadoras, e aprendizaxes significativas que permitan entender o modelo cultural en que vivimos e imaxinar outros alternativos máis xustos para construír colectivamente. Máximo: 3 puntos.

c) Iniciativas con posibilidades de xerar efectos multiplicadores por incorporar a diversidade e riqueza dos distintos espazos educativos existentes (formais, non formais e informais) e/ou por traballar con colectivos cunha alta capacidade de multiplicación e réplica como profesorado, futuros/as docentes, educadores/as de tempo libre e animación sociocultural, profesionais de medios de comunicación, colectivos feministas e/ou de mulleres, así como calquera colectivo que traballe a prol das prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 2 puntos.

d) Proxectos que acheguen outras realidades, fomenten a empatía intercultural, o respecto á diversidade cultural ou o intercambio de experiencias e capacidades como medio para o aumento do compromiso persoal e institucional coa transformación social e o desenvolvemento sustentable. Máximo 3: puntos.

e) Actuacións que versen sobre a loita contra as causas da pobreza, as desigualdades e a exclusión social, así como as posibilidades reais de superación destas a partir do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e dos sectores máis vulnerables da poboación. Máximo: 2 puntos.

f) Accións destinadas á difusión dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) e á difusión, promoción e defensa dos dereitos humanos. Máximo: 3 puntos.

g) Accións que promovan a equidade de xénero, a sustentabilidade ambiental e o respecto á diversidade cultural e a cultura de paz. Máximo: 2 puntos.

h) Accións que promovan o comercio xusto, o consumo responsable, a economía solidaria. Máximo: 2 puntos.

i) Accións que inclúan a educación en valores dende unha perspectiva socioafectiva, e dos coidados, tendo en conta o importante papel das emocións como enerxías xeradoras de cambio, que proporcionen ferramentas na resolución de conflitos e na xestión das emocións. Máximo: 2 puntos.

j) Intervencións integradas en estratexias ou proxectos dos axentes con marcos de planificación a medio prazo ou que dean continuidade a intervencións previas, superando o carácter puntual e illado das actuacións; cómpre unha descrición precisa do proceso máis amplo que se está apoiando coa iniciativa. Máximo: 3 puntos.

5. Incidencia e impacto previsto das actividades: descrición precisa da poboación destinataria, cuantificación e desagregación, por sexo e idade, das persoas participantes, especificación da forma en que participa no proxecto e da súa pertenza a colectivos con posibilidade de multiplicación e réplica e/ou a colectivos tradicionalmente esquecidos neste tipo de intervencións (ANPAS, alumnado de formación profesional e/o de adultos, colexios profesionais, colectivos sociais…). Valorarase o establecemento de mecanismos de réplica. Máximo: 4 puntos.

6. Ámbito de incidencia e/ou execución en concellos de menos de 50.000 habitantes e/ou concellos de zonas de montaña ou situados en zonas desfavorecidas (de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola). Máximo: 3 puntos.

7. Financiamento: coherencia dos gastos orzados cos obxectivos do proxecto. División dos custos por actividade. Máximo: 4 puntos.

8. Recursos humanos (asalariado e voluntario) e técnicos adecuados ás necesidades de execución e seguimento dos obxectivos do proxecto e persoal específico con formación en xénero, en dereitos humanos, en educación para o desenvolvemento e noutras prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 3 puntos.

9. No caso de contratación de servizos externos, valorarase a xustificación da súa necesidade, a definición e concreción dos criterios que se empregarán para a súa selección, así como a achega de propostas de servizo concretas. Máximo: 3 puntos.

10. Establecemento dunha liña de base que permita coñecer o punto de partida inicial e os avances producidos co proxecto, así como o contexto en que se vai desenvolver a acción. Máximo: 3 puntos.

11. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 4 puntos.

12. Grao e tipo de impacto esperado coa intervención e ferramentas establecidas para medilo. Máximo: 3 puntos.

13. Integración no proxecto do traballo en rede e a complementariedade con outros axentes, para unha actuación coordinada e complementaria en educación para o desenvolvemento ou para coordinar e compartir estratexias de fortalecemento. Terase en especial consideración o traballo coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para aqueles proxectos que se desenvolvan no ámbito da educación formal, así como para aqueles que xeren vínculos coa comunidade universitaria. Máximo: 3 puntos.

14. Orixinalidade, innovación e valor engadido da intervención. Máximo: 3 puntos.

15. Accións que inclúan a difusión de proxectos en execución ou executados con axudas da Xunta de Galicia, ou a realización de investigacións e sistematizacións aplicadas a eles. Máximo: 3 puntos.

Artigo 10. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requirirase as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Valoración das solicitudes

13.1. Para a valoración dos proxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigos 25 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. A Comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous/dúas funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A Comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Estes informes, que en ningún caso serán vinculantes, de se encargaren, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

13.2. Para superar a fase de valoración será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % (12,5 puntos) nos criterios establecidos no número 9.1 da presente orde e do 50 % (37,5 puntos) naqueles establecidos no número 9.2.

No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación obtida na valoración do proxecto.

b) A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

13.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará eses recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no Plan director da Cooperación Galega e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 14. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de catro meses como máximo, contados dende o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes entenderanse por desestimadas.

Artigo 15. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes resolverá o procedemento.

Artigo 16. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 17. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, e por vía electrónica, declaración de aceptación en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberá confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

Así mesmo, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou presentar unha readaptación á subvención concedida sempre que tecnicamente sexa posible e non altere a finalidade, o obxecto e as condicións da dita subvención. Esta solicitude de readaptación será sometida a unha nova análise para os efectos de comprobar que non afecta a orde de prelación dos proxectos subvencionados. Tras as comprobacións pertinentes ditará, de novo, unha resolución o mesmo órgano que ditou a resolución inicial, a cal lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, quedasen sen financiamento ou este non acadara a totalidade da subvención solicitada.

Artigo 18. Anticipos

18.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía. Será obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade e o informe técnico final na segunda anualidade nos termos establecidos no artigo seguinte. Cada unha das anualidades da subvención débese xustificar con gastos executados e pagados dentro da respectiva anualidade.

18.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo IV desta orde asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

No caso de subvencións outorgadas a entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar o anexo III actualizado ou os documentos que acrediten tales circunstancias.

18.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade, e unha vez xustificada a primeira anualidade de acordo coas previsións do artigo 19.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo IV de solicitude do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

No caso de subvencións outorgadas a/as entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar o anexo III actualizado ou os documentos que acrediten esas circunstancias.

Artigo 19. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

19.1. Con base no que establece a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a lexislación vixente reguladora da cooperación para o desenvolvemento e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos números seguintes.

19.2. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e con data límite do 31 de marzo de 2024.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente e conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo e a segunda anualidade coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo e nos prazos indicados nos números 1 e 2 do punto 5.

19.3. Para a presentación dos informes técnicos de seguimento e final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/

19.4. Para a xustificación da primeira anualidade a entidade beneficiaria deberá presentar a xustificación no modelo que figura como anexo V, acompañado dos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que exerza a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa representante legal da entidade.

b) Informe técnico de seguimento sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto na primeira anualidade, por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

d) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

f) Para os proxectos cuxa subvención sexa igual ou superior a 30.000,00 euros, deberán presentar os xustificantes dos gastos correspondentes a esta anualidade, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, e incorporados na relación de gastos a que se fai referencia anteriormente e a documentación acreditativa do seu pagamento.

g) Documento da liña base, de ser o caso.

19.5. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar tanto a xustificación técnica como a económica nos prazos e coa documentación que se sinala a seguir:

19.5.1. Xustificación técnica. A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar, antes do 30 de decembro de 2024, o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo VI, acompañado dos seguintes documentos:

– Certificación da persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

– Informe técnico final de execución asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnica económica do proxecto en Galicia sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto, que indicará, co máximo detalle, os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e a xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

Esta xustificación permitirá constatar e verificar o cumprimento dos requisitos técnicos fixados da presente orde de bases, e entenderase suficiente para os efectos do establecido no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

19.5.2. Xustificación económica e de resultados: comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e a de avaliación externa de resultados, de ser o caso, tanto aquela obrigatoria ao final da intervención no caso dos proxectos de subvencións superiores a 20.000,00 euros, ou por fases, como outras non obrigatorias, pero que se inclúan no documento de formulación que se achega coa solicitude de subvención e o documento da liña base, no caso de non telo presentado na xustificación intermedia. A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar toda esta documentación antes do 31 de marzo de 2025, xunto co escrito de presentación da xustificación, no modelo que figura como anexo VII.

A xustificación económica realizarase mediante a conta xustificativa das actividades realizadas, polo seu custo total e desagregado, e irá acompañada de toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida.

A conta xustificativa poderá ser, ben mediante a forma de xustificación simplificada, no caso de proxectos cuxo importe de subvención sexa inferior a 30.000,00 euros, ou ben con entrega de xustificantes, no caso de proxectos cuxo importe de subvención sexa igual ou superior a 30.000,00 euros. Estas contas incluirán:

– Certificación dos gastos co importe total do proxecto distribuídos por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

– Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.

– Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en euros.

– Para os proxectos cuxa subvención sexa inferior a 30.000,00 euros, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, requirirá ás entidades beneficiarias a achega dos xustificantes de gastos directos que considere oportunos, que suporán polo menos o 25 % da cantidade subvencionada.

– Para os proxectos cuxa subvención sexa igual o superior a 30.000,00 euros, deberán presentar os xustificantes dos gastos correspondentes á segunda anualidade, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación de gastos da anualidade correspondente e a documentación acreditativa do seu pagamento.

– Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000,00 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá presentar as tres ofertas solicitadas conforme o disposto no artigo 8.1.l) destas bases.

19.6. No caso de proxectos executados por una agrupación de entidades en que participen as universidades e conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación económica da parte executada directamente pola universidade consistirá nunha certificación de gastos asinada dixitalmente pola Intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

19.7. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto e de pagamento durante un período de 4 anos, desde a presentación da xustificación final do proxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. No orixinal da factura ou do documento xustificativo do gasto é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, número de expediente, así como a referencia «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia», indicando, ademais, o tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada unha das entidades financeiras do proxecto. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia como consecuencia do seu tamaño, achegarase cunha relación deles en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Os pagamentos acreditaranse coa presentación do comprobante bancario, de acordo co previsto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, con carácter excepcional, pagamentos en efectivo por importes inferiores a 1.000,00 euros, conforme establece o artigo 42.3 do devandito Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para gastos superiores a 1.000,00 euros non poderán aceptarse pagamentos en efectivo.

Todos os comprobantes de gasto e pagamento deberán referirse expresamente a actividades comprendidas no período de execución, é dicir, a actividades realizadas entre a data de inicio e a de remate do prazo de execución dos proxectos, coa excepción dos gastos de identificación, que poderán realizarse no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude a esta convocatoria, e os gastos da avaliación externa, que poderán realizarse fóra do prazo de execución do proxecto.

No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria, consonte o establecido no artigo 23 destas bases.

Artigo 20. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

20.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, axustándose ao custo concedido para cada anualidade. Para estes efectos, considéranse vinculantes o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación de terse efectuado.

As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a xustificar a totalidade dos gastos do proxecto, non só a parte correspondente á axuda recibida.

20.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

20.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Asemade, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

20.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/

20.5. Os documentos e o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiadora, deberan incluír o seguinte parágrafo, traducido ás linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de <Nome entidade> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».

20.6. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e pola propia Unión Europea.

20.7. A xestión dos proxectos poderá ser examinada, durante a súa execución ou unha vez finalizada, por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 21. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, resultados, persoas beneficiarias, lugar e prazo de execución e xustificación. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas mediante escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172 de titularidade da Xunta de Galicia, na entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Reintegro por incumprimento

23.1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

23.2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) O incumprimento total das obrigas e os fins para os que se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación dará lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.

b) A cantidade que se ten que reintegrar no caso de incumprimento parcial na execución das acciones ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención e sempre que o cumprimento pola entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e esta acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida.

Artigo 24. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto for expreso. Se este non o for (acto presunto), o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 27. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases serán de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e a lexislación vixente reguladora da cooperación para o desenvolvemento.

Artigo 28. Información ás persoas interesadas.

28.1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

28.2. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberánselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023. Diego Calvo Pouso, vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file